Berdoias, terra de megalitos, petróglifos e fidalgos.


A Rula voa de novo cara novos horizontes detrás de antigos misterios que noutrora ilustres viaxeiros deixaron pendentes.

Os membros deste pequeno Colectivo sentimos especial devoción por aqueles recunchos do país nos que agroman antigos lugares que forman parte intrínseca da nosa historia aínda que ás veces non nos decatemos con facilidade, e, cómpre por tanto, prestarlle a nosa atención.

Así é que foi un todo un desafío o convite do Concello de Vimianzo para colaborar na organización dunha xeira nocturna pola parroquia de Berdoias que terá lugar o vindeiro día 4 de agosto.

Estades todos convidados!

 Berdoias, na terra de Soneira

San Pedro de Berdoias, no suroeste da Terra de Soneira, conserva unha boa mostra da antiga arquitectura tradicional que nos últimos tempos foi esmorecendo case que por completo na Costa da Morte, antigas edificacións produto do seu singular pasado histórico e berce dunha das familias fidalgas máis importantes da Costa da Morte, os Lema.

Primitiva casa da familia Lema en Berdoias. 1607. Fotografía. Manuel Rial

Á súa orixe remóntase ós tempos nos que o rei Filipe II, a finais do século XVI, lles concede o título de fidalguía ós irmáns Pedro e Alonso de Lema en recompensa polos servizos prestados na guerra das Alpujarras fronte os mouriscos de Granada. Fidalgos protexidos pola coroa que serían membros importantes do Santo Oficio da Inquisición (fundado polos Reis Católicos).

Foi, precisamente, Alonso de Lema, descendente do primeiro Alonso de Lema, o que levanta a primitiva casa de Berdoias no ano 1607, segundo recolle a inscrición do lintel da porta de entrada principal do inmoble:

“ESTA CASA ISO AL(ONS)º DE LEMA FA/MILIAR DEL S(ANTO) OFI(ICIO)º. AÑO DE 1607”.

Completa a inscrición os gravados dunha espada e unha palma, emblemas do “Santo Oficio de la Inquisición” presentes en moitos dos brasóns de edificios desta antiga institución distribuídos por toda a península. O referido Alonso de Lema figura como “comisario” da Inquisición no informe do proceso ás seis “meigas de Carantoña” (Vimianzo) que se custodia no Arquivo Histórico Nacional. Este comisario xogou un papel fundamental na liberación das presuntas bruxas, lideradas por Beatriz Fernández, e que procesara e torturara previamente o xuíz de Laxe ata lograr a súa confesión.

Detalle da inscripción

Segundo as crónicas foi este Alonso de Lema, home sensato e de importante peso político, o que sufragou tamén a construción da igrexa parroquial de Berdoias, no centro da parroquia e no lugar no que seu pai mandara facer a capela da Nosa Señora da O, trasladada ó lugar de Grixoa. Así o testemuña unha inscrición no exterior do muro sur da capela maior e o seu propio anagrama gravado nunha das claves da fermosa bóveda estrelada do seu interior.

A Arquiña dos Mouros

Estudos previos

Berdoias é tamén foco de atención para os estudosos do Megalitismo dende a primeira metade do século XX. A chamada Casota de Freáns ou “Arquiña dos Mouros” foi unha das antas estudadas polo matrimonio alemán dos Leisner durante a súa estadía galega na década de 1930, feito que lle outorgaría sona internacional. Os seus deseños e fotografías amosan que o dolmen non sufriu graves alteracións e modificacións nos últimos oitenta anos.

Casota de Freáns na decada de 1930. Fotografía G. Leisner

Posteriormente, A Casota, foi estudada por moitos outros autores como Luis Monteagudo, quen no ano 1948 documentaba con planos e deseños o dolmen e os seus gravados (que xa documentaran previamente os Leisner). Precisamente L. Monteagudo (1948), e posteriormente o arqueólogo Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza (1953), foron os primeiros autores en tentar plasmar en mapas e planos a situación das antas da Costa da Morte coñecidas a principios da década de 1950.

Deseño dos Leisner da Casota de Freáns. ca. 1930

Nestas últimas décadas cómpre salientar os traballos do profesor A. Rodríguez Casal que dirixiu o proxecto de “conservación e revalorización sociocultural do Patrimonio Megalítico da Costa da Morte (2001-2004)”. Un traballo que serviu de base o anunciado “Parque Megalítico da Costa da Morte” prometido pola Xunta de Galicia hai máis de 15 anos, e que aínda hoxe semella lonxe da súa necesaria execución a pesar da aprobación do consello da Xunta en 2016. O dolmen da Berdoias é un dos seleccionados para formar parte deste gran parque arqueolóxico.

Pormenor do mapa arqueolóxico elaborado por R. Sobrino Lorenzo Ruza no ano 1953. Borrador inicial

Así este monumento figura nos monográficos e guías de carácter turístico que no seu día publicaron asociacións como NERIA e o SEMESCOM (Seminario de Estudos da Costa da Morte), entidades que destacaron na loita pola protección, conservación e posta en valor do patrimonio megalítico nestas terras.

Deseño de L. Monteagudo. 1948

Descrición

As pequenas dimensións da Casota de Freáns, a súa forma e a ausencia de corredor e de estrutura tumular levou ós investigadores a incluílo no grupo de arcas megalíticas antecesoras das cistas da Idade de Bronce cunha datación aproximada entre o 2.500 e 2000 a. C. Neste senso, garda certa semellanza coa chamada “Fornela do Aplazaduiro” no veciño concello de Laxe.

Arquiña dos Mouros ou Casota de Freáns na actualidade

O dolmen atópase ó pé dun camiño tradicional que bordea a ladeira dun pequeno outeiro situado a pouco máis de 800 m da aldea. Posúe unha planta rectangular formada por 3 lousas verticais e unha cuberta monolítica de bo porte que mide 2,40 m x 3,50 m. A entrada oriéntase ó leste e ten unha lonxitude de 2,70 metros, unha altura media de 1,70 m e alcanza uns 10 metros de perímetro. A lousa de cabeceira fica acaroada a un muro lindeiro dunha parcela que se atopa á mesma altura que a cuberta do monumento.

Chama a atención o ben traballados e encaixados que están os diferentes esteos, o que debeu permitir o uso do dolmen como almacén ou refuxio para os pastores e veciños de Berdoias ata os nosos días, como reflicten dous pequenos rebaixes nos esteos laterais que permitían pendurar algún tipo de estante. É probable que este uso continuado ó longo do tempo sexa a causa de que o monumento chegara ós nosos días en bo estado.

Á marxe da súa singular estrutura cómpre destacar os gravados dos tres esteos verticais nas súas caras internas. Coviñas e cruces se distribúen dun modo peculiar o que levou a varios autores a falar de posibles representacións de constelacións, no que cada coviña estaría a representar unha estrela.

Nesta liña o arquitecto Emilio Fonseca Moretón publicou en 2009 un artigo no que trata de probar a presenza de todo un mapa estelar de hai catro mil anos de antigüidade gravado nos esteos da Casota dos Mouros. Deste xeito, e entre outras constelacións, a Osa Maior figuraría representada na parede oeste ou de cabeceira durante o equinoccio de outono.

Non obstante, e aínda que efectivamente na configuración das coviñas poida recoñecerse unha figura semellante ao carro da Osa Maior tornado cara arriba, esta posición correspóndese mais ben co equinoccio de primavera de hai 5000 – 4000 anos. Engadíndolle a isto a discrepancia existente entre o número de coviñas fronte ao de estrelas e considerando a ausencia de paralelismos claramente recoñecibles noutros casos similares, esta hipótese semella polo de agora dubidosa ou dificilmente demostrable.

Coviñas e cruces na lousa da cabeceira do dolmen. Posible representación da constelación da Osa Maior

Na parte exterior da lousa de cubrición, na zona pegada ó muro da leira, existe tamén unha cruz histórica, realizada cunha ferramenta metálica, que semella unha antiga marca de termo. No outro extremo do esteo figuran dúas coviñas.

Os petróglifos de Pedrouzos

Situación e descuberta dos gravados

Malia todo, o foco de atención das nosas visitas (non podía ser doutro xeito) son os chamados petróglifos de Pedrouzos. Trátase de dúas estacións situadas a escasos 50 metros unha da outra, nun outeiro da paraxe de Pedrouzos a pouco máis de 500 metros ó suroeste da aldea. Desde o outeiro tense un amplo domino visual sobre o val situado na súa contorna, cunha extensa pradería cara oeste e unha zona de monte ó leste con recentes plantacións de eucalipto tras a vaga de incendios que afectaron á zona nesta última década (2001, 2008, 2010 e 2015).

Plano de situación dos petróglifos de Pedrouzos na aldea de Berdoias (Vimianzo)

Os primeiros gravados foron localizados o 16 de novembro de 2003 por uns cazadores veciños do zona, segundo recolle unha nova do xornal “La Voz de Galicia” do 25 de xaneiro de 2004.

Só uns días despois o incansable Roberto Mouzo, un dos grandes defensores do patrimonio da comarca, localizou a segunda estación. Este enxeñeiro técnico, membro de numerosos colectivos e asociacións culturais da zona, foi tamén o autor dos primeiros e únicos debuxos do petróglifo -ata o momento- que incluiría no gran mapa do “Roteiro Megalítico pola Terra de Soneira” editado polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte no ano 2005, asociación da que tamén foi un dos seus maiores impulsores.

Fotografía da descoberta en 2003 dos petróglifos dos Pedrouzos. La Voz de Galicia. 27/01/2004

Descrición dos gravados

Debido a forte erosión que presentan moitas das figuras de ambas estacións fíxose preciso a elaboración de múltiples modelos 3d para poder precisar a descrición dos gravados e así tratar de amosarllos correctamente ós asistentes da xeira nocturna do vindeiro día 4 de agosto.

Distribución dos gravados en 4 paneis. Os Pedrouzos 1

O resultado final permitiunos localizar novos gravados que con luz natural era imposible apreciar. Deste xeito agora podémosvos ofrecer unha descrición pormenorizada e completa dos diferentes motivos insculturados.

Distribución dos gravados en 4 paneis. Os Pedrouzos 1

Asemade, a análise baseada nestes modelos e o estudo das súas características formais, técnicas empregadas e deseños dos diferentes motivos prehistóricos veñen a apuntar a unha mesma autoría e cronoloxía en ambas estacións e probablemente tamén no petróglifo do Outeiro de Recosto en Boallo situado a 1.800 m ó NO (preto do linde con Muxía) e co que gardan evidentes semellanzas formais e estilísticas.

A primeira estación localízase nunha ampla laxe granítica de gran fino situada na cima dun Outeiro de 261 metros de altitude. Os gravados distribúense en catro paneis con múltiples deseños de tipo xeométrico que podemos datar no período de transición entre o Calcolítico e a primeira Idade do Bronce, é dicir ca. 2100 – 1.600 a. C.

Pormenor dos gravados do Panel 2. Estación 1 dos Pedrouzos

Empezaremos a descrición dos diferentes paneis seguindo a orientación E-O. O primeiro panel está situado na parte superior da laxe nunha zona plana aínda que con certa inclinación cara o leste. Conserva unha combinación circular formada por tres aneis e coviña central cun radio de saída que parte da coviña central e descende pola rocha ata unha zona degradada pola acción dos canteiros. A dereita da combinación cara o NO hai unha pequena agrupación de 5 coviñas.

Na parte central da rocha, na zona máis chá, figura o segundo panel que contén tres novas combinacións de círculos concéntricos con tres aneis. Conforman unha agrupación sen apenas espazos libres entre os motivos situándose a máis grande encima das outras dúas. O grao de erosión dificulta a súa visualización, sobre todo a de maior tamaño, duns 40 cm de diámetro. Completan o panel varias coviñas illadas e restos doutras posibles combinacións practicamente esvaecidas.

Pormenor dos gravados do Panel 3. Estación 1 dos Pedrouzos

O terceiro panel, na zona máis afundida da rocha e na parte norte da laxe, presenta numerosas coviñas e cazoletas de diferente tamaño distribuídas por toda a súa superficie de xeito aparentemente arbitrario, ficando algunhas delas unidas por sucos moi esvaecidos.

O derradeiro panel sitúase na parte máis elevada e tamén menos uniforme. Por todo o bordo superior da peneda hai unha longa liña de coviñas e cazoletas, na zona lateral cara o oeste figuran máis coviñas, moitas delas rodeadas dun pequeno anel e outras agrupadas dentro dun suco que as rodea.

Tamén existen restos de polo menos dúas combinacións de círculos concéntricos con dous aneis e coviña central. Na parte sur deste último panel existen tres pequenas combinacións, unha delas practicamente imperceptible de dobre anel, otra con tres aneis e coviña central e unha última dun só anel e tamén con coviña no centro. Por último, na zona norte hai unha última combinación circular de dobre anel e cun suco de saída que descende uns 15 cm polo lateral da laxe orientada ó oeste.

Pormenor dos gravados do Panel 4. Estación 1 dos Pedrouzos

En resumo, esta primeira estación conta con cando menos 9 combinacións circulares aínda que existen evidencias dun número moi superior de gravados desta tipoloxía.

A segunda estación atópase nunha laxe do mesmo afloramento granítico pero situada na zona menos elevada. Os gravados figuran case a rentes do chan, e na superficie máis plana da rocha de formas moi irregulares e moi alterada pola acción extractiva dos canteiros. Está a menor altitude (250 m.s.n.m.) ca a primeira estación e preto da actual pista de acceso que bordea a aldea e sirve de acceso ás diferentes parcelas da zona.

Vista xeral da Estación 2 dos Pedrouzos

Os gravados figuran ó longo dun único panel lixeiramente inclinado cara ó sur e orientados cara un outeiro próximo situado ó sur a maior altitude. Estes gravados só son visibles cando nos achegamos a escasos metros deles polo súa cara suroeste, xa que o resto da superficie da peneda oculta o panel insculturado.

Como a primeira estación esta tamén presenta gravados de temática abstracta e carácter xeométrico pero a morfoloxía de sucos (máis ancho e fondo) e a diferente tipoloxía dos motivos representados indícanos que estamos ante un panel gravado en diferentes períodos (debido a procesos de reavivado e/ou a incorporación de novos motivos, se ben a maioría serían de adscrición prehistórica.

Modelo 3D da Estación 2

Seguiremos de novo a orientación E-O para describir as diferentes figuras agrupándoas en tres zonas. Na zona máis oriental do panel localízanse as dúas figuras de maior tamaño, a primeira é unha combinación circular de 3 aneis e coviña central que ten acaroada pola parte superior unha forma rectangular alongada moi erosionada e dividida en dúas seccións e unida á combinación por dous pequenos trazos. Na parte inferior da combinación tamén ten unido un círculo simple dividido en dúas partes por un suco que se prolonga fóra do anel en dirección sur. A continuación, unha segunda combinación que é a de maior diámetro das localizadas (uns 45 cm) e composta por catro aneis e coviña central. Ó seu carón un deseño ovalado dividido no seu interior en pequenos cadrados de cantos redondeados que proporcionan á figura unha forma que recorda a de balón de fútbol á figura.

Pormenor da Estación 2. Gravados históricos e prehistóricos

Pechan esta primeira zona de gravados, unha pequena cruz sobre un círculo, dous aneis unidos en forma de 8 e restos doutros motivos, probablemente círculos e pequenas combinacións unidas por sucos.

Na zona central e inferior do panel, case a rentes do chan polo que non é doado a súa percepción, figuran outras tres combinacións circulares dispostas de xeito semellante ó   segundo panel da primeira estación, unha combinación de maior tamaño con 4 aneis e dúas máis pegadas de inferior diámetro con dobre anel, unha delas con coviña central. Acompañan as combinacións pequenas coviñas illadas sen orden aparente.

Vista xeral da Estación 2

Na parte superior do panel constan 3 novas combinacións rapidamente identificables pola súa boa conservación e ancho suco con sección transversal en “U”.

A maior delas posúe 3 aneis e coviña central e ten acaroada unha estraña forma rectangular moi irregular segmentada en catro seccións por dous sucos, un perpendicular que parte da coviña central da combinación circular, e outro en horizontal, unido a unha diáclase natural, que divide o deseño en catro cadrados, os dous inferiores moi irregulares. A fenda horizontal prolóngase cara o oeste e serve de elemento delimitador inferior das outras combinacións situadas ó lado esquerdo da principal, situadas unha sobre a outra e unidas por un suco. Ambas teñen dobre anel, coviña central e suco de saída. A localizada na parte superior conta tamén cunha pequena forma ovalada unida á combinación pola súa parte inferior e seccionada a metade polo suco de saída que une ambas combinacións.

A combinación principal desta composición e os cadrados acaroados na súa parte inferior dispostos seguindo o suco lineal que parte da coviña central forman un curioso deseño que lembra outras composicións xeométricas noutros petróglifos galegos (Petróglifo do Monte Castelo e Peneda Negra en Ames, Petróglifo da Devesa da Rula 2 en Santiago, Petróglifos do Monte da Calvela en Vilarmaior, etc) que, coa cautela debida, poderían representar de xeito esquemático figuras humanas.

Na parte máis occidental da laxe e illada das anteriores, existe unha nova combinación de dobre anel e coviña.

Xunto ós motivos prehistóricos completan o repertorio iconográfico outros motivos de factura histórica (presentan diferente feitura e tipoloxía) que fican na parte inferior e central do panel ó carón dos motivos prehistóricos, sen alteralos e respectándoos. Trátase de cruces simples e cruces dobres con brazos rematados en círculos, cruces con pés circulares, formas en phi grego (φ), e outros motivos de difícil descrición polo seu deficiente estado de conservación. Estas cruces cos extremos adornados con formas esféricas ou pomos posúen certa similitude con outros conxuntos rupestres localizados noutras áreas arqueolóxicas galegas (petróglifo do Agro do Crego en Compostela ou o Petróglifo do Monte de Camoiras en Lugo) e interpretados como fitos para a delimitación de propiedades e xurisdicións tanto eclesiásticas como señoriais. Neste senso, podemos deducir unha posible relación coa delimitación dos coutos de Berdoias e Boallo que estableceu en 1622 o fidalgo Alonso de Lema. Desta forma “marcaban” unha laxe que xa posuía unha forte carga simbólica previa para os veciños coñecedores destes antigos gravados o que reforzaría a súa autoridade. Porén, a presenza das cruces pode relacionarse tamén con antigos rituais de cristianización dun lugar de culto pagán.

É nesta segunda estación onde se aprecian pequenos danos debidos ós incendios forestais dos últimos anos como pequenas fragmentacións da capa exterior ou alteracións na cor da patina que cobre a súa superficie da rocha en varias zonas.

Modelo 3D da Estación 2 dos Pedrouzos

Interpretación dos gravados

As laxes do Outeiro de Pedrouzo representan arquetipos clásicos do chamado Grupo Galaico da Arte Rupestre elaborados coa tradicional técnica do dobre suco propio da meirande parte dos petróglifos galegos sobre o característico soporte granítico de gran fino. A pesar de localizarse nunha zona onde a arte rupestre era case descoñecida hai só uns anos -lonxe dos núcleos clásicos de estudo da arte rupestre galega- estamos diante dun conxunto excepcional polo importante número de gravados representados, entre eles 17 combinacións de círculos concéntricos de diferentes tamaños, sen dúbida o elemento máis representativo da arte rupestre galaica e tamén do occidente atlántico europeo. Mais é probable que sexan só unha pequena parte dos existentes no seu día pois a zona presenta mostras evidentes dunha intensa actividade de extracción por parte dos canteiros dende hai séculos.

Visita previa co técnico de patrimonio de Vimianzo

O emprazamento nun outeiro granítico situado a media altura sobre o val coincide tamén coa paisaxe tradicional presente noutras áreas arqueolóxicas con arte rupestre galega.

Polo que respecta á interpretación dos gravados, segue a ser este un tema polémico entre os investigadores pois a maior parte dos motivos representados carecen de paralelos no mundo real como acontece nas laxes de Pedrouzos. Malia todo, semella que a súa realización está directamente relacionada co universo simbólico e ideolóxico destas comunidades asentadas na contorna próxima ós conxuntos rupestres.

Estes gravados que constitúen, por tanto, un representación colectiva da súa realidade social e do seu imaxinario común, un intento de “humanización” do espazo vital destas comunidades polo que é fundamental non só respectar os xacementos senón tamén preservar o seu contorno inmediato, chave para a explicar o seu posible significado.

Petróglifo de Boallo

Neste senso, os estudos realizados agora polo colectivo a Rula revelan unha peculiar e concreta disposición dos gravados en relación coas posicións da Lúa durante a idade do bronce. Analizada a configuración do horizonte observable desde a posición topográfica dos gravados e comparándoa coa posicións acadadas polo noso satélite en determinadas datas significativas, resulta que os petróglifos de Pedrouzos están situados estratexicamente para poder monitorizar os movimentos da Lúa durante o lunasticio maior.

Neste ciclo que se repite cada 18,61 anos, a Lúa acada as posicións extremas saíndo e poñéndose mais ao norte e ao sur que o sol durante os solsticios. Efectivamente, durante o ano do lunasticio a Lúa alterna estas posicións extremas cada mes, aínda que coincidindo únicamente estas posicións extremas coas lúas a novas e cheas durante os solsticios do inverno e do verán. Así, desde o petróglifo de Pedrouzos 2 pode verse sair a Lúa na posición extrema sur do lunasticio sobre o Castro de Sarteguas, o monte de 515 msnm que domina o seu horizonte. Paralelamente, a posición dos outros gravados de Pedrouzos 1 coincide coa que resulta precisa para poder controlar a posición extrema norte do lunasticio sobre o anterior de Pedrouzos 2.

Por conseguinte, pode concluírse que a posición topográfica de ambos gravados. un no alto do outeiro e o outro ben afastado cara abaixo ata lograr a precisa perspectiva requirida, fan desta estación un caso bastante excepcional cuxa correlación astronómica resulta imposible de explicar por efecto do azar.

Existen mais casos de petróglifos onde podemos atopar aliñacións arqueoastronómicas relevantes (pendentes de publicación), pero neste en concreto, o feito de que unha das aliñacións sexa totalmente antrópica con gravados situados en ambos extremos da liña observador – observado denota unha evidente intencionalidade.

Paradoxalmente, os petróglifos de Pedrouzos revelan mais información sobre quen fixo os gravados que sobre os propios motivos representados. Se ben descoñecemos aínda o que pretendía representarse, pois non pode establecerse unha correspondencia directa entre tipoloxías e eventos astronómicos concretos, si poden inferirse certas conclusións interesantes. Únicamente unha observación sistemática, repetida e transmitida ao longo de xeracións permitiría explicar satisfactoriamente o manexo dunha “astronomía do horizonte” empírica e precientífica como a que atopamos aquí.

O caso de Pedrouzos (entre outros) apuntaría por tanto á existencia dunha caste probablemente sacerdotal, que efectuaba observacións astronómicas rituais coa funcionalidade do manexo dun calendario prehistórico. Monteagudo xa interpretou hai tempo este tipo de outeiros como altares. Desde a perspectiva aquí prantexada, Pedrouzos representaría daquela un auténtico “altar da Lúa”. Nesta mesma liña, estes petróglifos ofrecerían tamén outra información relevante, pois se ben os cálculos astronómicos deste estudio foron realizados para unha data de hai 4500 anos, a variación das posicións da Lúa nun lapso de tempo de 1500 anos en adiante apenas se desprazou un cuarto de grao (medio disco lunar), indicando que o carácter de “altar lunar” de Pedrouzos se axustaría mellor á Idade de Bronce ca a épocas posteriores.

Conclusión

Dende o Colectivo agardamos que este pequeno estudo e a posterior xeira nocturna sexa só un punto de partida para novos traballos en prol da conservación e futura posta en valor desta interesante área arqueolóxica do lugar de Berdoias. Un proceso que obrigatoriamente debe iniciarse coa súa catalogación (aínda pendente) e inclusión no Inventario Arqueolóxico Municipal que posteriormente deberá recoller o futuro e necesario PXOM de Vimianzo. A delimitación de áreas de protección e amortecemento permitirá loitar contra posibles danos ocasionados polo paso de maquinaria pesada empregada na industria forestal nesta zona. De igual xeito, é fundamental manter un perímetro de protección limpo de broza ó carón das estacións para evitar novos danos no caso de novos incendios.

Rematamos agradecendo ó Concello de Vimianzo, e en especial ó seu tecnico Manuel Rial, polas xestións que permitiron a realización desta actividade.

Bibliografía

Notas de Prensa

Información da Ruta por Berdoias:

Wikiloc Colectivo A Rula

 

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Advertisements

Ruta polos petróglifos da Fieiteira


28690090763_9df7a1f968_k

Preto de medio cento de persoas participaron na visita que comezou ó solpor do sábado e rematou ben pasada a media noite.

 

Na noite do pasado sábado tivo lugar a primeira ruta nocturna ós petróglifos do Outeiro da Fieiteira, organizada polo Concello de Ponteceso en colaboración coa asociación cultural Colectivo A Rula da comarca de Compostela, uns veteranos na realización destas longas noites de pedras á luz da lúa.

Preto de medio cento de persoas participaron na visita que comezou ó solpor e rematou ben pasada a media noite. A actividade iniciouse no local social de San Adrián de Corme cunha pequena charla sobre a arte rupestre na Costa da Morte, con especial atención -non podía ser doutro xeito- ós petróglifos e patrimonio cultural do Concello de Ponteceso.

Abriu o acto o concelleiro de Educación, Asociacionismo e Patrimonio, Carlos Penedo Casmartiño, que como bo anfitrión agradeceu a asistencia dos veciños e turistas e destacou o traballo de limpeza realizado na contorna dos petróglifos, comprometéndose tamén a seguir apostando pola súa protección e difusión coa sinalización da ruta e a instalación de paneis explicativos.

O polifacético Suso Lista achegou a súa peculiar visión dos gravados repasando a súa historia e as vicisitudes sufridas dende o seu descubrimento a principios dos anos noventa. Cerraron o coloquio os membros do Colectivo A Rula, que botaron man das novas tecnoloxías, como os modelos 3D, para explicar ós asistentes as características que fan tan singulares estes gravados do promontorio cormelán.

De seguido, iniciouse a bo ritmo o percorrido de dous quilómetros que separaba a casa veciñal das laxes da Chousa dos Pratos. A brigada da Rula dispuxo entón os equipos técnicos precisos para simular a luz máis axeitada e asombrar ós asistentes ó alumear os diferentes paneis insculturados das laxes da Fieiteira. A bruma do mar foi cubrindo lentamente o ceo, mais a temperatura era ideal e as conversas ó carón das laxes foron animadas e moi interesantes.

Os curiosos deseños xeométricos daban pé a múltiples interpretacións, por máis que os guías sinalaban a imposibilidade de saber con precisión o que aquelas comunidades nos quixeron transmitir. Os membros da Rula non deixaron de recalcar a importancia de non pisar ou riscar os gravados evitando o seu deterioro e animaron ós asistentes a visitar os petróglifos ó abrente ou ó solpor cando a súa visualización é máis propicia. Degustando un vaso de chocolate quente, unha sorpresa final do técnico de turismo Javier Couto, mentres contemplamos por última vez a estación principal da Fieiteira iluminada polos focos, remataba esta primeira xeira nocturna ós petróglifos de Ponteceso. A boa acollida entre os asistentes augura novas edicións destas máxicas noites de verán.

Ligazón ó álbum coas fotos da visita no flickr

Ligazón á nova en La Voz de Galicia