Primeira aproximación aos taboleiros de xogo da Compostela barroca.


Compostela foi declarada Patrimonio Cultural da Humanidade pola Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, UNESCO, no ano 1985. Tal consideración levou, nos anos seguintes, a un considerable aumento do interese nela por parte de eruditos e investigadores das máis diversas ramas do saber, multiplicándose desde aquela as publicacións e estudos que achegaron novos coñecementos, ao tempo que, desde as distintas administracións competentes, desenvolvéronse medidas conducentes á protección e conservación de todo este rico e variado patrimonio.

É por isto que resulta, cando menos, curioso o feito de que despois de todos estes anos sigan a existir elementos case completamente descoñecidos para a maioría das persoas, residentes e visitantes, como acontece cos que agora son o obxecto da nosa atención.

Pode que a causa principal resida no poder de atracción do fenómeno xacobeo e que serviu de foco de atención das máis diversas vontades, pero que ao mesmo tempo tamén actuou de xeito excluínte cara a correcta valoración de outros elementos patrimoniais, que tamén son memoria da historia da cidade, e cuxo estudo permitiría ampliar o noso, sempre incompleto, coñecemento sobre a vida cotiá dos habitantes de Compostela.

Taboleiro

Taboleiro da Igrexa da Compañía

Pensamos que este descoñecemento é o principal perigo que pode impedir garantir a súa conservación futura, e é a causa de que nos atrevamos aquí a iniciar o estudo duns deseños moi simples, moi bastos na maioría das ocasións, reflexo do lecer dos habitantes da cidade.

Introdución.

O uso de taboleiros para o xogo é algo habitual e popular en case  calquera sociedade de calquera época ou lugar. Consérvanse exemplos disto desde a máis remota antigüidade.

“De oriente próximo son as primeiras referencias milenarias sobre taboleiros de xogo, concretamente coñécese unha fermosa peza de Mesopotamia, procedente da cidade sumeria de Ur coñecida hoxe vulgarmente como o real xogo de Ur, que ao parecer xogábase con dados piramidais. Do antigo Exipto dispoñemos dalgunhas referencias de moito interese: como taboleiro de xogo interprétase unha peza circular de pedra, que representa unha pedra enroscada a modo de espira do período arcaico, actualmente no museo Fitgerald en Cambridge, no que poderiamos ter o antepasado do popular xogo de taboleiro da oca”. [1]

Catedral de Ourense

 

En multitude de xacementos da Grecia e a Roma clásicas existen numerosos exemplos conservados de taboleiros dos máis variados xogos.

De cronoloxía medieval consérvanse bastantes exemplos por toda Galicia, vinculados principalmente a castelos, igrexas e mosteiros.

Pazo arcebispal de Ourense

A cidade de Santiago non é unha excepción. Nela consérvanse varios elementos de diferentes épocas que testemuñan este feito:

Alquerque do Castelo da Rocha

Dos taboleiros medievais conservados no claustro románico da Colexiata de Sar, xa nos ocupamos noutra ocasión anterior.

Colexiata de Sar

Tamén prestáramos atención ao taboleiro da Capela do Carme de Abaixo, ó que atribuíramos a súa factura á época medieval.

Banco do Adro da Capela do Carme

Outro exemplar conservado é o taboleiro localizado nas escavacións do castelo da Rocha Forte. Trátase dun alquerque do 9 de cronoloxía medieval como o xacemento.

Outro taboleiro foi localizado na base da torre Berenguela da catedral durante os traballos de restauración levados a cabo nos últimos anos.

No proceso de procura destes taboleiros localizamos un novo exemplo no interior do Pazo de Xelmírez. Trátase dun rectángulo dividido interiormente por dúas liñas diagonais que se entrecruzan resultando 4 triángulos. Complétase con dúas coviñas en dous dos triángulos. En canto a cando pudo ser elaborado resulta difícil concretar unha data dado que o edificio sufriu constantes reformas desde a súa construcción na Idade Media.

Taboleiro de xogo medieval localizado no interior do Pazo de Xelmírez

Nesta ocasión trataremos de proporcionar algunha luz a un numeroso conxunto de taboleiros de xogo que se conservan espallados por toda a cidade de Compostela e que conforman un singular conxunto sen equivalente coñecido. Incluímos neste conxunto os taboleiros xa mencionados da Capela do Carme e o da Torre da Berenguela da catedral xa que son da mesma tipoloxía.

Taboleiro da Torre da Berenguela. Foto Félix Dacosta

Da importancia que se lle deu ao xogo na cidade dá boa conta a documentación oficial do Concello que entre outras recolle normas tendentes a súa regulación. Así nas Ordenanzas municipais de 1687 se recolle:

“Uno de ellos es el de la moral pública, en cuyo nombre se prohibe todo tipo de juego los días festivos antes de las doce, porque hasta entonces <<no estan dichas todas las misas>>, pero también que los practiquen durante la semana sirvientes, estudiantes y trabajadores” (Ordenanzas echas por los señores Justicia y reximiento de la ziudad de Santiago y Alcaldes y eclesiásticos del ilustrísimo cavildo para todo jenero de bastimientos y otras cosas aprobadas por el ilustrísimo señor Arçobispo de dicha ziudad para todo el año de 1687). AHUS. FM. Consistorios. Libro 60. F 1411, de 30 de junio.[2]

Banco do Convento da Mercé

A descuberta.

O 25 de agosto de 2015 Lito Sande publicaba nas redes sociais unha serie de gravados que localizaran él e a súa irmá Gloria na escalinata e o adro da fachada do convento de Santa Clara. Uns días máis tarde localizaba novos exemplares na fonte e o banco situados en fronte do mesmo convento. Destes achados fíxose eco o xornal El Correo Gallego na súa edición do 31 de agosto, “Un tres en raia en Santa Clara”.

Adro da igrexa do convento de Santa Clara

Desde aquela, nos seguintes meses, fóronse localizando novos exemplares chegando ata os 167 localizados da actualidade. Coidamos que esta relación non esgota os taboleiros conservados e agochados nas rúas de Compostela, polo que pensamos que é necesario un estudo pormenorizado que permitiría localizar máis gravados.

San Martiño Pinario

Descrición dos motivos.

A maioría dos taboleiros localizados poden ser identificados, sen moito xénero de dúbida, como un modelo moi sinxelo de taboleiros do xogo do pai, fillo, nai ou tres en raia.

Tal e como recolle Costas Goberna:

“Os deseños máis facilmente recoñecibles e familiares son evidentemente os coñecidos como de tres en raia coñecido tamén como ta-te-ti e na nosa zona xeográfica, cando menos nalgunhas áreas do sur da Ría de Vigo, como pai-fillo-nai, e three men´s morris en inglés”.[3]

Fachada do mosteiro de San Martiño Pinario

Existen varias variantes deste xogo, as principais son:

  • Dous xogadores ocupan, alternativamente, os espazos dun taboleiro de 3X3 cas súas pezas. Un xogador gana cando consigue conformar unha liña de tres coas súas pezas. A liña pode ser vertical, horizontal ou diagonal.
  • Xogo do muíño de tres pezas. Cada xogador ten tres pezas. Por turnos cada un vainas colocando, cando todas están no taboleiro comezan a movelas a unha coviña por quendas. O primeiro xogador que consigue facer unha fila coas súas tres pezas gaña.

    Convento da Mercé

Tipoloxías.

  • Pai, fillo, nai. O tipo máis común é o de tres aliñacións de tres coviñas simples, en moitas ocasións, simples picadas. Este xogo, con esta mesma denominación, pervive en Compostela cando menos ata mediados do século XX onde seguía a ser popular entre a rapazada.

Taboleiro no Claustro da Catedral de Norwich, Inglaterra.

 

Esta tipoloxía é á mesma que a do conxunto de taboleiros de Nine Men´s Morris conservados en varias catedrais inglesas, como a de Norwich, Canterbury, Gloucester, Westminster, Chester, Chichester, Ely, St. Alban´s,…

En Francia atopamos un taboleiro da mesma tipoloxía en Essonne (Île-de-France): Moigny-sur-Ecole

Banco da Fonte de Santa Clara

Sobre o deseño máis básico de 9 coviñas formando un cadrado (matriz de 3 x 3) atopamos múltiples variacións, por exemplo: Sucos interiores unindo coviñas, sucos exteriores perimetrais das coviñas, sucos rectos ou remates absidiais.

Descoñecemos se os sucos engadidos tiñan utilidade práctica para o desenvolvemento do xogo ou si se trataba só de engadidos decorativos.

Casa do Cabido. No balcón central do primeiro andar. Foto, Cristina Baulo

En ocasións o alto grado de erosión e o xeral mal estado de conservación dos taboleiros vai a dificultar a identificación exacta dos deseños.

  • Aliñación de 3 coviñas. Non descartamos que algúns dos deseños conservados sexan taboleiros de outros xogos dos que descoñecemos as regras. O exemplo máis evidente é o caso de aqueles taboleiros conformados só por unha aliñación de tres coviñas.

    Adro da Igrexa de Santa Clara

  • Reticulados. No interior do convento de San Francisco consérvase o máis complexo. Trátase dun taboleiro de matriz 5 x 6. No resto dos casos estariamos diante de taboleiros de nove coviñas (matriz 3×3) na que se compoñen reticulados irregulares unindo con sucos as coviñas entre si. De novo descoñecemos se estes reticulados teñen utilidade práctica para o desenvolvemento de algunha variedade do xogo.

    Reticulado do Convento de San Francisco. Foi cementado despois de localizado no 2015.

 Distribución dos gravados.

Atendendo á distribución dos taboleiros pódense afirmar cando menos as seguintes cuestións:

  1. Trátase dun fenómeno propio de Compostela. Ata o momento non coñecemos taboleiros desta mesma tipoloxía en ningún outro lugar de Galicia.[4]
  2. É un fenómeno eminentemente urbano. A totalidade dos taboleiros localízanse no núcleo urbano de Compostela. Ata o de agora non se teñen atopado taboleiros en ningunha das parroquias rurais santiaguesas. A totalidade dos que localizamos atópanse na da cidade, tanto intra como extra murallas.
  3. Estes taboleiros localízanse en lugares de acceso público. Só atopamos 4 excepcións a esta regra: Santa Clara, catro exemplares no interior do portal.  Dous no claustro de San Francisco, un na Torre da Berenguela da catedral e un no balcón central da Casa do Cabido.[5]
  4. Queda un último aspecto importante á hora de analizar a distribución destes xogos e que ten que ver co proceso urbanístico que tivo lugar na cidade nos tempos do barroco. Deixamos o seu desenvolvemento para o apartado da cronoloxía xa que da súa análise establecemos a base da nosa proposta cronolóxica.

Os taboleiros distribúense nos seguintes grupos (indicamos entre parénteses o número de taboleiros localizados):

  • Santa Clara, convento. (20). Na escalinata e no adro. A fachada levantouse entre 1719 e 1730. No interior tamén se conservan ata 4 taboleiros.
  • Santa Clara, fonte e banco. (6)
  • Santa Clara, cruceiro.(1)
  • Casa da Conga.(1). Nos soportais. Rematada por Casas y Novoa cara o 1730.
  • Obradoiro, praza. (20). Nos bancos.
  • San Lourenzo, mosteiro. (1). No lateral da igrexa, entre un dos arcos. (reformada no XVIII, 1740. Ferro Caaveiro)
  • San Lourenzo, cruceiro.(1) Do ano 1689. [6]
  • Carme de Abaixo, capela. (2). No adro. 1760-1773.
  • Belvís, escalinatas da Capela da Virxe do Portal. (4). Capela construída polo 1702.
  • Pazo grande de Belvís (Casa de Perezás). (4). Nas escaleiras de acceso. Construído no século XVII.
  • San Fíz de Solovio, igrexa. (2). No lateral. Reedificada entre 1704 e 1708.
  • A Compañía, igrexa. (2). Na fachada. Levantada entre 1670 e 1674.
  • Nosa Señora da Mercé, convento. (8). Levantado por Diego de Romay cara a 1674. Nos bancos do adro.
  • Santo Agostiño, convento. (1). No portal. Edificado entre 1623 e 1648.
  • Cruceiro da Capela da Nosa Señora da Fonte. (1).
  • San Francisco, convento.(fachada e claustro). (4). Fachada posterior a 1742 e rematada con posterioridade a 1770.
  • San Martiño Pinario, fachada da Acibechería.(47). No adro e na escalinata. Esta fachada é obra de Fernando de Casas y Novoa (1738).
  • San Martiño, escalinata, fachada de San Miguel. (6). A escalinata débese a Frei Manuel de los Mártires que a principia por 1770 e remata as obras arquitectónicas da igrexa no 1773.
  • Acibechería, banco. (5).
  • Hospital dos Reis Católicos. (1). A súa loggia foi delimitada no 1542, máis descoñecemos cando foi pavimentada.
  • Conxo, cruceiro. (2).
  • Sar, colexiata. (2) (Un incompleto). No adro. Apenas se conserva pedra orixinaria no pavimento , sendo a que sirve de soporte para o taboleiro unha das excepcións.
  • Vista alegre, cruceiro. (1). (dubidoso)
  • Castrón Douro, cruceiro. (1). Con data de 1689.
  • Angustia, igrexa. (3). Adro e bancos. Edificada no século XVIII.
  • O Pilar, igrexa. (3). No adro. Rematada no 1717.
  • Guadalupe, capela. (1). No adro. Século XVIII.
  • Costiña do Monte. (1). Na fachada. Reutilizada na rehabilitación dunha casa.
  • Ponte do Asén. (3). No banco. De finais do século XVIII.
  • Facultade de Historia. (4). (1780-1808). Na fachada/banco.
  • Santo Domingo de Bonaval, cruceiro. (1). Nos chanzos do cruceiro do cemiterio da Confraría do Rosario.
  • Casa do Cabido, (1). No balcón central do primeiro andar. Rematada por Clemente Fernández Sarela no 1758.
  • Costa Vella. (1). Nunha lastra do pavimento da beirarrúa na parte alta da costa.
  • Pastoriza, capela da. (1). Levantada entre 1761 e 1762 sendo trazada a fachada por Juan López Freire. No adro apenas se conserva pedra da pavimentación orixinaria.
  • Catedral. Torre da Berenguela. (2). Un no interior e outro incompleto, ou de 3 coviñas, no banco exterior. Reformada por Domingo de Andrade no 1676.
  • Pazo de Amarante. (1). Na fachada. Construída no século XVIII.
  • Avenida de Raxoi. (1). Nunha ventá da que fora antiga cárcere.
  • Cruceiro de Santa Marta (1).

    San Martiño Pinario

Microlocalización:

A maioría destes exemplares localízanse en adros, escalinatas, escaleiras, bancos, chanzos de cruceiros, fachadas de templos e prazas. Lugares, todos eles, de paso ou de encontro de  grupos de persoas.

Casa da Conga

Pero se atendemos a súa distribución observamos que na elección do lugar para gravar semella terse tentado evitar cortar o paso ou entorpecelo máis do necesario. Así nas escalinatas escollerase os extremos dos chanzos para gravar, e nos portais non se gravan os lugares centrais xa que a súa ocupación interrompería o circulación normal das persoas.

Taboleiros Pinario

San Martiño Pinario

Coidamos que a case totalidade dos taboleiros se atopan no lugar onde foron gravados orixinariamente. Consideramos só unha reutilización evidente, o taboleiro da casa da Costiña de Abaixo. Non dispomos de ningún dato que indique o contrario[7]. Este aspecto adquire importancia xa que estudar as datas de edificación dos elementos nos que se localizan os taboleiros vainos permitir obter unhas datas límite entre as que se desenvolverá o proceso de gravado dos taboleiros.

En relación ao soporte empregado para gravar os taboleiros débese sinalar que a case totalidade dos taboleiros graváronse sobre perpiaños graníticos, o elemento maioritario  das construcións e a pavimentación da cidade. Só uns poucos exemplares foron gravados sobre xisto o da Costa Vella e o da Capela de Guadalupe, sendo tamén o xisto o material empregado na pavimentación e no edificio da capela.

Fonte de Santa Clara

Lugares de exclusión:

Chama a atención a distribución dos taboleiros na praza do Obradoiro. Tanto na fachada e escalinata da Catedral  como na fachada do Colexio de San Xerome non se localiza ningún taboleiro, e na fachada do Hospital Real só hai un exemplar. Esto contrasta cos numerosos conservados no extenso banco corrido que hai a ambos lados do Pazo de Raxoi[8].

Facultade de Historia

Supoñemos que unha das causas que podería explicar estas diferenzas tan notables fose o feito que algunhas autoridades eran menos permisivas que outras en relación ó xogo.

  • A Catedral. Agás o taboleiro atopado no interior da torre da Berenguela[9], e un segundo taboleiro de 3 coviñas no banco exterior. O resto da fábrica catedralicia así como os seus adros están libres de taboleiros. Por outra banda a imaxe que temos na actualidade pode levarnos a erro xa que, por exemplo, temos constancia verbal da existencia de taboleiros no banco da Quintana (“…xogaban as leiriñas no banco da quintana e que seique facían campeonatos,”),  banco refeito na súa totalidade por Pons Sorolla na segunda metade do século pasado.
  • Hospital Real. Só un exemplar se conserva no entorno inmediato da fachada do hospital.
  • Santo Domingos de Bonaval. Non se coñecen taboleiros na edificación e só atopamos un no seu entorno inmediato, o taboleiro na base do cruceiro do cemiterio.
  • Colexio de Santiago Alfeo.

    San Martiño Pinario

Exclusións forzadas. A perda de lousa.

Como xa se comentou ó inicio a declaración de Patrimonio da Humanidade supuxo un antes e un despois nos asuntos relativos ao patrimonio histórico da cidade. Pero este cambio tamén tivo efectos nocivos non previstos.

Un destes efectos é o derivado da actividade de renovación e mellora da pavimentación tradicional en pedra do casco vello desenvolvida nos últimos anos. Descoñecemos o número de taboleiros perdidos como produto da substitución das lastras máis deterioradas por outras novas sen ter tido en conta a posible existencia destes taboleiros[10].  Así, en algúns adros se substituíu a case totalidade da pavimentación orixinaria, como ocorreu nos casos do Convento de Belvís ou na Capela da Pastoriza.

San Martiño Pinario

Diferenzas cos taboleiros medievais composteláns.

Os taboleiros medievais localizados en Compostela ata o momento diferéncianse en dous aspectos: na tipoloxía e no lugar escollido para a súa gravación. Hai uns taboleiros gravados en lugares privados, nos claustros dos mosteiros, e posiblemente polas súa ubicación foron elaborados por xentes pertencentes ás clases acomodadas, pola contra hai outros taboleiros, os deste artigo, que foron gravados en lugares públicos: na rúa, en prazas, adros, escalinatas, bancos… o que nos fai pensar que foron feitos por xente de clases sociais máis modestas.

Pazo de San Lourenzo

Estado de conservación.

No relativo ao estado de conservación a case totalidade dos deseños atopanse moi deteriorados. As coviñas e picadas produciron a debilitación da superficie das laxes nesas zonas o que provocou que a erosión actuase máis activamente.

Banco da Praza do Obradoiro

Algúns exemplares presentan bordos moi abertos, en U, así ocorre coa maioría de taboleiros do Obradoiro, en contraste con outros deseños onde apenas son perceptibles os efectos da erosión, como os do adro da Igrexa do Pilar.

Fachada da Facultade de Historia

Ao situárense a ras de chan, as coviñas moi erosionadas producen unha superficie irregular que pode entorpecer o paso, pensamos que isto provocou que moitas lousas fosen retiradas nos procesos de restauración das rúas e prazas levadas a cabo nos últimos anos. De especial importancia, pola súa intensidade, é o labor levado a cabo polo Servizo de Mantemento dos Enlousados da Cidade Histórica nos últimos anos.

Outra das afeccións coa que nos atopamos en moitos exemplares é o reenchido con cemento de parte ou a totalidade das coviñas e deseños, alterándoos gravemente.

Taboleiro parcialmente cuberto con cemento. Banco do adro da Capela da Nosa Señora das Angustias

Proposta cronolóxica.

Na nosa primeira aproximación a un taboleiro desta tipoloxía, o da Capela do Carme de Abaixo, decantámonos por adscribilo a unha época medieval, pese a tratarse dun elemento localizado nunha construción do século XVIII, en aquel momento consideramos a posibilidade de que estivesemos ante unha pedra reaproveitada procedente dunha suposta fábrica medieval pero hoxe desbotamos esa posibilidade.

Adoita ser moi difícil desviarse dos lugares comúns, das ideas dadas por válidas, polo que tendemos a analizar as cousas sen decatarnos de que as ideas preconcibidas poden debilitar o noso criterio chegando en ocasións a facelo desaparecer completamente.

Adro da Igrexa de Santa Clara

Resulta evidente que estes taboleiros non son un produto illado dun tempo determinado, se non máis ben o resultado dun proceso dilatado no tempo e iniciado cando menos nos tempos dos taboleiros mellor coñecidos dos períodos clásico e medieval.

Agora ben, consideramos que dispoñemos de datos suficientes para situar cronoloxicamente a súa elaboración desde finais do século XVII e sobre todo durante todo o século XVIII.

Cruceiro da Capela da Nosa Señora da Fonte

Si analizamos a evolución urbanística da cidade, obrigatoriamente debemos prestar atención ao período barroco, porque nel desenvolveuse un proceso fundamental que levaría á cidade a adquirir a imaxe coa que a identificamos na actualidade.

A urbanización da cidade con maiúsculas desenvolveuse neste momento. A pavimentación das emblemáticas prazas e rúas, a construción ou reedificación dos complexos arquitectónicos relixiosos máis importantes, das igrexas, conventos e capelas, son só a parte máis visible dunha profunda reorganización das trazas urbanísticas dunha cidade que estaba a abandonar definitivamente os tempos do medievo.

Cruceiro de Santa Clara

A petrificación urbanística levada a cabo durante o esplendor barroco foi o que permitiu a conservación desta manifestación popular, os taboleiros de xogo, nunha especie de fosilización na pedra dunha actividade máis na vida cotiá dos habitantes de Compostela.

Praza do Obradoiro

Con case toda seguridade os composteláns empregaron con anterioridade taboleiros marcados con xiz, tella ou materiais similares sobre soportes perecedoiros distintos á pedra, directamente no chan, sobre terra batida, etc. Con isto, queremos dicir que o proceso de petrificación de rúas e prazas no barroco foi o que permitiu a persistencia destes taboleiros e, ao mesmo tempo, lévanos propor unha cronoloxía para ese período, no que os taboleiros se gravan no lousado dos novos espazos públicos impulsado no barroco.

Igrexa de San Fíz de Solovio

A análise da cronoloxía das reformas urbanísticas destes espazos vainos permitir coñecer as posibles datas límite de esta actividade gravadora. Non é tarefa fácil obter datas concretas da construción de elementos arquitectónicos secundarios dunha edificación, como son os bancos ou escalinatas, o que nos vai a obrigar, en moitos casos, a ter que conformarnos cas datas xerais das edificacións no seu conxunto.

Praza do Obradoiro

  1. Cando se elaboran.

Para poder obter unha data aproximada desde a que se comezaron a gravar os taboleiros debemos atender ás datas nas que foron edificadas as construcións que lles serven de soporte.

Analizando cada unha das localizacións podemos extraer os seguintes datos:

  • A gran maioría son edificacións construídas a finais do século XVII e no século XVIII.
  • Só uns cantos exemplos poden datar a mediados do XVII (por exemplo o da igrexa de Santo Agostiño).
  • Só 1 nos principios do XIX (a Facultade de Historia).

    Capela da Nosa Señora da Angustia

2. Cando deixan de gravarse. A Ilustración. Normas de hixiene pública.

As ideas ilustradas supuxeron unha revolución na xestión urbana, trouxeron novas formas de xestión dos espazos públicos, da moral pública, da salubridade e a hixiene, etc.

A finais do século XVIII as novas normas inspiradas na ilustración comezan a ser aplicadas na cidade con maior ou menor efectividade e van trocar os hábitos de convivencia desenvolvidos ata entón.

Convento da Mercé

Sinala Rosende Valdés:

“1780 porque es el momento en el que se impone el nuevo concepto ilustrado de ciudad, que se desarrollará a partir de entonces, pero sobre todo en el siglo XIX”.[11].

E isto tamén semella ter afectado a este xogo popular que agora nos ocupa. Non se localizan taboleiros en edificios do XIX, entendemos que non se gravan os edificios levantados nesta época, quizais se siga xogando nos taboleiros existentes e noutros perecedoiros pero o certo é que todo apunta a que os taboleiros se deixan de gravar a comezos do século XIX.

Pazo de Amarante

3. Quen os gravou?

Se observamos os lugares nos que aparecen estes taboleiros vemos que se sitúan próximos ás entradas de igrexas e mosteiros, onde se concentrarían os fregueses ás entrada e saída dos cultos. Incluso eses lugares pode que funcionasen a modo de lugares de encontro e “mentideiros” nos que se achegaba a xente na procura de información.

San Martiño Pinario

Breve conclusión.

O obxectivo desta sinxela entrada do blog é presentar este numeroso conxunto de taboleiros de xogo aos investigadores especializados, interesados e ao público en xeral. Moitas preguntas quedan sen resposta, pero cando menos deixamos aquí unha primeira achega que esperamos sexa de interese e utilidade.

Por último queremos agradecer a Lito Sande e as irmáns  Baulo Daporta os seus aportes e xenerosidade.

Galería Fotográfíca: Podes visualizar aquí fotografías da totalidade dos taboleiros.

Bibliografía.


Notas:

[1] Costas Goberna, Fernando J. “As pedras e os xogos. A orixe dos taboleiros de xogos galegos”. Páx. 14-15.

[2] Rosende Valdés, Andrés A. “Una historia urbana: Compostela 1595-1780”. Páx. 21.

[3] Costas Goberna, Fernando J. “As pedras e os xogos. A orixe dos taboleiros de xogos galegos”. Páx. 141.

[4] Esta afirmación debe ser tomada con cautela dada a inexistencia de estudos noutras cidades ao respecto.

[5] Debe terse en conta que estes lugares serían naqueles séculos moi accesibles a persoas non relixiosas.

[6] García Iglesias, J.M. http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/antiguo-convento-san-lourenzo-trasouto-compostela/idEdicion-2014-06-22/idNoticia-875877/

 [7] A pedra das lastras con gravados coincide co tipo do resto de pedras que conforman os conxuntos.

[8] A pavimentación da Praza do Obradoiro non se levou a cabo ata o século XIX polo que non é de estrañar a falta de deseños, pero isto non é aplicable a zona da fachada do Hospital ou as escalinatas e fachada da Catedral.

[9] Este taboleiro posiblemente estaría vinculado ós obreiros que baixo ás ordes de Domingo de Andrade levaron a cabo as obras que remataron a torre.

[10] Así, por exemplo, no entorno inmediato do Convento de Belvís apenas se conserva a pedra orixinaria.

[11] Rosende Valdés, Andrés A. “Una historia urbana: Compostela 1595-1780”. Páx. 11-12

Advertisements

A Pena Furada, o primeiro petróglifo do Concello de Touro


O traballo de documentación dunha nova ruta de sendeirismo na ribeira media do Ulla levou ós técnicos do concello de Touro á localización dunha nova mostra de arte rupestre do grupo galaico de enorme interese pola súa situación, historia, morfoloxía e soporte.

Cartaz da ruta de sendeirismo

Os veciños das parroquias de San Martiño de Calvos de Socamiño e Santa Mariña de Circes eran coñecedores dende antigo deste ben cultural, un fito de referencia na paisaxe que mesmo dá nome ó monte da súa contorna. Un elemento cotiá na vida da veciñanza que, como aconteceu noutras ocasións, pasou desapercibido para a case totalidade dos investigadores e estudosos neste eido.

Non figura en ningún catálogo e publicación coñecida e, por tanto, tampouco no actual inventario patrimonial que inclúe o Plan xeral de ordenación municipal de Touro aprobado no ano 2010. É máis, non consta ningunha outra referencia a xacementos desta mesma tipoloxía.

Vista xeral do “Camiño das chousas” e petróglifo da Pena furada

A petición das técnicas municipais, Ana Pajaro e Lili Freijido, desprazámonos ata a ribeira do Ulla para coñecer os elementos culturais máis relevantes desta nova ruta, “A Ruta da Fervenza das Hortas-Santa Marta, desembocadura do Río Lañas” na actualidade en trámites de homologación, e a confirmar e analizar este novo petróglifo a escasos metros do trazado da citada senda.

Localización do Monte da Pedra furada

Esta ruta contribúe a ampliar os treitos acondicionados para a práctica do sendeirismo pola ribeira do Ulla e reforza a vella pretensión de acadar unha gran ruta fluvial continua de longo percorrido que una os diferentes enclaves naturais e patrimoniais ás beiras deste gran río, dende o seu manancial en Antas de Ulla ata a súa desembocadura na ría de Arousa.

Situación

O petróglifo sitúase no Monte da Pena Furada ó carón do chamado “camiño das Chousas”, que cruza o monte e enlaza coa estrada que comunica as parroquias de Calvos e Circes.

Este camiño, na actualidade de uso agrícola e forestal, emprégase tradicionalmente para acceder ás diferentes parcelas deste monte de titularidade privada. Está nunha zona de forte pendente con  terreos dedicados case exclusivamente ó aproveitamento forestal, principalmente plantacións de eucalipto.

As coordenadas UTM son: 29 T X:562826 Y: 4742935 (Datum:WGS84).

Localización do petróglifo

Descrición dos gravados

Os gravados distribúense por case toda a superficie dun penedo de lousa de 1,98 m. de longo por 1,02m. de largo situado case a rentes do chan, pois o camiño está elevado sobre a parcela onde se atopa (0,50 m. de altura), e a unha altitude de 372 m.s.n.m.

Contén como motivos principais máis de corenta coviñas e cazoletas de forma redondeada e ovoide distribuídas por case a totalidade da superficie dun único panel na parte superior e plana da laxe. As dimensións dos gravados oscilan entre os 2 e os 12 cm de diámetro e a súa fondura entre 1 e 3 cm.

Petróglifo da Pena furada

A pesares da aparente arbitrariedade apreciable na distribución dos gravados podemos observar unha presenza de coviñas (ou cazoletas) máis anchas e de maiores dimensións no centro do panel, varias delas unidas por un suco ou canle, e máis pequenas cara os extremos.

Así, cómpre subliñar esta aliñación de varias coviñas e cazoletas unidas por un suco duns 2 cm de largo e case 1 metro de longo que describe unha liña curva que discorre pola zona central do panel, cruzándose con outro suco que une dúas das coviñas de maior tamaño.

Fotogrametría da Pena furada

Completa o repertorio iconográfico da laxe un pequeno cruciforme de apenas 3 cm rodeado de varias coviñas de pequeno tamaño na zona norte do panel.

Lamentablemente a rocha consérvase fragmentada, probablemente pola actividade extractora dos canteiros, sendo razoable pensar que o número dos motivos insculturados fora aínda maior. Descoñécemos tamén se quedan novas figuras na parte da pedra que segue soterrada por baixo do actual camiño.

Cronoloxía

Dada a simplicidade dos deseños representados resulta moi complicado aventurar unha cronoloxía e precisar un período concreto da prehistórica na que fosen elaborados. En moitas ocasións este tipo de petróglifos constitúen un auténtico palimpsesto no que se remarcan os gravados prehistóricos e mesmo se engaden novos elementos que dificultan a interpretación do petróglifo.

Pormenor do petróglifo da Pena Furada

Malia todo, atendendo ás evidentes semellanzas con outras laxes do grupo galaico da arte rupestre pódese datar nun amplo período de tempo que vai desde finais do neolítico ata finais da Idade do Bronce, sen desbotar con isto a posible alteración dos gravados e incorporación de engadidos xa en época histórica.

A relevancia da Pena Furada

Cómpre destacar varios aspectos que contribúen a resaltar a importancia deste ben cultural.

En primeiro lugar, o soporte no que se atopan os gravados, a lousa, son escasos os petróglifos prehistóricos insculturados en afloramentos non graníticos como nesta ocasión. As características xeolóxicas do municipio, coa ausencia de granito, explican esta circunstancia.

Fotogrametría da Pena furada

En segundo lugar, o petróglifo non destacaría de non ter en conta a escasa presenza deste tipo de representacións, xa non só no municipio de Touro senón tamén en toda a comarca de Arzúa e incluso en comarcas lindeiras como acontece na terra de Melide.

Por último, e non menos significativo é o feito de figurar referenciada na documentación do ilustre arqueólogo Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza que custodia a súa familia.

Anotación na axenda de Ramón Sobrino-Lorenzo Ruza. Arquivo familiar Núñez-Sobrino

Concretamente na súa axenda do ano 1953 consta un apuntamento sobre o “Petróglifo de Calvos” achegado por un dos seus mellores colaboradores e amigo, Adolfo Calvo, o coñecido practicante municipal do Concello de Teo e descubridor doutros petróglifos na comarca compostelá. Unha mostra máis da relevancia deste fondo documental, no que seguimos a traballar, convencidos da súa gran utilidade para abrir novas liñas de investigación que faciliten a recuperación de petróglifos hoxe en día esquecidos ou perdidos.

Medidas preventivas para a súa conservación

 O estado actual do panel insculturado é bastante bo, con gravados ben marcados e perceptibles a calquera hora do día. Porén, o petróglifo corre graves riscos debido a situación onde se localiza, ó carón e mesmo invadindo parte do camiño de acceso ás diferentes parcelas de monte destinadas ás plantacións de eucaliptos.

Fotogrametría do petróglifo (fractura da laxe)

Dende o noso punto de vista precisaríase adoptar un pequeno plan de actuación que inclúa a súa catalogación seguida de, con certa urxencia, varias medidas preventivas dirixidas a garantir a súa conservación.

O primeiro paso será a roza da vexetación e eliminación de pequenos eucaliptos que están a medrar ó carón da laxe. Precisaríase manter unha pequena franxa de protección duns 20 m² na contorna da laxe e no borde meridional do camiño para reducir o risco de posibles afectacións polos lumes, e facilitar a súa visibilidade para permitir a súa visita e estudo.

pormenor do petróglifo

Por outra banda, é recomendable o balizado da laxe pois é habitual o paso de maquinaria pesada, destinada a traballos forestais, polo camiño que mesmo en ocasións chega a pasar por riba dos gravados. Un balizado que vede o paso dos vehículos, delimite a rocha e alerte ós conductores da súa presenza. Incluso sería de  interese estudar unha pequena modificación do camiño e do noiro para lograr manter a laxe lonxe destes vehículos e máquinas propios da industria forestal.

Unha vez garantida a súa conservación, o xacemento merece a súa promoción social mediante a súa sinalización e colocación dun pequeno panel explicativo que facilite a súa axeitada interpretación e, deste xeito, se convirta nun recurso patrimonial mais desta ruta de sendeirismo.

A pena da Letras

Durante a visita con Ana e Lili, chamounos a atención outro dos puntos de interese da Ruta da Fervenza de Hortas ó río Laña , a denominada  “Pena das Letras”.

Trátase dunha gran peneda  vertical localizada na “Devesa da Pena”, a tan só 450 m ó SO do petróglifo da Pena Furada e a uns 100 m. do río Ulla. Fica tamén ó carón do camiño tradicional por onde transcorre a ruta.

As súas coordenadas xeográficas son: 29 T X: 562469 Y: 4742660 (Datum wgs84).

Gravado rupestre da Pena das Letras

A rocha sobresae na paisaxe a pesar da vexetación que agocha boa parte da súa superficie.  Conta na parte superior cunha curiosa inscrición incompleta dividida en dous rexistros e acompañada de dúas cruces gregas que rematan en dous pequenos trazos lineais na súa base a modo de pedestal. As dúas cruces semellan marcar o inicio de lectura de cada liña da inscrición.

O mal tempo impediunos estudar con maior atención a inscrición. A dificultade da súa lectura aumenta ó figurar fragmentada e nesta primeira visita non logramos transcribila. Non obstante, tantos as letras como as cruces semellan de factura medieval ou moderna. As letras, todas maiúsculas, foron gravadas cun cicel e presentan un tamaño semellante. No primeiro rexistro, que figura incompleto, aprécianse 4 carácteres (P?APA) e outros catro no segundo (BFCD). Tamén salienta a presenza duns pequenos trazos curvos sobre varios carácteres que puideran ser vírgulas, quizais para marcar as abreviaturas.

É cedo para aventurar calquera hipótese pero non semella tratarse dunha inscrición de carácter popular senón mais ben dun rexistro culto que podería estar indicando que a pena servise de marco lindeiro dalgunha propiedade ou espazo con certa relevancia, fose civil ou relixiosa.

Como no caso da Pena Furada, este ben cultural tampouco figura no inventario do actual PXOM polo que cómpre a súa catalogación, estudo e conservación.

 

Solsticio de inverno no Monte Piquiño


Achegámosvos unhas imaxes e vídeo dunha aliñación arqueoastronómica no solsticio de inverno entre os outeiros do Meau e o Outeiro do Ledo na área arqueolóxica do Monte Piquiño no Concello de Teo.

Plano de situación dos petróglifos

Dende o Petróglifo do Meau poidemos contemplar a saída do sol xusto por riba da peneda do petróglifo do Trono do Raíña situado na cima do outeiro do Ledo.

O sol semella despois ir subindo pouco a pouco polo outeiro. Á vez os raios de sol van acariñando e iluminado as dúas combinacións de círculos concéntricos do petróglifo do Meau, dispostos nun panel inclinado que recibe a luz nunha proxección case diagonal.

Trátase dun evento astronómico que só podemos observar nestas datas do ano e que foi localizado e está a ser investigado polo especialista da Rula neste campo, Antón Bouzas.

Vandalismo no petróglifo do Meau

A nota negativa das xornadas de observación foi o estado no que nos atopamos o petróglifo do Meau. Alguén procedeu a eliminar os musgos onde se sitúan os gravados puidendo provocar graves alteracións que poñen en risco a boa conservación dos gravados.

situación do Pico Sacro e Trono da Raíña

Fose feito de boa ou mala fe o que debe ser evidente para todo aquel que visite un petróglifo é que debemos evitar exercer calquera tipo de forza mecánica sobre a superficie onde se conservan os gravados que poida alterar definitivamente a pátina conformada ó longo do tempo.

Os gravados rupestres na contorna da Torre de Hércules


Este artigo foi elaborado a proposta da revista Jael Joyas de Galicia , publicándose nunha versión resumida adaptada ó formato da revista e que podedes consultar no seguinte enderezo:  Revista Jael Joyas de Galicia, 12.

  1. Localización dos gravados coruñeses.

No extremo norte da cidade herculina e desafiando as ondas do Atlántico no agreste litoral do Golfo Ártabro sitúase a Punta da Herminia. Unha lingua de terra que penetra no mar e que abriga na súa parte central e máis elevada dúas laxes graníticas con gravuras de múltiples cruciformes e outros motivos xeométricos de complexa interpretación.

Contorna da Torre de Hércules e localización dos petróglifos

Son as derradeiras testemuñas, in situ, dos petróglifos documentados na contorna da Torre de Hércules situadas no actual espazo denominado “Parque Celta” integrado polo propio Parque da Torre e a península da Punta Herminia, case 200.000 m2 acondicionados para o seu uso público logo da recuperación da propiedade que durante décadas permaneceu baixo xurisdición militar.

Localización dos petróglifos na Península da Herminia

O conxunto rupestre de Punta Herminia, o petróglifo do Polvorín en Monte Alto (hoxe no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón) xunto cos petróglifos do Castro de Elviña son os únicos petróglifos catalogados no Concello da Coruña.

 1.1  – Os petróglifos exentos do Museo de San Antón.

Porén, convén sinalar que no propio museo do Castelo de San Antón custódianse outros petróglifos exentos que chegaron ó museo procedentes de doazóns ou depósitos de diferentes puntos da provincia da Coruña, e como consecuencia das atribucións que lle son propias como depositaria dos materiais procedentes das diferentes intervencións arqueolóxicas.

Petróglifo de Borroa (Arteixo), na actualidade depositado no Museo do Castelo de San Antón. Fotografía do blog Monte da Estrela.

Entre estes petróglifos que hoxe integran a mostra expositiva do museo  destacan os petróglifos de Borroa (Arteixo), do Castro de Socastro (Rois) ou do petróglifo da Mourela en Fonte Piñeiro (A Baña), todos eles gravados prehistóricos de tipoloxía xeométrica e clara identificación ó Grupo Galaico de Arte Rupestre.

26367995645_bdb9e8e52d_o

Petróglifos exentos do Museo do Castelo de San Antón

  1. Crónica dos achados e primeiras interpretacións.

Nesta singular paraxe da Península da Herminia foron descubertas a finais do século pasado as primeiras estacións con gravados rupestres ó ar libre da cidade,  sendo tamén unha das primeiras referencias a este tipo de manifestacións artísticas citadas na historiografía galega.

Punta Herminia. 1895. Francisco María de la Iglesia. Arquivo da Real Academia Galega

O poeta e insigne pedagogo compostelán Francisco María de la Iglesia descubría e documentaba graficamente estas primeiras laxes insculturadas do Monte do Bicos en maio de 1895.

Pena do Altar. 1895. Francisco María de la Iglesia. Arquivo da Real Academia Galega

As fotografías realizadas, hoxe entre os fondos do arquivo familiar que custodia o Arquivo da Real Academia Galega, constitúen documentos únicos das primeiras fotografías realizadas a uns petróglifos na provincia da Coruña.

Podes consultar estes fondos nesta ligazón.

Pena do Altar. 1895. Francisco María de la Iglesia. Arquivo da Real Academia Galega

De la Iglesia identificaba no só a estación principal desta área arqueolóxica, a chamada “Pedra do Altar” senón tamén describe pequenas gravuras de semellante tipoloxía situadas nas rochas inmediatas, hoxe xa desaparecidas.

Petróglifo do Polvorín. 1895. Francisco María de la Iglesia. Arquivo da Real Academia Galega.

Pouco tempo despois o daquela diario “Decano e Independente” da Coruña, “El anunciador”, recollía o día 14 de agosto de 1895 un breve apuntamento para dar conta da transcendencia da descuberta destas inscricións, consideradas fenicias, así como do envío das fotografías realizadas por Francisco Mª. de la Iglesia ás academias de historia de maior prestixio internacional para o seu estudo.

Lamentablemente a misiva non tivo resposta como anos despois nos revela o importante editor e arquiveiro -entre outras facetas- Andrés Martínez Salazar nun artigo de “La Voz de Galicia” do 8 de agosto de 1898 onde tamén subliña:

la excepcional importancia […] para la prehistoria de Galicia, y en particular para la Coruña, del hallazgo de la piedra con signos del Monte do Bicos”.

O señor Martínez Salazar remata o artigo sinalando o seguinte en relación coa necesaria conservación dos xacementos:

me abstengo de decir lo que sobre este particular se me ocurre, por creerlo de todo punto ineficaz; porque ¿quién hace caso de antiguallas que solo interesan a media docena de chiflados”.

Pena do Altar no Monte dos Bicos. 1898. La Voz de Galicia

Profética reflexión que lamentablemente poderíamos extrapolar ós nosos días, pois hai só tres anos que as autoridades competentes decidiron actuar nos petróglifos para tratar de garantir a súa conservación e iniciar a súa posta en valor.

Só dous anos despois destas primeiras descubertas do Monte dos Bicos, Santiago de la Iglesia, fillo do descubridor da Pedra do Altar, redacta nun manuscrito no que destaca a localización doutras dúas rochas gravadas preto das do “Altar”, a unha delas denomínaa “Pena da Brúxula”, situada “a 32 pasos”, con gravados semellantes á laxe principal pero en menor número e a segunda que chama “Rocha C” e que describe como unha pedra alongada e estreita cun único motivo cadrado con puntos e dous apéndices paralelos.

Posible Rocha C do petróglifo da brúxula. Desaparecido. 1895. Francisco María de la Iglesia. Arquivo da Real Academia Galega.

A instancias do propio Santiago de la Iglesia a laxe da Pena da Brúxula é soterrada para evitar novos danos tras sufrir os actos vandálicos duns pastores da zona.

A principios de 2014, esta estación foi redescuberta logo dun forte temporal que deixou de novo os gravados ó ar libre. Lamentablemente da “Rocha C” non tivemos máis novas.

Pedra bamboleante. 1895. Francisco María de la Iglesia. Arquivo da Real Academia Galega.

Anos máis tarde, outro reputado arquiveiro e director do “Arquivo General de Galicia” (actual Arquivo do Reino de Galicia) entre 1911 e 1913, Jesús González del Río, estuda e fotografía de novo os gravados da Pena do Altar e dá conta dunha última estación rupestre na contorna da Torre de Hércules, a “Pena do Polvorín” situada no Monte Alto, e así chamada ó emprazarse a escasos metros dun dos dous polvoríns militares instalados na zona.

O propio Jesús González esboza a teoría de que as gravuras situadas na Punta Herminia, A Torre e Monte Alto estaban a delimitar un espazo sagrado.

O descubrimento da Pena do Polvorín despertou tamén o interese do seu amigo o arqueólogo Juan Cabré que en colaboración co propio Jesús González publica un pequeno estudo monográfico sobre os gravados na prestixiosa revista de “Archivos, Bibliotecas y Museos” (1916).

Deseños do Petróglifo do Polvorín. 1915. Juan Cabré Aguiló

Cabré incide nesta teoría e sinala:

¡No desprovista de fundamento tendrá la tradición que perpetúan los marinos y pescadores del pais este precioso lugar llamándole el Altar!. Ellos ignoran el origen de tal denominación, pero en espíritu son fieles mantenedores del respeto religioso que profesaron a la Punta Herminia generaciones precursoras suyas muy primitivas, marinos tal vez como ellos procedentes de tierras lejanas, que al pisar el suelo de nuestra Península y morar en ella, impresionados como nosotros por la sublimidad del paisaje y cuadro que desde el Monte Vicos veíase, la eligen como lugar sagrado. En él, para conmemorar un suceso luctuoso ó para implorar los dones de sus dioses, erigen un ara o altar, cuyo monumento se conserva bastante bien, en el centro de la meseta, en la parte más ancha, y cerca de la entrada de ese recinto sagrado”.

Pedra do Polvorín. 1916. revista “Archivos, Bibliotecas y Museos”

Un “oratorio arcaico” e sinxelo formado por

unha extensa laja natural de granito, que se levanta del nivel actual del suelo unos cincuenta centímetros, no presenta motivo alguno arquitectónico, pero sí en ella se ven multitud de signos simbólicos grabados. Unos pocos están sobre la cara horizontal de la roca, el principal núcleo, en un plano ligeramente en declive, orientado al Poniente y en sentido contrario a los vientos y lluvias del Sur”.

Pedra do altar. Anos 50. Deseño de Ramón Sobrino-Lorenzo Ruza. Arquivo familiar Núñez – Sobrino.

Esta peculiar teoría do recinto sagrado foi compartida por outros autores coetáneos como o escritor coruñés Francisco Tettamany Gastón na súa obra, La torre de Hércules. Impresiones acerca de este antiquísimo faro bajo su aspecto histórico y arqueológico (1920). Tettamany que previamente acompañou en 1902 ó afamado investigador portugués José Leite de Vasconcellos na súa visita á Torre de Hércules e ós propios petróglifos, quedando este gratamente sorprendido ó admirar os antigos signos da Pena do Altar que considerou semellantes:

“ós misteriosos gravados diseminados por Europa e o novo continente reveladores dunha primitiva civilización, posiblemente neolíticos“.

  Un feito que contribuíu a dar sona e relevancia internacional ós gravados coruñeses.

  1. Cronoloxía dos gravados.

Na primeira metade do século XX ningún dos grandes investigadores, tanto nacionais como foráneos, dubidaban da datación prehistórica de ambos petróglifos. Deste xeito, prestixiosos investigadores como o alemán Obermaier (Impresiones de un viaje prehistórico por Galicia, 1923) incluían os gravados cruciformes no que el denominaba “Grupo Antiguo”, orixinado a partir da arte esquemática do neolítico penínsular.

Deseños do Petróglifo do Polvorín. Década de 1920. H. Obermaier

Os seus postulados exerceron unha extraordinaria influencia sobre os autores coetáneos e posteriores que defenderon e seguiron a súas teses. Cabré Aguiló, Carré Aldao, Sobrino Buhigas, López Cuevillas, Bouza Brey o Enmanuel Anati consideraron os gravados prehistóricos aínda que propuxeron diferentes cronoloxías.

Debuxo da Pedra do Altar. Anos 50. Deseño de Ramón Sobrino-Lorenzo Ruza. Arquivo familiar Núñez – Sobrino

Foi R. Sobrino Lorenzo – Ruza o primeiro en rachar coas teorías de Obemaier e considerar estas insculturas da Punta Herminia e o Polvorín como históricas. Nunha das primeiras visitas á zona, Sobrino Lorenzo, recolle na súa axenda:

fui a la Peña del Polvorín. Vi claramente que tiene dos técnicas, una de cincel y otra de picado, probabalemente posterior. La apariencia de modernidad es notoria por el plano de factura de la peña, que es artificial” (18 de maio de 1948).

Noutro dos seus artigos conclúe de xeito categórico:

hemos llegado recientemente a la conclusión de que estos dos petróglifos no forman parte del grupo de los colegidos en el “Corpus Petroglyphorum Galaecia” y por consiguiente deben ser excluídos de este estudio, porque además de presentar motivos absolutamente atípicos, sus características de técnica hacen que no puedan considerarse como prehistóricos” (1951).

Pedra do Altar. Anos 30. Fotografía de Ramón Sobrino Buhigas. Arquivo familiar Núñez – Sobrino

Quizais o prestixio internacional de Anati, que databa os gravados esquemáticos das penas do Monte dos Bicos na Idade do Ferro, fixo que as súas ideas prevaleceran nun ocaso cultural dos investigadores galegos azoutados por un claro sentimento de inferioridade ante as ideas chegadas alén das nosas fronteiras.

Porén, nese mesmo ano de 1966 o coruñés Luis Monteagudo, asumindo por primeira vez os postulados de X. Ferro Couselo sobre os “petroglifos de término” (1952) localizados noutros puntos do país, defendeu tamén que os petróglifos da Punta Herminia e Monte Alto eran:

cruces de sinais de termo dos séculos IX o XI“.

Unha visión contraria á dos principais divulgadores desa época.

Xa nos anos oitenta autores como Vázquez Varela e Peña Santos (1979), retomando as ideas de Sobrino Lorenzo, argumentan de novo que estas laxes de cruciformes eran de carácter histórico e constatan que a técnica empregada nos gravados fora a percusión por medio de diferentes ferramentas metálicas. Ambos sentaron as bases das teorías actuais rachando definitivamente coas propostas de Anati.

Nas últimas décadas seguiu aberto o debate sobre a xénese dos gravados, autores como Abélanet (1986), que inclúen os gravados coruñeses entre os máis relevantes da arte rupestre peninsular, propoñen unha cronoloxía prehistoria en torno o III milenio antes de cristo, ó consideralos unha “influencia” dos antropomorfos esquemáticos pintados dos abrigos rupestres levantinos.

Malia todo, as últimas achegas e traballos publicados establecen a máis que probable orixe medieval destas simbólicas laxes da Punta da Herminia (Bello Diéguez, Felipe Senén, Marco Antonio Rivas).

  1. Descrición dos Gravados.

4.1 – A Pena do Altar.

Foi a primeira estación localizada e está considerada como a estación principal do conxunto rupestre catalogado (GA1503008) situado nas proximidades da Torre de Hércules. A laxe fica a 75 m de altura sobre o nivel do mar e ten unhas medidas aproximadas de 5 m de longo e 80 cm. de alto, cunha inclinación duns 45º cara o suroeste.

Pena do Altar. 2017. Colectivo A Rula

Contén numerosas cruces de diferentes medidas e tipoloxía, varias figuran agrupadas e inscritas en círculos. Hai cruces simples, outras con bases circulares e outras case triangulares a modo de pedestais.

Pena do Altar. 2017. Posibles coviñas e marcas dos proxectís. Colectivo A Rula

Ás veces, no extremo superior e no remate dos brazos, aparecen pequenos trazos cruzados en perpendicular o suco principal. O panel complétase con outros motivos xeométricos de difícil descrición debido ó alto grao de erosión que sofren.

En xeral, o seu estado de conservación é malo debido á erosión natural, nunha zona moi próxima ó mar, pero tamén dos proxectís dos militares que empregaron a laxe de improvisada diana cando os terreos eran propiedade do exército.

Tamén cómpre sinalar os danos na área de protección provocados pola construción de valados e outras edificacións de uso militar noutrora.

4.2 – A Pena da Brúxula.

Redescuberta en xaneiro do ano 2014, despois dun forte temporal que azoutou á zona, emprázase a escasos metros da Pena do Altar. Ten gravados semellantes á laxe principal aínda que en menor número e distribuídos en dous paneis.

Pena da Brúxula. 2017. Colectivo A Rula

No panel principal figuran 6 cruces con pedestal circular en dobre aliñamento. Os cruciformes da liña inferior e de maior tamaño posúen un bo estado de conservación, porén, os gravados situados na liña superior posúen un trazo moi feble e moi erosionado polo que non descartamos a presenza doutras cruces moi esvaecidas e case imperceptibles.

petrglifo-brxula9_punta-herminia-nome-antigo_30138441614_o

Petróglifo da Brúxula. Detalle de cruciformes. Colectivo A Rula

A só uns metros ó leste figura un segundo panel que contén unha soa cruz inscrita nun círculo incompleto ou polo menos moi erosionado por un dos lados. A cruz posúe base circular como as anteriores e atópase entre varias coviñas.

petrglifo-brxula9_punta-herminia-nome-antigo_detalle_segundo-panel_30682041111_o

Petróglifo da Brúxula. Pormenor de cruciforme complexo. Colectivo A Rula

Tampouco é descartable a posible existencia de novos motivos baixo a capa vexetal que cobre parte da laxe insculturada.

4.3 – O Petróglifo do Polvorín.

Traslado do Petróglifo do Polvorín. Anos 60. Arquivo Chamoso Lamas -R.A.G.B.A.

Hoxe fica só un fragmento da laxe emprazada preto do antigo Polvorín de Monte Alto que sería trasladada ó Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón trala urbanización deste barrio nos anos sesenta, tal e como amosan varias fotografías dos fondos do arqueólogo M. Chamoso Lamas que custodia o Arquivo da Real Academia Galega de Belas Artes.

Pena do Polvorín. 1958. Fotografía de Ramón Sobrino-Lorenzo Ruza. Arquivo familiar Núñez – Sobrino

Traslado do Petróglifo do Polvorín. Anos 60. Arquivo Chamoso Lamas -R.A.G.B.A.

Os motivos representados son diferentes cruciformes estilizados semellantes ás laxes anteriores. Cruces simples, outras de base circular e contan tamén con eses pequenos sucos perpendiculares nos extremos dos brazos da cruces formando ángulos rectos como acontecía nas outras laxes. Na parte central e inferior do panel destaca unha figura tradicionalmente asociada á representación dun xinete sobre un cabalo, aínda que algúns autores a consideren unha simple letra caligráfica, unha posible “P” (Sobrino Lorenzo, 1954).

  1. Interpretación dos gravados.

Cabré é o primeiro en teorizar sobre o posible significado destas antigas inscricións rupestres. Concentra a súa atención no pormenor do deseño central dos gravados da Pena do Altar que describe como figuras estilizadas que representan unha danza cerimonial de 13 mulleres ó redor dun home.

No caso da laxe do Polvorín fala de novo de antropomorfos nun baile sagrado na honra do seu xefe tribal, representado a través da figura dun xinete a cabalo situado na parte inferior do panel. A presenza deste xinete denota un gran interese no autor pois o considera:

una de las representaciones más primitivas sobre la domesticación del caballo en España“.

Cruces esquemáticas cun “evidente” simbolismo antropomorfo que influíu na visión posterior de moitos autores.

Vista xeral de Punta Herminia. 1915. Juan Cabré Aguiló

Á marxe destas peculiares e discutibles interpretacións de Cabré, o certo é que os gravados da Península da Herminia tiveron gran repercusión ó longo do século XX e deron pé a múltiples interpretacións.

Como xa indicamos, a consideración de fitos delimitadores dun espazo sagrado foi compartida por varios autores no primeiro terzo do século XX. Algúns como o Marqués de Cerralbo considerábanos antigos “altares levantados ao sol” segundo cita Eladio Rodríguez González no seu Diccionario enciclopédico (1958).

1915. Juan Cabré Aguilar

Monteagudo interprétaos como cruces de termo do antigo couto da cidade e destaca a súa similitude coas sinaturas diplomáticas do documentos dos séculos IX – XI e tamén coas cruces de xambas e linteis das igrexas visigóticas como as de Quintanilla de las Viñas en Burgos, retomando unha teoría xa indicada previamente por R. Sobrino Lorenzo-Ruza nun dos seus artigos (1954).

Bello Diéguez (1995) ou, mais recentemente, o arqueólogo municipal, Marco Antonio Rivas (2014), subliñan a súa posible relación coa Torre de Hércules e os elementos medievais da mesma. Neste senso, pensamos que non deixa de ser significativo que as laxes do Polvorín e da Punta Herminia atopábanse en puntos equidistantes coa Torre de Hércules e case situadas en liña recta unha coa outra.

Felipe Senen López – Gómez (1994), interpreta os gravados como:

marcas medievais […] en relación coas peregrinacións, moi semellantes a outras da mesma época que aparecen en santuarios e hospitais de peregrinos á Terra Santa e a Santiago“.

Pena do Altar. 1915. Juan Cabré Aguiló

En resumo, o seu significado e cronoloxía exacta segue a ser un misterio. Os cruciformes máis simples son empregados por numerosos grupos e en diferentes contextos culturais ó longo dos tempos. Porén, a análise do emprazamento dos gravados, contexto arqueolóxico e estudo tipolóxico levou a un certo consenso ó redor de tres hipóteses interpretativas, como símbolos de propiedade das terras nas que se atopan, como símbolos de carácter apotropaico, de protección contra o descoñecido, ou mesmo ser un intento de cristianizar a zona.

  1. Valorización social.

Como namorados da historia que narran as pedras cremos que estas laxes insculturadas da Punta Herminia posúen unha longa bagaxe histórica que as converten nun importante referente patrimonial da cidade e mesmo do país.

No ano 2014, a limpeza, restauración e posterior posta en valor da área arqueolóxica da Punta da Herminia, formada polo Petróglifo da Pena do Altar e o da Pena da Brúxula, contribuiron a enriquecer culturalmente e de xeito significativo o espazo situado na contorna da Torre de Hércules destinado ó lecer da veciñanza.

Pena do Altar na actualidade. Colectivo A Rula

O labor realizado freou o deterioro dun BIC (Ben de Interese Cultural) de forma efectiva que sufriu os embates de máis dun século sen os coidados e a atención precisa. A súa catalogación e inclusión no PXOM da Coruña permitiu establecer unha contorna de protección e amortecemento axeitado a un xacemento que goza da máxima protección que establece a lexislación de patrimonio.

Os paneis sinalizadores e explicativos instalados (que inclúen ilustrativos deseños dos gravados, mapas e fotografías) proporcionan ós visitantes unha visión xeral duns dos gravados históricos máis estudados de Galiza, aínda que usualmente relegados pola historiografía tradicional a un segundo nivel en relación cos gravados prehistóricos do Grupo Galaico da Arte Rupestre.

Punta Herminia na actualidade. Parque de lecer. Colectivo A Rula

Lembremos, por último, a relevancia dos posibles lazos históricos coa Torre de Hércules, o elemento máis icónico do patrimonio artístico coruñés, declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 2009.

  1. Bibliografía
  •  Ananti, E. “El arte rupestre Gallego – portugués”. Simposio de Arte rupestre. Barcelona, 1966.
  • El Anunciador: diario decano e independiente de la Coruña y de Galicia: Apuntamento sobre as inscricións fenicias da península de la Torre de Hércules. Núm.13705 do 14/08/1895. p. 3.
  • Bello Diéguez, J.M.: “Los petroglifos de Punta Herminia y el Polvorín de Monte Alto”. En, Historia de A Coruña. Vía Láctea, edición especial para el El Ideal Gallego. A Coruña, 1998. p. 27-31.
  • Bello Diéguez, J.M.: “La Coruña antes de Roma, prehistoria”. Vía Láctea editorial. 1995, p.  30-35.
  • Cabré y Aguiló, J.E. & González del Río.: “Los petróglifos de Punta Herminia y el polvorín de Monte Alto”. En, Revista de Archivos, Bibliotecas y Museos. Tercera época. Año XIX, Tomo XXXII. Madrid, 1915. p. 450-466.
  • García, R. “Hallan otro petróglifo en la Torre”. La Voz de Galicia. Edición A Coruña. 25/01/2014.
  • Martínez Salazar. A.; “Signos Prehistóricos del Monte dos Bicos”. En, La Voz de Galicia, 8 de Agosto de 1898.
  • O Misterio sobre as “inscricións fenicias” atopadas na Torre de Hércules en 1895, Blog Historias de Galicia, 14/02/1895.
  • Nuñez Sobrino, A.: “Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza: el trayecto vocacional de un arqueólogo”, en Pontevedra, 21. Revista  de Estudos. Deputación de Pontevedra 2006.
  • Nuñez Sobrino, A.: “A dimensión científica e humanística do Arqueólogo R. Sobrino LorenzoRuza (1915-1959)”, Boletín Auriense 3 y 4, tomo XXXVIII-IX (Ourense 2008-2009).
  • Obermaier, H.: “Impresiones de un viaje prehistórico por Galicia”. En, Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos de Ourense. VII, núm. 148. Ourense, 1923.
  • Peña Santos, A. de la & Rey García, J.M.; “Petroglifos de Galicia”. Vía Láctea. 2001.
  • Sobrino Buhígas, R. “Corpus Petroglyphorum Gallaeciae”. Reedición. Estudio preliminar de Ángel Núñez Sobrino. Edicións do Castro. Sada, año 2000.
  • Sobrino Lorenzo-Ruza, R.: “Noticiario Arqueológico Hispánico”. Cuadernos 1-3, 1952-1953 Madrid.
  • Sobrino Lorenzo-Ruza, R.: “Origen de los Petroglifos gallego atlánticos”. En, Revista Zephyrvs de la Universidad de Salamanca. 1954.
  • Revisión del PGOM de Coruña. Outubro de 2011. Aprobado por orde de 25/02/2013 da C.M.A.T.I., coas modificacións realizadas á 16/05/2013. Ficha 008, petróglifo de Punta Herminia.
  • Tettamancy Gastón. F.;La torre de Hércules. Impresiones acerca de este antiquísimo faro bajo su aspecto histórico y arqueológico”. Lit. e Imp. Roel, A Coruña, 1920.
  1. Documentación.

Arquivo da Real Academia Galega.

  •   Fondo persoal da Familia Irmáns de la Iglesia. ES.GA.15030.ARAG/2.10.

– Fotografías dos esquemas realizados por Santiago de la Iglesia sobre os petróglifos da Coruña. 1879-01-01 / 1895-12-31. 1879 a 1895. A Coruña.

Punta Heminia. Prehistoria Coruñesa. Investigaciones de F. M. de la Y. 1895/ Santiago de la Iglesia. 1895-01-01. 1895. A Coruña.

Real Academia Gallega de Bellas Artes.

  •  Fondo fotográfico Chamoso Lamas (Petróglifo de Monte Alto, traballos de traslado).

Arquivo Sobrino – Nuñez, conservado na súa vivenda familiar.

  • Fondo fotográfico, epistolar e documental de Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, Dixitalización Colectivo A Rula (inédito).

– Fotografías dos petróglifos do Altar e o Polvorín (A Coruña). ca. 1954.

– Axenda persoal de Ramón Sobrino Lorenzo (ano 1948 e 1955).

Berdoias, terra de megalitos, petróglifos e fidalgos.


A Rula voa de novo cara novos horizontes detrás de antigos misterios que noutrora ilustres viaxeiros deixaron pendentes.

Os membros deste pequeno Colectivo sentimos especial devoción por aqueles recunchos do país nos que agroman antigos lugares que forman parte intrínseca da nosa historia aínda que ás veces non nos decatemos con facilidade, e, cómpre por tanto, prestarlle a nosa atención.

Así é que foi un todo un desafío o convite do Concello de Vimianzo para colaborar na organización dunha xeira nocturna pola parroquia de Berdoias que terá lugar o vindeiro día 4 de agosto.

Estades todos convidados!

 Berdoias, na terra de Soneira

San Pedro de Berdoias, no suroeste da Terra de Soneira, conserva unha boa mostra da antiga arquitectura tradicional que nos últimos tempos foi esmorecendo case que por completo na Costa da Morte, antigas edificacións produto do seu singular pasado histórico e berce dunha das familias fidalgas máis importantes da Costa da Morte, os Lema.

Primitiva casa da familia Lema en Berdoias. 1607. Fotografía. Manuel Rial

Á súa orixe remóntase ós tempos nos que o rei Filipe II, a finais do século XVI, lles concede o título de fidalguía ós irmáns Pedro e Alonso de Lema en recompensa polos servizos prestados na guerra das Alpujarras fronte os mouriscos de Granada. Fidalgos protexidos pola coroa que serían membros importantes do Santo Oficio da Inquisición (fundado polos Reis Católicos).

Foi, precisamente, Alonso de Lema, descendente do primeiro Alonso de Lema, o que levanta a primitiva casa de Berdoias no ano 1607, segundo recolle a inscrición do lintel da porta de entrada principal do inmoble:

“ESTA CASA ISO AL(ONS)º DE LEMA FA/MILIAR DEL S(ANTO) OFI(ICIO)º. AÑO DE 1607”.

Completa a inscrición os gravados dunha espada e unha palma, emblemas do “Santo Oficio de la Inquisición” presentes en moitos dos brasóns de edificios desta antiga institución distribuídos por toda a península. O referido Alonso de Lema figura como “comisario” da Inquisición no informe do proceso ás seis “meigas de Carantoña” (Vimianzo) que se custodia no Arquivo Histórico Nacional. Este comisario xogou un papel fundamental na liberación das presuntas bruxas, lideradas por Beatriz Fernández, e que procesara e torturara previamente o xuíz de Laxe ata lograr a súa confesión.

Detalle da inscripción

Segundo as crónicas foi este Alonso de Lema, home sensato e de importante peso político, o que sufragou tamén a construción da igrexa parroquial de Berdoias, no centro da parroquia e no lugar no que seu pai mandara facer a capela da Nosa Señora da O, trasladada ó lugar de Grixoa. Así o testemuña unha inscrición no exterior do muro sur da capela maior e o seu propio anagrama gravado nunha das claves da fermosa bóveda estrelada do seu interior.

A Arquiña dos Mouros

Estudos previos

Berdoias é tamén foco de atención para os estudosos do Megalitismo dende a primeira metade do século XX. A chamada Casota de Freáns ou “Arquiña dos Mouros” foi unha das antas estudadas polo matrimonio alemán dos Leisner durante a súa estadía galega na década de 1930, feito que lle outorgaría sona internacional. Os seus deseños e fotografías amosan que o dolmen non sufriu graves alteracións e modificacións nos últimos oitenta anos.

Casota de Freáns na decada de 1930. Fotografía G. Leisner

Posteriormente, A Casota, foi estudada por moitos outros autores como Luis Monteagudo, quen no ano 1948 documentaba con planos e deseños o dolmen e os seus gravados (que xa documentaran previamente os Leisner). Precisamente L. Monteagudo (1948), e posteriormente o arqueólogo Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza (1953), foron os primeiros autores en tentar plasmar en mapas e planos a situación das antas da Costa da Morte coñecidas a principios da década de 1950.

Deseño dos Leisner da Casota de Freáns. ca. 1930

Nestas últimas décadas cómpre salientar os traballos do profesor A. Rodríguez Casal que dirixiu o proxecto de “conservación e revalorización sociocultural do Patrimonio Megalítico da Costa da Morte (2001-2004)”. Un traballo que serviu de base o anunciado “Parque Megalítico da Costa da Morte” prometido pola Xunta de Galicia hai máis de 15 anos, e que aínda hoxe semella lonxe da súa necesaria execución a pesar da aprobación do consello da Xunta en 2016. O dolmen da Berdoias é un dos seleccionados para formar parte deste gran parque arqueolóxico.

Pormenor do mapa arqueolóxico elaborado por R. Sobrino Lorenzo Ruza no ano 1953. Borrador inicial

Así este monumento figura nos monográficos e guías de carácter turístico que no seu día publicaron asociacións como NERIA e o SEMESCOM (Seminario de Estudos da Costa da Morte), entidades que destacaron na loita pola protección, conservación e posta en valor do patrimonio megalítico nestas terras.

Deseño de L. Monteagudo. 1948

Descrición

As pequenas dimensións da Casota de Freáns, a súa forma e a ausencia de corredor e de estrutura tumular levou ós investigadores a incluílo no grupo de arcas megalíticas antecesoras das cistas da Idade de Bronce cunha datación aproximada entre o 2.500 e 2000 a. C. Neste senso, garda certa semellanza coa chamada “Fornela do Aplazaduiro” no veciño concello de Laxe.

Arquiña dos Mouros ou Casota de Freáns na actualidade

O dolmen atópase ó pé dun camiño tradicional que bordea a ladeira dun pequeno outeiro situado a pouco máis de 800 m da aldea. Posúe unha planta rectangular formada por 3 lousas verticais e unha cuberta monolítica de bo porte que mide 2,40 m x 3,50 m. A entrada oriéntase ó leste e ten unha lonxitude de 2,70 metros, unha altura media de 1,70 m e alcanza uns 10 metros de perímetro. A lousa de cabeceira fica acaroada a un muro lindeiro dunha parcela que se atopa á mesma altura que a cuberta do monumento.

Chama a atención o ben traballados e encaixados que están os diferentes esteos, o que debeu permitir o uso do dolmen como almacén ou refuxio para os pastores e veciños de Berdoias ata os nosos días, como reflicten dous pequenos rebaixes nos esteos laterais que permitían pendurar algún tipo de estante. É probable que este uso continuado ó longo do tempo sexa a causa de que o monumento chegara ós nosos días en bo estado.

Á marxe da súa singular estrutura cómpre destacar os gravados dos tres esteos verticais nas súas caras internas. Coviñas e cruces se distribúen dun modo peculiar o que levou a varios autores a falar de posibles representacións de constelacións, no que cada coviña estaría a representar unha estrela.

Nesta liña o arquitecto Emilio Fonseca Moretón publicou en 2009 un artigo no que trata de probar a presenza de todo un mapa estelar de hai catro mil anos de antigüidade gravado nos esteos da Casota dos Mouros. Deste xeito, e entre outras constelacións, a Osa Maior figuraría representada na parede oeste ou de cabeceira durante o equinoccio de outono.

Non obstante, e aínda que efectivamente na configuración das coviñas poida recoñecerse unha figura semellante ao carro da Osa Maior tornado cara arriba, esta posición correspóndese mais ben co equinoccio de primavera de hai 5000 – 4000 anos. Engadíndolle a isto a discrepancia existente entre o número de coviñas fronte ao de estrelas e considerando a ausencia de paralelismos claramente recoñecibles noutros casos similares, esta hipótese semella polo de agora dubidosa ou dificilmente demostrable.

Coviñas e cruces na lousa da cabeceira do dolmen. Posible representación da constelación da Osa Maior

Na parte exterior da lousa de cubrición, na zona pegada ó muro da leira, existe tamén unha cruz histórica, realizada cunha ferramenta metálica, que semella unha antiga marca de termo. No outro extremo do esteo figuran dúas coviñas.

Os petróglifos de Pedrouzos

Situación e descuberta dos gravados

Malia todo, o foco de atención das nosas visitas (non podía ser doutro xeito) son os chamados petróglifos de Pedrouzos. Trátase de dúas estacións situadas a escasos 50 metros unha da outra, nun outeiro da paraxe de Pedrouzos a pouco máis de 500 metros ó suroeste da aldea. Desde o outeiro tense un amplo domino visual sobre o val situado na súa contorna, cunha extensa pradería cara oeste e unha zona de monte ó leste con recentes plantacións de eucalipto tras a vaga de incendios que afectaron á zona nesta última década (2001, 2008, 2010 e 2015).

Plano de situación dos petróglifos de Pedrouzos na aldea de Berdoias (Vimianzo)

Os primeiros gravados foron localizados o 16 de novembro de 2003 por uns cazadores veciños do zona, segundo recolle unha nova do xornal “La Voz de Galicia” do 25 de xaneiro de 2004.

Só uns días despois o incansable Roberto Mouzo, un dos grandes defensores do patrimonio da comarca, localizou a segunda estación. Este enxeñeiro técnico, membro de numerosos colectivos e asociacións culturais da zona, foi tamén o autor dos primeiros e únicos debuxos do petróglifo -ata o momento- que incluiría no gran mapa do “Roteiro Megalítico pola Terra de Soneira” editado polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte no ano 2005, asociación da que tamén foi un dos seus maiores impulsores.

Fotografía da descoberta en 2003 dos petróglifos dos Pedrouzos. La Voz de Galicia. 27/01/2004

Descrición dos gravados

Debido a forte erosión que presentan moitas das figuras de ambas estacións fíxose preciso a elaboración de múltiples modelos 3d para poder precisar a descrición dos gravados e así tratar de amosarllos correctamente ós asistentes da xeira nocturna do vindeiro día 4 de agosto.

Distribución dos gravados en 4 paneis. Os Pedrouzos 1

O resultado final permitiunos localizar novos gravados que con luz natural era imposible apreciar. Deste xeito agora podémosvos ofrecer unha descrición pormenorizada e completa dos diferentes motivos insculturados.

Distribución dos gravados en 4 paneis. Os Pedrouzos 1

Asemade, a análise baseada nestes modelos e o estudo das súas características formais, técnicas empregadas e deseños dos diferentes motivos prehistóricos veñen a apuntar a unha mesma autoría e cronoloxía en ambas estacións e probablemente tamén no petróglifo do Outeiro de Recosto en Boallo situado a 1.800 m ó NO (preto do linde con Muxía) e co que gardan evidentes semellanzas formais e estilísticas.

A primeira estación localízase nunha ampla laxe granítica de gran fino situada na cima dun Outeiro de 261 metros de altitude. Os gravados distribúense en catro paneis con múltiples deseños de tipo xeométrico que podemos datar no período de transición entre o Calcolítico e a primeira Idade do Bronce, é dicir ca. 2100 – 1.600 a. C.

Pormenor dos gravados do Panel 2. Estación 1 dos Pedrouzos

Empezaremos a descrición dos diferentes paneis seguindo a orientación E-O. O primeiro panel está situado na parte superior da laxe nunha zona plana aínda que con certa inclinación cara o leste. Conserva unha combinación circular formada por tres aneis e coviña central cun radio de saída que parte da coviña central e descende pola rocha ata unha zona degradada pola acción dos canteiros. A dereita da combinación cara o NO hai unha pequena agrupación de 5 coviñas.

Na parte central da rocha, na zona máis chá, figura o segundo panel que contén tres novas combinacións de círculos concéntricos con tres aneis. Conforman unha agrupación sen apenas espazos libres entre os motivos situándose a máis grande encima das outras dúas. O grao de erosión dificulta a súa visualización, sobre todo a de maior tamaño, duns 40 cm de diámetro. Completan o panel varias coviñas illadas e restos doutras posibles combinacións practicamente esvaecidas.

Pormenor dos gravados do Panel 3. Estación 1 dos Pedrouzos

O terceiro panel, na zona máis afundida da rocha e na parte norte da laxe, presenta numerosas coviñas e cazoletas de diferente tamaño distribuídas por toda a súa superficie de xeito aparentemente arbitrario, ficando algunhas delas unidas por sucos moi esvaecidos.

O derradeiro panel sitúase na parte máis elevada e tamén menos uniforme. Por todo o bordo superior da peneda hai unha longa liña de coviñas e cazoletas, na zona lateral cara o oeste figuran máis coviñas, moitas delas rodeadas dun pequeno anel e outras agrupadas dentro dun suco que as rodea.

Tamén existen restos de polo menos dúas combinacións de círculos concéntricos con dous aneis e coviña central. Na parte sur deste último panel existen tres pequenas combinacións, unha delas practicamente imperceptible de dobre anel, otra con tres aneis e coviña central e unha última dun só anel e tamén con coviña no centro. Por último, na zona norte hai unha última combinación circular de dobre anel e cun suco de saída que descende uns 15 cm polo lateral da laxe orientada ó oeste.

Pormenor dos gravados do Panel 4. Estación 1 dos Pedrouzos

En resumo, esta primeira estación conta con cando menos 9 combinacións circulares aínda que existen evidencias dun número moi superior de gravados desta tipoloxía.

A segunda estación atópase nunha laxe do mesmo afloramento granítico pero situada na zona menos elevada. Os gravados figuran case a rentes do chan, e na superficie máis plana da rocha de formas moi irregulares e moi alterada pola acción extractiva dos canteiros. Está a menor altitude (250 m.s.n.m.) ca a primeira estación e preto da actual pista de acceso que bordea a aldea e sirve de acceso ás diferentes parcelas da zona.

Vista xeral da Estación 2 dos Pedrouzos

Os gravados figuran ó longo dun único panel lixeiramente inclinado cara ó sur e orientados cara un outeiro próximo situado ó sur a maior altitude. Estes gravados só son visibles cando nos achegamos a escasos metros deles polo súa cara suroeste, xa que o resto da superficie da peneda oculta o panel insculturado.

Como a primeira estación esta tamén presenta gravados de temática abstracta e carácter xeométrico pero a morfoloxía de sucos (máis ancho e fondo) e a diferente tipoloxía dos motivos representados indícanos que estamos ante un panel gravado en diferentes períodos (debido a procesos de reavivado e/ou a incorporación de novos motivos, se ben a maioría serían de adscrición prehistórica.

Modelo 3D da Estación 2

Seguiremos de novo a orientación E-O para describir as diferentes figuras agrupándoas en tres zonas. Na zona máis oriental do panel localízanse as dúas figuras de maior tamaño, a primeira é unha combinación circular de 3 aneis e coviña central que ten acaroada pola parte superior unha forma rectangular alongada moi erosionada e dividida en dúas seccións e unida á combinación por dous pequenos trazos. Na parte inferior da combinación tamén ten unido un círculo simple dividido en dúas partes por un suco que se prolonga fóra do anel en dirección sur. A continuación, unha segunda combinación que é a de maior diámetro das localizadas (uns 45 cm) e composta por catro aneis e coviña central. Ó seu carón un deseño ovalado dividido no seu interior en pequenos cadrados de cantos redondeados que proporcionan á figura unha forma que recorda a de balón de fútbol á figura.

Pormenor da Estación 2. Gravados históricos e prehistóricos

Pechan esta primeira zona de gravados, unha pequena cruz sobre un círculo, dous aneis unidos en forma de 8 e restos doutros motivos, probablemente círculos e pequenas combinacións unidas por sucos.

Na zona central e inferior do panel, case a rentes do chan polo que non é doado a súa percepción, figuran outras tres combinacións circulares dispostas de xeito semellante ó   segundo panel da primeira estación, unha combinación de maior tamaño con 4 aneis e dúas máis pegadas de inferior diámetro con dobre anel, unha delas con coviña central. Acompañan as combinacións pequenas coviñas illadas sen orden aparente.

Vista xeral da Estación 2

Na parte superior do panel constan 3 novas combinacións rapidamente identificables pola súa boa conservación e ancho suco con sección transversal en “U”.

A maior delas posúe 3 aneis e coviña central e ten acaroada unha estraña forma rectangular moi irregular segmentada en catro seccións por dous sucos, un perpendicular que parte da coviña central da combinación circular, e outro en horizontal, unido a unha diáclase natural, que divide o deseño en catro cadrados, os dous inferiores moi irregulares. A fenda horizontal prolóngase cara o oeste e serve de elemento delimitador inferior das outras combinacións situadas ó lado esquerdo da principal, situadas unha sobre a outra e unidas por un suco. Ambas teñen dobre anel, coviña central e suco de saída. A localizada na parte superior conta tamén cunha pequena forma ovalada unida á combinación pola súa parte inferior e seccionada a metade polo suco de saída que une ambas combinacións.

A combinación principal desta composición e os cadrados acaroados na súa parte inferior dispostos seguindo o suco lineal que parte da coviña central forman un curioso deseño que lembra outras composicións xeométricas noutros petróglifos galegos (Petróglifo do Monte Castelo e Peneda Negra en Ames, Petróglifo da Devesa da Rula 2 en Santiago, Petróglifos do Monte da Calvela en Vilarmaior, etc) que, coa cautela debida, poderían representar de xeito esquemático figuras humanas.

Na parte máis occidental da laxe e illada das anteriores, existe unha nova combinación de dobre anel e coviña.

Xunto ós motivos prehistóricos completan o repertorio iconográfico outros motivos de factura histórica (presentan diferente feitura e tipoloxía) que fican na parte inferior e central do panel ó carón dos motivos prehistóricos, sen alteralos e respectándoos. Trátase de cruces simples e cruces dobres con brazos rematados en círculos, cruces con pés circulares, formas en phi grego (φ), e outros motivos de difícil descrición polo seu deficiente estado de conservación. Estas cruces cos extremos adornados con formas esféricas ou pomos posúen certa similitude con outros conxuntos rupestres localizados noutras áreas arqueolóxicas galegas (petróglifo do Agro do Crego en Compostela ou o Petróglifo do Monte de Camoiras en Lugo) e interpretados como fitos para a delimitación de propiedades e xurisdicións tanto eclesiásticas como señoriais. Neste senso, podemos deducir unha posible relación coa delimitación dos coutos de Berdoias e Boallo que estableceu en 1622 o fidalgo Alonso de Lema. Desta forma “marcaban” unha laxe que xa posuía unha forte carga simbólica previa para os veciños coñecedores destes antigos gravados o que reforzaría a súa autoridade. Porén, a presenza das cruces pode relacionarse tamén con antigos rituais de cristianización dun lugar de culto pagán.

É nesta segunda estación onde se aprecian pequenos danos debidos ós incendios forestais dos últimos anos como pequenas fragmentacións da capa exterior ou alteracións na cor da patina que cobre a súa superficie da rocha en varias zonas.

Modelo 3D da Estación 2 dos Pedrouzos

Interpretación dos gravados

As laxes do Outeiro de Pedrouzo representan arquetipos clásicos do chamado Grupo Galaico da Arte Rupestre elaborados coa tradicional técnica do dobre suco propio da meirande parte dos petróglifos galegos sobre o característico soporte granítico de gran fino. A pesar de localizarse nunha zona onde a arte rupestre era case descoñecida hai só uns anos -lonxe dos núcleos clásicos de estudo da arte rupestre galega- estamos diante dun conxunto excepcional polo importante número de gravados representados, entre eles 17 combinacións de círculos concéntricos de diferentes tamaños, sen dúbida o elemento máis representativo da arte rupestre galaica e tamén do occidente atlántico europeo. Mais é probable que sexan só unha pequena parte dos existentes no seu día pois a zona presenta mostras evidentes dunha intensa actividade de extracción por parte dos canteiros dende hai séculos.

Visita previa co técnico de patrimonio de Vimianzo

O emprazamento nun outeiro granítico situado a media altura sobre o val coincide tamén coa paisaxe tradicional presente noutras áreas arqueolóxicas con arte rupestre galega.

Polo que respecta á interpretación dos gravados, segue a ser este un tema polémico entre os investigadores pois a maior parte dos motivos representados carecen de paralelos no mundo real como acontece nas laxes de Pedrouzos. Malia todo, semella que a súa realización está directamente relacionada co universo simbólico e ideolóxico destas comunidades asentadas na contorna próxima ós conxuntos rupestres.

Estes gravados que constitúen, por tanto, un representación colectiva da súa realidade social e do seu imaxinario común, un intento de “humanización” do espazo vital destas comunidades polo que é fundamental non só respectar os xacementos senón tamén preservar o seu contorno inmediato, chave para a explicar o seu posible significado.

Petróglifo de Boallo

Neste senso, os estudos realizados agora polo colectivo a Rula revelan unha peculiar e concreta disposición dos gravados en relación coas posicións da Lúa durante a idade do bronce. Analizada a configuración do horizonte observable desde a posición topográfica dos gravados e comparándoa coa posicións acadadas polo noso satélite en determinadas datas significativas, resulta que os petróglifos de Pedrouzos están situados estratexicamente para poder monitorizar os movimentos da Lúa durante o lunasticio maior.

Neste ciclo que se repite cada 18,61 anos, a Lúa acada as posicións extremas saíndo e poñéndose mais ao norte e ao sur que o sol durante os solsticios. Efectivamente, durante o ano do lunasticio a Lúa alterna estas posicións extremas cada mes, aínda que coincidindo únicamente estas posicións extremas coas lúas a novas e cheas durante os solsticios do inverno e do verán. Así, desde o petróglifo de Pedrouzos 2 pode verse sair a Lúa na posición extrema sur do lunasticio sobre o Castro de Sarteguas, o monte de 515 msnm que domina o seu horizonte. Paralelamente, a posición dos outros gravados de Pedrouzos 1 coincide coa que resulta precisa para poder controlar a posición extrema norte do lunasticio sobre o anterior de Pedrouzos 2.

Por conseguinte, pode concluírse que a posición topográfica de ambos gravados. un no alto do outeiro e o outro ben afastado cara abaixo ata lograr a precisa perspectiva requirida, fan desta estación un caso bastante excepcional cuxa correlación astronómica resulta imposible de explicar por efecto do azar.

Existen mais casos de petróglifos onde podemos atopar aliñacións arqueoastronómicas relevantes (pendentes de publicación), pero neste en concreto, o feito de que unha das aliñacións sexa totalmente antrópica con gravados situados en ambos extremos da liña observador – observado denota unha evidente intencionalidade.

Paradoxalmente, os petróglifos de Pedrouzos revelan mais información sobre quen fixo os gravados que sobre os propios motivos representados. Se ben descoñecemos aínda o que pretendía representarse, pois non pode establecerse unha correspondencia directa entre tipoloxías e eventos astronómicos concretos, si poden inferirse certas conclusións interesantes. Únicamente unha observación sistemática, repetida e transmitida ao longo de xeracións permitiría explicar satisfactoriamente o manexo dunha “astronomía do horizonte” empírica e precientífica como a que atopamos aquí.

O caso de Pedrouzos (entre outros) apuntaría por tanto á existencia dunha caste probablemente sacerdotal, que efectuaba observacións astronómicas rituais coa funcionalidade do manexo dun calendario prehistórico. Monteagudo xa interpretou hai tempo este tipo de outeiros como altares. Desde a perspectiva aquí prantexada, Pedrouzos representaría daquela un auténtico “altar da Lúa”. Nesta mesma liña, estes petróglifos ofrecerían tamén outra información relevante, pois se ben os cálculos astronómicos deste estudio foron realizados para unha data de hai 4500 anos, a variación das posicións da Lúa nun lapso de tempo de 1500 anos en adiante apenas se desprazou un cuarto de grao (medio disco lunar), indicando que o carácter de “altar lunar” de Pedrouzos se axustaría mellor á Idade de Bronce ca a épocas posteriores.

Conclusión

Dende o Colectivo agardamos que este pequeno estudo e a posterior xeira nocturna sexa só un punto de partida para novos traballos en prol da conservación e futura posta en valor desta interesante área arqueolóxica do lugar de Berdoias. Un proceso que obrigatoriamente debe iniciarse coa súa catalogación (aínda pendente) e inclusión no Inventario Arqueolóxico Municipal que posteriormente deberá recoller o futuro e necesario PXOM de Vimianzo. A delimitación de áreas de protección e amortecemento permitirá loitar contra posibles danos ocasionados polo paso de maquinaria pesada empregada na industria forestal nesta zona. De igual xeito, é fundamental manter un perímetro de protección limpo de broza ó carón das estacións para evitar novos danos no caso de novos incendios.

Rematamos agradecendo ó Concello de Vimianzo, e en especial ó seu tecnico Manuel Rial, polas xestións que permitiron a realización desta actividade.

Bibliografía

Notas de Prensa

Información da Ruta por Berdoias:

Wikiloc Colectivo A Rula

 

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Créase a Rede do Patrimonio Cultural


As estatísticas, informes e novas de prensa amosan que o ritmo de destrución do noso patrimonio é alarmante nestes últimos anos. Un feito irreversible que supón a perda de múltiples oportunidades de desenvolvemento social, económico, turístico, cultural e de proxección cara o exterior.

O desleixo institucional cara o noso patrimonio xunto coas desacertadas políticas forestais propicia a situación de abandono progresivo do rural galego que xerou unha paisaxe cada vez máis alterada e altamente inflamable que, malia todo, proporciona acubillo a boa parte dos nosos bens culturais.

Urxe, por tanto, adoptar medidas precisas para reverter esta situación.

A unión fai a forza e o traballo conxunto con outras entidades de todo o país, que ó longo destes anos veñen amosando a mesma inquietude ante esta lamentable situación, pode ser unha vía para lograr frear os danos ó noso patrimonio.  

Esta nova Rede do Patrimonio Cutural, que o vindeiro sábado inicia o seu camiño, deberá ser “a ferramenta conxunta para dirixirse ás autoridades, organismos ou entidades pertinentes en prol da salvagarda do noso patrimonio cultural”, tal como recolle a declaración que o Colectivo A Rula presenta conxuntamente con Mariña Patrimonio, Apatrigal, Cultura do País, Gentalha do Pichel, ADEGA, Sociedade Antropolóxica Galega, Patrimonio Galego e Historia de Galicia.  Unha declaración que recolle os obxectivos e liñas xerais de funcionamento da rede.

É o momento de dar un paso que permita enfrontar novos desafíos, sempre desde o respecto á idiosincrasia das entidades locais e comarcais do país. O día 3 de xuño, ás 11 da mañá, no Salón de Actos do Museo do Pobo Galego, celebraremos unha xuntanza aberta para a constitución da Rede. Un instrumento sinxelo e flexible que permitirá ás asociacións de carácter local emprender accións conxuntas na defensa do patrimonio cultural galego.

Somos conscientes de que será difícil unificar as diferentes vontades e realidades presentes no noso territorio, mais o obxectivo final merece a pena.

Dende o Colectivo A Rula e demais convocantes animamos a todas aquelas entidades que así o consideren a adherirse a esta iniciativa. Só tedes que inscribirvos no formulario que está ó final da declaración, ou clickando aquí

Agro do Campo 3. Un novo petróglifo ó pé do Camiño xacobeo de Fisterra


O incendio do pasado mes de xullo provocou danos irreversibles e irreparables no patrimonio cultural do Monte San Miguel e no val da Portela de Villestro.

Só foi un capítulo máis dunha longa vaga de incendios que afectan o noso país verán tras verán e que producen importantes danos no eido humano, económico, medioambiental, paisaxístico, patrimonial… que semellan non ter fin se non actuamos con urxencia e adoitamos medidas efectivas que, pouco a pouco, revertan esta situación.

mapa-devesaarula-agro-do-campoMalia todo, e como xa previamos, cada novo lume déixanos o paradoxo de proporcionarnos novos achados que permanecían ocultos polo mato, a pesares de situarse preto doutros xacementos coñecidos.

Hai só uns días nun dos paseos rutineiros pola zona descubrimos un novo petróglifo na parte baixa do Monte de San Miguel, ó carón mesmo do Camiño de Santiago. A propia pista por onde transcorre a senda xacobea a Fisterra serviu de freo ó avance das lapas neste extremo Sur da área afectada polo lume.

O descubridor

O descubridor Manuel e Xosé en Agro do Campo 3

Trátase da terceira estación localizada nestes últimos anos na paraxe do Agro do Campo que curiosamente se sitúa a escasos 50 metros dun dos petróglifos máis gravemente danados polo paso da maquinaria no incendio de finais de xullo.

Agro do Campo 1

Agro do Campo 1

Neste fondo do val da Portela de Villestro figuran tamén outros xacementos próximos como o petróglifo do Rexío, os Petróglifos do Valado e as estacións 1 e 2 da Devesa da Rula.

31369435760_fcf57881ce_k

A silente moura do Rexio

O Valado

O Valado

Os gravados de Agro de Campo 3

Os gravados (Localización: 29 T 531279 4747697 (WGS 84), 183 m de altitude) distribúense nun afloramento rochoso granítico moi irregular, sen disposición aparente, en 8 paneis de 5 rochas de pequenas dimensións e formas diversas que fican a escasos metros unhas doutras. Hai laxes planas a rentes do chan e outras que forman curiosas formacións graníticas graduadas en chanzos a varias alturas que, malia todo, apenas destacan da súa contorna, o que dificultaba a súa localización antes do incendio.

31536139912_bb98d9e091_kO xacemento conta cun amplo abano de motivos xeométricos formados por coviñas e cazoletas, sucos lineais, cruciformes diversos e unha combinación de círculos concéntricos.

15682396_1395356490498983_2092447860_oO motivo máis representado son as coviñas e cazoletas, preto de medio cento entre os diferentes paneis. Destaca a gran diversidade de tamaños e profundidade destas pequenas “cuncas” distribuídas de xeito irregular por todas as laxes insculturadas.

Hai cazoletas de ata 10 cm de diametro e 4 de profundidade pero tamén pequenas coviñas que non chegan ós 5 cm de diametro e apenás 1 cm de fondo. Tamén cómpre sinalar que varias coviñas presentan pequenos apéndices.

Panel 6. Agro do Campo 3

Panel 6. Agro do Campo 3

En dous paneis figuran dúas cruces de diferente estilo e tamaño. A primeira delas de 33 x 21 cm está nun pequeno chanzo na parte vertical da rocha, presenta sucos moi erosionados con sección transversal en U e case 5 cm de ancho. Lémbranos outro cruciforme que figura na estación 7 da Devesa da Rula.

30871933533_3230a6841e_oPola contra, na laxe contigua existe unha segunda cruz máis pequena (15 x 13 cm) inscrita dentro dun círculo moi irregular delimitado por coviñas e outros sucos. A cruz semella feita cunha ferramenta metálica e tería adscrición histórica.

31309798040_4132faf494_k A súa traza e forma é similar a outra cruz presente na estación 1 do Agro do Campo. Neste mesmo panel figuran varios sucos lineais moi erosionados de difícil interpretación.

Porén, o motivo máis relevante deste conxunto é unha combinación circular de 48 cm. orientada ó oeste, formada por 3 aneis e coviña central.

31536133802_27afe775d6_kA pesar da erosión apréciase un pequeno saínte rectangular cara ó poñente e dúas coviñas situadas case en paralelo na parte superior do panel ó norte, unha sobre o propio anel exterior da combinación e a outra ó seu carón.

Tanto o deseño como a pátina deste panel amosan evidentes sinais de degradación e decoración como consecuencia directa do incendio. A súa presenza diferenza este petróglifo das outras estacións situadas na paraxe do Agro do Campo que posúen só coviñas e cruces.

31682162185_e536dc8ed9_kÁ marxe destes sinais prehistóricos, esta paraxe volve ser escenario da angueira extractiva dos nosos canteiros. Pensamos que os xacementos conservados na actualidade representan só unha pequena parte dos existentes no seu día.

Xa o ilustre arqueólogo, Ramón Sobrino Lorenzo Ruza, recollía nos seus manuscritos dos anos cincuenta mostras da destrución dos petróglifos por parte destes antigos arxinas que traballaban por todo o val de Roxos.

Catalogación

O Colectivo xa informou deste novo ben patrimonial á empresa Horizonte Norte que en colaboración con UAV Galicia están a rematar co inventario de todos os petróglifos inéditos localizados nestes últimos anos na comarca de Compostela. Un proxecto promovido pola Dirección Xeral de Patrimonio que conta coa colaboración do Colectivo A Rula.

31741696365_2bfe20d892_kO novo petróglifo de Agro do Campo 3 xunto con outra estación, recentemente descuberta polos amigos da Plataforma pola Recuperación do Río Sar nun outeiro próximo á ponte medieval da Cabrita, son os dous últimos elementos en integrar este novo inventario que duplicará o número de estacións catalogadas na comarca (máis de 110) e que pon de manifesto a relevancia da arte rupestre nas terras de Compostela, non só pola gran concentración de gravados senón tamén pola calidade e singularidade de moitos destes petróglifos.

Agardemos que sexa a ferramenta básica que precisabamos para emprender novos proxectos en prol da conservación e difusión deste importante patrimonio compostelá.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

As faixas de protección do patrimonio no monte: a transformación dunha debilidade nunha oportunidade para unha infraestructura verde(social e ecosistémica)


Os incendios forestais do verán de 2016 afectaron gravemente a moitas áreas de petróglifos galegos. Este rico patrimonio cultural está en serio risco de desaparición, así como os miles de castros e mámoas espalladas polos nosos montes, que tamén están nun estado de abandono case xeralizado.

28102898554_98b09f532b_k

Vista xeral da Devesa da Rula tralo lume deste verán

A arte rupestre galega ao ar libre pode datarse entre o inicio da idade do bronce ata principios da idade do ferro. Estes gravados aparecen preferentemente a media altura, en torno a brañas e lugares favorables para o aproveitamento estacional da gandería, ou en pequenos outeiros penedíos das serras litorais e prelitorais. Considerados a nivel macro territorial, adoitan distribuírse ao longo de vellos camiños e rutas históricas que conectan a costa co interior, a través dos grandes vales e depresións que estruturan o relevo da Galicia occidental.

_utf-8_b_tw9udgvzigrlienhyw1h77-9bybkzxnwb2lzigrvigk_-_utf-8_b_bmnlbmrpbybkzsbbz29zdg8gzgugidiwmtyuanbn_

Vista xeral tras os lumes deste verán en Porto do Son

Descoñecemos practicamente a súa función e significado, aínda que podemos interpretalos como un xeito de apropiación do territorio, pois se adscriben ao período da nosa historia no que a tecnoloxía metalúrxica consolidou unha agricultura sedentaria mais intensiva que a previa do megalitismo, que conduciu finalmente ao xurdimento dos primeiros núcleos de habitación permanentes.

A conservación dos petróglifos galegos, ao igual que a das mámoas, castros e outros elementos, corresponde loxicamente ao ámbito e competencias do patrimonio, pero calquera esforzo pretendido ou realizado neste eido enfróntase a un problema sistémico de difícil solución: localízanse maioritariamente no monte, e o monte representa un fabuloso reto pendente para a sociedade galega do século XXI.

propiedademonteGalicia é un pais de montes, dado que mais de dúas terceiras do seu territorio son monte (68%) e unicamente existe un 30% de superficie agraria útil, onde se instalan os solos profundos, chans e produtivos. Aínda hoxe os cidadáns galegos, tanto urbanos como rurais, teñen interiorizado que os montes rozábanse para fertilizar aos cultivos permanentes (precisándose de dúas a cinco hectáreas de monte para manter unha hectárea de cultivo). Ademais disto servían para o pastoreo extensivo e o cultivo de cereal en “estivadas” (alternancias de cereal con barbeitos de toxos ou xestas durante varios anos) que practicaban os mais desfavorecidos, mediante a roza, queima e sementeira de parcelas de matogueira. mapaforestal

As vellas fames non só quedaron marcadas na mentalidade galega, pois deixaron tamén a súa pegada na paisaxe debido ás crises malthusianas, que desencadearon intensos procesos migratorios expulsando habitantes por centos de miles durante os séculos XIX e XX.

Sabemos por estudos paleobotánicos que un gran bosque atlántico primixenio cubriu Galicia ata o megalitismo. Nel prosperaban especies actualmente desaparecidas ou moi diminuídas, árbores como os teixos, as ulmeiras, os tilos, as faias e os pradairos, que se acompañaban de especies menos vigorosas como as abeleiras, os acivros, espiños, abruños, capudres, loureiros e outras. Estas formacións cheas de biodiversidade, e dominadas por inmensos carballos, rebolos e sobreiras de ata  500 ou incluso mil anos de idade, comezaron a ser desprazadas polos cultivos e matogueiras durante o neolítico.

petrosmasterplan-1Os nosos primeiros gandeiros vagaron polas serras atrás do gando, abríndose paso co lume e os machados de pedra, para sementar o cereal e fundar as primeiras agras e lugares habitados. A ocupación do territorio espallouse polas alturas, mais doadas de controlar polo lixeireza dos solos e a facilidade de desprazamento, en contraste coa selva impenetrable acantonada nos fondos de val. Cada unha das seguintes etapas históricas representou un renovado avance colonizador, baixando das alturas e ocupando os vales, expandíndose progresivamente como testemuñan os castros da segunda idade do ferro ou as fundacións baixomedievais.

A explosión demográfica inducida pola introdución do millo e a pataca desembocou no mínimo histórico de extensión dos bosques naturais a principios do século vinte. Previamente no século anterior extinguírase practicamente toda a gran fauna bioindicadora de bosques nativos que nos quedaba. Por volta dos procesos desamortizadores e a privatización e división dos montes comunais do século XIX, desapareceron os cervos de Galicia e os últimos osos dos montes de Oseira e o Candán. A mediados do século XX xa non quedaba en Galicia practicamente nada das comunidades animais e vexetais nativas dos bosques antigos.

Despois do colapso do sistema agrario tradicional nos anos sesenta, o xeneralizado abandono do rural no cambio de século deixou unha paisaxe ecoloxicamente desestabilizada e altamente inflamable. A desaparición das rozas tradicionais, da gandería extensiva e a ausencia de grandes herbívoros silvestres, combinadas coa maior produtividade forestal de Europa e unha seca estival de un a tres meses (o gradiente de norte a sur) fai medrar o mato vizosamente durante o ano para logo arder ciclicamente cada 6 ou 7 veráns, producindo un cóctel explosivo sen parangón noutras terras atlánticas ou mediterráneas.

cortasmadeiraA política forestal das últimas catro décadas continuou coa repoboación forestal practicamente exclusiva de especies pirófitas, promovendo o cultivo dos eucaliptos sen límite ou control efectivo. O sector forestal determina absolutamente todo que se fai nos nosos montes, sen outro criterio real que o produtivo, orientando toda a normativa vixente á madeira de baixa calidade.

Galicia produce o 50% das cortas anuais de España, o 43% da madeira serrada, o 33% dos taboleiros e o 35 % de pasta de papel. Segundo a Confederación de Empresas da Madeira (Confemadera) en 2014 cortáronse en Galicia 7,5 millóns de metros cúbicos por valor de 280 millóns de euros. Incluíndo a primeira e segunda transformación, o total do sector representou o 3,25 % do PIB galego, creando 20.000 empregos directos.

xestionmonte-conservacionpatrimonio-5Segundo o Consello de Contas, durante o quinquenio 2008-12 a Xunta gastou cada ano uns 150 millóns de euros na súa política forestal, dos que 100 millóns foron destinados á extinción de incendios. Isto entre en contradición co vixente Plan Forestal de Galicia (1992-2032), que tiña previsto un 13,20% para extinción fronte ao 86,80% para fomento das políticas forestais (ordenación, prevención e industria). Asemade incumpre o obxectivo de dedicar o 3% do orzamento autonómico ao sector, cando realmente estase a investir o 1,44%.

A propiedade dos montes galegos repártese nun exiguo 2% de titularidade pública, un 30% de montes veciñais en man común e un 68% de propiedade privada, que corresponde a 672.000 propietarios particulares, dos que se estima que entre un 30% e un 20 % son absentistas (ao non realizar ningún tipo de xestión).

Así, o tamaño medio da explotación forestal oscila entre 1,5 e 2,0 hectáreas  (Xunta de Galicia, 1992), sendo a parcela forestal media de 2.300 m2 (MMA, 2002), o que representa un atranco, pois as superficies inferiores a un terzo de hectárea adoitan ser rexeitadas polas empresas de tala e compra de madeira debido a súa insuficiente rendibilidade.

petrosmasterplan-2Unha política forestal correspondente a unha sociedade suficientemente civilizada e desenvolvida  perseguiría unha xestión sostible do monte, garantido o uso múltiple integrado das tres funcións fundamentais que este pode desempeñar: a ECONÓMICA, coa produción de madeira, froitos, pastos, cortizas, caza, pesca, cogomelos, plantas aromáticas, etc.; a AMBIENTAL coa regulación do ciclo da auga, a conservación dos solos, o sumidoiro de CO2 e a conservación da biodiversidade de fauna e flora; e finalmente a SOCIAL, orientada ao ocio, a educación, o turismo, e por suposto a conservación do patrimonio.

A realidade actual é que a administración gasta mais de 100 millóns de euros anualmente para protexer unha colleita anual de madeira que apenas alcanza os 300 millóns de euros, resultando que os custos de extinción non se corresponden coa contraprestación dun uso múltiple do monte, que atenda as funcións ambientais e sociais ademais das económicas.

petrosmasterplan-3Por tanto a pregunta obvia sería: se a industria e propietarios se benefician dun aporte público que pode alcanzar o 40% do valor do cultivo, non debería a cidadanía recibir a cambio o manexo ecolóxico e social dunha certa porcentaxe de superficie do monte?

Tal vez un quinto ou unha décima parte da porcentaxe do gasto, correspondéndose a entre un 10 ou un 20 % da superficie do monte? Porque os mais de dous millóns de cidadáns que non son propietarios teñen que sufragar cada ano os gastos de extinción? Resulta evidente que debido a que ninguén quere que o seu pais arda polos catro costados, pero se cadra vai sendo hora de equilibrar un pouco a balanza e recibir algo a cambio mais alá de evitar que ardan as vivendas espalladas polo territorio.

_utf-8_b_umv4zw5lcmfjae-_vw4gzg9zigv1y2fsaxa_-_utf-8_b_d__-___filename_1__g9zigrlc3bvaxmgzg8gsw5jzw5kaw9fra_-_utf-8_b_zxrhbgxlicbk__-___filename_2__bybwzxry77-9z2xpzm8gzg8_-_utf-8_b_ien

Pirófila retoñando na súa salsa

Na Galicia mais oceánica, entre o Miño e o Eo, os lumes poden correr de punta a punta atravesando un continuo de eucaliptais, pinares e matogueiras, sen apenas atoparse con bosques nativos de caducifolias que os deteñan. A rede hidrográfica de ríos e regatos xunto coas brañas e turbeiras do monte (actualmente afogadas por especies pirófitas) deberían empregarse para intercalar un mosaico heteroxéneo no tapiz vexetal, aproveitando as frondosas autóctonas para limitar o crecemento do mato e dificultar a facilidade de transmisión de lumes de copas.

A introdución dunha nova especie de eucalipto, o nitens, amplía o problema as áreas situadas por riba dos 500 metros, ata o de agora libres desta praga, pois o 90% do noso territorio sitúase baixo os 1.000 de altitude. A moderna silvicultura mecanizada e cada vez mais intensificada estraga cada vez mais xacementos arqueolóxicos coa práctica do subsolado profundo previo ás plantacións.

_utf-8_b_u2luywwgzgegcnv0ysbkb3mgcgv0cu-_vwdsr2w_-_utf-8_b_bwiztwdar1vnutjgagjxserzvzh1yw5cbj89_

Porto do Son 2016

O cultivo de madeira de rápido crecemento é sen dúbida lexitimo, e incluso representa unha oportunidade económica para o pais, pero esta realidade debería equilibrarse co cultivo de madeiras nobres de calidade, aínda que hoxe en día isto é case inapreciable. A especialización económica que polo visto nos toca no mercado capitalista globalizado favorece á madeira de rápido crecemento. Poren resulta inadmisible que isto se realice sen ningún tipo de control ou ordenación efectiva.

anexo2leimontesA Lei de Montes ignora absolutamente o patrimonio histórico e arqueolóxico, sen considerar unhas faixas de protección como as establecidas para outros elementos (aínda que insuficientemente), como as vivendas (con 30 metros de exclusión de pirófitas), vías de comunicación, gasolineiras e outras instalacións. O caso dos cursos de auga resulta paradoxal pois, ademais de ignorar os que non chegan a dous metros mínimos de anchura de canle, declara unicamente unha faixa de exclusión de pirófitas de 15 metros (a contar desde o dominio público).

_utf-8_b_rgvjb2xvcmfjae-_vw5zigrlc3bvaxmgzhvuigluy2vuzglvli__-___filename_1__bqzxq_-_utf-8_b_cu-_vwdsawzvigrhicbccmvpysaovmlhbmegzg8gq__-___filename_2__2fzdgvsbykuanbn_Os petróglifos galegos son particularmente sensibles aos lumes, por coincidir a súa área de distribución coa área de cultivo dos eucaliptos. Os danos provocados derívanse tanto dos fenómenos de termoclastia, que escachan a superficie das pedras polas altas temperaturas, como dos traballos de extinción con maquinaria pesada, que trituran todo o que atopan por diante.

Efectos do lume sobre o granito

Efectos do lume sobre o granito

O simple establecemento dun perímetro de protección de 5 metros desbrozados arredor  (limpo de mato), xunto a outros 20 mais de exclusión de pirófitas, significaría unha faixa de protección de 2.000 a 2.500 metros cadrados en cada un destes bens de interese cultural (ao radio de 25 metros compre sumarlle unhas mínimas dimensións da pedra).

Se calculamos que existen 3.000 petróglifos en Galicia, resultarían necesarias menos de 675 hectáreas para protexer toda a arte rupestre galega. Considerando que algunhas pedras son bastante grandes, pero que moitos gravados agrúpanse en distancias menores a 50 metros (e consecuentemente as súas faixas solaparíanse), e por último que dificilmente quedarían por descubrir outros tantos petróglifos como o número actualmente coñecido, poderíamos supoñer entón que unhas 1.000 hectáreas abondarían para todo o conxunto.

pedraquefala-1

A Pedra que Fala, Vista xeral despois do lume deste verán

Facendo un cálculo similar para as mámoas e considerando un radio medio de 15 metros, resultan 5.000 metros cadrados de faixa media (engadindo o núcleo da mámoa), que multiplicados por 6.000 unidades darían un total de 3.000 hectáreas de protección. No caso dos castros o cálculo sería dunha hectárea de media por castro multiplicada por 6.000 unidades, o que sumaría outras 6.000 hectáreas.

Engadindo mais elementos como círculos líticos, castelos altomedievais, poboamentos neolíticos ou calquera outro tipo de xacementos, aínda que coa salvedade de que só se pretende incluír aos que estean no monte (excluíndo aos correspondentes as terras agrarias ou solos urbanos), podemos supoñer que 10.000 hectáreas de faixas abondarían para protexer todo o patrimonio nos nosos montes.

14963427_1312796372088329_37169149_o

Mallos 2, Teo, despois da limpeza

Deste xeito, se xuntáramos todo o patrimonio espallado e actualmente perdido polos montes, agrupándoo coma aos pobos indíxenas derrotados dunha reserva india, precisaríamos unicamente dun cadrado de 10 x 10 quilómetros. Eses 100 km2 representarían o 0,5% da superficie de monte en Galicia, e aínda que pensáramos que nos quedamos curtos dificilmente superaríamos o 1% da superficie en caso de ter que ampliala. De verdade pode sosterse que xestionar ou manexar o 1% da superficie dos montes para protección do patrimonio resultaría excesivo, inapropiado ou imposible de levar a cabo?

Proceso de limpeza do entorno da Peneda Negra

Vista xeral da Peneda Negra trala súa recente limpeza

A institución das faixas de protección do patrimonio na lei de montes representaría un primeiro paso imprescindible para a creación dunha auténtica “INFRAESTRUTURA VERDE” nas zonas periurbanas, rururbanas e rurais de Galici, que proporcione servizos sociais e ecosistémicos (actuando como auténticos “SANTUARIOS DE BIODIVERSIDADE”, ao servir de focos de dispersión e colonización das especies silvestres).

14954347_1312792718755361_1172168152_o

Pedra da Loba despois do lume

Concretar as mellores vías para desenvolvelas, mediante sancións, compras, subvencións, compensacións, expropiacións agrupacións, concentracións, asociacionismo, esponsorización, certificacións forestais, custodia do territorio, ou calquera outra ferramenta que puidera empregarse é a cuestión metodolóxica a resolver.

Pero xa estamos tardando en afrontar entre todos: cidadanía, propietarios, industria, gobernos e oposicións, o deterioro do patrimonio cultural dos nosos montes, que ademais de irreversible, supón a perda de múltiples oportunidades de desenvolvemento social, económico, turístico, cultural e de proxección exterior.

Sen esquecer que un verdadeiro uso múltiple do monte, orientado á unha auténtica protección do medioambiente e a biodiversidade que compense xusta e democraticamente o modelo forestal actual, debería acadar un mínimo dun 10% da superficie do monte de utilidade pública, necesariamente distribuída por todas e cada unha das parroquias galegas. Pois a estratexia mais acaída para xestionar un territorio tan intensamente antropizado como o noso debe basearse na conxunción da conservación da natureza e a protección do seu patrimonio.3uso-negro

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Petróglifos e lumes forestais


xxxO pasado mércores día 26 tivemos a ocasión de participar nunha interesante xornada organizada por “Compostela Aberta”, co título de “Petróglifos e lumes forestais: xornadas sobre o Patrimonio Cultural do Concello de Santiago de Compostela”.

14963513_1312792212088745_870474263_o

Devesa da Rula 3. Marcas das orugas mecánicas

Logo da terrible vaga de lumes do pasado verán, con lamentable incidencia na área arqueolóxica da Portela de Villestro no termo municipal compostelá, a organización desta actividade semellaba non só interesante senón tamén moi necesaria. Dende o Colectivo felicitamos os organizadores do acto, en especial a Raquel López e María José Boveda,  as que queremos agradecerlle o ternos convidado a participar.

14970992_1312792215422078_2072676174_o

Mouromorto 2 . Antes e despois do lume de 2015

Foi unha honra poder expor as nosas ideas ó carón de profesionais como Iñaki Vilaseco ou o especialista Manuel Santos Estevez. A xornada serviu para pór en común interesantes visións da problemática situación do noso patrimonio e sinalar posibles medidas de actuación dende diferentes perspectivas, o eido profesional e institucional, o lexislativo e mesmo o asociativo. A charla rematou cun intenso debate co público asistente e consideramos que resultou enriquecedora para todos os presentes.

14971484_1312791772088789_1525270088_o

Cruciforme. Pedra Mencía

De seguido resumimos a nosa pequena contribución na xornada.

Na nosa exposición partimos dunha premisa fundamental,  na actualidade a nosa arte rupestre atópase seriamente ameazada.

14923009_1312792582088708_204643720_o

Porto do Son. 2016

Trátase duns bens culturais moi sensibles e fráxiles, en grave risco fronte non só ós factores ambientais senón tamén a propia acción do home. O uso da maquinaria pesada en labores forestais e de extinción, os lumes e outras actividades ameazan seriamente a súa conservación e alteran de xeito irreparable a súa contorna.

30597365435_829315c9b5_oEsta situación vese agravada pola actual situación de abandono do rural galego e as desacertadas políticas forestais que configuraron unha paisaxe desestabilizada e altamente inflamable onde atopa acubillo a nosa arte rupestre.

Nos últimos anos o ritmo de destrución do noso patrimonio é alarmante polo que faise preciso adoitar xa unhas mínimas medidas que garantan a protección e conservación do noso patrimonio.

14954347_1312792718755361_1172168152_o

Pedra da Loba

Na procura de protexer o que consideramos un patrimonio singular, único e irrepetible, o Colectivo A Rula presentou hai preto dun ano unha proposta de traballo ós concellos de Ames, Teo e Compostela e a Dirección Xeral de Patrimonio na que se incluían unha serie de medidas de carácter preventivo a adoptar e que consideramos esenciais para protexer estas manifestacións artísticas da nosa prehistórica.

Pretendíamos e pretendemos con esta proposta que lles servise de ferramenta de traballo, de análise inicial e debate entre os diferentes axentes implicados na preservación do noso patrimonio e na procura do seu aproveitamento e a súa rendibilidade social a través de diferentes medios e canles.

28435867930_9bc95d9268_k

Devesa da Rula

Nesta proposta incluíamos unha serie de medidas mínimas de urxente aplicación para evitar as consecuencias directas que os lumes forestais teñen sobre a nosa arte rupestre, entre elas:

  • A catalogación de todos os petróglifos e a súa inclusión nos diferentes Plans Xerais de Ordenación Municipal dos Concellos da Comarca. É evidente que non podemos protexer aquilo que non se coñece.
  • Eliminación das plantas arbóreas e arbustivas nun radio duns 5-10 m. arredor das laxes insculturadas.
  • Mantemento periódico dunha cinto de protección mediante rozas periódicas na contorna dos petróglifos (antes do verán).
  • Establecemento de canles de colaboración cos propietarios e as comunidades de montes procurando a súa “complicidade” nesta loita pola protección do noso patrimonio e o medio ambiente.
  • Divulgación, con especial insistencia no ámbito do ensino.

28720263715_865a5dca74_kUnha serie de medidas preventivas básicas que acompañamos doutras que podiamos considerar más técnicas ou concretas como:

  • Establecemento dunha carta de riscos que determinara os factores que poidan incidir negativamente na conservación dos xacementos.
  • Esixir unha maior coordinación entre as diferentes entidades e organismos que xestionan o noso patrimonio e os nosos montes.
  • Intervencións puntuais naqueles conxuntos que, en razón do seu valor histórico, artístico, estado de conservación ou localización, demanden un tratamento individualizado para asegurar a súa conservación futura.
  • Establecemento de áreas de protección xeral nas zonas arqueolóxicas máis relevantes que preserven os restos arqueolóxicos e a súa contorna inmediata (ex. Monte Piquiño, Devesa da Rula, etc…).
Proceso de limpeza do entorno da Peneda Negra

Proceso de limpeza do entorno da Peneda Negra. 2016

É certo, que estas medidas supoñen a asunción de certo esforzo orzamentario mais consideramos que o seu custo é socialmente asumible, e incluso podemos afirmar que é socialmente demandado. Trátase, desde o noso punto de vista, máis de lograr certa vontade e compromiso por parte das entidades e administracións competentes na conservación e protección do noso patrimonio, sexa cal for a súa cor política.

14963427_1312796372088329_37169149_o

Mallos 2. Limpeza preventiva no verán de 2016

Logo dun ano de presentarmos a nosa proposta podemos sinalar que os resultados acadados foron en xeral positivos. A implicación dos Concellos de Teo,  Ames e a Dirección Xeral de Patrimonio plasmouse en diferentes proxectos que contribuíron a mellorar significativamente o estado xeral dos petróglifos e a súa contorna inmediata, ao tempo que as conversas mantidas coa Dirección Xeral de Patrimonio e o Concello de Compostela nos últimos meses auguran un futuro máis prometedor para os petróglifos de Santiago, que arestora seguen en situación moi preocupante, e da comarca en xeral.

Desde o colectivo seguiremos loitando e contribuíndo, dende as nosas posibilidades, a que isto pronto sexa unha realidade. Poucos días despois tivemos outra fructífera xuntanza en Compostela da que tamén daremos conta na maior brevidade.

Guardar

Guardar

Guardar

Teo e Ames protexen o seu patrimonio


14195243_1217078275010474_718737664049000086_oHoxe por fin toca darvos boas novas diante dunha prometedora fin de semana cargada de actividades e bo tempo.

Nos últimos meses os concellos de Ames e Teo realizaron importantes melloras na situación xeral dos principais xacementos de arte rupestre situados nos seus termos municipais. Estes traballos son o primeiro e importantísimo paso dun conxunto de accións que permitirán, non só garantir as visitas ós xacementos senón tamén establecer unha importante franxa de protección no caso de posibles lumes forestais e outros axentes e que garanta a súa adecuada conservación.

No caso do concello amiense, e en colaboración coa D.X. de Patrimonio, están a piques de rematar os traballos de posta en valor do petróglifo de Monte Castelo e moi adiantados os de limpeza do acceso e contorna da laxe da Peneda Negra. Por primeira vez en décadas o camiño a este importante xacemento está aberto. Trátase dunha das laxes insculturadas de maiores dimensións de toda Galicia e conta co maior número de motivos de toda a comarca de Compostela.

Proceso de limpeza do entorno da Peneda Negra

Proceso de limpeza do entorno da Peneda Negra

No caso teense a brigada de obras e xardíns leva unha semana traballando na limpeza das estacións do Monte Piquiño, o que permitirá a realización das xeiras nocturnas dos días 17 e 24 (xa están esgotadas as prazas). Asemade, aproveitaron para proceder coa limpeza na zona dos petróglifos de Cornide e Regoufe entre a parroquia de Calo e Luou e nos petróglifos de Mallos en Santa María de Teo. Os participantes na ruta do Goza de Ulla de Teo do vindeiro sábado poderán visitar estes dous petróglifos de Mallos situados a escasos metros do Ulla.

Dende o Colectivo queremos agradecer o esforzo de ambos Concellos e da DX de Patrimonio para garantir a protección destes importantes bens arqueolóxicos. Agardamos que Compostela siga o exemplo dos seus veciños en breve.

Ruta polos petróglifos da Fieiteira


28690090763_9df7a1f968_k

Preto de medio cento de persoas participaron na visita que comezou ó solpor do sábado e rematou ben pasada a media noite.

 

Na noite do pasado sábado tivo lugar a primeira ruta nocturna ós petróglifos do Outeiro da Fieiteira, organizada polo Concello de Ponteceso en colaboración coa asociación cultural Colectivo A Rula da comarca de Compostela, uns veteranos na realización destas longas noites de pedras á luz da lúa.

Preto de medio cento de persoas participaron na visita que comezou ó solpor e rematou ben pasada a media noite. A actividade iniciouse no local social de San Adrián de Corme cunha pequena charla sobre a arte rupestre na Costa da Morte, con especial atención -non podía ser doutro xeito- ós petróglifos e patrimonio cultural do Concello de Ponteceso.

Abriu o acto o concelleiro de Educación, Asociacionismo e Patrimonio, Carlos Penedo Casmartiño, que como bo anfitrión agradeceu a asistencia dos veciños e turistas e destacou o traballo de limpeza realizado na contorna dos petróglifos, comprometéndose tamén a seguir apostando pola súa protección e difusión coa sinalización da ruta e a instalación de paneis explicativos.

O polifacético Suso Lista achegou a súa peculiar visión dos gravados repasando a súa historia e as vicisitudes sufridas dende o seu descubrimento a principios dos anos noventa. Cerraron o coloquio os membros do Colectivo A Rula, que botaron man das novas tecnoloxías, como os modelos 3D, para explicar ós asistentes as características que fan tan singulares estes gravados do promontorio cormelán.

De seguido, iniciouse a bo ritmo o percorrido de dous quilómetros que separaba a casa veciñal das laxes da Chousa dos Pratos. A brigada da Rula dispuxo entón os equipos técnicos precisos para simular a luz máis axeitada e asombrar ós asistentes ó alumear os diferentes paneis insculturados das laxes da Fieiteira. A bruma do mar foi cubrindo lentamente o ceo, mais a temperatura era ideal e as conversas ó carón das laxes foron animadas e moi interesantes.

Os curiosos deseños xeométricos daban pé a múltiples interpretacións, por máis que os guías sinalaban a imposibilidade de saber con precisión o que aquelas comunidades nos quixeron transmitir. Os membros da Rula non deixaron de recalcar a importancia de non pisar ou riscar os gravados evitando o seu deterioro e animaron ós asistentes a visitar os petróglifos ó abrente ou ó solpor cando a súa visualización é máis propicia. Degustando un vaso de chocolate quente, unha sorpresa final do técnico de turismo Javier Couto, mentres contemplamos por última vez a estación principal da Fieiteira iluminada polos focos, remataba esta primeira xeira nocturna ós petróglifos de Ponteceso. A boa acollida entre os asistentes augura novas edicións destas máxicas noites de verán.

Ligazón ó álbum coas fotos da visita no flickr

Ligazón á nova en La Voz de Galicia

 

I Ruta nocturna polos petróglifos do Promontorio de Corme


ruta-PONTECESO-VERSION-WEB-

Comprácenos convidarvos a participar nesta actividade que organizamos en colaboración ca Concellería de Patrimonio do Concello de Ponteceso.

A actividade é completamente de balde, só tedes que inscrivirvos no correo electrónico turismoponteceso@ponteceso.net ou chamando o 981 71 40 00

Agardámosvos….

Agresións ós petróglifos do Concello de Teo


Hai só uns días recibimos as malas novas dunha nova agresión en dúas das estacións de gravados rupestres máis relevantes do Concello de Teo, o petróglifo de Outeiro de Corno en Regoufe (Luou) e Río Angueira en Cornide (Calo). A través do noso correo, Javier C.F. remitiunos as fotos que acompañan esta pequena entrada no blog, que ogallá nunca tiveramos que facer.

Rio Angueira

Rio Angueira

Como reflicten as imaxes o autor ou autores dos danos non só riscaron co que semella xiz de cor branca a superficie dos gravados senón tamén que gravaron unha cruz ó carón do único zoomorfo do petróglifo de Outeiro de Corno situado na parte inferior do panel. Un acto vandálico que supón un dano irreparable neste singular xacemento.

Cruz en Outeiro do Corno

Cruz en Outeiro do Corno

Descoñecemos o fin exacto de tales actos, quizais simplemente fora por ignorancia pero de calquera xeito non hai ningún tipo de xustificación posible. Lamentablemente novas deste tipo repítense a cotío a pesar dos esforzos en concienciar e educar á cidadanía no respecto ó noso patrimonio, a realidade demostra que hai xente que descoñece que un petróglifo é unha obra de arte prehistórica ó ar libre da mesma importancia que poidan ter as pezas expostas en calquera dos nosos museos. A ninguén se lle ocorre ir a un exposición a pintar por riba dun cadro, pois de igual xeito deberiamos ser conscientes que non se pode tocar e moito menos gravar por riba destes gravados que forman parte do patrimonio cultural legado polos nosos devanceiros.

Queremos lembrar que remarcar os gravados con outra pedra, ou simplemente con xiz, para facilitar a súa visualización supón unha alteración do risco orixinal modificando para sempre a súa fisionomía. Os petróglifos son pezas artísticas milenarias que reflicten o paso do tempo polo que non podemos frustarnos se o visitalos non podemos apreciar con todo detalle os seus motivos. Como sinalamos nas nosas charlas e rutas se queremos contemplar en todo o seu explendor estas manisfestacións artísticas temos que visitalos á mañá cedo ou ó solpor, e senón pola noite cunha lanterna ou foco para poder admirar polo miúdo todos os deseños.

Cornide

Cornide

O Colectivo A Rula deu traslado destes feitos ó Concello de Teo que a súa vez deu parte ó Seprona para iniciar as dilixencias oportunas. O obxectivo é que este tipo de incidentes non se repitan máis. Recordar tamén que recentemente o Concello inicou os trámites para que ambos petróglifos, xunto co petróglifo da Pena Bicuda de Loureiro (Luou), reciban a declaración expresa como Bens de Interese Cultural (BIC).

A nova na web do Concello de Teohttp://teo.gal/actualidade/nova.php?id=1769&lg=gal

A nova na CRTVGhttp://www.crtvg.es/informativos/danan-petroglifos-en-teo

A primeira gran laxe de arte naturalista en Compostela


No Colectivo A Rula tiñamos sospeitas de que máis tarde ou máis cedo aparecerían no termo municipal de Compostela máis representacións de tipo naturalista pero non imaxinábamos que tivese estas dimensións e relevancia. De feito, no seu día escollimos como logo da nosa pequena comunidade o único zoomorfo localizado ate ese intre nas terras de Compostela -un pequeno cervo situado na paraxe de Pinal no linde co Concello de Ames- como unha arela e premonición de novas descubertas.

O Colectivo organizouse co obxecto de reivindicar a importancia da área de Compostela como un importante foco de arte rupestre, xa que fora relegado históricamente pola maioría dos investigadores a un segundo plano. Mais cada vez faise evidente, tanto polo número de achados localizados (a maioria nos termos municipais de Ames, Teo e Compostela) como pola longa tradición de estudos realizados na nosa comarca, que a arte rupestre de Compostela merece unha maior atención. Malia todo, é certo que o número relativamente escaso de estacións con motivos naturalistas en comparación con outras zonas semellaba avaliar esta antiga visión que os achados dos últimos anos están a cambiar.

Esta pequena entrada supón só unha primeira achega ó Petróglifo dos Cortellos 3, conscientes de que serán precisos novos estudos máis polo miudo e unha posible intervención arqueolóxica.

27995594415_bbff8a2461_k

A Pedra da Loba (Cortellos 3) constitúe, ó noso entender, unha nova mostra do importante patrimonio arqueolóxico da Portela de Villestro pero tamén un xacemento excepcional tanto pola gran cantidade de zoomorfos representados, nunha zona onde os gravados de tipo naturalista son escasos, como pola presenza de escenas de equitación dentro do mesmo panel, xa que xunto coa laxe de Río Angueira 2 en Cornide (Teo) serían as dúas únicas estacións con este tipo de representacións.

Situación e descrición do conxunto

A laxe atópase na parte alta do monte de San Miguel[1], a escasos metros da paraxe da Devesa da Rula onde se sitúan a maioría dos gravados da zona.

Plano de Situación

Situación

Desde o lugar de Os Cortellos, ó descender uns metros ó antigo camiño de volta ó val reparamos hai algún tempo nun afloramento de grandes dimensións onde localizaramos un pequeno círculo con coviña central situado nun penedo ó pé mesmo do sendeiro. Subidos ó con chamounos a atención unha laxe plana e alongada con bastante inclinación que seguía a liña de caída natural da ladeira ubicada a escasos cinco metros ó Sur.

Esta laxe, bautizada como Pedra da Loba ou Os Cortellos 3, sitúase no medio dun pequeno cavorco na vertente da valgada que descende ó val do río Roxos. Este espazo forma un pequeno anfiteatro natural en forma de media lúa situado baixo un eucaliptal polo que a dificultade de visualización dos gravados acentúase. Ó elevar a vista cara o sur, divísase ó lonxe o teito do veciño Concello de Teo, o Alto da Grela, e a súa dereita os cumes do Castelo Redondo e o Meda xa en Padrón[2].

A laxe atopábase parcialmente cuberta pola vexetación, ó retirar as ramas e follas da parte inferior localizamos o primeiro, e quizáis, o máis singular de todos os cervos pola súa atípica cornamenta circular. Sucesivas visitas a distintas horas do día e a contemplación ó solpor con luces artificiais permitíronos ver con maior precisión a gran cantidade dos motivos que conserva o petróglifo.

pedra da loba-11

Localización

A rocha ten unhas dimensións de 6,30 m de longo por 3,10 metros de ancho na súa parte central (a máis ancha) e a súa superficie fica dividida tanto vertical como transversalmente por varias diáclases naturais. Está orientada ó SE e na súa inclinación N/S segue a forma da pendente do terreo circundante. Non obstante, temos que salientar que é moi probable que a laxe continúe tanto pola parte superior como polos laterais baixo o talude de terra vexetal que a cobre, polo que estes datos serían só indicativos. De feito, alomenos un dos zoomorfos situado no lateral esquerdo da pedra está parcialmente soterrado. Neste senso, agardemos que o traballo futuro dos arqueólogos nos permita contemplar a totalidade da superficie da laxe que probablemente inclúa un número maior de gravados.

Como acontece co resto de petróglifos do Monte San Miguel e Ventosa, o soporte empregado é o tradicional granito fino de dúas micas, moi apreciado tamén polos canteiros como se desprende da multitude de evidencias da intensa actividade extractiva na zona.

Sector central

Gravados no sector central e inferior do panel

En canto ao estado de conservación dos motivos podemos sinalar que é en liñas xerais aceptable. Resulta significativo o diferente grao de erosión existente entre os motivos do sector superior da composición e os de zonas inferiores, se ben cómpre indicar que, máis que responder a unha diferenza cronolóxica parecen responder a unha maior exposición ós axentes erosivos dos elementos gravados na parte superior da laxe.[3]

Lamentablemente son tamén evidentes os danos provocados polo lume en varios sectores da peneda. A fragmentación da capa superficial da rocha (termoclastia) nalgunhas zonas e incluso a perda de fragmentos en varios motivos insculturados volven a pór de manifesto a necesidade das reclamacións feitas polo Colectivo diante das administracións públicas competentes (Concello de Santiago e Dirección Xeral de Patrimonio) para que adopten medidas preventivas urxentes como a catalogación e a limpeza desta área arqueolóxica que garantan a conservación deste valioso patrimonio. Pola nosa parte, seguiremos a divulgar a existencia entre a veciñanza destes gravados pois consideremos que é o mellor xeito que temos para protexelos.

Descrición

O repertorio iconográfico da Pedra da Loba inclúe maioritariamente motivos naturalistas pero tamén se constata a presenza de algúns deseños xeométricos.

A erosión dos gravados dificulta unha boa lectura polo que foi preciso empregar a iluminación rasante artificial e recurrir á fotogrametría dixital para poder rexistralos correctamente, algúns deles só conservados de xeito parcial.

Os motivos xeométricos

Combinación de círculos concéntricos

Combinación de círculos concéntricos

O elenco de gravados xeométricos fórmano media ducia de coviñas de pequeno tamaño (2-3 cm de diámetro) distribuidas por toda a laxe e unha pequena combinación circular de dous aneis e coviña central (de 18 cm de diametro) moi erosionada situada no sector central esquerdo da peneda.

A existencia destes pequenos elementos xeométricos resulta interesante para entender a posible contemporaneidade de ambos grupos de deseños pois semella que tanto a técnica, conservación e o aspecto formal dos gravados son similares. De igual xeito, permite estudar posibles relacións estilísticas cos deseños dos petróglifos situados nas cercanías.

Os motivos naturalistas

Os cervos

Vista xeral

Vista xeral da parte superior

Este conxunto de gravados componse de polo menos 19 zoomorfos (cervos e cabalos) distribuídos por toda a superficie de laxe pero concentrados en cinco grupos en función da división do espazo xerado polas diáclases da laxe[4]. O estudo dos deseños mediante o levantamento fotogramétrico permitiunos contemplar restos moi esvaecidos doutros zoomorfos que na actualidade son case imperceptibles e que constatan a posible existencia dunha grea maior de animais.

cervo no sector central inferior

cervo no sector central inferior

En xeral todos os zoomorfos presentan certa homoxeneidade en canto o seu estilo e técnica de elaboración. Son deseños moi estilizados, sen chegar á esquematización, elaborados mediante dous trazos cun espazo no interior de reducidas dimensións, conformando corpos moi estreitos e alongados, pequenas colas de trazo simple e colos e cabezas en ocasións moi alongadas e rematadas con dúas pequenas liñas que semellan representar as orellas ou pequenos cornos.

Sector superior

Sector superior

A liña dorsal recta en paralelo á liña ventral no deseño xeral dos zoomorfos leva a algúns investigadores[5] a clasificalos no que denominan “grupo estilizado recto” en oposición ós zoomorfos característicos da zona de Campo Lameiro, Moraña, Cotobade… con deseños máis curvos na composición dos corpos e con colas representadas cunha liña dobre.

Neste senso, os gravados figurativos desta laxe presentan características semellantes ós zoomorfos dos petróglifos da zona do Barbanza e Muros – Noia pero tamén á outra gran laxe con motivos naturalistas da comarca compostelán, a Pedra Bicuda de Loureiro (Luou – Teo). A técnica de gravado empregada (dobre suco), as características no deseño xeral e tamaño dos motivos evidencian o gran parentesco formal entre ambos petróglifos aínda que a disposición xeral dos motivos sexa diferente.

A pesar destas características comúns no deseño dos gravados, hai neste panel detalles especialmente singulares que merecen que lles prestemos unha maior atención.

Extremo inferior

Extremo inferior

En primeiro lugar, só un dos cérvidos aparece cunha pronunciada cornamenta. Este “gran” cervo macho preside a zona central e inferior do panel. Un exemplar de pequeno tamaño, 32 cm de largo, pero que presenta unha curiosa cornamenta de forma case circular de 19 cm de ancho con sete puntas en cada hastado orientadas cara o interior do círculo, unidas entre si e en sentido transversal ás hastas de liñas curvas. Só atopamos certas similitudes con este tipo de cornamentas circulares presentes en varios cervos de pequeno tamaño coas puntas das dúas cornas unidas no interesante petróglifo da Cova da Bruxa do Concello de Muros.[6]

Outra das características dos gravados é a súa disposición formando pequenos grupos tanto na parte central do panel como na parte superior aproveitando os marcos espaciais dispoñibles entre as diáclases.

Sector central

Sector central

Na zona inmediatamente superior o cervo macho, que ocupa tamén un lugar central, consérvase un dos elementos máis plásticos desta laxe, tres posibles cervos de diferentes tamaños ordenados en liña practicamente unidos que semellan ascender polo panel. A cabeza do primeiro cervo figura apoiada no lombo do cervo seguinte e o mesmo acontece co que vén a continuación, deseñando unha singular escenografía. Un dos moitos exemplos comparables conservados na nosa arte rupestre é o xa clásico da laxe V do Monte Ardegán en Moraña.

Cervos do petróglifo da Laxe V do Monte Ardegán - Moraña

Cervos do petróglifo da Laxe V do Monte Ardegán – Moraña

No primeiro cervo chama a atención que o corpo figure composto por tres trazos que mesmo semellan reproducir non só o corpo senón tamén os cuartos traseiros e dianteiros do animal. Mais isto tampouco é algo excepcional na arte rupestre galega e deseños semellantes figuran noutros petróglifos como nun dos cervos do Coto da Siribela e noutros xacementos de Campo Lameiro. Os outros dous cervos posúen as dúas patas dianteiras en arco acentuando a sensación de movemento dos animais.

Cervos do sector superior

Cervos do sector superior

Na parte superior da laxe destacan varios cervos moi estilizados, algúns deles incompletos. Un dos máis curiosos conta con 6 pequenos trazos que representan as extremidades. Nesta parte do panel destaca unha parella de posibles cervos de longa cabeza e pequenas orellas ou cornos que fican en paralelo un sobre o outro. Situado na parte superior, o animal de menor tamaño (probablemente cun xinete no seu lombo) ten as patas e a cabeza apoiadas sobre o cervo situado debaixo. Unha escena similar figura no extremo superior esquerdo da laxe aínda que o seu estado de conservación é peor. Unha curiosa representación (unha posible cópula, unha doma?) que nos lembran outras composicións semellantes na Laxe das Lebres na Caeira (Poio) ou na estación da Quinta da Barreira en Valença do Minho.IMG-20160702-WA0006

Os cabalos e os homes

Detalle de un dos xinetes a cabalo

Detalle de un dos xinetes a cabalo

Ademais dos cérvidos outras das características deste gran panel é a presenza de varios cabalos, polo menos dous deles con xinetes. Son facilmente identificables por unha característica común na arte rupestre galega, ás súas longas colas.

É precisamente un destes cabaleiros o que abre outro destes grupiños de zoomorfos formando case un círculo na parte central dereita da composición, ofrecendo a sensación no espectador de que o cabaleiro persigue os outros dos animais.

Monta

Detalle de dous cervos na parte superior do panel, un deles cunha posible monta

A representación do xinete é moi simple, trázase o contorno dous sucos verticais e dúas pequenas liñas que representarían as extremidades superiores (non figuran as inferiores). A composición xeral destes cabalos tamén é sinxela pero non exenta de detalles como amosa a representación do falo, o arqueo das patas dianteiras e as pequenas orellas do équido. É unha mágoa que a mala conservación dun dos cabalos situado na parte superior esquerda do panel, moi erosionado debido os danos provocados polo lume, non permita asegurar con total certeza a presenza, máis que probable, deste segundo xinete.

Levantamento fotogramétrico

Levantamento fotogramétrico

Outro feito destacable é a “posible” monta sobre dous cervos (cabalos?) na parte superior da laxe, só unha hipótese porque a forte erosión destes motivos dificulta a súa lectura e rexistro.

As escenas de equitación relativamente frecuentes no grupo galaico da arte rupestre son, así e todo, puntuais na nosa comarca. A outra laxe da bisbarra con este tipo de escenas atópase na paraxe do Río Angueira no Concello de Teo. Porén, os gravados da laxe teense son, en xeral, máis esquemáticos e presentan trazos formais distintos.

Sector superior

Sector superior

Todos os zoomorfos do panel manteñen un mesmo patrón de orientación a pesar das diferentes disposicións dos animais no panel, sempre de esquerda a dereita, un posible intento de plasmar a orde natural da marcha da manda. A presenza da figura humana (que causa o caos na grea) pode motivar o deseño dos zoomorfos que ten o seu carón, que ofrecen unha maior sensación de movemento que os cérvidos máis estáticos situados na parte superior da laxe.

Para rematar a descrición dos elementos figurativos sinalar a presenza dun pequeno antropomorfo situado na parte inferior do panel, entre o cervo de cornamenta circular e o grupo de cervos en fila. Con forma de X de liñas curvas e posible representación esquemática de cabeza e falo. Un elemento de gran relevancia na composición que podemos asociar os zoomorfos da parte superior nunha posible representación dunha escena de pastoreo ou caza.

A escenografía

Fotogrametría cos sucos resaltados manualmente

Fotogrametría cos sucos resaltados

Unha das características máis salientables de este xacemento é que se trata da primeira laxe do concello compostelán no que se evidencia unha clara composición narrativa.

A disposición da laxe en pendente, a súa situación preto da paraxe chamada “Os Cortellos” onde fica unha penedía de grandes dimensións que permitiría o cercado e control do gando nunha zona próxima a vía de acceso natural ás chairas situadas na cima do monte, son factores que avalan a hipótese dunha posible escena de condución dos animais por parte dos xinetes.

A inexistencia de armas ou outros elementos que amosen unha acción violenta fainos pensar que a idea dunha posible escena de caza sexa menos probable.

Conclusións

A Pedra da Loba supón só o último achado no foco máis importante de arte rupestre da nosa comarca, a zona comprendida entre a Portela de Villestro (Compostela) e os montes do lugar de Ventosa na parroquia amiense de Santo Estevo de Covas.

pedra da loba-24

Presentación pública da laxe durante a visita nocturna do 9 de xullo

Para nós a aparición desta complexa laxe demostra, unha vez mais, a necesidade urxente de levar a cabo prospeccións intensivas e unha catalogación exhaustiva dos xacementos xa notificados no seu día polo Colectivo.

Non obstante, non é unha descuberta máis para engadir ó catálogo de gravados do grupo galaico senón que debería abrir novas liñas de investigación no eido académico e servir de acicate para que as institucións públicas sexan conscientes da relevancia de protexer e pór en valor esta área arqueolóxica.

A nova descuberta amplía o número de petróglifos con representación de animais na comarca a 6, a Peneda Negra en Ames, Outeiro do Corno, Río de Angueira e Pena Bicuda de Loureiro en Teo e O Pinal 1 e Os Cortellos 3 en Santiago de Compostela. Tamén é xunto co de Río Angueira os dous únicos xacementos con escenas de monta.

Agardemos que o noso traballo non fique esquecido nun recuncho da rede e que permita reactivar o compromiso dos diferentes gobernos municipais e autonómicos na protección e divulgación destas manifestacións artísticas do noso patrimonio cultural e deste xeito evitar que o seu coñecemento non siga restrinxido ó reducido mundo dos estudosos e afeccionados á arqueoloxía. A día de hoxe, resulta lamentabelmente que non exista ningún petróglifo da comarca cunha pequena sinalización que permita e facilite a súa visita na área de Compostela[7].

Presentación pública da laxe na pasada visita nocturna do 9 de xullo

Presentación pública da laxe na pasada visita nocturna do 9 de xullo

Desexamos que esta situación mude pronto, e que os traballos que está a realizar na actualidade a Dirección Xeral de Patrimonio e o Concello de Ames para a posta en valor do petróglifo do Monte Castelo e conservación da Peneda Negra en Ames sexa só un primeiro paso dun longo camiño sen retorno.

De momento nos tentaremos seguir amosando a arte rupestre da Comarca a todos aqueles que o desexen dentro das nosas posibilidades. E así, o pasado sábado 9, aproveitamos a 3ª visita nocturna ós petróglifos da Devesa da Rula para presentar por vez primeira ós participantes a estación obxecto desta entrada. A todos eles grazas por ternos acompañado nese fermoso momento.

Album fotográfico no noso Flickr da Ruta nocturna pola Devesa da Rula 2016

Bibliografía

  • Colectivo A Rula: “A Pena Bicuda de Loureiro, arte rupestre no Monte Piquiño”, Entrada no Blog do Colectivo A Rula do 5/02/2016
  • Santos Estévez, M.: Petroglifos y paisaje social en la prehistoria reciente del noroeste de la península Ibérica”. En TAPA: traballos de arqueoloxía e patrimonio, ISSN 1597-5357, Nº 38, 2008, ISBN 978-84-00-08733-2, páx. 13-216
  • Soto Barreiro, M.J.:”Los petroglifos prehistóricos de la comarca compostelana”. Santiago (tese de licenciatura inédita). Universidade de Santiago de Compostela, 1986
  • VV,AA.: Fábregas Valcarce, R. ; Guitián Castromil, J.; Guitián Rivera, J. e de la Peña Santos, A.: “Petróglifo galaico con una representación de tipo Peña TÚ” en Zephyrus: Revista de prehistoria y arqueología. LVII (2004), p. 183-193.
  • VV,AA.: Fábregas Valcarce, Ramón; Peña Santos, Antonio de la; Rodríguez Rellán, Carlos. “Río de Angueira 2 (Teo, A Coruña): un conjunto excepcional de escenas de monta”. Revista Gallaecia. Núm. 2011, (30): 29-51
  • VV,AA.: Fábregas Valcarce, R.: Guitián Castromil, J.; Guitián Rivera e J. Rodríguez Rellán, C.: “Entre dos mundos: los grabados al aire libre de Pena Bicula de Loureiro (Teo, Galicia, España). Revistas Espacio, Tiempo y Forma. Series I-VII. Espacio, Tiempo y Forma, Serie I, Prehistoria y Arqueología (ISSN: 1131-7698; eISSN: 2340-1354). Facultad de Geografía e Historia. UNED, 2013, p. 173-195
  • VV,AA.: “Arte rupestre prehistórica do Eixo Atlántico”. Eixo Atlántico del Noroeste Penínsular. Vigo, 2006

Notas

[1] Coordenadas xeográficas 29 T 531074 4748037

[2] Facilmente recoñecible polos tres aeroxenadores situados no seu cumio

[3] É este outros dos factores que aconsellan unha intervención arqueolóxica con certa urxencia. A forte inclinación da laxe e a gran cantidade de desprendimentos de pedras situados na parte superior da rocha  fai que se vexa moi afectada por procesos derivados das escorrentías.

[4] Esta utilización das diaclases naturais como elementos para organizar as distintas escenas foi constatada polos investigadores en multitude de petróglifos do Grupo Galaico da Arte Rupestre.

[5] Santos – Estévez, 2007

[6] Outros exemplos de cornas pechadas atópanse tamén en laxes como a do Coto da Siribela en Ponte Caldelas, o Chan da Lagoa en Campolameiro, a Laxe da Sartaña no Porto do Son ou Os Mouchos en Rianxo, pero o deseño xeral dos cervos difire bastante deste motivo dos Cortellos 3.

[7] As dúas únicas iniciativas reseñables foron a sinalización do Petróglifo de Oca por parte da Deputación da Coruña nos anos oitenta do século pasado e a sinalización levada a cabo pola Asociación A Gentalha do Pichel nas laxes máis destacadas do Concello de Santiago hai uns anos.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Visita nocturna ó petróglifo do Monte Castelo en Ames. Últimas prazas !!!


Comprácenos anunciar que o vindeiro sábado 16 de xullo visitaremos a recentemente “redescuberta” estación de arte rupestre prehistórica do Monte Castelo na parroquia de Covas, Ames.

Será a primeira ruta nocturna nas terras amienses organizada polo Colectivo A Rula e o Concello de Ames pero agardemos que só sexa a primeira de futuras colaboracións.

A actividade abrirase cunha pequena charla introductoria sobre os petróglifos da Comarca de Santiago, con especial atención aos petróglifos de Ames. De seguido, visitaremos o petróglifo do Monte Castelo 2.

Por razóns técnicas e de seguridade só podemos convidar a un pequeno grupo (60 persoas) mais prometemos repetir novas xeiras nocturnas para que todos aqueles que o desexen poidan coñecer este xacemento situado na  área arqueolóxica de Ventosa que esta semana inicia a súa valorización social.

Se queredes acompañarnos só tedes que enviarnos un correo electrónico e agardar a nosa confirmación. A actividade é, como sempre, totalmente de balde.

Deixámovos o “teaser” que preparamos para ocasión….

 

ANOTÁDEVOS AXIÑA en colectivoarula@gmail.com !!!

Ligazóns relacionadas

 

Visita nocturna pola Devesa da Rula


Comeza o verán e cumprimos o terceiro aniversario do Colectivo. Que mellor momento para anunciarvos a primeira das nosas xeiras nocturnas pola comarca neste xullo que prognostican caloroso.

Iniciamos o noso periplo polo noso patio de xogos particular, a Devesa da Rula, o próximo sábado 9 de xullo. Será unha nova noite de estrelas e petróglifos na compaña de todos aqueles que procuredes novas experiencias. Non será unha xeira máis, pois guiarémosvos por novos recunchos máxicos que agocha o interior desta paraxe na portela do val do rego de Roxos (Villestro – Compostela).

O percorrido e a distancia será similar ó doutras ocasións (podedes ver a ruta na nosa conta de wikiloc) pero levaremos novos brinquedos, haberá novidades e unha gran sorpresa final!!!

Por razóns técnicas e de seguridade só podemos convidar a un pequeno grupo, mais prometemos repetir as veces que sexa preciso para seguir desvelando eses segredos dunhas laxes aínda por descubrir.


Se queredes acompañarnos só tedes que enviarnos un correo electrónico e agardar a nosa confirmación. A actividade é, como sempre, totalmente de balde.

ANOTÁDEVOS AXIÑA en colectivoarula@gmail.com !!!

“A grade prehistórica”. A Pedra da Grada ou dos Tres Curas, un novo deseño de tipo Outeiro do Corno na comarca de Caldas.


“A Loba (2001-2016), membro animal fundador do Colectivo, que nos acaba de deixar na procura dos misterios que se agochan nos solsticios.”

A descuberta da Pedra da Grada

No sempre dinámico panorama dos estudos da arte rupestre galaica xorden a cotío novidades que evidencian as limitacións que presenta o actual catálogo de xacementos de arte rupestre. Mais segue a sernos difícil de comprender que gravados tan excepcionais e singulares, situados en laxes facilmente accesibles, recoñecibles e coñecidas pola veciñanza, sigan pasando desapercibidas como aconteceu con este petróglifo da Pedra da Grada.

Hai só un par de semanas Isaac González García, veciño da zona, púxose en contacto co Colectivo para falarnos dunha laxe que, segundo comentaba, tiña gravados semellantes ós do petróglifo teense do Outeiro do Corno I. De inmediato a nova suscitou o noso interese, incrementado pouco despois ó achegarnos a través das redes sociais un pequeno debuxo e pequenas referencias sobre as características xerais e historia da laxe.

Un par de días despois achegámonos á zona e quedamos abraiados ó contemplar por primeira vez o deseño e dimensións deste singular gravado. Repetimos as visitas en sucesivos días cos nosos equipos coa intención de documentar coa maior precisión posible as gravuras, traballo que agora vos presentamos.

Localización e referencias históricas

Entorno inmediato

Contorna inmediata á laxe

A chamada “Pedra da Grada” constitúe un fito natural que predomina sobre a súa contorna inmediata, unha xeografía bastante chan e con poucas elevacións, o que facilita a súa rápida localización.

Quizais por este motivo fose empregada xa dende o Medievo como marco divisor de varias parroquias (Briallos en Portas, Arcos da Condesa en Caldas de Reis e Saiáns en Moraña) e aínda serve na actualidade como fito lindeiro entre os concellos de Portas, Caldas de Reis e Moraña, os tres pertencentes á comarca de Caldas.

Imaxe do bolo partido e sinalando a localización do gravado

Imaxe do bolo partido coa sinalación da localización do gravado

De feito, un deslinde realizado por don Jesús Vila entre o 1889 e 1890 (localizado por Isaac) recolle o seguinte:

“Aberto cara Arcos ata dar na pedra chamada da Grada ou dos Tres Curas que dista cincocentos catro metros da anterior, e que se chama quizais así por ser un punto divisorio do que irradian os tres concellos de Caldas cara o norte, Portas contra o sur, e Moraña contra o leste. Por conseguinte, aquí dáse por terminada a divisoria”.

Mapa de situación

Mapa de situación

Este afloramento granítico localízase a 207 metros de altitude (coordenadas UTM:  29 T 531282 4713518 – Datum: wgs 84) nun extremo do Monte de San Martiño (Caldas de Reis). Sitúase nunha pequena planicie, a só uns metros do nacente do rego de Arcos, nunha encrucillada entre o camiño de monte que transcorre paralelo ó linde entre Caldas e Moraña e o antigo Camiño de Búa que remata en Corrigatos (Moraña) e que pasa ó carón do campo de fútbol de Saiáns.

Pedra do Sol dos Cabalos-4

Un dos grandes penedos que conforman a “Pedra do Sol dos Cabalos” preto da Pedra da Grada.

Nesta zona abundan outros afloramentos graníticos que dan nome a paraxes de curiosa toponimia como a “Pedra do Sol dos Cabalos”[1], moi afectada pola actividade extractiva dos canteiros e que tamén serve de linde entre Caldas e Moraña.

Detalle da inscrición

Detalle da inscrición na Pedra do Sol (Saiáns – Arcos)

Descrición do xacemento:  soporte e motivos

A propia Pedra da Grada consérvase na actualidade fracturada case na súa totalidade en dúas partes. Cóntanos Isaac que hai anos unha cuadrilla de canteiros tentaron levar a laxe para facer postes para as viñas. O feito debeu chegar ata as autoridades porque no último momento interveu a Garda Civil para impedírllelo xa que a pedra como marco divisorio que é debía continuar no lugar e permanecer inalterable, dado o seu valor legal. Esta actuación “in extremis” permitiu a persistencia do xacemento ata a actualidade. Curiosamente nesta ocasión o marco salvou o petróglifo.

Os grillos na parte finalmente non partida

Os grillos na parte da laxe sen fracturar

Trátase dun gran con granítico de case 2,5 metros de altura, de gran moi groso e numerosos fragmentos de ortosas de feldespato.

Conserva un motivo de grandes dimensións situado na metade sur do penedo, na zona central dun panel case vertical orientado ó suroeste. Os eucaliptos situados ó carón do penedo impiden o paso da luz e dificultan a observación con luz natural dunha figura cunhas dimensións xerais de 1,75 m de alto por 1,02 m de anchura (na base). Tal vez o seu parecido coa tradicional ferramenta agrícola da grade explique o nome da laxe que, á súa vez, dá nome á paraxe na que se localiza.

O gravado da Pedra da Grada entronca claramente co grupo iconográfico “Peña Tú”,  fundamentalmente pola súa forma rectangular segmentada en oito franxas horizontais e remate absidal bastante pronunciado. Porén, tamén presenta características propias como a substitución deses trazos, que representan esquematicamente un rostro en Peña Tú, por catro arquiños en liña, de 12 cm de alto por 11 cm de ancho cada un, apoiados sobre a primeira banda rectangular interna.

Cabe salientar tamén o gran tamaño do ídolo, o máis grande dos localizados ata o momento en terras galegas e, probablemente, un dos máis grandes de todos os coñecidos na actualidade.

Levantamento fotogramétrico

Levantamento fotogramétrico

A figura vai estreitándose pouco a pouco dende a base (máis ancha) ata o extremo superior rematado nesa característica ábsida. Presenta un dobre suco no bordo exterior da figura (outra das características comúns nesta tipoloxía) pero tamén nas diferentes bandas rectangulares do interior, agás na superior. Esta dobre liña continuada que define o contorno da silueta e contorno interior das diferentes bandas mantén sempre unha equidistancia entre ambas liñas.

Outra das particularidades do ídolo da Pedra da Grada son as súas esquinas inferiores, a diferenza das formas redondeadas do Outeiro do Corno esta posúe vértices ben marcados e pronunciados.

Detalle do extremo superior

Detalle do extremo superior

Baixo a ábsida superior e baixo os catro pequenos arquiños aliñados hai oito bandas horizontais. En diversas fotografías podemos apreciar a posible existencia de pequenos círculos (4 ou 5) no interior das tres primeiras bandas, apenas perceptibles pola forte degradación da pátina da pedra. As outras franxas rectangulares en dirección á base non semellan posuír ningún outro gravado, aínda que tampouco o descartamos totalmente.

Outro elemento específico deste exemplar é a entalladura ou lixeiro estreitamento que se aprecia no sector inferior entre a penúltima e última banda.

Rectángulo na Pedra da Grada

Cadrado na Pedra da Grada

Os gravados teñen sucos de sección transversal en U e bastante anchos e profundos. O seu estado xeral é bastante bo, aínda que desigual. O gran groso deste soporte granítico “pouco habitual” nos petróglifos galegos dificulta bastante a súa visualización. A parte superior do gravado está máis deteriorada, polo que foi preciso empregar a fotogrametría e a fotografía nocturna para poder rexistrar correctamente os motivos.

Por outra banda, na parte superior da laxe, ó carón da fenda realizada polos canteiros, atopamos un gravado histórico con evidencias de ter sido realizado con ferramentas metálicas. Trátase dun pequeno cadrado que asociamos ós traballos levados a cabo por antigos topógrafos. Estariamos ante un antigo sinal xeodésico dos realizados a finais do século XIX ou principios do século XX, en estreita relación co xa citado uso da laxe como marco divisorio entre concellos e parroquias.

O grupo “Peña Tú”

cadro do grupo Peña Tú - Fonte ASAGA

Cadro dos deseños do grupo Peña Tú (Terroba Souto, Y. 2015)

Este esteliforme é un motivo iconográfico moi singular e pouco frecuente no noso pais, sendo o terceiro documentado en Galicia despois do petróglifo de Outeiro do Corno[2]  en Teo e do petróglifo de Basoñas[3] no Porto do Son.

Fotogrametría de Outeiro do Corno I

Fotogrametría de Outeiro do Corno I

A este “grupo galaico” pódense incorporar algunhas representacións gravadas en sepulturas megalíticas e incluso pequenas pezas escultóricas como a de Paredes de Abaixo en Paradela, localizada a carón dunha mámoa polo investigador Vázquez Seijas nos anos corenta do pasado século.

Ídolo Peñatu

Ídolo Peña Tú (ou Peñatu)

Os seus deseños vincúlanse cos gravados e pinturas da chamada tipoloxía “Peña Tú”[4] en referencia ó xacemento localizado no Concello de Llanes en Asturias, o primeiro estudado e o máis coñecido que se converteu no “patrón” deste peculiar modelo iconográfico.

Segundo os especialistas trataríase dunha representación antropomorfa ultraesquematizada de corpo rectangular co interior segmentado en bandas horizontais e remate superior en ábsida máis ou menos pronunciado, algúns deles están acompañados de armas en posición pasiva (coa punta cara abaixo) como tamén acontece no gravado teense.

Tabuyo del Monte

Tabuyo del Monte. Museo de León

Estes gravados localizábanse inicialmente só nunha pequena franxa da cordilleira cantábrica e do norte de León. Outros exemplos destacados desta mesma categoría icónica son os de Sejos e Hoyo de la Gándara en Cantabria e o de Tabuyo del Monte en León (actualmente no Museo de León).

Debemos sinalar tamén a localización de pinturas rupestres en covas e abrigos naturais que presentan gran paralelismo con esta mesma iconografía, como as pinturas rupestres de Fresnedo en Asturias[5] ou o máis recente achado do Ídolo de Ojo Guareña en Burgos.

No noroeste Peninsular.

A morfoloxía xeral da figura da Pedra da Grada aproxímase máis o modelo de Peña Tú ca o seu paralelo galego de Outeiro do Corno, mais na arte rupestre do NW existen outros deseños con certas semellanzas que nos levan a sospeitar que estaríamos ante unha iconografía máis habitual do que nun primeiro momento poidera parecer. É o caso do motivo acaroado ó gran reticulado do petróglifo de Agro das Calzadas en Buriz[6], no Concello de Guitiriz, ou o do petróglifo do Monte da Laje, en Valença do Minho, no Norte de Portugal. En ambos casos tamén se constata un extremo superior absidal e as consabidas divisións internas.

Monte da Laje

Monte da Laje – Valença do Minho

Cómpre destacar, no caso de Buriz, a gran similitude que presenta coa Pedra da Grada, tanto na súa localización xeográfica, ambas en pequenas chairas preto de mananciais e ó carón de antigos sendeiros, como nas características morfolóxicas e de composición da laxe en xeral, cons graníticos redondeados e de bo porte e gran moi groso que presentan os gravados na parede orientada ó sur e nun panel case vertical.

Esta disposición vertical do gravado de seguro dificultaría o traballo do gravador, que ben puido empregar, no caso da Pedra da Grada, algún tipo de escada para a súa realización. No futuro deberemos prestar maior atención a este tipo de laxes, pouco habituais ata agora na arte rupestre galega, e que en moitas ocasións desbotamos de antemán nas sondaxes.

Guríz

Agro das Calzadas – Porta do Alén – Buriz  (Guitiriz)

Interpretacións dos gravados

Este novo “esteliforme” galaico constitúe, por tanto, un novo elo de relación entre o chamado Grupo Galaico da Arte Rupestre e a arte rupestre da franxa cantábrica e do noroeste da meseta, de carácter máis esquemático, que certos autores fan extensible ós idoliños-placa, presentes en boa parte da Península. Ven a por de novo de manifesto un nexo de unión entre dous focos de arte rupestre que ata hai poucos anos se consideraban totalmente independentes. Novas liñas de investigación no futuro deberán profundizar nesta adición tipolóxica ó repertorio coñecido da arte rupestre galega.

Ídolo Peña Tú

Ídolo Peña Tú (Bueno & Fernández Miranda, 1980)

En xeral, a maioría dos autores relacionan estes deseños con figuras humanas esquematizadas e moi abstractas. Ídolos antropomorfos relacionados con individuos de certo prestixio que en ocasións son representados ó carón das armas propias e identitarias do seu estatus guerreiro. Guerreiros ou xefes tribais que reflicten unha certa desigualdade social nestas primitivas comunidades da nosa Prehistoria.

Outros autores, non obstante, propoñen que ditas figuras serían versións setentrionais das coñecidas estelas alentexanas e do Suroeste peninsular coas que tamén presentan certos paralelismos estilísticos.

Outeiro do Corno I - Teo

Outeiro do Corno I

Finalmente, a localización destas laxes preto de necrópoles megalíticas levou a varios investigadores a defender a teoría de que estariamos ante algún tipo de representacións de carácter funerario.

Con respecto as pautas seguidas para a elección do emprazamento,  nesta ocasión o autor do gravado seleccionou intencionalmente un elemento natural ben recoñecible na paisaxe para posteriormente plasmar na zona máis visible da laxe unha mensaxe, quizais un sinal de aviso, coa intención de ser contemplado a certa distancia por calquera que percorrera esta antiga vía de tránsito usada dende a antigüidade ata os nosos días. A acción dos axentes naturais  que foron erosionando os gravados, pode explicar que tempo despois pasase desapercibida, agás para a veciñanza da contorna que xornada tras xornada observaba unha figura que asociaron cun elemento común da súa vida cotiá.

Tipoloxías Peña tú

Tipoloxías Peña tú (Fabregas et. al, 2003)

Cronoloxía

En relación a súa posible cronoloxía, os investigadores sitúan os referentes máis destacados do grupo en torno 1.800-1.500 a.C. Non obstante, a diferenza doutros gravados, o petróglifo da Grada non está asociado con armas metálicas o que dificulta a súa adscrición cronolóxica. Certos autores sinalan a posibilidade de que sexan precisamente este gravados non relacionados coas armas os máis antigos, herdeiros dunha longa tradición que se remonta ó Neolítico e que se mantivo viva durante toda a Idade do Bronce.

Conclusión

Atopámonos ante un dos máis importantes achados da arte rupestre ó ar libre nestes últimos anos que reactiva interrogantes que expliquen o emprego dun modelo esquemático recoñecible e aceptado nunha ampla franxa do territorio entre o Atlántico e a cornixa cantábrica. Gravados que nos transmiten unha mensaxe concreta arestora descoñecida.

Calco do Agro das Calzada. Antonio de la Peña Santos. 1980

Calco do Agro das Calzada (Peña Santos, 1980)

Dende o Colectivo demandamos que os organismos públicos competentes inicien os trámites necesarios para a catalogación do xacemento, como primeira medida necesaria e esencial para garantir a súa protección e conservación. Lamentablemente o estado xeral dos petróglifos desta tipoloxía en Galiza é moi mellorable e permanecen no máis absoluto descoñecemento para o gran público e en perigo constante a causa dos incendios e outros axentes.

Debemos lembrar que boa parte destes xacementos foron declarados monumentos histórico – artisticos (Peña Tú) ou bens de interese cultural (Sejos). Son verdadeiras iconas e referentes culturais para as xentes das comarcas onde se localizan e son considerados valiosos monumentos da Prehistoria do Noroeste peninsular. A simple incorporación dun novo gravado desta tipoloxía ó noso catálogo de arte rupestre constitúe un feito excepcional, á marxe doutras consideracións como a boa factura e dimensións únicas deste gravado da Pedra da Grada.

Xacementos próximos en Moraña.

Cabeza de San Pedro de Rebón

Cabeza de San Pedro de Rebón

Pedrafitas: – Lapa de Gargantáns (San Martiño de Gargantáns), Cabeza de San Pedro (entre as parroquias de Rebón e Amil)

Petróglifos: P. Gargantáns (S. Martiño de Gargantáns), P. Ardegán (S. Martiño de Gargantáns), P. Do Deitadeiro (S. Martiño de Laxe), P. De Cotaredo (Longás – Santa Xusta), P. Chan de Deus (Conles – Santa Xusta)

Xan de Deus

Xan de Deus

Mámoas: Mámoa de Santa Lucía (Santa Lucía), Mámoa do monte Ardegán (Longás – Santa Xusta), Mámoa de Paraños (S. Martiño de Gargantáns), Necrópole do monte Laceira (Monte Laceira – Laxe), Mámoa de Guillarei (Cortiñas – Santa Lucía), Mámoa da Pallota (A Pallota – Rebón), Mámoa de Silvoso (Santa Cruz de Lamas).

Non queremos rematar este pequeno artigo sen agradecer a Isaac ter compartido con nós o seu achado e o ternos permitido facernos voceiros da existencia deste excepcional xacemento que de seguro sorprenderá a moitos especialistas e afeccionados á arte rupestre tanto como nos sorprendeu a nós. Esta é outra mostra máis da relevancia das achegas que están a facer os afeccionados á arqueoloxía nestes últimos anos ó coñecemento da arte rupestre. Neste senso, resulta significativo o valor das redes sociais como novo vehículo de difusión e comunicación entre os diferentes axentes que interactúan neste eido.

Tamén queremos agradecer as suxestións feitas vía facebook polo investigador lucense Xabier Moure.


Notas.

[1] Esta Pedra do Sol dos Cabalos é un conxunto de grandes bolos, nos que destacan dous penedos contiguos polas súas dimensións e paredes verticais de máis de 5 metros de altura. Tamén se observa na zona restos de muros de basta factura apoiados nalgúns dos penedos. A denominación de Pedra do Sol dos Cabalos déunola un operario que estaba a traballar nas inmediacións do campo de fútbol, mais nos mapas que temos consultados atopamos por un lado a Pedra do Sol e pola outra a Pedra dos Cabalos.

[2] Fábregas Valcarce et al. (2004).

[3] Fábregas Valcarce et al. (2006).

[4] Hernández Pacheco et al. (1914).

[5]Mallo e Pérez. (1971).

[6]Peña e Rey. (2001).


Bibliografía:

 

 

Ruta polos petróglifos do promontorio de Corme


Convidados pola Fundación Eduardo Pondal e o Concello de Ponteceso achegámonos a unha das zonas de arte rupestre máis singulares do país, o Promontorio de Corme, na zona máis oriental da Costa da Morte. Guiados polo polifacético Suso Lista, veciño e gran coñecedor da zona, e na compaña do alcalde, Xosé Lois García Carballido e o concelleiro de Cultura, Carlos Penedo Casmartiño, percorremos boa parte dos sitios con arte rupestre máis relevantes do municipio. Foi só unha primeira aproximación para coñecer a zona que será obxecto de novas achegas por parte do Colectivo.

24616801440_b3e2d6d385_k

Vista xeral do Petón da Campaíña

Boa parte dos xacementos foron localizados no ano 1997 durante os traballos de avaliación e seguimento de impacto arqueolóxico derivados da instalación do Parque Eólico de Ponteceso, aínda que cómpre destacar que xacementos como o Petón da Campaíña eran moi coñecidos con anterioridade polos veciños da contorna.

a feiteira Clase maxistral

Contemplando a laxe principal da Fieiteira

Posteriormente, no 2002, os arqueólogos Manuel Santos Estévez e Patricia Mañana Borrazas publicaron unha pequena síntese coas características principais destes xacementos na Revista Gallaecia da USC.

Malia todo, os petróglifos de Corme nunca obtiveron a atención merecida e boa parte das laxes permanecían esquecidas baixo os toxos e matogueiras. Un bo exemplo era o estado no que se atopan as laxes da Fieiteira que puidemos visitar grazas á limpeza previa dos accesos por parte das brigadas municipais. Desde aquí o noso agradecemento ó Concello.

A Fieiteira – Meixoeiro

Situado na zona central do promontorio e nun outeiro con boa visibilidade localízase o conxunto máis complexo e máis relevante do Concello. Na Fieiteira atopamos a maior concentración de gravados localizados ata agora na Costa da Morte. Ata 15 paneis insculturados situados entre dous grandes penedos graníticos. Destaca, polo seu tamaño e número de gravados, a laxe principal duns 6 metros de lonxitude (N-S) e 2,5 de ancho (E-O).

A fieiteira-6

A Fieiteira . Laxe central

Se temos en conta o tipo de soporte (granito de gran fino), a súa situación en laxes case planas a ras de chan e pouco visibles a certa distancia e a técnica dos gravados, poderíamos indicar que presenta similitudes coa arte rupestre atlántica, mais a tipoloxía dos gravados non son nada habituais: Cruces inscritas en círculos, escaleiriformes, ferraduras, círculos simples, “vermiformes” (óvalos alongados e divididos por liñas transversais), reticulados, etc. Curiosos deseños que forman conxuntos heteroxéneos que manteñen certos paralelismos con outros grupos focalizados do noso territorio como en Cequeril (Cuntis), nas estacións próximas ó Castro de Montaz na parroquia de Laro (Silleda), Lesende (Lousame), As Canles (Campo Lameiro), etc.

A fieiteira-3

A Fieiteira. Detalle dos reticulados nunha das laxes pequenas

A Regadiña

As Regadiñas

A Regadiña

No extremo meridional do Promontorio, e á beira da estrada que conduce de Corme ó Roncudo, localízase a estación da Regadiña. Os motivos figuran na parte superior e central dunha laxe de forte inclinación. Nela atopamos ata 19 motivos formados na súa totalidade por cruces inscritas en círculos e cadrados irregulares, en varios dos cadrados hai pequenas coviñas entre os brazos da cruz. A maioría dos círculos están na parte superior da laxe e, na parte inferior,  localízanse os deseños máis cadrados de esquinas redondeadas.

O Petón da Campaíña.

No extremo noroccidental do Parque Eólico de Corme, ó abrigo dunha gran rocha granítica, atópase un dos “santuarios” rupestres máis singulares do noso país, tanto polas súas características como pola súa peculiar localización nun punto privilexiado da paisaxe con vistas á ría.

Petón-3

Vista xeral do sector central

Os gravados distribúense aproveitando as propias irregularidades da rocha e presentan deseños variados e de difícil interpretación. Destacan as coviñas e cazoletas de distintos tamaños, os sucos de liñas entrecruzadas e ondulantes, ferraduras, círculos sinxelos, rebaixes, coviñas e unha curiosa figura humana en falso relevo duns 25 centímetros de alto situada na parte central e nunha posición privilexiada na parede do abrigo.

24616740050_25a93cfcd5_k

Vista xeral do abrigo

No chan figuran os gravados mellor conservados e tamén de tipoloxías máis tradicionais como varios círculos simples con coviña central. Tamén se poden apreciar na parte superior da parede de abrigo varios gravados, aínda que a maioría atópanse moi deteriorados pola erosión. Completa o repertorio de gravados unha cruz latina máis recente, cunha pátina máis viva e pouco erosionada.

Un grupo singular na arte rupestre atlántica

A visita ás laxes do Promontorio de Corme permitiunos admirar unha tipoloxía de gravados pouco comúns dentro do Grupo Galaico da Arte Rupestre e únicos na Costa da Morte. Á marxe dos motivos comúns a outras zonas do chamado Grupo Galaico da Arte Rupestre, como as coviñas e os círculos, identíficanse outros menos frecuentes como os óvalos, cruces inscritas en círculos e cadrados, reticulados e escaleiriformes, etc…

24842059981_5c14948c7d_k

Fotogrametría A Fieiteira

Estas características nos deseños así como as técnicas de gravado empregadas (uso pouco habitual de baixo relevo) levaron a algúns investigadores a falar dun “estilo propio de arte rupestre diferente do estilo clásico da Idade do Bronce coñecido noutras zonas de Galicia” (M. Santos Estevez & PM Borrazás, 2002).

a feiteira

A Fieiteira. Reticulados e cruces

Tampouco está clara a cronoloxía e a adscrición cultural dos gravados, aínda que parece claro que corresponden a diferentes períodos. Existen gravados prehistóricos e outros medievais e incluso modernos como as cruces realizadas con ferramentas metálicas como a presente no Petón da Campaíña ou as localizadas hai un par de anos en Brantuas.

Petón da Campaíña

Petón da Campaíña

Tamén, como acontece noutras zonas de Galicia, é evidente que moitas das figuras foron reavivadas ou regravadas durante moito tempo, como evidencia a estación da Regadiña. Un feito que poida derivar da propia necesidade de facilitar a “lectura” e interpretación duns gravados que hoxe en día seguen a ser un misterio.

Subliñar, por último, que á marxe das estacións ó ar libre, é moi significativa a localización de ata cinco abrigos naturais con gravados, sendo o Petón da Campaíña o máis relevante.

As demandas do Colectivo

Non podiamos desaproveitar esta oportunidade para demandar ós dirixentes locais presentes melloras no estado destes xacementos pois urxe adoptar medidas que garantan a súa protección e conservación.

24284081874_d87847bd5b_k

Detalle do antropomorfo

Entendemos que se debería comezar por inventariar todas as estacións, rexistrar correctamente todos os motivos insculturados e incluír no catálogo patrimonial do PXOM de recente aprobación todos os xacementos. Requisito fundamental para protexelos e evitar os feitos denunciados anos atrás como consecuencia das actividades forestais e industriais nas áreas arqueolóxicas sen ningún tipo de seguimento e control ou os danos evidentes que reflicten varias laxes da Fieiteira polas limpezas dos montes con tractores con cadeas.

Petón da Campaiña-2

Petón da Campaíña. Sector central

Cómpre tamén, a limpeza periódica dos xacementos e do seu perímetro para evitar que se vexan afectados polos incendios forestais, así como a localización dos propietarios das leiras cos que acadar acordos que permitan que as xeracións futuras poidan desfrutar destas mostras milenarias de arte rupestre.

Petón da Campaiña Conquista

Vista xeral do Petón da Campaíña

Os petróglifos son xacementos arqueolóxicos moi sensibles tanto ós factores ambientais como á propia acción do home que non só dana os xacementos senón tamén altera de xeito irreparable o seu contorno (véxase o Petón da Campaíña cun dos aeroxeneradores do Parque Eólico a escasos metros).

24842045871_c1e8b6df2a_k

Fotogrametría A Fieiteira

Divulgar implica concienciar á poboación da singularidade destes bens culturais con actividades educativas e pedagóxicas que sensibilicen á veciñanza da súa importancia, facéndoos participes na loita pola súa conservación e protección. Porén, a realización destas actividades debe adecuarse as características destes xacementos evitando, por exemplo, que centenares de persoas visiten ó tempo estes petróglifos.

24909028456_b83088aaaf_k

Fotogrametría A Fieiteira

A xestión correcta destes bens, seguir potenciando novos traballos de investigación e a súa posta en valor contribuirán positivamente no territorio. O importante patrimonio arqueolóxico da zona debe supor un elemento diferencial cun gran potencial turístico que cómpre aproveitar e que redundará tamén noutros sectores económicos deste recuncho da Costa da Morte.

Fotogrametría A Regadiña

Fotogrametría A Regadiña

Dende o Colectivo queremos agradecer a atención e boa acollida do equipo de goberno de Corme representado polo seu alcalde e o concelleiro de Cultura. Agardemos que a ilusión e boa vontade que nos transmitiron se plasme en feitos nun futuro próximo, o Colectivo A Rula estará para botar unha man.

Bibliografía:

Notas de Prensa


A Ruta no wikiloc do Colectivo:

A Pena Bicuda de Loureiro, arte rupestre no Monte Piquiño


O petróglifo da Pena Bicuda de Loureiro é a estación de arte rupestre ó ar libre de maior interese da área arqueolóxica do Monte Piquiño situada entre as aldeas de Regoufe e Loureiro na parroquia de Luou no Concello de Teo.

área de protección. Manuel Lestón

Área de protección das mámoas e petróglifos do Monte Piquiño. Autor: Manuel Lestón

Na actualidade coñecemos na zona dez estacións con arte rupestre prehistórica, case a metade das localizadas no termo municipal, na contorna dunha importante necrópole megalítica formada por máis de trinta túmulos.

Ref Pedra Bicuda

Revista “La Unión de Teo y Vedra” (1935)

Nesta área tamén atopamos antigas referencias documentais e bibliográficas a dous posibles círculos líticos coñecidos ambos como “Eira dos Mouros” situados nas paraxes da Lagoa e na Costa de Guindín.

O Monte Piquiño presenta a maior concentración de xacementos de toda a comarca de Compostela e constitúe un dos focos de arte rupestre ó ar libre máis importantes, só superado pola gran densidade de estacións localizadas na outra gran área arqueolóxica da bisbarra, a zona da Portela de Villestro / Covas situada entre os concellos de Compostela e Ames.

Detalle do Piquiño na Carta Xeométrica de Fontán (1845)

Detalle do Piquiño na Carta Xeométrica de Fontán (1845)

A interesante asociación entre túmulos e petróglifos do Piquiño a convirten nunha das zonas de estudo máis interesantes do noso país. Este feito non impediu que estivera e aínda fique ameazada pola construción dun parque eólico proxectado pola empresa Beltaine. A oposición dos veciños e do propio concello á súa instalación non impediu até o de agora que o proxecto siga a por en perigo esta paraxe única e singular situada ó sur da parroquia de Luou.

Localización de un dos numerosos conxuntos de mámoas

Localización dun dos numerosos conxuntos de mámoas (ver en grande)

A Pena Bicuda de Loureiro e Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza

É moi probable que esta laxe de arte rupestre xa fora localizada no seu día polo investigador Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza durante as súas visitas ó Monte Piquiño en compañía do seu amigo Adolfo Calvo, practicamente municipal de Teo e veciño da Igrexa (Luou –Teo). Durante os traballos de campo realizados a finais dos anos corenta e principios dos cincuenta visitou esta área arqueolóxica en varias ocasións como reflicten as súas notas persoais e fotografías polo que sería probable que estudara este petróglifo.

Monte Piquiño, 1951. Fondo fotográfico Ángel Núñez Sobrino, Arquivo Municipal de Teo. Ramón Sobrino Lorenzo- Ruza (1915-1959)

Eira dos Mouros no Monte Piquiño, 1951. Fondo fotográfico Ángel Núñez Sobrino, Arquivo Municipal de Teo. Ramón Sobrino Lorenzo- Ruza (1915-1959)

Porén, no ano 1953 publica no Noticiario Arqueólogico Hispánico varias referencias nesta paraxe, entre elas destaca un grupo de dez mámoas situadas no parte central do Piquiño e dúas estacións de arte rupestre, o petróglifo do Agro da Cacharroa (hoxe desaparecido) e o petróglifo da Pena Bicuda de Regoufe, mais non cita esta estación da Pena Bicuda de Loureiro.

Malia todo, tampouco podemos desbotar que non a coñecera porque outras estacións como o petróglifo de Outeiro do Corno en Regoufe non figuran nas súas publicacións pero as súas fotografías e anotacións custodiadas no arquivo familiar testemuñan o seu estudo.

A redescuberta e catalogación dos petróglifos do Monte Piquiño

Mapa de Pendentes (Ano 2009-2010) da zona de Loureiro

Localización das mámoas da necrópole do Piquiño. Mapa de Pendentes (Ano 2009-2010) da zona de Loureiro

A catalogación definitiva desta estación (GA15082068) tivo lugar no ano 2001 e foi realizada polos arqueólogos Manuel Lestón Gómez e María Álvarez García, froito do traballo de prospección arqueolóxica desenvolvido durante unha campaña financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia que tiña como obxectivo a realización dunha revisión do estado de conservación dos xacementos catalogados no Concello.

1951_pena bicuda de regoufe3

Pena Bicuda de Regoufe, 1951. Fondo fotográfico Ángel Núñez Sobrino, Arquivo Municipal de Teo. Ramón Sobrino Lorenzo- Ruza (1915-1959)

Durante estes labores localizaron tamén outras tres novas estacións na mesma área arqueolóxica do Monte Piquiño, o petróglifo do Fondao, o petróglifo de Outeiro Piquiño e o petróglifo do Chan do Pouso ou da Pena Escorredía, todos eles ó sur e sueste da aldea de Loureiro.

Con posterioridade, no ano 2006, e con motivo da elaboración do inventario do Plan Xeral de Ordenación Municipal realizada por Manuel Lestón e Manuel Anxo López – Felpeto descubriuse outra nova estación, o petróglifo do Outeiro do Chan do Pouso a escasos metros da aldea de Loureiro.

Outeiro Piquiño 2

Outeiro Piquiño 2. Última estación localizada no Monte Piquiño

A estas descubertas temos que engadir nos últimos anos os achados realizados polo grupo de investigación da USC, Colectivo Ollarte, na paraxe da Estivada Nova e os petróglifos localizados polos veciños da parroquia, Álvaro Parajó na Pena do Ledo (coñecida  como o Trono da Raíña) e José Barral no Outeiro do Meau en 2008. A última achega ó catálogo de xacementos de arte rupestre nesta paraxe tivo lugar a finais do pasado ano coa descuberta do propio Colectivo A Rula dunha segunda estación no Outeiro Piquiño xusto por riba dun grupo de 5 mámoas situadas a escasos metros.

Situación da Pena Bicuda de Loureiro

Localización Pedra Bicuda

Localización da laxe na Pena Bicuda de Loureiro

O seu emprazamento é todo un espectáculo cun amplo dominio visual das terras e cumes que dividen a comarca de Compostela e do Sar.

Localización do Monte Piquiño

Localización en relación ó camiño

A Pena Bicuda de Loureiro sitúase nun pequeno outeiro granítico ó carón dun dos antigos camiños que atravesan de norte a sur o Piquiño e que comunicaban as parroquias do val do Ulla coa de Luou. Veciños das aldeas de Carcacia (Padrón), Rarís (Teo) e Reis (Teo) acostumaban atravesar o Piquiño ata os anos sesenta para facer as súas compras nos establecementos comerciais situados ó carón da Igrexa de Luou e tamén para dirixirse a Compostela.

Plano dos camiños do Piquiño. 1940. Arquivo do Concello de Teo

Plano dos camiños do Piquiño. 1940. Arquivo do Concello de Teo

As antigas rodeiras dos carros son boa testemuña deste continuo transito pola senda que atravesaba o monte entre os “piquiños” que dan nome a este antigo cordal. Hoxe en día o acceso máis doado a este camiño é a través da estrada que comunica os lugares de Loureiro (Luou) con Fornelos (Rarís) seguindo a ruta homologada pola federación galega de montaña (GR 94 Rural de Galicia).

Coordenadas UTM: 29 T 533389 4736281 (Datum: WGS 84).

 Os motivos gravados na Pena Bicuda de Loureiro.

Fotogrametría da laxe

Fotogrametría da laxe

Trátase da estación co maior número de motivos representados no Concello de Teo, con figuras xeométricas e tamén naturalistas que a converten nun xacemento de excepcional valor. O desgaste superficial da pátina da laxe polos efectos da erosión e polos continuos incendios forestais da zona (o último no ano 2006) dificulta a visión dos motivos, incluso observándoa aplicando luz artificial de noite polo que foi precisa a aplicación das novas ferramentas de virtualización 3D fotogramétrica para poder rexistrar os diferentes motivos insculturados.

Vista desde a laxe

Vista desde a laxe

Nun amplo panel, que presenta unha forte inclinación cara o SE, hai representados un mínimo de  10 combinacións circulares moi próximas entre si (dúas delas posiblemente sexan espirais). Os seus diámetros oscilan entre os 23 cm e 110 cm, presentado a maioría unha coviña central. O estado de conservación é moi desigual sendo facilmente visibles a gran combinación que preside o panel (probablemente a de maior tamaño da comarca) e as situadas á súa dereita.

Pedra Bicuda detalle

Pedra Bicuda, pormenor do cervo de maior tamaño

Por outra banda, tamén hai representados ata dez zoomorfos distribuídos por todo o panel, sendo os mellor conservados os situados na parte periférica da laxe, tanto na parte inferior como na parte esquerda onde se atopa un gran cervo macho que probablemente sexa tamén o máis grande localizado na área compostelá. Se ben os cérvidos situados nesta zona periférica se desprazan á esquerda, o resto adoptan distintas posicións.

En torno ás tres combinacións centrais do panel figuran outros cuadrúpedes de pequeno tamaño moi erosionados. Entre eles chaman a atención varios deseños, polo menos tres figuras, situados na parte central con características diferentes ós outros cervidos machos de maior tamaño situados na parte inferior. O seu pequeno tamaño coas patas representadas mediante só dous pequenos trazos e incluso o deseño da cabeza con dúas pequenas liñas que semellan representar as orellas lévanos a sospeitar que sexan algún tipo de cánido. Estas figuras de lobos e canes de pequeno porte empezan a ser identificados en numerosas estacións da nosa xeografía, Pedra Xestosa (Laxe), Cova da Bruxa (Muros), Boullosa (Campo Lameiro), etc.

cervo da pedra bicuda de loureiro e combinacións circulares

Pormenor do gran cervo

Na parte central nunha posición predominante no panel aparece tamén un motivo de difícil interpretación debido á súa forte degradación. Ten forma rectangular seccionada en cinco partes por trazos transversais e remata en punta no vértice superior, no extremo inferior un dos trazos prolóngase case un metro en paralelo á diáclase da pedra.

Gran combinación central

Gran combinación central

Non é doada a súa interpretación pero poida que se trate dalgunha arma, probablemente unha espada cun pequeno mango en posición activa. Esta división da arma en varias seccións lémbranos a espada gravada no petróglifo das Laxiñas no Concello de Carnota.

A presenza desta posible arma axúdanos a datar o xacemento. Semella existir un acordo entre os arqueólogos en datar estes laxes panoplias no Bronce Inicial, aínda que algúns autores (Santos Estevez, 2005) sinalan que os petróglifos onde se produce esta asociación entre as armas e os motivos típicos do Estilo Atlántico, como acontece na Pena Bicuda de Loureiro, terían unha cronoloxía máis recente probablemente na segunda metade da Idade do Bronce. Malia que cada vez é maior o número de estacións onde se constata a presenza  das características combinacións de círculos concéntricos como as armas o certo é que seguen sendo pouco habituais e na comarca de Compostela sería a primeira.

As Laxiñas - Carnota

As Laxiñas – Carnota

Non menos problemática é a interpretación do deseño situado na parte inferior da laxe á dereita do panel, ó carón de varios motivos xeométricos, e case a rentes do chan. Fórmano dous sucos paralelos que únense no extremo superior, onde figura tamén unha pequena coviña. Un deseño moi orixinal que recorda a figura dunha serpe.

Detalle da posible serpe

Pormenor da posible serpe

A asociación de temas iconográficos xeométricos e figurativos presentes na Pedra Bicuda de Loureiro parece reflectir a mesma cronoloxía dos gravados, polo menos os motivos que figuran na parte central da laxe.

Pena Bicuda de Loureiro. Detalle

Pena Bicuda de Loureiro. Pormenor

A ampla representación de cuadrúpedes representados (é a que presenta o maior número  na bisbarra) fai desta estación unha das máis atractivas do Concello. Na actualidade hai cinco laxes con representacións de zoomorfos na comarca de Compostela, tres en Teo (Pena Bicuda de Loureiro, Outeiro do Corno 1 e Río Angueira 2), unha en Ames (Peneda Negra) e outra en Compostela (Pinal 1). Con todo, estamos seguros de que o catálogo actual seguirá crecendo e que novos traballos de campo permitirán a localización de novas estacións tanto no Monte Piquiño como no resto da comarca.

Máis petroglifos no Piquiño

O petróglifo do Fondao

O Fondao

O Fondao

En fronte ó outeiro da Pena Bicuda de Loureiro atópase o petróglifo do Fondao situado noutro outeiro granítico á beira do nacente que dá nome á laxe. Trátase dun único panel con motivos xeométricos formado por un mínimo de seis combinacións circulares moi próximas e de varios tamaños, de entre 13 e 40 cm de diámetro e un e tres aneis, con cazoleta central en tres destas combinacións.

Fotogrametría do Fondao

Fotogrametría do Fondao

Segundo o arqueólogo Manolo Lestón, autor do inventario patrimonial do PXOM de Teo, estas combinacións circulares sitúanse “o redor dun motivo de díficil interpretación, unha especie de escutiforme ou figura antropomorfa de 50 cm de alto e 20 cm de ancho dende a cal saen varias liñas en dirección a algunhas das combinacións circulares”. A realización de varios deseños 3d sobre este interesante panel semella confirmar esta arriscada interpretación realizada no seu día polo arqueólogo da empresa Arkaios.

Outeiro Piquiño

Outeiro Piquiño

Pequenas estacións con arte rupestre

O resto das estacións localizadas nesta área arqueolóxica e na contorna da necrópole megalítica do Piquiño, só posúen gravados de tipo xeométrico con paneis máis sinxelos formados por agrupacións e aliñamentos de coviñas (Chan do Pouso), sucos lineais, círculos simples e coviñas (Pena Escorredía e Outeiro Piquiño 2) e pequenas combinacións de círculos concéntricos con coviñas que, non obstante, presentan gran plasticidade como acontece nos petróglifos do Meau, Outeiro Piquiño, Pena Bicuda de Regoufe e Trono da Raíña.

 Conclusión

O petróglifo da Pena Bicuda é outra mostra da relevancia que a arte rupestre prehistórica ten na nosa comarca. O Colectivo A Rula segue a rexeitar esa visión tradicional que fala de “foco secundario” para a comarca compostelá no chamado Grupo Galaico da Arte Rupestre. A variedade e calidade dos gravados así como o importante número de estacións localizadas na comarca, arestora máis de 120 xacementos, racha con esa vella imaxe que seguen a defender certos sectores máis academicistas. Non podemos esquecer asemade que a nosa comarca foi un dos primeiros focos de estudo da arte rupestre en Galicia.

Solpor desde o Piquiño

Solpor desde o Piquiño

Por outra banda, cómpre agradecer ó Concello de Teo os traballos de limpeza periódica que realiza ó longo do ano na contorna da laxe e nas sendas de acceso, feito que non só permite a visita do petróglifo senón tamén garante a súa conservación evitando os danos que poidesen producirse nun posible incendio forestal.

Por último, agardamos que esta pequena entrada no noso blog contribúa a concienciar ás administracións públicas competentes na salvagarda destes bens patrimoniais únicos e en evidente perigo. A alta concentración de xacementos (mámoas e petróglifos) fai evidente a posible existencia de poboados polo que é preciso unha protección integral de toda a zona. A afectación que suporía a instalación do proxectado parque eólico alteraría para sempre unha paraxe natural e patrimonial única que agardemos teña unha mellor valoración social nun futuro próximo. Toda acción ó respecto contará coa colaboración do noso colectivo.

Para saber máis:

 Bibliografía:

  • “El municipio de Teo en Unión de Teo y Vedra”. En: Revista Unión de Teo y Vedra. Órgano oficial de las Sociedades Agrarias de Teo y Vedra (1935). N.300. p.5-30
  • Acuña Castroviejo, F. “El petróglifo del Monte do río de Angüeira (Luou, Teo)”. En Cuadernos estudios gallegos. XXIV, 72-74 (1969). p. 23-26
  • Fernández Pintos, Julio: “Los petróglifos de O Alargo dos Lobos (Amoedo, Pazos de Borbén)”. Marzo 2013.
  • Lema Suárez, X.M: “Un percorrido polo patrimonio artístico e monumental do Concello de Teo”. En: A historia do “Sindicato de Agricultores y Ganaderos de Luou” e cen anos de vida social na parroquia: 1095-2005 [i.e. 195-2005]: cen anos de historia, crónica do centenario. Luou: Asociación para a celebración do centenario do “Sindicato de Agricultores y Ganaderos de Luou”, 2006. p. 123-125. Concello de Teo. 2008
  • Lestón, M.: “Catálogo de Xacementos Arqueolóxicos do Concello de Teo, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Xuño – Xullo, 2001. Código no catálogo: GA15082079
  • Núñez Sobrino, Ángel: “Ramón Sobrino Lorenozo – Ruza (1915-1959): El trayecto vocacional de un arqueólogo”. En Pontevedra: Revista de estudos provinciais. N. 21. Deputación de Pontevedra. 2006
  • Peña Santos, A.; Aparicio Casado, B.: “Guía de petroglifos de Galicia”. Edicións do Cumio, 2011
  • Peña Santos, A.: Aparicio Casado, B. & Carrera, F: “Arte rupestre en Galicia”. Edicións do Cumio, 2013
  • Santos Estévez, M.: Sobre la cronología del arte rupestre atlántico en Galicia”. En Arqueoweb: Revista sobre Arqueología en Internet, ISSN-e 1139-9201, Vol. 7, Nº. 2, 2005.
  • Santos Estévez, M.: Petroglifos y paisaje social en la prehistoria reciente del noroeste de la península Ibérica”. En TAPA: traballos de arqueoloxía e patrimonio, ISSN 1597-5357, Nº 38, 2008, ISBN 978-84-00-08733-2, páx. 13-216.
  • Sobrino Lorenzo – Ruza. R.: “Un petróglifo en Mallos, Ayuntamiento de Teo (A Coruña)”. En Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo. III, p. 23-24 (1947); pp.61-64.
  • Sobrino Lorenzo – Ruza. R.: “Bronce Mediterráneo y Atlántico. Noticias 134, 136”. Noticiario Arqueológico Hispánico 1 (1953). p. 193-194.
  • Soto Barreiro, M.J.:”Los petroglifos prehistóricos de la comarca compostelana”. Santiago (tese de licenciatura inédita). Universidade de Santiago de Compostela, 1986
  • VV,AA.: Álvarez Veira, Enrique, Ricart Guillot, Susana, González Fernández, Alberto.: “Evaluación de impacto arqueológico, proyecto de concentración parcelaria de San Xoan de Calo”. 1999 (Promotor TRAGSA). Codigo CJ 102A 99/310-0. (Empresa Adobrica Arqueoloxia S.L.).
  • VV,AA.: Fábregas Valcarce, R. ; Guitián Castromil, J.; Guitián Rivera, J. e de la Peña Santos, A.:Petróglifo galaico con una representación de tipo Peña TÚ” en Zephyrus: Revista de prehistoria y arqueología. LVII (2004), p. 183-193.
  • VV,AA.: Fábregas Valcarce, R.: Guitián Castromil, J.; Guitián Rivera e J. Rodríguez Rellán, C.:Un petroglifo de tipo outeiro do corno en Porto do Son (A Coruña)”. Gallaecia. XXVI (2007), p. 55-68.
  • VV,AA.: Fábregas Valcarce, Ramón; Peña Santos, Antonio de la; Rodríguez Rellán, Carlos. “Río de Angueira 2 (Teo, A Coruña): un conjunto excepcional de escenas de monta”. Revista Gallaecia. Núm. 2011, (30): 29-51

 Notas de Prensa:

Documentación:

  •  Fondo Ángel Núñez Sobrino, Arquivo Municipal de Teo. Origen: Ramón Sobrino Lorenzo- Ruza (1915-1959).

Rutas:

Wikiloc:

A Pedra Ancha do Camiño de Fisterra


1993_calco-pedra-ancha_sector-a_costas-goberna_novoa_panel-superior_22944552130_o

Calco Costas Goberna . 1993

Entre as moitas especificidades que conforman a personalidade propia da nosa arte rupestre prehistórica ocupa un lugar destacado un conxunto de estacións con paneis con representacións exclusivamente de armas. Cuantitativamente son un conxunto minoritario dentro do Grupo Galaico de Arte Rupestre mais por diversas causas teñen sido obxecto desde sempre dunha atención preferente por parte dos estudosos na materia.

Entre estas rochas panoplias nesta ocasión fixamos a nosa atención nunha das máis setentrionais, a Pedra Ancha de Dumbría.

1993_calco-pedra-ancha_costas-goberna_panel-inferior_22944551620_o

Calco Costas Goberna . 1993

O xacemento arqueolóxico de Pedra Ancha localízase preto do Alto do Fragoso na parroquia de San Pedro de Buxantes en Dumbría (UTM: 29 T 492060 4759095).

1993_calco-pedra-ancha_costas-goberna_novoa_xeral_22944552540_o

Calco Costas Goberna . 1993

Trátase dun gran afloramento granítico de máis de 36 m de longo por 10 m de ancho e preto de 5 de altura que constitúe o elemento natural de referencia na paisaxe da súa contorna. Salienta a súa situación a escasos metros do camiño real que foi dende a Idade Media e segue sendo o itinerario xacobeo de Compostela a Fisterra. A só cincocentos metros ó leste atópase o outro referente espacial desta zona, neste caso artificial, a fábrica de Carburos Metálicos de Ferroatlántica que alterou radicalmente este espazo xeográfico nas últimas décadas.

Pedra Ancha 1-3Esta estación de arte rupestre ó ar libre foi localizada polo veciño Modesto García Quintáns, antigo Director do Instituto Xeográfico Nacional da Coruña, en 1991 durante unha xornada de caza cos seus compañeiros da cuadrilla de Buxantes.

plano-pendentes_-pedra-ancha_fragoso_22609833884_o.jpg

Plano de localización

Logo dunha pequena publicación en La Voz de Galicia ese mesmo ano, foi dada a coñecer nun artigo da revista Brigatium en 1993 polos investigadores Fernando Javier Costas Goberna, Pablo Novoa Álvarez e José María Albo Morán que destacan por primeira vez a relevancia desta rocha panoplia e salientan a súa estraña localización en relación co escaso número de petróglifos destas características na Galiza setentrional en xeral e na Costa da Morte en particular. Con posterioridade foi estudada e citada por numerosos investigadores e arqueólogos como F. Alonso (1993), F.J. Costas Goberna e E. Pereira García (1998), Vázquez Varela (1999, 2007), A. de la Peña Santos e F. J. Costas Goberna (2006), B. A. Casado e A. del Peña Santos (2011), etc…

 DESCRICIÓN DOS GRAVADOS.

Pedra Ancha 1-2Na parte superior deste enorme penedo figuran un gran número de pías naturais que a erosión e chuvia foi creando co devir da historia. Porén, é na parede oriental nunha zona de forte inclinación, case vertical, onde se atopan os dous paneis insculturados cunha importante representación de armas propias dos inicios da metalurxia: dúas espadas curtas ou puñais e catro alabardas, semellantes ós exemplares de cobre localizados en varios xacementos arqueolóxicos galegos, e tamén varios deseños triangulares que denominaremos “escutiformes” e que identificamos por asociación co resto das armas con algún tipo de escudo descoñecido no rexistro arqueolóxico por estar confeccionado con materiais orgánicos perecedoiros.

1991_08_31_descubiertos-en-dumbra-unos-petroglifos-que-representan-armas_23045493630_o

Nova da descuberta na Voz de Galicia do 31 de agosto de 1991

Non podemos desbotar tampouco outras hipóteses sinaladas polos investigadores que os identifican como posibles mascaras, idoliformes, representaciones antropomorfas sacralizadas, estandartes e incluso carros de guerra gravados cunha perspectiva cenital semellantes ós representados nas estelas estremeñas e alentexanas (G. Pascual Hermida, 2011). Deseños triangulares moi semellantes localízanse noutros petróglifos do grupo galaico da arte rupestre como Auga da Laxe (Gondomar), Mogüelos (Cangas) e sobre todo gardan moita similitude coas figuras do Castriño de Conxo en Santiago de Compostela.

Pedra Ancha 1-4Na parte central da cara oriental é onde figuran estes 3 escutiformes dispostos case en liña. As súas dimensións oscilan entre os 60 e 70 cm de longo por 40 de ancho. Ó carón dun deles atópase tamén un puñal ou espada curta de tipo espigo (sen cravos de suxeición) con empuñadura e coa posible representación do nervio central moi erosionado

Na parte inferior da laxe e á dereita do primeiro grupo de gravados, atópase un segundo panel duns 3 metros cadrados situado case a rentes do chan. De esquerda a dereita figuran dúas alabardas de folla triangular, a primeira con nervio central e a segunda con varios sucos paralelos no fío, ambas cun longo suco a modo de mango; un segundo puñal con nervio central e colocado en posición activa (mirando cara arriba) e unha terceira alabarda máis pequena de fío case cadrado e deseñada con varios sucos e que tamén presenta un longo suco a modo de mango. Á dereita destes deseños pechando o panel atópase unha cuarta alabarda tamén de folla triangular de liñas máis redondeadas e varios sucos paralelos representando ós nervios no fío. Entre a terceira e a cuarta alabarda figuran representadas varios gravados históricos, cruces de factura relativamente moderna que quizaiPedra Ancha 1-7s oculten outras representacións prehistóricas como outro posible escutiforme (J.M. Vázquez Varela, 2007).

As alabardas representadas, todas orientadas na mesma dirección á dereita, son similares ós modelos Carrapatas da Idade do Bronce localizadas nos rexistros arqueolóxicos do NO peninsular.

Pedra Ancha 1-8A conservación dos gravados é en xeral bastante boa a pesar das continuas enxurradas no inverno. A auga que conteñen as enormes pías naturais da parte superior vai escorregando polas zonas máis inclinadas da laxe onde figuran os gravados. Malia todo, o proceso de meteorización directa pola acción do vento e a auga non semella por en perigo a conservación dos grabados.

En definitiva, a representación deste amplo repertorio de armas, cando menos nove entre ambos paneis, converten a Pedra Ancha na rocha panoplia máis importante da Costa da Morte e un dos xacementos de arte rupestre prehistórica desta tipoloxía máis representativos do noso país.

ANÁLISE.

Na análise de calquera estación de arte rupestre ó ar libre é fundamental avaliar o seu contorno inmediato. Nesta ocasión éo aínda máis, pois o afloramento granítico da Pedra Ancha destaca na paisaxe como o elemento natural máis sobranceiro nesta penechaira do Fragoso hoxe gravemente alterada pola acción antrópica. Desaparecidas case por completo as mámoas da paraxe de Maias, só fica na zona outro xacemento arqueolóxico de certa importancia, o chamado Castro da Fragoso da idade do Ferro, situado a uns 400 m, ó suroeste da gran peneda.

Pedra Ancha 1-14O outeiro da Pedra Grande constitúe por tanto un fito espacial fundamental neste territorio, marca o linde entre a chaira e as suaves pendentes do val que se van acentuando ó achegarnos ó río Fragoso que dá nome á zona e o xacemento castrexo. Dende a Peneda Grande podemos divisar unha ampla panorámica de toda a chaira onde se practicaba o pastoreo ata hai unhas décadas e preto de importantes recursos naturais como os numerosos mananciais da zona e o río. Sitúase tamén nunha vía de tránsito natural usada dende a prehistoria ós nosos días, como testemuña a presenza do itinerario da senda xacobea.

Pedra Ancha 1-5A localización dos gravados na parede orientada ó camiño, na súa parte central e case vertical da parede, evidencia a vontade dos gravadores para facer visibles estas figuras á certa distancia.

A pesar da erosión en días con boa luminosidade aínda é posible observar dende o camiño os diferentes motivos (tal e como reflicte a primeira fotografía) e a pesar da plantación de eucaliptos situados na parcela lindeira que dificulta a súa visualización na actualidade.

Pedra Ancha 1-6Como complemento á hipótese territorial, J. M. Vazquez Varela (2007), sinala unha segunda interpretación da laxe como lugar de celebración de rituais guerreiros. A representación de toda esta panoplia reflicte unha forte carga simbólica que podemos relacionar con outras funcións, dende servir de sinal disuasoria e aviso a outros grupos da zona (tamén en relación coa anterior hipótese de linde territorial), ata indicar o lugar de celebración de rituais colectivos vinculados á guerra conmemorando o inicio ou fin dunha acción bélica. Quizais esta exhibición pública dos armamentos dos guerreiros xogase un papel fundamental para definir os modelos sociais imperantes nesas sociedades.

A presenza de gravados de diferentes períodos evidencian a querenza e atracción continuada destes antigos poboadores por esta peneda, deixándonos testemuños perdurables no tempo que dificilmente poderemos interpretar dende os valores culturais actuais. A Pedra Ancha tivo diversas funcións e significados ó longo da súa dilatada historia. As cruces de factura histórica que tamén podemos relacionar con varias funcións, “cristianización” dun lugar de culto pagán anterior, coa demarcación de límites territoriais ou incluso co paso dos peregrinos camiño a Fisterra, son os últimos sinais desta longa tradición gravadora.

SINALIZACIÓN

Pedra Ancha 1-10Durante a nosa visita ó petróglifo numerosos peregrinos achegáronse a nós para preguntarnos que era o que mirabamos con tanta atención no outeiro. Parolamos un bo anaco cun pequeno grupo de madrileños e dúas rapazas da Alemaña e a maioría quedaron abraiados ó contemplar as distintas figuras do gravado. Ninguén coñecía a sua existencia e todos subliñaban o feito de non existir unha mínima sinalización e información sobre o xacemento.

Pedra Ancha 1-12Dende o Colectivo é algo que tampouco comprendemos. Trátase dunha estación de doada localización e acceso, ó carón mesmo do camiño, polo que é incomprensible que o elemento patrimonial máis importante do treito xacobeo en Dumbría non sexa valorado como corresponde. Pensamos tamén que o custo das accións necesarias para a súa posta en valor non sería moi elevado. Un proxecto que implicaría a adquisición das parcelas, a eliminación da plantación de eucaliptos da parcela lindeira, a limpeza e acondicionamento da zona, o estudo, documentación e análise de todos os motivos (en prol de posibles melloras para súa conservación) e a sinalización axeitada do enclave. Un proxecto cunha dobre finalidade, garantir a correcta conservación do ben cultural e ó mesmo tempo facilitar a súa visualización e desfrute polos veciños da zona, ós turistas e peregrinos. Nun concello como Dumbría que conta cun importantísimo patrimonio arqueolóxico (máis de cen xacementos arqueolóxicos catalogados) cómpre iniciar a valoración e divulgación dos elementos patrimoniais máis singulares e únicos.

Neste senso, o Petróglifo da Pedra Ancha é un mostra excepcional de arte rupestre que debería converterse nun novo recurso turístico do Concello e unha nova icona para o camiño de Fisterra onde por desgraza tamén se atopan ás súas beiras outros petróglifos na mesma situación.

Pedra Ancha 1-9Queremos agradecer a Modesto García e a súa cuadrilla de caza, todos eles veciños de Dumbría, pola súa compaña nunha xornada entrañable e por desvelarnos segredos e historias destas paraxes únicas. Eles son un bo exemplo de como a práctica de actividades cinexéticas responsables non só é compatible coa protección e divulgación do patrimonio cultural senón tamén beneficiosa.

Para saber máis:

  • Costas Goberna, J.F., Novoa Alvarez, Pablo e Albo Morán, José Mª (1993). “Los grabados rupestres de armas de Pedra Ancha (Dumbria, A Coruña”, En: Brigantium. Bol. Museo Arqu. Hist. Coruña.Vol. 8. pp. 245-262
  • Alonso Romero. F. (1993). “El camino jacobeo a Fisterra”. Edicións Xerais. Vigo
  • Vázquez Varela, J.M. (1999). “Ideología, imagen y sociedad en el inicio de la Edad del Bronce en el Occidente de la provincia de A Coruña”. Deputación de Coruña. A Coruña
  • Peña Santos, A. de la e Costas Goberna J.F. (2006). “Roteiro de Petroglifos de Galicia”, En Hidalgo Cuñarro, J.M. (Coordinador) Arte Rupestre prehistórico do Eixo Atlántico. Vigo.
  • Vázquez Varela, J.M. (2007). “Funciones y significados de los grabados rupestres de armas prehistóricas de A Pedra Ancha (Dumbría, A Coruña”, En: SEMATA, Ciencias sociales e Humanidades. vol. 19. pag. 15-20
  • García Quintáns, Modesto (2008): “El ayuntamiento de Dumbria: Historia, tradiciones y costumbres”. Deputación da Coruña. p. 117
  • Guitián, J (2008). Pedra Ancha de Dumbría, entrada no Blog: Petróglifos de Galicia
  • Vilar Álvarez, Manuel (2010). “El Camino al fin de la Tierra”. Asociación Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de los Caminos Jacobeos. p. 68
  • Peña Santos, A. de la e Aparicio Casado, B. (2011) “Guía de los petróglifos de Galicia”. Ed. Cumio. p. 26-29

Obradoiro de Iniciación á fotografía de petróglifos. Resumo.


O pasado sábado 3 de outubro tivo lugar no Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro o primeiro obradoiro de iniciación á fotografía de Petróglifos. Pouco tempo atrás, cando o equipo que dirixe o parque nos propuxera a súa realización, só intuímos as dificultades que entrañaba levalo a cabo pero tamén sabiamos que dun xeito ou outro tiñamos que facer todo o posible para realizalo. Tratábase da primeira vez que se desenvolvía unha proposta deste tipo en toda Galicia, e a isto témoslle que sumar que o feito de se realizar en Campo Lameiro implicaría, en moitos casos, maiores desprazamentos para os posibles participantes.

Queremos agradecer ós novos xestores do PAAR o esforzo que están a levar a cabo desenvolvendo o seu proxecto renovador no parque, tentando achegalo á idea orixinaria e a que moitos de nós temos sobre o que debe chegar a ser. E cremos certamente que a realización de actividades como este obradoiro fotográfico forma parte dese camiño a seguir.

cartel-fotografia

E chegou o día, e comezamos de vagariño a ollar distintos exemplares de publicacións sobre arte rupestre galega e comentamos a ausencia case xeneralizada da fotografía de petróglifos nelas. E coa escusa entramos no tema…

Apoiados en multitude de imaxes dimos un repaso á fotografía de petróglifos ó longo do tempo, desde os pioneiros ata os autores actuais e á chegada das novas tecnoloxías. A continuación pasamos a tratar unha parte máis técnica, o equipo. Amosamos un equipo recomendable e Anxo de Prado  rematou sabiamente este apartado concretando: ilusión, lanterna e cámara fotográfica son os únicos elementos realmente necesarios para iniciarse neste tipo de fotografía.

Seguidamente falamos das distintas técnicas de fotografado, das nosas experiencias, demos algúns consellos para aplicar na preparación da sesión, na iluminación e no postprocesado. E resoltas algunhas dúbidas procedemos a dirixirnos ó exterior a desenvolver a parte práctica.

Xa no  parque achegámonos ata a Laxe dos Carballos e alí puidemos visualizar a Anxo de Prado en acción, un espectáculo xa de por si recomendable, que a continuación, os participantes picados pola curiosidade tentaron emulalo. Ó pouco tempo decatáronse de que seguindo as instrucións pódese tentar repetir o  método, e a partires dese momento perseguiron incansables a foto perfecta.

Tiñamos pensado achegarnos a continuación ata Outeiro do Cogoludo pero déronnos as 12 en compaña do gran cervo e os 12 decidimos rematar a sesión con esta foto de grupo.

Só nos resta decir grazas e que esperamos que desfrutarades da actividade tanto coma nós levándoa a cabo.

1a promocion master class anxo

II andaina nocturna ós petróglifos de Teo, Resumo.


Logo de rematar esta segunda edición da ruta ós petróglifos teenses, é difícil sentirnos máis recompensados cos resultados acadados, incluso por riba das nosas ambiciosas expectativas iniciais.

Nas dúas xeiras houbo cheo absoluto de participantes, sendo imposible acoller a un maior número por razóns técnicas e de seguridade. Malia todo, máis de 150 persoas puideron contemplar con todo detalle os diferentes motivos que posúen estas mostras de arte rupestre milenarias en dúas noites fabulosas e moi emotivas. Algúns destes gravados só se poden observar en días cunhas condicións excepcionais de luz polo que incluso 21770462482_299b5fdfaf_kaqueles asistentes que coñecían previamente as laxes quedaron abraiados dos segredos que ocultaban estes paneis iluminados coas nosas lanternas e focos. O percorrido realizado destacaba pola gran diversidade de motivos que posúen estas laxes, dende os característicos gravados de temática xeométrica, que caracterizan á arte rupestre galaica e atlántica, ós gravados de motivos figurativos en Río Angueira 2 ou na laxe panoplia de Outeiro do Corno 1 co seu singular deseño central. Unha ampla variedade de figuras que espertou gran interese e innumerables conversas que denotaban a curiosidade amosada por todos os participantes.

12010590_984628821601133_3898257904379252770_o

Tamén aproveitamos a ocasión para render unha pequena homenaxe a Ramón Sobrino Lorenzo coa intervención de Ángel Núñez Sobrino, custodio do seu legado, e proxectamos un pequeno vídeo cunha retrospectiva coas súas fotografías e deseños antigos dos xacementos que investigou na nosa comarca. Festexamos, por último, o terceiro aniversario da nosa asociación agasallando ós presentes coas nosas camisetas personalizadas.

O obxectivo de seguir a difundir o coñecemento deste espazo arqueolóxico tan singular do concello teense cumpriuse pero á vez acadamos outras pequenas metas iniciadas hai dous anos coa nosa primeira visita. Dende entón o concello de Teo realiza limpezas continuas e programadas no contorno das laxes e mantén limpos os accesos, sinalizouse a ruta e un maior número de veciños coñecen e visitan con frecuencia esta área arqueolóxica. Sen dúbida, isto é a mellor recompensa ó noso traballo.

A 21791712381_23d60ac506_knosa intención, e pensamos que tamén a do Concello, é seguir a realizar periodicamente este tipo de andainas, tanto diúrnas como nocturnas, para continuar divulgando o patrimonio cultural teense á súa veciñanza e a cidadanía en xeral. Asemade, seguiremos solicitando ás institucións públicas que manteñan o seu compromiso e implicación á hora de procurar a protección e posta en valor destes xacementos. Trataremos tamén de realizar novas rutas por novas paraxes, quizais menos coñecidas pero que de seguro non deixaran de sorprendervos.

12027822_980448402019175_1485651542599195744_n

Queremos rematar agradecendo ás persoas e institucións que participaron e colaboraron neste actividade. En primeiro lugar ó Concello de Teo e en especial ó Departamento de Cultura que dirixe a concelleira Pilar Faxil e coordina a súa técnica, Lucía Mosquera, por darnos outra oportunidade para seguir transmitindo a nosa paixón pola arte rupestre; á brigada de xardíns que dirixe Xurxo Francos,  xa que sen o seu labor sería imposible realizar este tipo de roteiros; a don Ángel Núñez Sobrino por lembrarnos a figura de Ramón Sobrino Lorenzo Ruza, un dos grandes arqueólogos do noso pais no centenario do seu nacemento, e permitirnos amosarvos imaxes únicas do seu traballo; á Casa Grande de Cornide e á Casa Carril pola súa acollida e atención; e sobre todo a todos os que participástedes polo interese amosado e o voso ánimo que nos obriga a seguir con novos proxectos.

Deixámosvos unha pequena galería de imaxes desta “II Andaina ós petróglifos teenses”

21593446918_e7df67fde5_k 21594446849_40270fb4d0_k 21781295025_4c853f0e1f_k  21160864443_18c09649ef_k 21161170423_c58446a21a_k  21593446918_e7df67fde5_k 21593752280_24a559483d_k 21594104638_a986620ebd_k 21594132178_035efd3d24_k 21594446849_40270fb4d0_k(1)   21594623339_efc36b7642_k  21769830062_f9aeb6ffc3_k