Os Petróglifos de Mallos en Santa María de Teo


Situación

A estación de arte rupestre coñecida baixo as denominacións de “Laxe da Estivada de Abaixo”, “Laxe da Estivada de Mallos”, “Laxe de Abaixo” ou simplemente “Petróglifo de Mallos”, emprázase no lugar de Mallos na parroquia de Santa María de Teo, coordenadas UTM: 29 T 539261 4733831 [1] e a unha altura de 83 m.s.n.m.

Figura no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia co código GA15082071 e está incluída na relación de bens patrimoniais protexidos polo actual inventario do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Teo.

Localízase nunha ladeira de suave pendente orientada ao sur/surleste e agochada no medio dun piñeiral do monte de Mallos, moi preto do río Ulla, nas terras máis baixas do val de uso tradicionalmente agrícola na contorna inmediata da aldea.

É esta unha situación pouco habitual entre os petróglifos do Grupo Galaico de Arte Rupestre da Comarca de Santiago, tanto pola súa localización a baixa altitude como pola súa proximidade ao río Ulla (a menos de 500 metros), e tamén pola ampla distancia que o separa das outras estacións rupestres do Concello de Teo coñecidas (as máis próximas atópanse a máis de 5 quilómetros no Monte Piquiño en Luou).

Plano de situación dos petróglifos do concello de Teo

Agás da nova estación localizada na paraxe do Pouso (que analizaremos na segunda parte da entrada), non temos coñecemento doutros xacementos ou achados arqueolóxicos catalogados na súa contorna inmediata nesta ribeira teense.

Plano de situación na ficha do PXOM de Teo do ano 2010

A ruta aos dous petroglifos no noso wikiloc: https://es.wikiloc.com/rutas-a-pie/petroglifos-de-mallos-24290095

1. A Laxe da Estivada de Mallos no tempo

A estación rupestre da “Estivada de Abaixo” é, despois dos gravados de Ventosa en Ames [2] (debuxados polo magnífico Henrique Campo Sobrino no ano 1909) un dos primeiros petróglifos estudados na comarca de Santiago, sendo publicada por vez primeira no ano 1947[3] polo arqueólogo Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza.

Ramón sobrino Lorenzo-Ruza. Localización descoñecida. Fondo Núñez-Sobrino (Arquivo Municipal de Teo).

Mais, como o propio autor sinala na súa publicación[4], en realidade as primeiras referencias relativas á laxe datan do ano 1930 cando o arquiveiro da Catedral de Santiago, Juan Pérez Millán, comunica ao pai do autor, o tamén arqueólogo Ramón Sobrino Buhigas a existencia desta estación. De feito, compre indicar que a estación de Mallos xa figura citada no Corpus Petroglyphorum Gallaeciae no epígrafe introdutorio onde sinala:

“el doctor Pérez Millán, profesor de Filosofía y letras en esta ciudad de Santiago, nos comunicó, el día tres de agosto de este año, el descubrimiento de otras estaciones de petroglifos en la parroquia de Teo, cerca de Pontevea”.

Desta cita debemos subliñar o feito de que fala de varias estacións cando posteriormente só figura unha no artigo de Sobrino Lorenzo, a Laxe da Estivada de Abaixo. Curiosamente, e por atoparse ao sur da provincia da Coruña, son os únicos gravados desta provincia que figuran no plano de situación que inclúe a última lámina do famoso Corpus. [5]

1935. R. Sobrino Buhigas. Plano de situación dos gravados do Corpus.

Foi deste xeito como J. Pérez Millán, con lazos familiares na parroquia de Santa María de Teo, posibilitou este primeiro achegamento á laxe de Mallos. Tratábase dun dos ilustres persoeiros da Compostela do momento que figuraban entre o amplo elenco de amizades da familia Sobrino.

Mestre na Universidade de Santiago e do tamén compostelán Colexio Manuel Peleteiro foi un dos chamados “custodios do Códice Calixtino” e considerado, xa no seu tempo, unha eminencia no campo da paleografía e da arquivística. Prolixo conferenciante e experto en temas tan “particulares” como a historia do calendario ou a figura do faraón exipcio Tutankhamon rematou a súa vida profesional afectado por unha grave enfermidade mental que o levou a considerar o Arquivo da Catedral como da súa propiedade, chegando mesmo a subliñar e comentar a lapis o propio Códice Calixtino e outros códices medievais.

Fotografía aérea do voo americano do ano 1956.

Só uns meses despois do achado do Petróglifo do Castriño de Conxo, Sobrino Lorenzo realiza, seguindo as suxestións do seu pai, a súa primeira visita a Mallos. Na compaña do seu incansable colega e guía de expedicións polos montes de Teo, Adolfo Calvo (practicante municipal e veciño de Luou) achéganse ese ano por primeira vez ó petróglifo da Laxe da Estivada de Abaixo, visita que repetiran asiduamente en sucesivos anos, tal é como reflicten as notas do seu interesante diario persoal publicadas por Ángel Núñez Sobrino. [6]

1947. Adolfo Calvo en Mallos. Fotografía de Ramón Sobrino Lorenzo. Fondo Núñez-Sobrino (Arquivo Municipal de Teo).

Na súa publicación, Sobrino Lorenzo sinala a presenza de:

“círculos concéntricos con cazoletas y líneas radiales, puntos y cruciformes”. Gravados realizados con “surcos, obtenidos por frotamiento continuo sobre el granito, con forma en U muy abierta, de fondo y bordes redondeados”.

O estudo inclúe dúas fotografías da laxe e un interesante deseño das formas e distribución dos motivos nos distintos paneis do petroglifo:

“después de dibujados con signos con tiza, con objeto de hacerlos patentes, obtuvimos, mediante un cuadriculado hecho directamente sobre la misma peña y en papel milimetrado, un dibujo a escala de los grabados, obteniendo a continuación las dos fotografías que publicamos, en una de las cuales se ve este cuadriculado, ilustrándose también en este artículo con el dibujo a escala obtenido”.

1947. R.Sobrino Lorenzo-Ruza. Deseño inicial a lapis dos motivos da Laxe da Estivada. Fondo Núñez-Sobrino (Arquivo Municipal de Teo).

O arquivo familiar Sobrino – Núñez que custodia o seu sobriño, Ángel Núñez Sobrino, conserva estes e outros debuxos e fotografías realizados polo arqueólogo nas diferentes visitas, nas que quedan patentes o rigor e meticulosidade do autor no proceso de documentación e rexistro dos gravados, dende o inicial traballo de campo ata o posterior estudo no seu gabinete.

1947. R.Sobrino Lorenzo-Ruza. Deseño final a tinta dos motivos da Laxe da Estivada. Fondo Núñez-Sobrino (Arquivo Municipal de Teo).

Sobrino Lorenzo subliña as similitudes existentes entre estes gravados de Mallos e os petróglifos do occidente europeo, máis concretamente da Europa atlántica (Irlanda, Escocia, Escandinavia e Inglaterra principalmente). Por outra banda indica a realización con ferramentas metálicas e xa en época histórica dunha das cruces da laxe, a situada sobre a combinación circular de maior tamaño e destaca o feito de que:

“estos cruciformes […] son hechos en épocas antiguas, pero ya históricas, con un fin de cristianización de lugares considerados como de cultos paganos”.

Remata a descrición da laxe aludindo á curiosa disposición das coviñas da zona superior (ao que nós denominamos panel 1) que, ao seu parecer, semellan representar algunha forma antropomorfa, idea que finalmente desbota, facendo unha interesante crítica aos perigos que poden producir o feito de achegarse a estas manifestacións artísticas con ideas preconcibidas dende o presente.

1947. R. Sobrino Lorenzo. Panel 1. Fondo Núñez-Sobrino (Arquivo Municipal de Teo).

Despois da atención prestada por estes autores ó xacemento, incomprensiblemente durante un prolongado período de tempo a estación permaneceu oculta pola densa vexetación ficando case esquecida para a comunidade científica, e incluso levou a algúns investigadores a considerala desaparecida, como así o recolle María Jesús Soto Barreiro na súa tese doutoral do ano 1986 onde sinala:

“R. Sobrino Lorenzo – Ruza dará a conocer en 1947 un estudio parcial sobre los petróglifos de los Mallos con una sucinta reseña que caerá en el olvido no pudiendo ser localizado posteriormente”. [7]

1947. R. Sobrino Lorenzo. Panel 2. Fondo Núñez-Sobrino (Arquivo Municipal de Teo).

A seguinte referencia á laxe é a sinalada polo arqueólogo Manuel Lestón, quen para a elaboración do catálogo arqueolóxico do PXOM de Teo [8], no ano 2001, localiza só unha parte da laxe entre a vexetación e realiza unha pequena descrición apoiándose no sinalado por Sobrino Lorenzo.

Lestón describe os motivos do seguinte xeito:

“na parte superior da laxe pode observarse unha combinación circular composta por 2 círculos concéntricos con cazoleta central, de aproximadamente 22 cm. de diámetro, e ó sueste desta hai 8 cazoletas de pequenas dimensións. Na parte inferior da laxe obsérvase unha gran combinación circular, moi mal conservada debido a que se encontra na zona empregada polos rapaces para escorregar, e nas súas proximidades 2 pequenas cazoletas, e 2 cruces modernas”.

Camiño de acceso á fraga

Xa no ano 2008 edítase a primeira guía dos petróglifos do Concello de Teo elaborada polo grupo Ollarte, un grupo de mozos e mozas de posgrao da Universidade de Santiago, que realizou unha completa labor de baleirado das fontes e do inventario dos petróglifos coñecidos ata ese momento. Na ficha dedicada ao petróglifo de Mallos seguen a descrición anteriormente citada de Manuel Lestón.

Non foi ata o ano 2012 cando o Concello de Teo, con motivo da realización dunha andaina pola beira do río Ulla [9], limpa e acondiciona o acceso á laxe logo de permanecer varias décadas entre os toxos e as matogueiras. Preto de 60 participantes [10] asistiron á primeira visita guiada a estación realizada polos técnicos municipais e membros que hoxe integran o Colectivo A Rula.

Visita ó xacemento na ruta Goza do Ulla 2012. Arquivo Municipal de Teo

Esta iniciativa permitiu que na actualidade a laxe poida ser visitada con certa comodidade pois o concello realiza limpezas periódicas na súa contorna e no camiño de acceso. Agardemos tamén que en breve se instalen carteis de sinalización e informativos na zona para facilitar á localización e interpretación dos gravados ós visitantes.

1.1 O interese suscitado no Colectivo

O interese que suscitou o petróglifo no Colectivo da Rula, logo da ruta realizada polo Concello, animounos a realizar varias visitas ao petróglifo para seguir indagando sobre esta interesante estación da beira teense do Ulla e iniciar deste modo o seu estudo. O obxectivo final era analizar ó pormenor o grao de conservación dos gravados xa estudados previamente, así como o de achegar unha descrición o máis completa posible dos novos motivos localizados.

Mapa localización dos xacementos de Mallos

1.2 Mallos, un enclave histórico á beira do Ulla

Iniciamos a análise histórica destas paraxes da bacía do Ulla baleirando as vellas fontes bibliográficas e documentais para deste modo tratar de coñecer un pouco mellor a historia e contexto do lugar onde se atopa o petróglifo. Curiosamente volvémonos atopar con outro ilustre arquiveiro da Catedral, Antonio López Ferreiro, quen na súa “Historia de la Santa Apostólica Metropolitana Iglesia de Santiago de Compostela” do ano 1899 sinala que:

“en los confínes de la parroquia de Trobe con la de Teo, en el lugar de Mallos, hubo una iglesia dedicada a San Paio, que a principios del siglo XIV aún era parroquial. Es probable que esta iglesia date de los tiempos próximos al martirio de San Payo”. [11]

Localización das estacións e camiños antigos. IGN – ca.1940

Segundo os nosos informantes de Mallos, nos anos cincuenta do pasado século aínda quedaban restos desta antiga igrexa, hoxe desaparecida, nun lugar próximo situado a tan só 200 metros ao suroeste da Estivada de Mallos. Segundo Antonio Maceira Gago [12], foi neste lugar de Mallos onde residiron, a principios do século X, os pais do neno Paio, sobriños do Bispo Nausto que vivía á súa vez no veciño lugar de Trobe. O propio López Ferreiro sinala na súa obra como algúns dos bispos que tiñan:

“sus sedes en países dominados por los árabes, se refugiaron en la diócesis compostelana”.

Mais estes bispos refuxiados na diocese compostelá non se detiveron en Iria, senón que se asentaron en varias “granxas ou distritos” do interior do val na procura de maior seguridade. Nausto fica deste xeito en Trobe (no actual concello de Vedra), nun dos pequenos cenobios que existían na bacía do Ulla.

Na igrexa parroquial de Santo André de Trobe, situada a quilómetro e medio de Mallos, aínda hoxe se conserva a súa lauda sepulcral encaixada nunha parede interior da igrexa, e onde se pode ler unha inscrición [13] na que se eloxian as virtudes do prelado ao longo do seu periplo vital e que Fermín Bouza Brey considera

“por su ornamentación y sus caracteres epigráficos como la que mejor acusa el mozarabismo en Galicia bajo la influencia de lo mozárabe leones”. [14]

Sartego do bispo Nausto

Segundo López Ferreiro é de supoñer:

“que asistiesen a los funerales de su entierro [15] en Trobe, sus sobrinos Hemogio, que al poco tiempo fue Obispo en Tuy, y los padres del santo niño Pelayo (que lembremos residían en Mallos), mártir en Córdoba, que a la sazón contaría cinco ó seis años”. [16]

Ficha do sartego na Biblioteca Dixital Cervantes

Por outra banda, esta zona foi tamén un enclave relevante e estratéxico para o control do río Ulla para os Arcebispos de Compostela. Varios investigadores [17] (Antonio López Ferreiro, Pedro Varela Castro, Manuel Reimóndez Portela, Henrique Neira, Andrés Tarrío Barreiro, Manuel Gago, etc) sitúan na marxe estradense do Ulla, ó carón da Carballeira do Vao no lugar de Cora, o coñecido “Castelo da Insua” ou “Torre da Insua de Vea”. Trátase dunha fortificación documentada xa no século XIV que pertenceu á Mitra Compostelá mais foi cedida em varias ocasións, ao longo do tempo, a diferentes casas nobiliarias do val da Ulla.

Formaba parte dun antigo sistema de defensa e control do río (no que tamén figuraban outras casas – fortes como a Torre da Barreira ou a Torre do Maíndo), no que

“os sucesivos arcebispos nomeaban os casteleiros da torre, que directamente eles mesmos ou indirectamente a través dun terceiro se deberían dedicar, xunto cos homes baixo o seu mando, a garanti-la seguridade da zona de influencia da torre e en especial dos camiños e pontes máis próximos a ela, facilitando a circulación de persoas e bens cara a Santiago e dende alá cara a outros lugares e protexéndoos de eventuais bandidos”,

segundo nos relatan os investigadores Henrique Neira o e o finado Andrés Tarrío nun artigo publicado na revista “A Estrada. Miscelánea Histórica e Cultural“. É iste un  interesante estudo que da conta dos diferentes enfrontamentos e litixios entre os nobres que exercían de “casteleiros” do señorío da Torre da Insúa e os Arcebispos de Compostela polo control da mesma.

Imos só destacar o primeiro dos enfrontamentos no que o propio arcebispo Santiago Lope de Mendoza achégase á casa forte da Insua para recuperar a autoridade sobre a mesma, enfrontándose ós Núñez de Isorna que desobedeceran as súas ordes. O arcebispo aproxímase co seu exército precisamente dende os campos de Mallos, onde lembremos estaría a antiga igrexa parroquial situada a escasos metros ó norte da Insua. Iníciase entón a dura loita no que as “hostes” do arcebispo son atacadas con artillería “con tronos et con bonbardos et con uiratones” dende a Torre.

Estes enfrontamentos repetiranse ó longo do s. XV ata a destrución do castelo polos irmandiños, logo de resistir un heroico asedio durante varias semanas.
A última referencia ao Castelo procede do romántico e misterioso relato do escritor Barcia Caballero que recolle o xornal “El Heraldo Gallego” o 30 de abril de 1879,

“corrían acerca de esta torre los más estraños relatos; haciendo subir su antigüedad a una fecha fabulosa y atribuyéndole extravagantes orígenes”.

Na actualidade esta ribeira teense conta cun importante arboredo protexido entre as aldeas de Agromaior e a contorna de Mallos, conformando un espazo natural privilexiado que comeza no linde mesmo do Concello de Vedra na foz do río Pereiro no Ulla logo de pasar pola ponte da Dorna, un enclave onde aínda hoxe se conservan as ruínas de centenarios muíños na paraxe que foi escenario das vivencias do último barqueiro teense, José Rial, veciño de Mallos.

2. Descrición da estación

E é aquí, neste importante enclave histórico e natural, onde se localiza esta interesante estación de arte rupestre ó ar libre. O seu estudo permitiunos constatar que se trata dun dos petróglifos máis interesantes e con maior número de motivos insculturados do Concello de Teo, xunto ós xacementos xa máis coñecidos da Pedra Bicuda de Loureiro (na parroquia de Luou) e Río Angueira en Cornide (na parroquia de Calo).

É un pequeno milagre que na actualidade se conserve este conxunto se temos en conta a súa situación, moi preto da aldea e rodeado de terras de intensa actividade agrícola [18], gandeira e forestal (nas últimas décadas), que veñen soportando unha forte presión antrópica sobre o medio natural nunha zona moi afectada polo minifundismo que caracteriza estas paraxes da ribeira teense.

Plano da división parcelaria e localización dos xacementos

Descrición do soporte

O afloramento rochoso no que se atopan os gravados sitúase nun suave desnivel orientado cara ao surleste, nunha zona inicial da pendente que progresivamente descende cara o Ulla.

Ao carón da laxe situábase, ata hai uns anos, un enorme piñeiro manso que empregaban os veciños como referencia para a súa localización. Unha gran tormenta derrubouno hai uns doce anos e hoxe aínda permanecen no lugar os restos da súa gran “cachopa”.

Trátase dunha laxe granítica de boas dimensións, de gran fino que presenta unha forma bastante irregular que se adapta á pendente do terreo, apenas sobresaíndo sobre o nivel do chan no seu extremo sur e algo máis no extremo noroeste onde chega a alcanzar case un metro de altura (0,93 cm). Conta cunhas dimensións de 8,08 x 4,98 m.

A parte inferior da laxe semella ter continuidade baixo a camada de terra vexetal polo que non podemos desbotar a posible presenza doutros motivos aínda soterrados.

Co obxecto de facilitar a descrición do conxunto e seguindo as características morfolóxicas da laxe e a propia descrición xa realizada por Sobrino Lorenzo, dividiremos o afloramento en dous paneis principais. O Panel 1 na zona NO, e o Panel 2 na S – SL.

Panel 1. O situado máis ao norte é a parte do afloramento que máis sobresae sobre o nivel do terreo. Pese a súa irregularidade presenta superficies con tendencia á horizontalidade, mais pouco uniformes, divididas en tres partes por diáclases de considerable profundidade e largura. De estas superficies divididas por tres fracturas naturais a situada máis ó sur presenta unha superficie máis convexa, característica esta que aproveitou o gravador. As outras dúas superficies son de menores dimensións e maior horizontalidade. As superficies máis verticais orientadas cara o leste tamén foron utilizadas para gravar algúns motivos.

Mallos, panel 1

Panel 2. Presenta unha superficie máis regular e menor altura que a do panel anterior, e unha moderada inclinación seguindo o sentido do terreo. A zona central, onde se atopa o motivo principal, é a superficie mais regular, en tanto que nos bordes oeste, norte e leste a superficie tórnase máis irregular.

As superficies máis erosionadas, en boa medida por procesos de meteorización, son precisamente as pequenas protuberancias que se concentran nos bordos laterais en ambos paneis e tamén no sector central do afloramento.

Estes sectores teñen tamén unha cor moi clara, case branca, que posiblemente está indicando unha maior presenza de seixo. Nestas superficies hai pouca presenza de liques e musgos, ó contrario do que sucede coas superficies máis regulares, como son a parte superior do panel 1 e o sector central do panel 2 inclinado, que presentan cores máis escuras e abondosos liques e musgos.

Panel 2. Sector central

2.1 Descrición dos motivos

A observación do afloramento baixo diferentes condicións, con luz natural e artificial, en mollado e en seco, a distintas horas do día e tamén de noite, e a través dos diferentes modelos de fotogrametría dixital realizados, revelounos a presenza de numerosos gravados en boa parte da superficie da laxe, na súa maior parte motivos de tipo xeométrico con sucos abertos en U e bordes redondeados, xunto á presenza de cruciformes e outros motivos con sucos en V con bordes de arestas vivas.

Panel 1

Na parte superior, a zona máis ó norte, figura un conxunto de coviñas de diferentes formas e tamaños, un total de 14 (12 de forma circular e 2 de forma alongada), agrupadas entorno a un cazoleta de maior tamaño e de forma elíptica (18 cm de longo). Unha agrupación de coviñas que se estenden o longo duns 80 cm de longo por 60 cm de ancho.

Fotogrametría do panel 1 con lenda

As coviñas de forma circular oscilan dos 14 ós 5 cm. de diámetro cunha profundidade media duns 2 cm. Existen outras 5 coviñas illadas fora desta agrupación e unha pequena cruz (18 x 16 cm) ó norte situada á rentes do chan de suco ancho con 3 coviñas nos extremos de 3 dos seus brazos.

Varias coviñas do grupo sinalado comunícanse entre si por medio de pequenos sucos lineais, destacando unha pequena agrupación de catro coviñas unidas formando unha pequena cruz. Esta zona do panel 1 foi na que Sobrino Lorenzo comentaba, de xeito xocoso, que lle lembraba á forma dun rostro ou cara

“con ojos, naríz, patilla en lado derecho y un adorno como un sombrero, con dos palos o plumas salientes”.

Pormenor do Panel 1

Á marxe das coviñas e cazoletas completan este primeiro panel 6 combinacións de círculos concéntricos, varias situadas nos “petóns” ou protuberancias da laxe. Dúas delas situadas na zona máis elevada do panel foran xa identificadas no seu día por Sobrino Lorenzo e son as que teñen un mellor estado de conservación. Trátase dunha primeira combinación de 30 cm. con 3 aneis e coviña central con radio de saída cara o sur (número 1) e unha segunda combinación circular de 14 cm. formada por dous aneis e coviña central (número 2) de onde parte outro suco que enlaza co radio de saída da primeira combinación.

Panel 1. Combinación número 5

Unha diáclase que percorre esta parte central do panel divide esta zona coa parte leste da rocha onde figuran tres novas combinacións de pequeno tamaño (12, 10 e 9 cm. de diametro respectivamente) formadas unicamente por dous aneis e coviña central (números 3 e 4(2)). Dúas das combinacións figuran unidas por un suco. Finalmente no eixo central entre dúas liñas de fractura figuran 3 cazoletas illadas, unha pequena combinación de dobre anel (número 5) e coviña central situada o carón da diáclase (8 cm), e posibles restos doutras combinacións incompletas (número 6) practicamente inapreciables polo elevado grado de erosión que presenta esta parte do penedo.

Panel 1. Fotogrametría

Panel 2

No segundo panel rexistramos ata 6 combinacións moi erosionadas ó localizarse na zona empregada polos rapaces da aldea para escorregar a xeito de tobogán e nos petóns laterais tamén moi degradados a causa da erosión natural. Tamén figuran varias cruces e outros motivos históricos de difícil interpretación.

Panel 2. Fotogrametría con lendas

Preside este panel a combinación de círculos concéntricos (número 1) emprazada na parte central que é a de maior tamaño de todo o xacemento (50 cm.), posúe 5 aneis moi erosionados (os dous exteriores incompletos) con coviña central. Un motivo que figura tamén nos diferentes deseños realizados por Sobrino Lorenzo.

Panel 2. Vista xeral

No bordo superior da combinación aparece unha cruz histórica (letra A) e unha aspa (X) sobreposta no centro, ambas realizadas cunha ferramenta metálica e insculturadas sobre o motivo prehistórico. Xusto encima da cruz e baixo tres coviñas que forman un triangulo contemplamos outros símbolos de reducido tamaño (letra C), un pequeno rombo (◊) e unha posible cruz grega.

Panel 2. Detalle do cruciforme central

Na parte superior do Panel, ó norte, figuran restos de tres combinacións (números 2, 3 e 4) practicamente imperceptibles pola forte degradación que sofre a rocha. Están situadas case nunha disposición horizontal e en paralelo sendo a de maior tamaño a situada no centro duns 35 cm de diámetro e 2 aneis (Falta segunda foto coas lendas). As outras combinacións de 11 e 10 cm (tamén moi deterioradas) sitúanse á esquerda e dereita da combinación de maior tamaño e posúen 2 e 3 aneis respectivamente, ambas con coviña central.

Panel 2. Zona superior

Os modelos fotogramétricos confirmaron a existencia dos gravados que logramos localizar nunha das visitas nocturnas ó xacemento. Xusto na parte inferior desta combinación central figuran dúas cruces (B) tamén históricas (unha delas moi parecida a cruz do sector central) e media ducia de pequenas coviñas sen orde aparente. O repertorio de motivos históricos complétase cunha nova cruz aillada (17 x 19 cm) na zona lateral ó NO deste segundo panel (foto).

Panel 2. Pormenor

No bordo leste da rocha existen dous círculos (número 5) formando una especie de oito (∞), elaboradas cun suco fino, probablemente sexan coetáneos os outros gravados históricos. No interior dun deles hai gravada outra pequena cruz. (Ver foto)

Finalmente no extremo inferior da rocha, ó Sur, consérvase un anel circular duns 20 cm de diámetro (restos dunha combinación?) e, no lateral oeste, unha última combinación (número 6) conformada por 3 aneis. Ambas foron gravadas aproveitando as protuberancias naturais de dous petóns da laxe.

Panel 2. Petón (número 6)

2.2 Tipoloxía dos motivos

Motivos xeométricos ou abstractos

Combinacións circulares. En canto ás combinacións circulares das 3 combinacións xa sinaladas por Sobrino e Lestón pasariamos a falar de 12 combinacións circulares de diferente tamaño e tipoloxía, que van dende os círculos simples ata as combinacións de cinco aneis concéntricos, con coviña central na maioría dos casos.

Panel 1.

Unha das características de boa parte destas combinacións circulares é a da súa adaptación á morfoloxía da laxe, as combinacións circulares acomódanse ás protuberancias naturais do afloramento granítico.

Panel 2. Zona inferior

É este un aspecto que tamén caracteriza a outros petróglifos da comarca, como acontece nos petróglifos da Pedra da Nave de Mourigade en Ames, Bouza Abadín en Dodro ou O Valado 1 na Portela de Villestro en Compostela. Esta característica prodúcese en catro das combinacións circulares que son as de maior tamaño a excepción da gran combinación central situada no panel inferior inclinado da rocha, que está gravada nunha superficie máis lisa e regular.

Panel 2. Combinación moi erosionada

Lamentablemente algunhas das combinacións atópanse moi erosionadas e son case imperceptibles nunha visita diurna ó petróglifo, incluso contando con boa luminosidade como acontece ó abrente ou no solpor.

Panel 1. Combinacións circulares con luz natural

Coviñas. Á marxe das combinacións circulares aprécianse tamén, como sinala Sobrino Lourenzo, coviñas e outros sucos e trazos moi erosionados. As coviñas ou cazoletas son de diferentes dimensións e formas, e localízanse por toda a superficie da laxe, aínda que sobresaen polo seu número as situadas na parte superior do panel 1 e na zona central do panel 2, xusto encima da combinación de maior tamaño. No panel 1 destacan as dúas cazoletas ovaladas rodeadas por un pequeno grupo de coviñas irregulares pero xa cunha tendencia máis circular. Os diámetros oscilan entre os 18 e 2 cm, e a profundidade entre os 5 e 2 cm, sendo a maioría de dimensións medias ou pequenas.

Panel 2, extremo inferior

Motivos históricos

Cruces e outros. Motivos que podemos relacionar coa “cristianización da laxe” como sinalaba no seu día Sobrino Lorenzo, gravados elaborados cunha ferramenta metálica. Entre eles destaca unha cruz cunha aspa superposta (X) que figura ben representada no deseño do ilustre arqueólogo. É posible que se trate dunha representación arcaica dun crismón ou lábaro coa representación do monograma de cristo XP. A súa vez figuran próximos outros símbolos de pequeno tamaño de difícil interpretación (varias cruces, rombos, círculos rebaixados, etc…).

R. Sobrino Lorenzo-Ruza. Motivos do Panel 2. Cruciforme e combinación circular

Podemos constatar tamén a presenza de polo menos 4 cruces de época histórica máis  distribuídas pola superficie da rocha, e unha quinta na bordo superior da rocha, mais neste caso con sucos máis abertos e rematada en tres dos seus apéndices con pequenas coviñas. A súa localización, factura e relación con outros motivos prehistóricos dificultan a súa adscrición cronolóxica.

Panel 2. Cruciforme, coviñas e aneis

Esta tipoloxía de gravados históricos podería estar relacionada coa existencia da antiga igrexa parroquial de Mallos (situada a pouco máis de 200 m) e mesmo co xa referido pasado histórico deste enclave.

Superposición dos motivos históricos sobre os prehistóricos
Pode constatarse en polo menos dous casos que dúas cruces se superpoñen parcialmente ás combinacións de círculos concéntricos no panel 2. O resto de motivos que pola súa factura poden ser considerados realizados en épocas históricas foron gravados en superficies “secundarias”, nos laterais dos paneis, superficies non empregadas aparentemente en época prehistórica.

2.3 Grao de conservación

Á erosión producida polos axentes natural únese a xerada pola acción antrópica continuada ó longo do tempo. Neste senso debemos recordar que, como sinala Sobrino Lorenzo, Manolo Lestón e lembran os veciños de Mallos, a superficie da laxe foi empregada polos mozos como “pedra escorregadoira” a modo de tobogán.

Mallos. Panel 1

No Concello teense é bastante habitual atoparnos con este tipo de laxes ao longo da súa xeografía, hai laxes “escorredías, escorrédeas ou escorregadoiras” moi coñecidas polos seus veciños en Cacheiras, Luou e Teo. Laxes que constitúen todo unha referencia na paisaxe dende antigo. Incluso no propio Monte Piquiño en Luou existe na paraxe do Chan do Pouso un interesante petróglifo con interesantes aliñamentos de coviñas que os veciños denominan “A Laxe da Pena Escorredía”.

3. O petróglifo do Pouso. Unha nova estación en Mallos

Durante o proceso de estudo do petróglifo de Mallos o pasado verán chegou ata nós a nova da posible existencia doutra estación con gravados rupestres localizada a tan só uns centos de metros de distancia da xa coñecida.

Petróglifo do Pouso. Vista xeral

Dende a vella cita de Sobrino Buhígas no corpus, que daba a entender a posible presenza de varias estacións, sospeitabamos que podería haber outras estacións en Mallos. E efectivamente, un grupo de mozos de Mallos localizou ao pé do vello camiño que dende a aldea de Mallos conducía ao río unha segunda laxe con gravados. Foi o seu propio descubridor Manuel Campos, veciño de Mallos, quen nos guiou por primeira vez ata a paraxe do Pouso, nunha primeira visita que contaba tamén coa presenza do concelleiro teense, Xurxo Francos e do técnico municipal de deportes Gonzalo Carrillo.

Logo do rexistro dos gravados procedeuse a súa catalogación realizada en colaboración coa empresa Horizonte Norte que en decembro de 2016 realizou a ficha estándar correspondente figurando con código GA15082112, agardando tamén que en breve se sume á relación de xacementos xa protexidos polo actual PXOM do Concello aprobado no ano 2010.

O Pouso. Vista xeral da laxe.

3.1 Localización e descrición do soporte

Sitúase no medio dun camiño que atravesa o monte de Mallos non lonxe da encrucillada que conforma co sendeiro que leva á gran fraga de Agromaior. De feito unha antiga e desgastada rodeira de carro atravesa a laxe e divide en tres paneis ou sectores os diferentes gravados. O petróglifo figura na chamada paraxe do Pouso situada a uns 400 metros ao SE da Laxe da Estivada, coordenadas UTM 29 T 539614 4733603.

O Pouso, Fotogrametría

Tratase dunha laxe de gran fino de pequenas dimensións (4,16 x 1,80 m) case a rentes do chan. A súa altura máxima é 0,60 cm. Ten forma alongada no eixe leste/oeste, con unhas dimensións de 9,4 m no eixe NW-SE por 3,3 m. no eixo SW-NE. A superficie presenta unha forma irregular con tendencia á horizontalidade. Non podemos desbotar a posible continuidade do afloramento granítico por debaixo do terra, sendo posible a presenza de novos gravados aínda descoñecidos.

3.2 Descrición dos motivos

A superficie atópase profusamente gravada concentrándose os motivos presentes en determinados sectores. Estes motivos son na súa totalidade coviñas de diferentes dimensións e formas. Contabilízanse un total de 44 coviñas (5 no sector este, 36 na zona central e 3 máis no sector oeste). As dimensións das coviñas oscilan entre os 20 cm. de diámetro da máis grande aos 3 cm. da máis pequena. En canto á profundidade varía entre os 6 e 1 cm. Presentan unha pátina regular e uniforme con bordes redondeados e moi suavizados. Completan o repertorio de gravados algúns sucos lineais (algúns con trazos perpendiculares) moi erosionados no bordo superior da laxe.

Vista xeral cenital

A distribución dos motivos transmite no espectador unha sensación de desorde, acumulándose as diferentes figuras sen orde aparente ou perceptible. Algunhas delas case unidas con escasa separación (horror vacui).

É interesante sinalar a presenza, ao igual que ocorre na estación de Mallos 1, de coviñas alongadas con forma elíptica. Feito que se repite tamén noutras estacións de arte rupestre da comarca como os petróglifos do Vilar en Ames ou Monte de San Miguel en Compostela.
Nesta laxe figuran un total de 4 coviñas ovais presentando formas bastante irregulares algunha de elas, especialmente dúas que poderían chegar a interpretarse como posibles podomorfos.

Detalle posibles podomorfos

3.3. Grao de conservación

Podemos sinalar que, en termos xerais, o grado de conservación dos motivos é boa. Pode que a simplicidade dos motivos, que se reducen a coviñas de distintas formas, permitiu que soportaran ben os efectos erosivos dos distintos axentes presentes.

4. Cronoloxía

Atendendo á análise xeral dos motivos insculturados en ambas laxes obxecto de estudo podemos inscribilas dentro do denominado Estilo Atlántico datable temporalmente na Idade do Bronce, e polo tanto como pertencentes ao coñecido como Grupo Galaico de Arte Rupestre.

Petróglifo do Pouso

Non obstante, segundo a técnica de realización dos gravados temos que falar por unha banda de gravados prehistóricos que poderían terse realizados nun só momento ou ben en diversos períodos da prehistoria (sendo gravados inicialmente as combinacións que se adaptan á forma das diferentes protuberancias da laxe e posteriormente as combinacións que figuran na superficie máis lisa e regular). A diferenza doutros petróglifos da comarca non se aprecian procesos de reavivado destes motivos prehistóricos.

Por outra banda, estarían os diferentes motivos históricos (cruces de diferente formas, aspas, círculos…) realizados con ferramentas metálicas e que poderiamos datar no medievo ou xa en época Moderna, relacionados posiblemente co proceso de “cristianización” dun lugar de culto previo aínda que non podemos desbotar vinculación dalgunha cruz coa marcación de antigos lindes parroquiais ou de propiedade.

5. Conclusións

Agardamos que ese pequeno estudo das laxes de Mallos contribúa a conservación e difusión entre a cidadanía desta importante mostra de arte rupestre prehistórico ó ar libre que presenta unhas características singulares, tanto polos diferentes gravados insculturados como pola súa situación xeográfica. Dúas laxes con morfolóxicas diferentes aínda que posúen gravados coas mesmas características.

Agradecemos finalmente aos veciños de Mallos (en especial a Manuel Campos e os propietarios da parcela da Estivada de Abaixo)e a Ramiro Viqueira (veciño de Calo) os datos achegados ó Colectivo, a súa colaboración e o interese que amosaron en manter e protexer estes interesantes bens patrimoniais ata agora case esquecidos deste recuncho da beira do Ulla, ao Concello de Teo polo labor de difusión desta importante paraxe a través das rutas realizadas e a Guillermo González Raviña por facilitarnos datos sobre a personalidade de quen foi o seu mestre, don Juan Pérez Millán.

Bibliografía

  • Bouza Brey, Fermín. “Lauda sepulcral de Nausto Obispo de Coimbra”. Estudios sobre la monarquía asturiana, Oviedo 1971.
  • Lestón, Manuel. “Catálogo de Xacementos Arqueolóxicos do Concello de Teo”, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Xuño – Xullo, 2001 (Revisado no ano 2006). Código no catálogo: GA15082079
  • Lombao Vázquez, Diego. “Petróglifos da Comarca de Santiago”. Santiago de Compostela. 2014. Proxecto fin de Grao Inédito. Universidade de Santiago de Compostela.
  • López Ferreiro, Antonio. “Historia de la Santa Apostólica Metropolitana Iglesia de Santiago de Compostela. Santiago”, 1898-1909. Imprenta y Encuadernación del Seminario Conciliar Central. Tomos I a XI.
  • Maceira Gago, Antonio M. “O Arciprestado de Ribadulla”. Fundación Caixa Galicia. A Coruña. 2001
  • Neira Pereira, Henrique. “Vedra da prehistoria ós inicios do século XX”. Departamento de Cultura do Concello de Vedra. 2006.
  • Neira, Pereira, Henrique, “Sobre a Torre da Ínsua de Cora”, in A Estrada. Miscelánea histórica e cultural. Número 10. 2007.
  • Nota con la copia del texto de la inscrición funeraria del obispo Nausto, que fue enterrado en la iglesia de San Andrés de Trobe. Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.17??. Consulta do 28 de maio de 2013.
    http://213.0.4.19/FichaObra.html?portal=111&Ref=306614
  • Núñez Sobrino, Ángel. “Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza (1915-1959): El trayecto vocacional de un arqueólogo”, En Pontevedra: Revista de estudos provinciais. N. 21. Deputación de Pontevedra. 2006
  • Sobrino Buhígas, Ramón. “Corpus petroglyphorum Gallaeciae”, Seminario de Estudos Galegos. 1935. Edicións do Castro. Edición facsimilar 2000.
  • Sobrino Lorenzo – Ruza. Ramón. “Un petróglifo en Mallos, Ayuntamiento de Teo (A Coruña)”. En Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo. III, p. 23-24 (1947); pp.61-64.
  • Sobrino Lorenzo – Ruza. Ramón. “Bronce Mediterráneo y Atlántico. Noticias 134, 136”. Noticiario Arqueológico Hispánico 1 (1953). p. 193-194.
  • Soto Barreiro, María José. “Los petroglifos prehistóricos de la comarca compostelana”. Santiago (tese de licenciatura inédita). Universidade de Santiago de Compostela, 1986
  • VV.AA (OLLARTE). “Os petróglifos do Concello de Teo”. Ollarte: unha mirada ao patrimonio. Ed. Concello de Teo. 2008
  • VVAA. “El municipio de Teo en Unión de Teo y Vedra”. En: Revista Unión de Teo y Vedra. Órgano oficial de las Sociedades Agrarias de Teo y Vedra (1935). N.300. p.5-30

Notas:

[1] Datum: WGS 84.
[2] Petroglifos da Peneda Negra e as Laxes do Monte Castelo.
[3] Sobrino Lorenzo – Ruza, R. “Un petroglifo en Mallos,  Ayuntamiento de Teo (La Coruña)”. Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo. III, pp. 23-24 (1947): pp. 61-64.
[4] Sobrino Lorenzo – Ruza, R. (1947). p. 61.
[5] Neste plano de situación aparece sinalizadas con tres puntos as localizacións da zona de Mallos.
[6] Núñez sobriño, Ángel. “Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza (1915-1959): El trayecto vocacional de un arqueólogo”. Pontevedra: Revista de estudos provinciais, nº 21. (2006).  “29 de Febrero de 1948 – Estuve en Mallos (Teo) viendo nuevamente los petroglifos que conocía”.
[7] Soto Barreiro, M.J. “Los petroglifos prehistóricos de la comarca compostelana”, Universidade de Santiago de Compostela , Tese de Licenciatura inédita. 1986.
[8] Lestón, M. “Catálogo de Xacementos arqueolóxicos do Concello de Teo“. Dirección Xeral de Patrimonio, Xuño – xullo 2001 (Revisado no ano 2006). Código no Catálogo: ga15082079
[9] http://es.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=3242458
[10] Entre os participantes figuran varios membros da familia propietaria da parcela onde fica o petroglifo.
[11] López Ferreiro, Antonio. “Historia de la Santa Apostólica Metropolitana Iglesia de Santiago de Compostela”. Santiago, 1898-1909. Imprenta y Encuadernación del Seminario Conciliar Central. Tomos I a XI.
[12 Maceira Gago, Antonio M. “O Arciprestado de Ribadulla”. Fundación Caixa Galicia. A Coruña. 2001
[13] http://www.cervantesvirtual.com/obra/nota-con-la-copia-del-texto-de-la-inscripcion-funeraria-del-obispo-nausto-que-fue-enterrado-en-la-iglesia-de-san-andres-de-trobe/
[14] Bouza Brey, Fermín. “Lauda sepulcral de Nausto Obispo de Coimbra”. Estudios sobre la monarquía asturiana, Oviedo 1971.
[15]Nausto finou o 21 de decembro do ano 912.
[16]Sucedeu o martírio en Córdoba o 26 de xuño do ano 925.
[17]Outros autores a sitúan no lugar da Insua en Luou.
[18]O topónimo “estivada” fai alusión o proceso que consiste na roza, queimado e a posterior preparación dun anaco de monte para ser cultivado con trigo ou centeo. As ortofotos do vó americano de 1956 amósanos a parcela nunha zona adicada a este tipo de produción agrícola.

Advertisements

Solsticio de inverno no Monte Piquiño


Achegámosvos unhas imaxes e vídeo dunha aliñación arqueoastronómica no solsticio de inverno entre os outeiros do Meau e o Outeiro do Ledo na área arqueolóxica do Monte Piquiño no Concello de Teo.

Plano de situación dos petróglifos

Dende o Petróglifo do Meau poidemos contemplar a saída do sol xusto por riba da peneda do petróglifo do Trono do Raíña situado na cima do outeiro do Ledo.

O sol semella despois ir subindo pouco a pouco polo outeiro. Á vez os raios de sol van acariñando e iluminado as dúas combinacións de círculos concéntricos do petróglifo do Meau, dispostos nun panel inclinado que recibe a luz nunha proxección case diagonal.

Trátase dun evento astronómico que só podemos observar nestas datas do ano e que foi localizado e está a ser investigado polo especialista da Rula neste campo, Antón Bouzas.

Vandalismo no petróglifo do Meau

A nota negativa das xornadas de observación foi o estado no que nos atopamos o petróglifo do Meau. Alguén procedeu a eliminar os musgos onde se sitúan os gravados puidendo provocar graves alteracións que poñen en risco a boa conservación dos gravados.

situación do Pico Sacro e Trono da Raíña

Fose feito de boa ou mala fe o que debe ser evidente para todo aquel que visite un petróglifo é que debemos evitar exercer calquera tipo de forza mecánica sobre a superficie onde se conservan os gravados que poida alterar definitivamente a pátina conformada ó longo do tempo.

Petróglifos e lumes forestais


xxxO pasado mércores día 26 tivemos a ocasión de participar nunha interesante xornada organizada por “Compostela Aberta”, co título de “Petróglifos e lumes forestais: xornadas sobre o Patrimonio Cultural do Concello de Santiago de Compostela”.

14963513_1312792212088745_870474263_o

Devesa da Rula 3. Marcas das orugas mecánicas

Logo da terrible vaga de lumes do pasado verán, con lamentable incidencia na área arqueolóxica da Portela de Villestro no termo municipal compostelá, a organización desta actividade semellaba non só interesante senón tamén moi necesaria. Dende o Colectivo felicitamos os organizadores do acto, en especial a Raquel López e María José Boveda,  as que queremos agradecerlle o ternos convidado a participar.

14970992_1312792215422078_2072676174_o

Mouromorto 2 . Antes e despois do lume de 2015

Foi unha honra poder expor as nosas ideas ó carón de profesionais como Iñaki Vilaseco ou o especialista Manuel Santos Estevez. A xornada serviu para pór en común interesantes visións da problemática situación do noso patrimonio e sinalar posibles medidas de actuación dende diferentes perspectivas, o eido profesional e institucional, o lexislativo e mesmo o asociativo. A charla rematou cun intenso debate co público asistente e consideramos que resultou enriquecedora para todos os presentes.

14971484_1312791772088789_1525270088_o

Cruciforme. Pedra Mencía

De seguido resumimos a nosa pequena contribución na xornada.

Na nosa exposición partimos dunha premisa fundamental,  na actualidade a nosa arte rupestre atópase seriamente ameazada.

14923009_1312792582088708_204643720_o

Porto do Son. 2016

Trátase duns bens culturais moi sensibles e fráxiles, en grave risco fronte non só ós factores ambientais senón tamén a propia acción do home. O uso da maquinaria pesada en labores forestais e de extinción, os lumes e outras actividades ameazan seriamente a súa conservación e alteran de xeito irreparable a súa contorna.

30597365435_829315c9b5_oEsta situación vese agravada pola actual situación de abandono do rural galego e as desacertadas políticas forestais que configuraron unha paisaxe desestabilizada e altamente inflamable onde atopa acubillo a nosa arte rupestre.

Nos últimos anos o ritmo de destrución do noso patrimonio é alarmante polo que faise preciso adoitar xa unhas mínimas medidas que garantan a protección e conservación do noso patrimonio.

14954347_1312792718755361_1172168152_o

Pedra da Loba

Na procura de protexer o que consideramos un patrimonio singular, único e irrepetible, o Colectivo A Rula presentou hai preto dun ano unha proposta de traballo ós concellos de Ames, Teo e Compostela e a Dirección Xeral de Patrimonio na que se incluían unha serie de medidas de carácter preventivo a adoptar e que consideramos esenciais para protexer estas manifestacións artísticas da nosa prehistórica.

Pretendíamos e pretendemos con esta proposta que lles servise de ferramenta de traballo, de análise inicial e debate entre os diferentes axentes implicados na preservación do noso patrimonio e na procura do seu aproveitamento e a súa rendibilidade social a través de diferentes medios e canles.

28435867930_9bc95d9268_k

Devesa da Rula

Nesta proposta incluíamos unha serie de medidas mínimas de urxente aplicación para evitar as consecuencias directas que os lumes forestais teñen sobre a nosa arte rupestre, entre elas:

  • A catalogación de todos os petróglifos e a súa inclusión nos diferentes Plans Xerais de Ordenación Municipal dos Concellos da Comarca. É evidente que non podemos protexer aquilo que non se coñece.
  • Eliminación das plantas arbóreas e arbustivas nun radio duns 5-10 m. arredor das laxes insculturadas.
  • Mantemento periódico dunha cinto de protección mediante rozas periódicas na contorna dos petróglifos (antes do verán).
  • Establecemento de canles de colaboración cos propietarios e as comunidades de montes procurando a súa “complicidade” nesta loita pola protección do noso patrimonio e o medio ambiente.
  • Divulgación, con especial insistencia no ámbito do ensino.

28720263715_865a5dca74_kUnha serie de medidas preventivas básicas que acompañamos doutras que podiamos considerar más técnicas ou concretas como:

  • Establecemento dunha carta de riscos que determinara os factores que poidan incidir negativamente na conservación dos xacementos.
  • Esixir unha maior coordinación entre as diferentes entidades e organismos que xestionan o noso patrimonio e os nosos montes.
  • Intervencións puntuais naqueles conxuntos que, en razón do seu valor histórico, artístico, estado de conservación ou localización, demanden un tratamento individualizado para asegurar a súa conservación futura.
  • Establecemento de áreas de protección xeral nas zonas arqueolóxicas máis relevantes que preserven os restos arqueolóxicos e a súa contorna inmediata (ex. Monte Piquiño, Devesa da Rula, etc…).
Proceso de limpeza do entorno da Peneda Negra

Proceso de limpeza do entorno da Peneda Negra. 2016

É certo, que estas medidas supoñen a asunción de certo esforzo orzamentario mais consideramos que o seu custo é socialmente asumible, e incluso podemos afirmar que é socialmente demandado. Trátase, desde o noso punto de vista, máis de lograr certa vontade e compromiso por parte das entidades e administracións competentes na conservación e protección do noso patrimonio, sexa cal for a súa cor política.

14963427_1312796372088329_37169149_o

Mallos 2. Limpeza preventiva no verán de 2016

Logo dun ano de presentarmos a nosa proposta podemos sinalar que os resultados acadados foron en xeral positivos. A implicación dos Concellos de Teo,  Ames e a Dirección Xeral de Patrimonio plasmouse en diferentes proxectos que contribuíron a mellorar significativamente o estado xeral dos petróglifos e a súa contorna inmediata, ao tempo que as conversas mantidas coa Dirección Xeral de Patrimonio e o Concello de Compostela nos últimos meses auguran un futuro máis prometedor para os petróglifos de Santiago, que arestora seguen en situación moi preocupante, e da comarca en xeral.

Desde o colectivo seguiremos loitando e contribuíndo, dende as nosas posibilidades, a que isto pronto sexa unha realidade. Poucos días despois tivemos outra fructífera xuntanza en Compostela da que tamén daremos conta na maior brevidade.

Guardar

Guardar

Guardar

Agresións ós petróglifos do Concello de Teo


Hai só uns días recibimos as malas novas dunha nova agresión en dúas das estacións de gravados rupestres máis relevantes do Concello de Teo, o petróglifo de Outeiro de Corno en Regoufe (Luou) e Río Angueira en Cornide (Calo). A través do noso correo, Javier C.F. remitiunos as fotos que acompañan esta pequena entrada no blog, que ogallá nunca tiveramos que facer.

Rio Angueira

Rio Angueira

Como reflicten as imaxes o autor ou autores dos danos non só riscaron co que semella xiz de cor branca a superficie dos gravados senón tamén que gravaron unha cruz ó carón do único zoomorfo do petróglifo de Outeiro de Corno situado na parte inferior do panel. Un acto vandálico que supón un dano irreparable neste singular xacemento.

Cruz en Outeiro do Corno

Cruz en Outeiro do Corno

Descoñecemos o fin exacto de tales actos, quizais simplemente fora por ignorancia pero de calquera xeito non hai ningún tipo de xustificación posible. Lamentablemente novas deste tipo repítense a cotío a pesar dos esforzos en concienciar e educar á cidadanía no respecto ó noso patrimonio, a realidade demostra que hai xente que descoñece que un petróglifo é unha obra de arte prehistórica ó ar libre da mesma importancia que poidan ter as pezas expostas en calquera dos nosos museos. A ninguén se lle ocorre ir a un exposición a pintar por riba dun cadro, pois de igual xeito deberiamos ser conscientes que non se pode tocar e moito menos gravar por riba destes gravados que forman parte do patrimonio cultural legado polos nosos devanceiros.

Queremos lembrar que remarcar os gravados con outra pedra, ou simplemente con xiz, para facilitar a súa visualización supón unha alteración do risco orixinal modificando para sempre a súa fisionomía. Os petróglifos son pezas artísticas milenarias que reflicten o paso do tempo polo que non podemos frustarnos se o visitalos non podemos apreciar con todo detalle os seus motivos. Como sinalamos nas nosas charlas e rutas se queremos contemplar en todo o seu explendor estas manisfestacións artísticas temos que visitalos á mañá cedo ou ó solpor, e senón pola noite cunha lanterna ou foco para poder admirar polo miúdo todos os deseños.

Cornide

Cornide

O Colectivo A Rula deu traslado destes feitos ó Concello de Teo que a súa vez deu parte ó Seprona para iniciar as dilixencias oportunas. O obxectivo é que este tipo de incidentes non se repitan máis. Recordar tamén que recentemente o Concello inicou os trámites para que ambos petróglifos, xunto co petróglifo da Pena Bicuda de Loureiro (Luou), reciban a declaración expresa como Bens de Interese Cultural (BIC).

A nova na web do Concello de Teohttp://teo.gal/actualidade/nova.php?id=1769&lg=gal

A nova na CRTVGhttp://www.crtvg.es/informativos/danan-petroglifos-en-teo

II andaina nocturna ós petróglifos de Teo, Resumo.


Logo de rematar esta segunda edición da ruta ós petróglifos teenses, é difícil sentirnos máis recompensados cos resultados acadados, incluso por riba das nosas ambiciosas expectativas iniciais.

Nas dúas xeiras houbo cheo absoluto de participantes, sendo imposible acoller a un maior número por razóns técnicas e de seguridade. Malia todo, máis de 150 persoas puideron contemplar con todo detalle os diferentes motivos que posúen estas mostras de arte rupestre milenarias en dúas noites fabulosas e moi emotivas. Algúns destes gravados só se poden observar en días cunhas condicións excepcionais de luz polo que incluso 21770462482_299b5fdfaf_kaqueles asistentes que coñecían previamente as laxes quedaron abraiados dos segredos que ocultaban estes paneis iluminados coas nosas lanternas e focos. O percorrido realizado destacaba pola gran diversidade de motivos que posúen estas laxes, dende os característicos gravados de temática xeométrica, que caracterizan á arte rupestre galaica e atlántica, ós gravados de motivos figurativos en Río Angueira 2 ou na laxe panoplia de Outeiro do Corno 1 co seu singular deseño central. Unha ampla variedade de figuras que espertou gran interese e innumerables conversas que denotaban a curiosidade amosada por todos os participantes.

12010590_984628821601133_3898257904379252770_o

Tamén aproveitamos a ocasión para render unha pequena homenaxe a Ramón Sobrino Lorenzo coa intervención de Ángel Núñez Sobrino, custodio do seu legado, e proxectamos un pequeno vídeo cunha retrospectiva coas súas fotografías e deseños antigos dos xacementos que investigou na nosa comarca. Festexamos, por último, o terceiro aniversario da nosa asociación agasallando ós presentes coas nosas camisetas personalizadas.

O obxectivo de seguir a difundir o coñecemento deste espazo arqueolóxico tan singular do concello teense cumpriuse pero á vez acadamos outras pequenas metas iniciadas hai dous anos coa nosa primeira visita. Dende entón o concello de Teo realiza limpezas continuas e programadas no contorno das laxes e mantén limpos os accesos, sinalizouse a ruta e un maior número de veciños coñecen e visitan con frecuencia esta área arqueolóxica. Sen dúbida, isto é a mellor recompensa ó noso traballo.

A 21791712381_23d60ac506_knosa intención, e pensamos que tamén a do Concello, é seguir a realizar periodicamente este tipo de andainas, tanto diúrnas como nocturnas, para continuar divulgando o patrimonio cultural teense á súa veciñanza e a cidadanía en xeral. Asemade, seguiremos solicitando ás institucións públicas que manteñan o seu compromiso e implicación á hora de procurar a protección e posta en valor destes xacementos. Trataremos tamén de realizar novas rutas por novas paraxes, quizais menos coñecidas pero que de seguro non deixaran de sorprendervos.

12027822_980448402019175_1485651542599195744_n

Queremos rematar agradecendo ás persoas e institucións que participaron e colaboraron neste actividade. En primeiro lugar ó Concello de Teo e en especial ó Departamento de Cultura que dirixe a concelleira Pilar Faxil e coordina a súa técnica, Lucía Mosquera, por darnos outra oportunidade para seguir transmitindo a nosa paixón pola arte rupestre; á brigada de xardíns que dirixe Xurxo Francos,  xa que sen o seu labor sería imposible realizar este tipo de roteiros; a don Ángel Núñez Sobrino por lembrarnos a figura de Ramón Sobrino Lorenzo Ruza, un dos grandes arqueólogos do noso pais no centenario do seu nacemento, e permitirnos amosarvos imaxes únicas do seu traballo; á Casa Grande de Cornide e á Casa Carril pola súa acollida e atención; e sobre todo a todos os que participástedes polo interese amosado e o voso ánimo que nos obriga a seguir con novos proxectos.

Deixámosvos unha pequena galería de imaxes desta “II Andaina ós petróglifos teenses”

21593446918_e7df67fde5_k 21594446849_40270fb4d0_k 21781295025_4c853f0e1f_k  21160864443_18c09649ef_k 21161170423_c58446a21a_k  21593446918_e7df67fde5_k 21593752280_24a559483d_k 21594104638_a986620ebd_k 21594132178_035efd3d24_k 21594446849_40270fb4d0_k(1)   21594623339_efc36b7642_k  21769830062_f9aeb6ffc3_k  21781295025_4c853f0e1f_k 21790863141_6cc3a62c41_k 21790880811_7075f86134_k 21791712381_23d60ac506_k      12019756_980448405352508_4455336711703245976_n 12027291_984628978267784_2833616308389262831_o 12027822_980448402019175_1485651542599195744_n 12034256_984629338267748_7838744403669346978_o 12038578_984628494934499_63166951982662172_o 12039275_980448392019176_5467357903259644360_n 12039766_1003890632995907_9022091796191566724_n 12045802_980449208685761_5741365560979316198_o21160541753_453d296ab0_k 12046624_1003890542995916_5477442976893196184_n12002235_1003890506329253_4146618328206691078_n 12052427_980449515352397_5626483211487061709_o12010521_980449392019076_2472601498314854990_o12006324_1003890246329279_5217979561781878515_n12010590_984628821601133_3898257904379252770_o21594446849_40270fb4d0_k12011317_1003890309662606_3016088981806887251_n

Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza, mestre da arqueoloxía galega, nos 100 anos do seu nacemento.


Este ano celébrase o centenario do nacemento de don Ramón Sobrino Lorenzo Ruza (1915-1959), ante tal efeméride o noso colectivo non pode desaproveitar a oportunidade de renderlle unha merecida homenaxe a un dos grandes referentes no estudo da arte rupestre en Galicia, continuador do labor iniciado polo sei pai, Ramón Sobrino Buhigas, autor do famoso “Corpus Petroglyphorum Gallaeciae”, o primeiro gran inventario da arte rupestre do noso país.

20153133679_783e648591_k

Petróglifo da Pena Bicuda de Regoufe

Ramón Sobrino L. foi un home do Renacemento que alumeou as tenebrosas décadas da posguerra galega coa súa paixón por recuperar, divulgar e transmitir o legado que os nosos devanceiros nos deixaron nesas laxes cheas de gravados cuxo significado segue a ser na actualidade todo un misterio sen resolver e que cada día atrae a máis investigadores e afeccionados.

Panorámica da necrópole do Monte Piquiño

Panorámica da necrópole do Monte Piquiño

A súa vida profesional como mestre de debuxo na escola de Artes e Oficios “Mestre Mateo” e como aparellador municipal no Concello de Santiago vincularíao para sempre ás terras e xentes de Compostela. Non obstante, foi o estudo dos nosos xacementos arqueolóxicos, primordialmente dos petróglifos e xacementos megalíticos, o que o unirían sentimentalmente e para sempre á nosa comarca. Lembremos que Ramón Sobrino Lorenzo foi o descubridor ou divulgador de xacementos tan relevantes como o petróglifo do Castriño de Conxo, e o do Monte Pedroso en Santiago de Compostela, dos gravados de Oca en Ames ou dos petróglifos de Mallos, Outeiro do Corno ou da Pena Bicuda de Regoufe en Teo. Tamén no concello teense foi o primeiro en subliñar a relevancia dunha das áreas arqueolóxicas máis importantes da comarca, a necrópole megalítica do Monte Piquiño.

Croquis da Laxe da Estivada de Mallos

Esbozo da Laxe da Estivada de Mallos

Como arqueólogo foi comisario local das escavacións arqueolóxicas en Compostela e membro da Real Academia Galega polo que percorreu a pé as nosas vilas e pequenas aldeas para acceder ós xacementos arqueolóxicos acompañado de veciños e amigos que foi coñecendo durante o seu periplo vital. Óscar Lojo – Batalla Sampedro, alcalde republicano en Ames, Gustavo Varela Gutiérrez de Caviedes, catedrático de Ciencias Naturais no Instituto Cervantes e mestre na Universidade de Santiago de Compostela, Juan Pérez Millán, profesor e coengo-arquiveiro da catedral, Adolfo Calvo, practicante municipal de Teo, etc, son algúns exemplos deste abano de curiosos persoeiros da bisbarra compostelá que cómpre significar, pois foron eles os que en moitas ocasións achegaron a Sobrino Lorenzo a estas paraxes recónditas na busca dos antigos vestixios destes primeiros poboadores do noso país. Exercían como anfitrións, amigos, confidentes e mesmo guías nas expedicións que Ramón Sobrino Lorenzo repetía polos nosos montes sempre co seu equipo as costas, composto –como reflicten as vellas instantáneas- pola súa cámara Kodak Retina, un catalexe, o seu fotómetro, as cintas métricas, a carteira de cartafoles de coiro e os cadernos e lapis. Con estes aparellos logrou deixar testemuño perdurable destes novos xacementos que logo publicaría nos xornais e revistas científicas máis prestixiosas da época.

20346288371_0b6eda5ff9_k

Petróglifo do Outeiro do Corno

A súa meticulosidade e rigorosidade no estudo e análise dos xacementos contribuíu a mudar a visión da arqueoloxía galega para convertela nunha verdadeira disciplina científica. Mestre do debuxo arqueolóxico como os seus predecesores na Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra (E.Campo, Castelao, Feijo Alfaya, E. Mayer, Souto Cuero…) logra nos seus deseños unha gran plasticidade sen esquecer a precisión na súa execución técnica, o que proporciona fermosas obras artísticas e incuestionables documentos científicos.

Ramón Sobrino Lorenzo participa do espírito renovador e multidisciplinar da Xeración Nós e representa certa continuidade co traballo, estilo e metodoloxía dos eruditos do Seminario de Estudos Galegos, institución erradicada polo fascismo. Como sinala outro dos grandes investigadores actuais neste eido, Antonio de la Peña:

“Sobrino Lorenzo, la figura más brillante en la historia de la investigación de los grabados rupestres galaicos […] alcanzó el nivel más alto […], su amplio dominio bibliográfico (herdanza do seu pai), su profundo conocimiento del terreno en el que se movía – no en vano conocía de primera mano la práctica totalidad de los complejos rupestres conocidos entonces – y su aparente alejamiento de condicionamientos ideológicos, dan a su obra una extraordinaria coherencia”

O desaparecido petrógifo do Agro da Cacharroa

O desaparecido petróglifo do Agro da Cacharroa

20310466075_ee971ff8d5_k

Laxe da Estibada de Mallos

O seu legado, conservado grazas ó inestimable labor do mestre e investigador, Ángel Núñez Sobrino, constitúe un verdadeiro tesouro documental que aínda non foi debidamente tratado e valorado. Preto de 2.500 documentos gráficos e documentais entre negativos, positivos, debuxos e anotacións nas súas axendas persoais constitúen un fito de referencia fundamental para abordar o estudo do megalitismo e do chamado “Grupo Galaico de Arte Rupestre” en Galicia en xeral e na nosa comarca en particular.

Nestas últimas semanas o noso colectivo tivo o privilexio de achegarse por primeira vez a unha pequena parte deste fondo grazas a amabilidade e facilidades dadas por Ángel Núñez Sobrino, feito que dificilmente poderemos agradecer.

A análise de todo este material xerou de inmediato novas liñas de investigación para o futuro, como o estudo da evolución da paisaxe destas paraxes durante a segunda metade do século XX, facilitounos novos indicios para tentar localizar xacementos arestora en paradoiro descoñecido (Liñaredo, Labanquiños ou Troitosende en Ames ou o petróglifo do Agro da Cacharroa en Teo), permitiunos comparar o estado actual destes bens arqueolóxicos coa súa situación fai máis de medio século, certificar grazas as súas fotografías de que xa era coñecedor de moitas estacións de arte rupestre que pensabamos que foran descubertas nos últimos anos como o petróglifo do Outeiro do Corno en Regoufe (Teo) ou o Petróglifo de Monte Grande en Piñeiro (Ames).

Son tamén materiais fundamentais para continuar coa nosa misión principal, a divulgación. Documentos que debidamente seleccionados e tratados enriquecerán calquera actividade sobre o patrimonio cultural na nosa comarca, proporcionarán novos recursos para a elaboración de materiais pedagóxicos e mellorarán a posta en valor dos nosos bens patrimoniais.

Petróglifo da Pedra Bicuda de Regoufe

Petróglifo da Pena Bicuda de Regoufe

Para render esta pequena homenaxe co gallo do centenario do seu nacemento proxectaremos, durante a charla previa á visita nocturna ós petróglifos teense dos días 19 e 26 de setembro organizada en colaboración co Concello de Teo, unha escolma destas imaxes inéditas do arquivo Sobrino – Nuñez do patrimonio teense e da comarca datadas a finais dos anos corenta e na década dos cincuenta. Tamén contaremos coa presenza de Ángel Núñez que nos falará do seu labor como custodio e divulgador deste interesante arquivo familiar.

E todo nun inmellorable escenario como é a Casa Grande de Cornide, cuxos propietarios e actuais xestores mantiveron con acerto a esencia da vella residencia de matices indianos do que foi o seu propietario o libreiro republicano Manuel Tarrio Meldi, que para salvar a vida tivo que abandonar o seu fogar e regresar a Arxentina despois do golpe de estado franquista. Tras máis de corenta anos a vivenda foi reformada en 1976 polos seus actuais propietarios que decidiron abrir en 1992 un dos primeiros aloxamentos de turismo rural da comarca, labor continuado polo actual xerente, Carlos Feal.

Podedes visualizar aquí o tríptico que elaboramos para a ocasión: http://www.calameo.com/read/002506678da246c9f0fd1

Todas as imaxes utilizadas nesta entrada forman parte do fondo “Ángel Núñez Sobrino , orixe: Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza (1915-1959)” do Arquivo Municipal de Teo.  O Colectivo A Rula actuou como intermediario nesta importante achega documental ó Concello de Teo

BIBLIOGRAFÍA:

II andaina ós petróglifos de Teo.


20512942344_2afc5b19b1_kUnha vez máis presentamos da man do Concello de Teo a segunda andaina nocturna para que coñezades algún dos petróglifos teenses máis interesantes.

Trátase dunha nova edición das xornadas que organizamos xa hai dous anos nas que despois dunha charla introdutoria nas instalacións da Casa Grande de Cornide sobre a arte rupestre prehistórica na comarca e sobre o percorrido da ruta, visitaremos as dúas estacións do Río Angueira (Cornide – Calo) e as 3 do Outeiro do Corno (Regoufe – Luou).

Pero nesta nova edición quixemos engadir algunhas novidades e sorpresas. Entre elas faremos unha pequena homenaxe a Ramón Sobrino Lorenzo- Ruza, co gallo do 100 aniversario do seu nacemento e tamén aproveitaremos para celebrar o 3º aniversario do Colectivo, polo que sortearemos entre os asistentes varias camisolas co noso “Manolo”, o cerviño futbolista do Petróglifo do Pinal 1 (Villestro – Compostela).

Podédesvos anotar de balde no Departamento de Cultura do Concello de Teo, lembrade que son 70 prazas para cada xeira por rigoroso orde de inscrición e que xa comezou onte. Comunicarvos, por último, que todos os que queirades aloxarvos na fermosa casa indiana da Casa Grande de Cornide e asistades a ruta contaredes con prezos especiais.

Podedes consultar a ruta no noso wikiloc: Ruta da 1ª Andaina nocturna ós petróglifos teenses.

Esperámosvos…..

Camiseta Rula

A doazón de Ángel Núñez Sobrino ó Concello de Teo de material gráfico do patrimonio teense


O Colectivo A Rula séntese orgulloso de colaborar con persoeiros e institucións que procuran a recuperación e valoran o noso patrimonio cultural. Sentímonos uns privilexiados por poder contemplar e traballar cunha pequena parte do legado de tres mestres pioneiros da arqueoloxía do noso país, Henrique Campo Sobrino (1890-1911) , Ramón Sobrino Buhigas (1888-1946) e Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza (1915-1959).

O noso profundo agradecemento a don Ángel Núñez Sobrino, xeneroso custodio e divulgador deste importante arquivo familiar, por facilitarnos acceso a estas xoias documentais e gráficas e ó Concello de Teo por escoitarnos e atender as nosas suxestións.

Grazas ás nosas dilixencias o Concello de Teo ven de recibir a doazón dunha boa cantidade de material gráfico recollido pola familia Sobrino o longo do século XX sobre a arte rupestre de Galicia, con especial protagonismo dos xacementos da nosa comarca.

Estos materiais enriquecerán proxectos futuros que o Concello de Teo está a estudar na procura da posta en valor do seu interesante patrimonio arqueolóxico. Proxectos culturais, educativos e divulgativos nos que, de seguro, contará co apoio do noso pequeno grupo.

Agardemos que no futuro outros concellos da nosa comarca atendan do mesmo xeito as nosas inquietudes en prol do noso patrimonio cultural.

Como adianto achegamos unha imaxe do motivo central do Outeiro do Corno realizada por Ramón Sobrino Lorenzo no ano 1951 e dado a coñecer no 2004 por Jorge e Juan Guitián.

Imaxe: Petróglifo de Outeiro do Corno (1951). Fondo Fotográfico Ángel Núñez Sobrino, Arquivo Municipal de Teo. Origen: Ramón Sobrino Lorenzo- Ruza (1915-1959).

Un mes desde o incendio de Mouromorto


Xa pasou un mes desde que o lume levou por diante máis de 55 hectáreas de monte  na contorna do Castro de Mouromorto na parroquia de Calo, Concello de Teo.

Ás cuantiosas perdas na nosa masa vexetal uniuse o risco producido ás vivendas e leiras e os danos producidos a unha boa cantidade de xacementos arqueolóxicos de gran valor.

Uns días despois achegámonos xunto con un técnico da Dirección Xeral de Patrimonio ata algúns dos xacementos afectados co obxecto de realizar unha primeira análise dos danos producidos en dous xacementos con arte rupestre prehistórica catalogados e un terceiro pendente de catalogación. Alí puidemos observar que as labores de limpeza do entorno do xacemento do Cruceiro Vello I levadas a cabo polo concello serviron como eficaz defensa fronte as lapas.

Tamén aproveitamos a visita para comunicar ó Servizo de Arqueoloxía da DXP unha nova estación con arte rupestre nas proximidades e que afortunadamente non se viu afectada polo lume, a estación de Agro Vello, localizada por Patricia e Alberto, dous veciños de Texexe interesados polo patrimonio da súa parroquia.

Agro Vello, a nova localización en Mouromorto

Agro Vello, a nova localización en Mouromorto

Queremos ser cautos nas nosas impresións xa que os verdadeiros efectos do lume só se poderán avaliar pasado un tempo, pero o que xa é evidente é o resultado do lume no perímetro inmediato dos xacementos que ilustramos coa imaxe de cabeceira, o antes e o despois do Cruceiro Vello II.

Desde aquí queremos reprobar os actos delituosos que enchen de lapas os nosos montes tódolos anos e animar ás administracións competentes a tomar medidas preventivas de limpeza e conservación nos xacementos con arte rupestre espallados polos nosos montes, a medida máis eficaz para a súa salvagarda e conservación.

Agasallo dos Reis de Oriente no concello de Teo


O agasallo

O agasallo

Na pasada Cabalgata de Reis de Teo tivemos a sorte de colaborar, aínda que fose humildemente, grazas a proposta que argallaron desde a Concellería de Cultura do concello. Teñen por boa costume a de preparar uns pequenos agasallos para os nenos que se acheguen a ver ás súas maxestades, e este ano pensaron en elaborar algo no que estivesen presentes os seus petróglifos.

Tiveron a ben pedir a nosa colaboración achegándolles algunhas imaxes dos gravados do Concello e con eles realizaron un bonito quebracabezas. Desexamos que os cativos xoguen con eles conformando os cervos, as combinacións circulares e o “microondas”.

Grazas a aqueles que o fixeron posible e parabéns.

Visita nocturna aos petróglifos de Teo cos nenos e pais do CEIP A Igrexa de Calo


IMG-20140908-WA0001Na noitiña do pasado 6 de setembro realizamos a prometida visita a algún dos petróglifos do concello de Teo cos rapaces e pais do Colexio de Calo.  Un par de meses antes tiveramos que aprazar esta visita por mor do mal tempo cando xa estabamos  no punto de partida da ruta pero o seu gran interese fixo posible que finalmente a realización da actividade fose posible pouco tempo despois.IMG-20140908-WA0005

IMG-20140908-WA0002Para eles deseñamos un pequeno percorrido que saíu  de Casa Carril achegándonos ata os petróglifos de Outeiro do Corno e rematou nas dúas laxes de Cornide ou Río Angueira. O interese amosado en todo momento tanto polos rapaces como polos pais e mestres foi impresionante. A curiosidade e falta de prexuízos dos nenos ante estes fermosos exemplos da nosa arte rupestre aportounos unha experiencia dunha frescura impagable. Grazas pola vosa participación e esperamos repetir a experiencia.  IMG-20140908-WA0004IMG-20140908-WA0003 IMG-20140908-WA0006

O Museo de Prehistoria do Colexio de Calo


cartel do museo da prehistoriaO Colectivo A Rula achegouse ó CEIP A Igrexa – Calo para visitar un ben curioso e interesante museo, quizais o primeiro Museo da Prehistoria no Concello de Teo. Foi toda una experiencia que queremos compartir e animarvos para que vos acheguedes á escola, seguro que desfrutades tanto coma nós coa súa visita.

IMG_20140324_174149060Os autores de todas estas pezas foron os nenos, pais e mestres de Educación Infantil (de 5 e 6 anos) que durante varios meses foron reproducindo obxectos, útiles e maquetas de materiais e expresións artísticas da Prehistoria, con especial atención ó patrimonio do noso país e o seu Concello. De feito podemos sinalar con indisimulado orgullo que parte da inspiración chegoulles logo de ler o folleto que O Colectivo A Rula e o Concello de Teo deseñaron o pasado verán con motivo das visitas nocturnas ós petróglifos de Cornide e Regoufe.

reproducción petróglifo cornideUnha gran maqueta do petróglifo de Monte Angueira de Cornide abre toda unha exposición de reproducións de elementos patrimoniais (esculturas e pinturas prehistóricas, dolmens e pedrafitas, petróglifos, cabanas castrexas, etc.) e distintas pezas: útiles líticos, muíños, cerámicas, teares, canastros…

reproducións materiais en osoNon obstante, ó noso entender, un dos maiores atractivos deste museo é que son os propios alumnos os que fan de guías da exposición. Quen mellor ca eles para amosarnos as características técnicas e históricas de cada peza así como da súa propia elaboración.

IMG_20140326_214107O proxecto finalizará coa edición dun vídeo sobre o museo e agardemos tamén que coa visita a algún dos bens patrimoniais máis relevantes do Concello. O noso colectivo estará encantado de acompañalos neste percorrido.

muiño 2Non podemos rematar sen felicitar o traballo dos mestres da escola, especialmente o traballo da profesora Anxos María Vázquez, e de todos os pais e nenos que colaboraron na creación deste pequeno gran Museo.

TearXa por último, agradecer a Patricia Castelao por informarnos primeiro e logo amosarnos o proxecto. Esta ilusión e paixón que amosa Patricia pola nosa arte máis primixenia e que soubo transmitir ás súas pequenas, dános pulos para seguir traballando na protección, divulgación e revalorización destes excepcionais conxuntos.  Parabéns…

Visita ao petróglifo do Meau


O pasado 19 de outubro achegámosnos á parroquia de Santa María de Luou no concello de Teo, pra coñecer de primeira man os efectos do lume do pasado 21 de agosto no petróglifo do Meau. E ísta unha estación que se sitúa preto do lugar de Loureiro e que aínda non ten sido catalogada. A uns cen metros se sitúa outra estación non catalogada, o petróglifo do Trono da Raíña.

A laxe sitúase no alto dun outeiro nunha zona moi alterada por labores extractivas de cantería. A súa ubicación nunha laxe cunha pronunciada inclinación semella que favorecese que a superficie da rocha non soportase tan altas temperaturas como si se evidencian en afloramentos veciños situados a ras do chan e cunha maior horizontalidade, onde  xa son perceptibles diversas fragmentacións producto da termoclasia.

De todos modos  consideramos que é moi cedo pra descartar os posibles efectos nocivos do lume nos gravados, polo que se fai necesaria unha observación continuada da estación pra analizar a súa evolución nun periodo máis amplo de tempo.

Isto foi co que nos atopamos:
Situación do outeiro

Localización do outeiro

O Meau

Situación da laxe

Situación da laxe

Os motivos

Detalle dos motivos.

Dúas xornadas inesquecibles para o Colectivo A Rula.


Image
Crónica da 2ª parte da 1ª andaina nocturna ós petróglifos do concello de Teo.O pasado sábado rematou a primeira dobre xeira ós petróglifos teenses de Cornide e Regoufe. Que dúas xornadas!, cheas de innumerables experiencias e brincadeiras con todos os participantes (nenos, mozos e maiores que semellaban mozos), na gran maioría veciños de Teo que presumirán dos vellos gravados que agochan os seus penedos.
Resultou unha proposta cultural e tamén deportiva anti-crise, o seu custo foi reducido grazas ás facilidades do Concello de Teo, de Chus e X. Ramón da espectacular Casa Grande de Cornide que nos deu acubillo, dos voluntarios de Protección Civil que nos gardaban as costas, de Fina da Casa Carril que nos recibiu ó rematar cada xeira, e sobre todo pola colaboración de todos os participantes. Os “ruleiros” desprendían a súa ilusión e non fixo falla saír nos xornais, o ruxerruxe entre a xente motivou un novo aluvión de asistentes nunha segunda xornada chea de maxia na que o bo tempo nos acariñou. A lúa chea competía en beleza cuns gravados que abraiaban ós asistentes. Nin sequera os outros grandes actos que tiveron lugar o pasado sábado en Teo restaron afluencia a nosa visita. Todos os asistentes (preto de 180 persoas) perdoaron os posibles erros de calquera principiante e demostraron a súa solidariedade coa nosa loita pola protección e divulgación do noso patrimonio.
Que podemos dicir…é difícil obter máis con menos e comezar o noso camiño de mellor xeito. Só podemos correspondervos matinando novos proxectos de futuro con renovados folgos.
Graciñas!

ImageImageImage

1ª Andaína polos petróglifos de Cornide e Luou


1235469_577691462294873_194000029_n

O Colectivo A Rula quere mostrar a súa gratitude a todos os participantes  (preto de oitenta persoas) na primeira andaina nocturna os petróglifos de Cornide e Luou. De igual xeito agradecer o Concello de Teo, os membros de Protección Civil e a Chus e Xosé Ramón da fermosa Casa Grande de Cornide pola súa inestimable colaboración nesta actividade. Lembrarvos tamén que repetiremos o vindeiro 21 de setembro, só tedes que anotarvos no departamento de cultura do Concello de Teo (981 815 700), non vos despistedes que quedan poucas prazas.

1170760_10200631457814239_488136704_n

cornide (3)

cornide (5)

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

cornide (15)

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Suspensión do roteiro ós petróglifos de Teo


O Concello de Teo anulou todos os actos oficiais ata o vindeiro luns para solidarizarse coas familias do accidente de Angrois, queda adiada por tanto a nosa ruta ata o mes de setembro. Manterémosvos informados das novas datas.

O Colectivo a Rula quere tamén solidarizarse coa dor das familias das vítimas do devandito accidente e facerlles chegar as nosas condolencias.

Colectivo-A-Rulab

Nota concello de Teo

http://www.concellodeteo.com/?lg=gal

Axenda

CULTURA

ANÚLASE o roteiro nocturno ós petróglifos teenses

26 de xullo de 2013 12:30 h – 27 de xullo de 2013 23:30 h

O departamento de Cultura informa da cancelación da visita nocturna ós petróglifos do Concello prevista para este 27 de xullo. A decisión de cancelar esta actividade tómase en sinal de loito polo accidente de tren e para amosar o respecto e a solidariedade coas vítimas do sinistro. Acordarase unha nova data para celebrar esta actividade que se comunicará no seu momento. Desculpen as molestias.

Roteiro nocturno ós petróglifos de Teo


Chegou o momento de presentar a nosa primeira actividade como Colectivo. Propoñemos, en colaboración co Concello, unha visita nocturna a algún dos máis significativos petróglifos de Teo.
Vémonos o sábado 27 de xullo…

http://www.calameo.com/read/0025066783c3ff39043c1

1044577_545297412200945_886723583_n