Petróglifos e lumes forestais


xxxO pasado mércores día 26 tivemos a ocasión de participar nunha interesante xornada organizada por “Compostela Aberta”, co título de “Petróglifos e lumes forestais: xornadas sobre o Patrimonio Cultural do Concello de Santiago de Compostela”.

14963513_1312792212088745_870474263_o

Devesa da Rula 3. Marcas das orugas mecánicas

Logo da terrible vaga de lumes do pasado verán, con lamentable incidencia na área arqueolóxica da Portela de Villestro no termo municipal compostelá, a organización desta actividade semellaba non só interesante senón tamén moi necesaria. Dende o Colectivo felicitamos os organizadores do acto, en especial a Raquel López e María José Boveda,  as que queremos agradecerlle o ternos convidado a participar.

14970992_1312792215422078_2072676174_o

Mouromorto 2 . Antes e despois do lume de 2015

Foi unha honra poder expor as nosas ideas ó carón de profesionais como Iñaki Vilaseco ou o especialista Manuel Santos Estevez. A xornada serviu para pór en común interesantes visións da problemática situación do noso patrimonio e sinalar posibles medidas de actuación dende diferentes perspectivas, o eido profesional e institucional, o lexislativo e mesmo o asociativo. A charla rematou cun intenso debate co público asistente e consideramos que resultou enriquecedora para todos os presentes.

14971484_1312791772088789_1525270088_o

Cruciforme. Pedra Mencía

De seguido resumimos a nosa pequena contribución na xornada.

Na nosa exposición partimos dunha premisa fundamental,  na actualidade a nosa arte rupestre atópase seriamente ameazada.

14923009_1312792582088708_204643720_o

Porto do Son. 2016

Trátase duns bens culturais moi sensibles e fráxiles, en grave risco fronte non só ós factores ambientais senón tamén a propia acción do home. O uso da maquinaria pesada en labores forestais e de extinción, os lumes e outras actividades ameazan seriamente a súa conservación e alteran de xeito irreparable a súa contorna.

30597365435_829315c9b5_oEsta situación vese agravada pola actual situación de abandono do rural galego e as desacertadas políticas forestais que configuraron unha paisaxe desestabilizada e altamente inflamable onde atopa acubillo a nosa arte rupestre.

Nos últimos anos o ritmo de destrución do noso patrimonio é alarmante polo que faise preciso adoitar xa unhas mínimas medidas que garantan a protección e conservación do noso patrimonio.

14954347_1312792718755361_1172168152_o

Pedra da Loba

Na procura de protexer o que consideramos un patrimonio singular, único e irrepetible, o Colectivo A Rula presentou hai preto dun ano unha proposta de traballo ós concellos de Ames, Teo e Compostela e a Dirección Xeral de Patrimonio na que se incluían unha serie de medidas de carácter preventivo a adoptar e que consideramos esenciais para protexer estas manifestacións artísticas da nosa prehistórica.

Pretendíamos e pretendemos con esta proposta que lles servise de ferramenta de traballo, de análise inicial e debate entre os diferentes axentes implicados na preservación do noso patrimonio e na procura do seu aproveitamento e a súa rendibilidade social a través de diferentes medios e canles.

28435867930_9bc95d9268_k

Devesa da Rula

Nesta proposta incluíamos unha serie de medidas mínimas de urxente aplicación para evitar as consecuencias directas que os lumes forestais teñen sobre a nosa arte rupestre, entre elas:

  • A catalogación de todos os petróglifos e a súa inclusión nos diferentes Plans Xerais de Ordenación Municipal dos Concellos da Comarca. É evidente que non podemos protexer aquilo que non se coñece.
  • Eliminación das plantas arbóreas e arbustivas nun radio duns 5-10 m. arredor das laxes insculturadas.
  • Mantemento periódico dunha cinto de protección mediante rozas periódicas na contorna dos petróglifos (antes do verán).
  • Establecemento de canles de colaboración cos propietarios e as comunidades de montes procurando a súa “complicidade” nesta loita pola protección do noso patrimonio e o medio ambiente.
  • Divulgación, con especial insistencia no ámbito do ensino.

28720263715_865a5dca74_kUnha serie de medidas preventivas básicas que acompañamos doutras que podiamos considerar más técnicas ou concretas como:

  • Establecemento dunha carta de riscos que determinara os factores que poidan incidir negativamente na conservación dos xacementos.
  • Esixir unha maior coordinación entre as diferentes entidades e organismos que xestionan o noso patrimonio e os nosos montes.
  • Intervencións puntuais naqueles conxuntos que, en razón do seu valor histórico, artístico, estado de conservación ou localización, demanden un tratamento individualizado para asegurar a súa conservación futura.
  • Establecemento de áreas de protección xeral nas zonas arqueolóxicas máis relevantes que preserven os restos arqueolóxicos e a súa contorna inmediata (ex. Monte Piquiño, Devesa da Rula, etc…).
Proceso de limpeza do entorno da Peneda Negra

Proceso de limpeza do entorno da Peneda Negra. 2016

É certo, que estas medidas supoñen a asunción de certo esforzo orzamentario mais consideramos que o seu custo é socialmente asumible, e incluso podemos afirmar que é socialmente demandado. Trátase, desde o noso punto de vista, máis de lograr certa vontade e compromiso por parte das entidades e administracións competentes na conservación e protección do noso patrimonio, sexa cal for a súa cor política.

14963427_1312796372088329_37169149_o

Mallos 2. Limpeza preventiva no verán de 2016

Logo dun ano de presentarmos a nosa proposta podemos sinalar que os resultados acadados foron en xeral positivos. A implicación dos Concellos de Teo,  Ames e a Dirección Xeral de Patrimonio plasmouse en diferentes proxectos que contribuíron a mellorar significativamente o estado xeral dos petróglifos e a súa contorna inmediata, ao tempo que as conversas mantidas coa Dirección Xeral de Patrimonio e o Concello de Compostela nos últimos meses auguran un futuro máis prometedor para os petróglifos de Santiago, que arestora seguen en situación moi preocupante, e da comarca en xeral.

Desde o colectivo seguiremos loitando e contribuíndo, dende as nosas posibilidades, a que isto pronto sexa unha realidade. Poucos días despois tivemos outra fructífera xuntanza en Compostela da que tamén daremos conta na maior brevidade.

Guardar

Guardar

Guardar

Advertisements

Agresións ós petróglifos do Concello de Teo


Hai só uns días recibimos as malas novas dunha nova agresión en dúas das estacións de gravados rupestres máis relevantes do Concello de Teo, o petróglifo de Outeiro de Corno en Regoufe (Luou) e Río Angueira en Cornide (Calo). A través do noso correo, Javier C.F. remitiunos as fotos que acompañan esta pequena entrada no blog, que ogallá nunca tiveramos que facer.

Rio Angueira

Rio Angueira

Como reflicten as imaxes o autor ou autores dos danos non só riscaron co que semella xiz de cor branca a superficie dos gravados senón tamén que gravaron unha cruz ó carón do único zoomorfo do petróglifo de Outeiro de Corno situado na parte inferior do panel. Un acto vandálico que supón un dano irreparable neste singular xacemento.

Cruz en Outeiro do Corno

Cruz en Outeiro do Corno

Descoñecemos o fin exacto de tales actos, quizais simplemente fora por ignorancia pero de calquera xeito non hai ningún tipo de xustificación posible. Lamentablemente novas deste tipo repítense a cotío a pesar dos esforzos en concienciar e educar á cidadanía no respecto ó noso patrimonio, a realidade demostra que hai xente que descoñece que un petróglifo é unha obra de arte prehistórica ó ar libre da mesma importancia que poidan ter as pezas expostas en calquera dos nosos museos. A ninguén se lle ocorre ir a un exposición a pintar por riba dun cadro, pois de igual xeito deberiamos ser conscientes que non se pode tocar e moito menos gravar por riba destes gravados que forman parte do patrimonio cultural legado polos nosos devanceiros.

Queremos lembrar que remarcar os gravados con outra pedra, ou simplemente con xiz, para facilitar a súa visualización supón unha alteración do risco orixinal modificando para sempre a súa fisionomía. Os petróglifos son pezas artísticas milenarias que reflicten o paso do tempo polo que non podemos frustarnos se o visitalos non podemos apreciar con todo detalle os seus motivos. Como sinalamos nas nosas charlas e rutas se queremos contemplar en todo o seu explendor estas manisfestacións artísticas temos que visitalos á mañá cedo ou ó solpor, e senón pola noite cunha lanterna ou foco para poder admirar polo miúdo todos os deseños.

Cornide

Cornide

O Colectivo A Rula deu traslado destes feitos ó Concello de Teo que a súa vez deu parte ó Seprona para iniciar as dilixencias oportunas. O obxectivo é que este tipo de incidentes non se repitan máis. Recordar tamén que recentemente o Concello inicou os trámites para que ambos petróglifos, xunto co petróglifo da Pena Bicuda de Loureiro (Luou), reciban a declaración expresa como Bens de Interese Cultural (BIC).

A nova na web do Concello de Teohttp://teo.gal/actualidade/nova.php?id=1769&lg=gal

A nova na CRTVGhttp://www.crtvg.es/informativos/danan-petroglifos-en-teo

A primeira gran laxe de arte naturalista en Compostela


No Colectivo A Rula tiñamos sospeitas de que máis tarde ou máis cedo aparecerían no termo municipal de Compostela máis representacións de tipo naturalista pero non imaxinábamos que tivese estas dimensións e relevancia. De feito, no seu día escollimos como logo da nosa pequena comunidade o único zoomorfo localizado ate ese intre nas terras de Compostela -un pequeno cervo situado na paraxe de Pinal no linde co Concello de Ames- como unha arela e premonición de novas descubertas.

O Colectivo organizouse co obxecto de reivindicar a importancia da área de Compostela como un importante foco de arte rupestre, xa que fora relegado históricamente pola maioría dos investigadores a un segundo plano. Mais cada vez faise evidente, tanto polo número de achados localizados (a maioria nos termos municipais de Ames, Teo e Compostela) como pola longa tradición de estudos realizados na nosa comarca, que a arte rupestre de Compostela merece unha maior atención. Malia todo, é certo que o número relativamente escaso de estacións con motivos naturalistas en comparación con outras zonas semellaba avaliar esta antiga visión que os achados dos últimos anos están a cambiar.

Esta pequena entrada supón só unha primeira achega ó Petróglifo dos Cortellos 3, conscientes de que serán precisos novos estudos máis polo miudo e unha posible intervención arqueolóxica.

27995594415_bbff8a2461_k

A Pedra da Loba (Cortellos 3) constitúe, ó noso entender, unha nova mostra do importante patrimonio arqueolóxico da Portela de Villestro pero tamén un xacemento excepcional tanto pola gran cantidade de zoomorfos representados, nunha zona onde os gravados de tipo naturalista son escasos, como pola presenza de escenas de equitación dentro do mesmo panel, xa que xunto coa laxe de Río Angueira 2 en Cornide (Teo) serían as dúas únicas estacións con este tipo de representacións.

Situación e descrición do conxunto

A laxe atópase na parte alta do monte de San Miguel[1], a escasos metros da paraxe da Devesa da Rula onde se sitúan a maioría dos gravados da zona.

Plano de Situación

Situación

Desde o lugar de Os Cortellos, ó descender uns metros ó antigo camiño de volta ó val reparamos hai algún tempo nun afloramento de grandes dimensións onde localizaramos un pequeno círculo con coviña central situado nun penedo ó pé mesmo do sendeiro. Subidos ó con chamounos a atención unha laxe plana e alongada con bastante inclinación que seguía a liña de caída natural da ladeira ubicada a escasos cinco metros ó Sur.

Esta laxe, bautizada como Pedra da Loba ou Os Cortellos 3, sitúase no medio dun pequeno cavorco na vertente da valgada que descende ó val do río Roxos. Este espazo forma un pequeno anfiteatro natural en forma de media lúa situado baixo un eucaliptal polo que a dificultade de visualización dos gravados acentúase. Ó elevar a vista cara o sur, divísase ó lonxe o teito do veciño Concello de Teo, o Alto da Grela, e a súa dereita os cumes do Castelo Redondo e o Meda xa en Padrón[2].

A laxe atopábase parcialmente cuberta pola vexetación, ó retirar as ramas e follas da parte inferior localizamos o primeiro, e quizáis, o máis singular de todos os cervos pola súa atípica cornamenta circular. Sucesivas visitas a distintas horas do día e a contemplación ó solpor con luces artificiais permitíronos ver con maior precisión a gran cantidade dos motivos que conserva o petróglifo.

pedra da loba-11

Localización

A rocha ten unhas dimensións de 6,30 m de longo por 3,10 metros de ancho na súa parte central (a máis ancha) e a súa superficie fica dividida tanto vertical como transversalmente por varias diáclases naturais. Está orientada ó SE e na súa inclinación N/S segue a forma da pendente do terreo circundante. Non obstante, temos que salientar que é moi probable que a laxe continúe tanto pola parte superior como polos laterais baixo o talude de terra vexetal que a cobre, polo que estes datos serían só indicativos. De feito, alomenos un dos zoomorfos situado no lateral esquerdo da pedra está parcialmente soterrado. Neste senso, agardemos que o traballo futuro dos arqueólogos nos permita contemplar a totalidade da superficie da laxe que probablemente inclúa un número maior de gravados.

Como acontece co resto de petróglifos do Monte San Miguel e Ventosa, o soporte empregado é o tradicional granito fino de dúas micas, moi apreciado tamén polos canteiros como se desprende da multitude de evidencias da intensa actividade extractiva na zona.

Sector central

Gravados no sector central e inferior do panel

En canto ao estado de conservación dos motivos podemos sinalar que é en liñas xerais aceptable. Resulta significativo o diferente grao de erosión existente entre os motivos do sector superior da composición e os de zonas inferiores, se ben cómpre indicar que, máis que responder a unha diferenza cronolóxica parecen responder a unha maior exposición ós axentes erosivos dos elementos gravados na parte superior da laxe.[3]

Lamentablemente son tamén evidentes os danos provocados polo lume en varios sectores da peneda. A fragmentación da capa superficial da rocha (termoclastia) nalgunhas zonas e incluso a perda de fragmentos en varios motivos insculturados volven a pór de manifesto a necesidade das reclamacións feitas polo Colectivo diante das administracións públicas competentes (Concello de Santiago e Dirección Xeral de Patrimonio) para que adopten medidas preventivas urxentes como a catalogación e a limpeza desta área arqueolóxica que garantan a conservación deste valioso patrimonio. Pola nosa parte, seguiremos a divulgar a existencia entre a veciñanza destes gravados pois consideremos que é o mellor xeito que temos para protexelos.

Descrición

O repertorio iconográfico da Pedra da Loba inclúe maioritariamente motivos naturalistas pero tamén se constata a presenza de algúns deseños xeométricos.

A erosión dos gravados dificulta unha boa lectura polo que foi preciso empregar a iluminación rasante artificial e recurrir á fotogrametría dixital para poder rexistralos correctamente, algúns deles só conservados de xeito parcial.

Os motivos xeométricos

Combinación de círculos concéntricos

Combinación de círculos concéntricos

O elenco de gravados xeométricos fórmano media ducia de coviñas de pequeno tamaño (2-3 cm de diámetro) distribuidas por toda a laxe e unha pequena combinación circular de dous aneis e coviña central (de 18 cm de diametro) moi erosionada situada no sector central esquerdo da peneda.

A existencia destes pequenos elementos xeométricos resulta interesante para entender a posible contemporaneidade de ambos grupos de deseños pois semella que tanto a técnica, conservación e o aspecto formal dos gravados son similares. De igual xeito, permite estudar posibles relacións estilísticas cos deseños dos petróglifos situados nas cercanías.

Os motivos naturalistas

Os cervos

Vista xeral

Vista xeral da parte superior

Este conxunto de gravados componse de polo menos 19 zoomorfos (cervos e cabalos) distribuídos por toda a superficie de laxe pero concentrados en cinco grupos en función da división do espazo xerado polas diáclases da laxe[4]. O estudo dos deseños mediante o levantamento fotogramétrico permitiunos contemplar restos moi esvaecidos doutros zoomorfos que na actualidade son case imperceptibles e que constatan a posible existencia dunha grea maior de animais.

cervo no sector central inferior

cervo no sector central inferior

En xeral todos os zoomorfos presentan certa homoxeneidade en canto o seu estilo e técnica de elaboración. Son deseños moi estilizados, sen chegar á esquematización, elaborados mediante dous trazos cun espazo no interior de reducidas dimensións, conformando corpos moi estreitos e alongados, pequenas colas de trazo simple e colos e cabezas en ocasións moi alongadas e rematadas con dúas pequenas liñas que semellan representar as orellas ou pequenos cornos.

Sector superior

Sector superior

A liña dorsal recta en paralelo á liña ventral no deseño xeral dos zoomorfos leva a algúns investigadores[5] a clasificalos no que denominan “grupo estilizado recto” en oposición ós zoomorfos característicos da zona de Campo Lameiro, Moraña, Cotobade… con deseños máis curvos na composición dos corpos e con colas representadas cunha liña dobre.

Neste senso, os gravados figurativos desta laxe presentan características semellantes ós zoomorfos dos petróglifos da zona do Barbanza e Muros – Noia pero tamén á outra gran laxe con motivos naturalistas da comarca compostelán, a Pedra Bicuda de Loureiro (Luou – Teo). A técnica de gravado empregada (dobre suco), as características no deseño xeral e tamaño dos motivos evidencian o gran parentesco formal entre ambos petróglifos aínda que a disposición xeral dos motivos sexa diferente.

A pesar destas características comúns no deseño dos gravados, hai neste panel detalles especialmente singulares que merecen que lles prestemos unha maior atención.

Extremo inferior

Extremo inferior

En primeiro lugar, só un dos cérvidos aparece cunha pronunciada cornamenta. Este “gran” cervo macho preside a zona central e inferior do panel. Un exemplar de pequeno tamaño, 32 cm de largo, pero que presenta unha curiosa cornamenta de forma case circular de 19 cm de ancho con sete puntas en cada hastado orientadas cara o interior do círculo, unidas entre si e en sentido transversal ás hastas de liñas curvas. Só atopamos certas similitudes con este tipo de cornamentas circulares presentes en varios cervos de pequeno tamaño coas puntas das dúas cornas unidas no interesante petróglifo da Cova da Bruxa do Concello de Muros.[6]

Outra das características dos gravados é a súa disposición formando pequenos grupos tanto na parte central do panel como na parte superior aproveitando os marcos espaciais dispoñibles entre as diáclases.

Sector central

Sector central

Na zona inmediatamente superior o cervo macho, que ocupa tamén un lugar central, consérvase un dos elementos máis plásticos desta laxe, tres posibles cervos de diferentes tamaños ordenados en liña practicamente unidos que semellan ascender polo panel. A cabeza do primeiro cervo figura apoiada no lombo do cervo seguinte e o mesmo acontece co que vén a continuación, deseñando unha singular escenografía. Un dos moitos exemplos comparables conservados na nosa arte rupestre é o xa clásico da laxe V do Monte Ardegán en Moraña.

Cervos do petróglifo da Laxe V do Monte Ardegán - Moraña

Cervos do petróglifo da Laxe V do Monte Ardegán – Moraña

No primeiro cervo chama a atención que o corpo figure composto por tres trazos que mesmo semellan reproducir non só o corpo senón tamén os cuartos traseiros e dianteiros do animal. Mais isto tampouco é algo excepcional na arte rupestre galega e deseños semellantes figuran noutros petróglifos como nun dos cervos do Coto da Siribela e noutros xacementos de Campo Lameiro. Os outros dous cervos posúen as dúas patas dianteiras en arco acentuando a sensación de movemento dos animais.

Cervos do sector superior

Cervos do sector superior

Na parte superior da laxe destacan varios cervos moi estilizados, algúns deles incompletos. Un dos máis curiosos conta con 6 pequenos trazos que representan as extremidades. Nesta parte do panel destaca unha parella de posibles cervos de longa cabeza e pequenas orellas ou cornos que fican en paralelo un sobre o outro. Situado na parte superior, o animal de menor tamaño (probablemente cun xinete no seu lombo) ten as patas e a cabeza apoiadas sobre o cervo situado debaixo. Unha escena similar figura no extremo superior esquerdo da laxe aínda que o seu estado de conservación é peor. Unha curiosa representación (unha posible cópula, unha doma?) que nos lembran outras composicións semellantes na Laxe das Lebres na Caeira (Poio) ou na estación da Quinta da Barreira en Valença do Minho.IMG-20160702-WA0006

Os cabalos e os homes

Detalle de un dos xinetes a cabalo

Detalle de un dos xinetes a cabalo

Ademais dos cérvidos outras das características deste gran panel é a presenza de varios cabalos, polo menos dous deles con xinetes. Son facilmente identificables por unha característica común na arte rupestre galega, ás súas longas colas.

É precisamente un destes cabaleiros o que abre outro destes grupiños de zoomorfos formando case un círculo na parte central dereita da composición, ofrecendo a sensación no espectador de que o cabaleiro persigue os outros dos animais.

Monta

Detalle de dous cervos na parte superior do panel, un deles cunha posible monta

A representación do xinete é moi simple, trázase o contorno dous sucos verticais e dúas pequenas liñas que representarían as extremidades superiores (non figuran as inferiores). A composición xeral destes cabalos tamén é sinxela pero non exenta de detalles como amosa a representación do falo, o arqueo das patas dianteiras e as pequenas orellas do équido. É unha mágoa que a mala conservación dun dos cabalos situado na parte superior esquerda do panel, moi erosionado debido os danos provocados polo lume, non permita asegurar con total certeza a presenza, máis que probable, deste segundo xinete.

Levantamento fotogramétrico

Levantamento fotogramétrico

Outro feito destacable é a “posible” monta sobre dous cervos (cabalos?) na parte superior da laxe, só unha hipótese porque a forte erosión destes motivos dificulta a súa lectura e rexistro.

As escenas de equitación relativamente frecuentes no grupo galaico da arte rupestre son, así e todo, puntuais na nosa comarca. A outra laxe da bisbarra con este tipo de escenas atópase na paraxe do Río Angueira no Concello de Teo. Porén, os gravados da laxe teense son, en xeral, máis esquemáticos e presentan trazos formais distintos.

Sector superior

Sector superior

Todos os zoomorfos do panel manteñen un mesmo patrón de orientación a pesar das diferentes disposicións dos animais no panel, sempre de esquerda a dereita, un posible intento de plasmar a orde natural da marcha da manda. A presenza da figura humana (que causa o caos na grea) pode motivar o deseño dos zoomorfos que ten o seu carón, que ofrecen unha maior sensación de movemento que os cérvidos máis estáticos situados na parte superior da laxe.

Para rematar a descrición dos elementos figurativos sinalar a presenza dun pequeno antropomorfo situado na parte inferior do panel, entre o cervo de cornamenta circular e o grupo de cervos en fila. Con forma de X de liñas curvas e posible representación esquemática de cabeza e falo. Un elemento de gran relevancia na composición que podemos asociar os zoomorfos da parte superior nunha posible representación dunha escena de pastoreo ou caza.

A escenografía

Fotogrametría cos sucos resaltados manualmente

Fotogrametría cos sucos resaltados

Unha das características máis salientables de este xacemento é que se trata da primeira laxe do concello compostelán no que se evidencia unha clara composición narrativa.

A disposición da laxe en pendente, a súa situación preto da paraxe chamada “Os Cortellos” onde fica unha penedía de grandes dimensións que permitiría o cercado e control do gando nunha zona próxima a vía de acceso natural ás chairas situadas na cima do monte, son factores que avalan a hipótese dunha posible escena de condución dos animais por parte dos xinetes.

A inexistencia de armas ou outros elementos que amosen unha acción violenta fainos pensar que a idea dunha posible escena de caza sexa menos probable.

Conclusións

A Pedra da Loba supón só o último achado no foco máis importante de arte rupestre da nosa comarca, a zona comprendida entre a Portela de Villestro (Compostela) e os montes do lugar de Ventosa na parroquia amiense de Santo Estevo de Covas.

pedra da loba-24

Presentación pública da laxe durante a visita nocturna do 9 de xullo

Para nós a aparición desta complexa laxe demostra, unha vez mais, a necesidade urxente de levar a cabo prospeccións intensivas e unha catalogación exhaustiva dos xacementos xa notificados no seu día polo Colectivo.

Non obstante, non é unha descuberta máis para engadir ó catálogo de gravados do grupo galaico senón que debería abrir novas liñas de investigación no eido académico e servir de acicate para que as institucións públicas sexan conscientes da relevancia de protexer e pór en valor esta área arqueolóxica.

A nova descuberta amplía o número de petróglifos con representación de animais na comarca a 6, a Peneda Negra en Ames, Outeiro do Corno, Río de Angueira e Pena Bicuda de Loureiro en Teo e O Pinal 1 e Os Cortellos 3 en Santiago de Compostela. Tamén é xunto co de Río Angueira os dous únicos xacementos con escenas de monta.

Agardemos que o noso traballo non fique esquecido nun recuncho da rede e que permita reactivar o compromiso dos diferentes gobernos municipais e autonómicos na protección e divulgación destas manifestacións artísticas do noso patrimonio cultural e deste xeito evitar que o seu coñecemento non siga restrinxido ó reducido mundo dos estudosos e afeccionados á arqueoloxía. A día de hoxe, resulta lamentabelmente que non exista ningún petróglifo da comarca cunha pequena sinalización que permita e facilite a súa visita na área de Compostela[7].

Presentación pública da laxe na pasada visita nocturna do 9 de xullo

Presentación pública da laxe na pasada visita nocturna do 9 de xullo

Desexamos que esta situación mude pronto, e que os traballos que está a realizar na actualidade a Dirección Xeral de Patrimonio e o Concello de Ames para a posta en valor do petróglifo do Monte Castelo e conservación da Peneda Negra en Ames sexa só un primeiro paso dun longo camiño sen retorno.

De momento nos tentaremos seguir amosando a arte rupestre da Comarca a todos aqueles que o desexen dentro das nosas posibilidades. E así, o pasado sábado 9, aproveitamos a 3ª visita nocturna ós petróglifos da Devesa da Rula para presentar por vez primeira ós participantes a estación obxecto desta entrada. A todos eles grazas por ternos acompañado nese fermoso momento.

Album fotográfico no noso Flickr da Ruta nocturna pola Devesa da Rula 2016

Bibliografía

  • Colectivo A Rula: “A Pena Bicuda de Loureiro, arte rupestre no Monte Piquiño”, Entrada no Blog do Colectivo A Rula do 5/02/2016
  • Santos Estévez, M.: Petroglifos y paisaje social en la prehistoria reciente del noroeste de la península Ibérica”. En TAPA: traballos de arqueoloxía e patrimonio, ISSN 1597-5357, Nº 38, 2008, ISBN 978-84-00-08733-2, páx. 13-216
  • Soto Barreiro, M.J.:”Los petroglifos prehistóricos de la comarca compostelana”. Santiago (tese de licenciatura inédita). Universidade de Santiago de Compostela, 1986
  • VV,AA.: Fábregas Valcarce, R. ; Guitián Castromil, J.; Guitián Rivera, J. e de la Peña Santos, A.: “Petróglifo galaico con una representación de tipo Peña TÚ” en Zephyrus: Revista de prehistoria y arqueología. LVII (2004), p. 183-193.
  • VV,AA.: Fábregas Valcarce, Ramón; Peña Santos, Antonio de la; Rodríguez Rellán, Carlos. “Río de Angueira 2 (Teo, A Coruña): un conjunto excepcional de escenas de monta”. Revista Gallaecia. Núm. 2011, (30): 29-51
  • VV,AA.: Fábregas Valcarce, R.: Guitián Castromil, J.; Guitián Rivera e J. Rodríguez Rellán, C.: “Entre dos mundos: los grabados al aire libre de Pena Bicula de Loureiro (Teo, Galicia, España). Revistas Espacio, Tiempo y Forma. Series I-VII. Espacio, Tiempo y Forma, Serie I, Prehistoria y Arqueología (ISSN: 1131-7698; eISSN: 2340-1354). Facultad de Geografía e Historia. UNED, 2013, p. 173-195
  • VV,AA.: “Arte rupestre prehistórica do Eixo Atlántico”. Eixo Atlántico del Noroeste Penínsular. Vigo, 2006

Notas

[1] Coordenadas xeográficas 29 T 531074 4748037

[2] Facilmente recoñecible polos tres aeroxenadores situados no seu cumio

[3] É este outros dos factores que aconsellan unha intervención arqueolóxica con certa urxencia. A forte inclinación da laxe e a gran cantidade de desprendimentos de pedras situados na parte superior da rocha  fai que se vexa moi afectada por procesos derivados das escorrentías.

[4] Esta utilización das diaclases naturais como elementos para organizar as distintas escenas foi constatada polos investigadores en multitude de petróglifos do Grupo Galaico da Arte Rupestre.

[5] Santos – Estévez, 2007

[6] Outros exemplos de cornas pechadas atópanse tamén en laxes como a do Coto da Siribela en Ponte Caldelas, o Chan da Lagoa en Campolameiro, a Laxe da Sartaña no Porto do Son ou Os Mouchos en Rianxo, pero o deseño xeral dos cervos difire bastante deste motivo dos Cortellos 3.

[7] As dúas únicas iniciativas reseñables foron a sinalización do Petróglifo de Oca por parte da Deputación da Coruña nos anos oitenta do século pasado e a sinalización levada a cabo pola Asociación A Gentalha do Pichel nas laxes máis destacadas do Concello de Santiago hai uns anos.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Visita nocturna ó petróglifo do Monte Castelo en Ames. Últimas prazas !!!


Comprácenos anunciar que o vindeiro sábado 16 de xullo visitaremos a recentemente “redescuberta” estación de arte rupestre prehistórica do Monte Castelo na parroquia de Covas, Ames.

Será a primeira ruta nocturna nas terras amienses organizada polo Colectivo A Rula e o Concello de Ames pero agardemos que só sexa a primeira de futuras colaboracións.

A actividade abrirase cunha pequena charla introductoria sobre os petróglifos da Comarca de Santiago, con especial atención aos petróglifos de Ames. De seguido, visitaremos o petróglifo do Monte Castelo 2.

Por razóns técnicas e de seguridade só podemos convidar a un pequeno grupo (60 persoas) mais prometemos repetir novas xeiras nocturnas para que todos aqueles que o desexen poidan coñecer este xacemento situado na  área arqueolóxica de Ventosa que esta semana inicia a súa valorización social.

Se queredes acompañarnos só tedes que enviarnos un correo electrónico e agardar a nosa confirmación. A actividade é, como sempre, totalmente de balde.

Deixámovos o “teaser” que preparamos para ocasión….

 

ANOTÁDEVOS AXIÑA en colectivoarula@gmail.com !!!

Ligazóns relacionadas

 

Visita nocturna pola Devesa da Rula


Comeza o verán e cumprimos o terceiro aniversario do Colectivo. Que mellor momento para anunciarvos a primeira das nosas xeiras nocturnas pola comarca neste xullo que prognostican caloroso.

Iniciamos o noso periplo polo noso patio de xogos particular, a Devesa da Rula, o próximo sábado 9 de xullo. Será unha nova noite de estrelas e petróglifos na compaña de todos aqueles que procuredes novas experiencias. Non será unha xeira máis, pois guiarémosvos por novos recunchos máxicos que agocha o interior desta paraxe na portela do val do rego de Roxos (Villestro – Compostela).

O percorrido e a distancia será similar ó doutras ocasións (podedes ver a ruta na nosa conta de wikiloc) pero levaremos novos brinquedos, haberá novidades e unha gran sorpresa final!!!

Por razóns técnicas e de seguridade só podemos convidar a un pequeno grupo, mais prometemos repetir as veces que sexa preciso para seguir desvelando eses segredos dunhas laxes aínda por descubrir.


Se queredes acompañarnos só tedes que enviarnos un correo electrónico e agardar a nosa confirmación. A actividade é, como sempre, totalmente de balde.

ANOTÁDEVOS AXIÑA en colectivoarula@gmail.com !!!

II andaina nocturna ós petróglifos de Teo, Resumo.


Logo de rematar esta segunda edición da ruta ós petróglifos teenses, é difícil sentirnos máis recompensados cos resultados acadados, incluso por riba das nosas ambiciosas expectativas iniciais.

Nas dúas xeiras houbo cheo absoluto de participantes, sendo imposible acoller a un maior número por razóns técnicas e de seguridade. Malia todo, máis de 150 persoas puideron contemplar con todo detalle os diferentes motivos que posúen estas mostras de arte rupestre milenarias en dúas noites fabulosas e moi emotivas. Algúns destes gravados só se poden observar en días cunhas condicións excepcionais de luz polo que incluso 21770462482_299b5fdfaf_kaqueles asistentes que coñecían previamente as laxes quedaron abraiados dos segredos que ocultaban estes paneis iluminados coas nosas lanternas e focos. O percorrido realizado destacaba pola gran diversidade de motivos que posúen estas laxes, dende os característicos gravados de temática xeométrica, que caracterizan á arte rupestre galaica e atlántica, ós gravados de motivos figurativos en Río Angueira 2 ou na laxe panoplia de Outeiro do Corno 1 co seu singular deseño central. Unha ampla variedade de figuras que espertou gran interese e innumerables conversas que denotaban a curiosidade amosada por todos os participantes.

12010590_984628821601133_3898257904379252770_o

Tamén aproveitamos a ocasión para render unha pequena homenaxe a Ramón Sobrino Lorenzo coa intervención de Ángel Núñez Sobrino, custodio do seu legado, e proxectamos un pequeno vídeo cunha retrospectiva coas súas fotografías e deseños antigos dos xacementos que investigou na nosa comarca. Festexamos, por último, o terceiro aniversario da nosa asociación agasallando ós presentes coas nosas camisetas personalizadas.

O obxectivo de seguir a difundir o coñecemento deste espazo arqueolóxico tan singular do concello teense cumpriuse pero á vez acadamos outras pequenas metas iniciadas hai dous anos coa nosa primeira visita. Dende entón o concello de Teo realiza limpezas continuas e programadas no contorno das laxes e mantén limpos os accesos, sinalizouse a ruta e un maior número de veciños coñecen e visitan con frecuencia esta área arqueolóxica. Sen dúbida, isto é a mellor recompensa ó noso traballo.

A 21791712381_23d60ac506_knosa intención, e pensamos que tamén a do Concello, é seguir a realizar periodicamente este tipo de andainas, tanto diúrnas como nocturnas, para continuar divulgando o patrimonio cultural teense á súa veciñanza e a cidadanía en xeral. Asemade, seguiremos solicitando ás institucións públicas que manteñan o seu compromiso e implicación á hora de procurar a protección e posta en valor destes xacementos. Trataremos tamén de realizar novas rutas por novas paraxes, quizais menos coñecidas pero que de seguro non deixaran de sorprendervos.

12027822_980448402019175_1485651542599195744_n

Queremos rematar agradecendo ás persoas e institucións que participaron e colaboraron neste actividade. En primeiro lugar ó Concello de Teo e en especial ó Departamento de Cultura que dirixe a concelleira Pilar Faxil e coordina a súa técnica, Lucía Mosquera, por darnos outra oportunidade para seguir transmitindo a nosa paixón pola arte rupestre; á brigada de xardíns que dirixe Xurxo Francos,  xa que sen o seu labor sería imposible realizar este tipo de roteiros; a don Ángel Núñez Sobrino por lembrarnos a figura de Ramón Sobrino Lorenzo Ruza, un dos grandes arqueólogos do noso pais no centenario do seu nacemento, e permitirnos amosarvos imaxes únicas do seu traballo; á Casa Grande de Cornide e á Casa Carril pola súa acollida e atención; e sobre todo a todos os que participástedes polo interese amosado e o voso ánimo que nos obriga a seguir con novos proxectos.

Deixámosvos unha pequena galería de imaxes desta “II Andaina ós petróglifos teenses”

21593446918_e7df67fde5_k 21594446849_40270fb4d0_k 21781295025_4c853f0e1f_k  21160864443_18c09649ef_k 21161170423_c58446a21a_k  21593446918_e7df67fde5_k 21593752280_24a559483d_k 21594104638_a986620ebd_k 21594132178_035efd3d24_k 21594446849_40270fb4d0_k(1)   21594623339_efc36b7642_k  21769830062_f9aeb6ffc3_k  21781295025_4c853f0e1f_k 21790863141_6cc3a62c41_k 21790880811_7075f86134_k 21791712381_23d60ac506_k      12019756_980448405352508_4455336711703245976_n 12027291_984628978267784_2833616308389262831_o 12027822_980448402019175_1485651542599195744_n 12034256_984629338267748_7838744403669346978_o 12038578_984628494934499_63166951982662172_o 12039275_980448392019176_5467357903259644360_n 12039766_1003890632995907_9022091796191566724_n 12045802_980449208685761_5741365560979316198_o21160541753_453d296ab0_k 12046624_1003890542995916_5477442976893196184_n12002235_1003890506329253_4146618328206691078_n 12052427_980449515352397_5626483211487061709_o12010521_980449392019076_2472601498314854990_o12006324_1003890246329279_5217979561781878515_n12010590_984628821601133_3898257904379252770_o21594446849_40270fb4d0_k12011317_1003890309662606_3016088981806887251_n

A redescuberta do Monte Castelo. Unha excursión ó ano 1909.


A localización do Petróglifo de Monte Castelo despois de 60 anos en paradoiro descoñecido.

Entre as laxes esquecidas e consideradas como desaparecidas nos montes da comarca compostelá figuraba en letras maiúsculas a case lendaria laxe dúas do Monte das Pedras ou do Monte Castelo descuberta por Oscar Lojo Batalla a principios do século XX na parroquia amiense de Santo Estevo de Covas.

Deseño de Enrique Campo dos motivos do Monte Castelo 2. Museo de Pontevedra

Dicimos lendaria xa que o impresionante deseño realizado polo ilustre Enrique Campo no ano 1909, o gran debuxante da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, tíñanos cativados pola súas suxestivas formas e plasticidade, pero as poucas novas existentes sobre o xacemento nas últimas décadas dábano por desaparecido como consecuencia das labores extractivas de cantería practicadas na zona no século pasado.

Mapa-Monte-Castelo-corrixido v2

Plano de situación

Nas fichas incorporadas ó Catálogo de Bens Patrimoniais do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ames só figura como unha referencia, proporcionando unha situación aproximada dentro da zona de cautela do achegado Castro de Ventosa ou Castro do Castelo. [1]

Logo de varios intentos frustrados de dar coa laxe chegounos o éxito cando menos o agardabamos. Como acontece ás veces a persecución dun determinado obxectivo lévate a atopar nese traxecto outro ben distinto, mais de igual ou maior relevancia. Iso si, como recolle o saber popular convén “que a inspiración te colla traballando”.

Algo así sucedeu hai un par de semanas, cando nunha revisión máis dos vellos sendeiros que do lugar do Castelo conducen á zona da grande laxe con gravados da Peneda Negra, localizamos máis de sesenta anos despois a laxe dúas do Monte das Pedras. A nosa intención inicial era a procura de novos vieiros de acceso ó magnífico e pouco valorado petróglifo da Peneda Negra e a constancia levounos a dar con outra mostra non menos excepcional da nosa arte máis primixenia, unha xoia perdida. [2]

A laxe do Monte Castelo na Historia.

Como xa sinalamos, as dúas laxes do Monte Castelo, unha delas permanece en paradoiro descoñecido, foron descubertas na primeira década do século XX por un dos persoeiros máis relevantes da historia recente de Ames, Oscar Lojo Batalla Sampedro (Vilouta, 1873-1963), sobriño de Castro Sampedro, o que fora presidente e fundador da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra. Apaixoado pola arqueoloxía, a súa figura será lembrada pola súa labor política como alcalde do Concello de Ames durante o periplo republicano (1931-1936)

Busto adicado aOscar Lojo Batalla en Tapia

Busto adicado a Oscar Lojo Batalla en Tapia

e polo cariño e respeto dos seus veciños, sobre todo da súa parroquia natal de Tapia, cos que mantivo sempre unha estreita relación. Estes veciños e amigos realizaron varias homenaxes póstumas para honrar e lembrar ó “señorito” como alcumaban ó seu veciño máis distinguido. Amigos e veciños dedicáronlle no ano 1969, poucos anos despois do seu pasamento, un busto nun pedestal que se conserva diante da antiga escola de Tapia que el mesmo sufragara persoalmente e mandara construír.

Oscar Lojo guiaría en 1909 a expedición integrada por Enrique Mayer, afamado acibecheiro e gravador compostelá, e por Enrique Campo que se achegarían ata as laxes da Peneda Negra e do Monte Castelo. Durante a visita E. Campo elaborou os magníficos deseños que posteriormente se exporían na Exposición Rexional de Compostela de 1909, segundo a información achegada por Ángel Núñez Sobrino, custodio e divulgador do importante arquivo da familia Núñez – Sobrino.

Na actualidade a obra deste primeiro gran debuxante da Sociedade Arqueolóxica, pioneiro do debuxo artístico e arqueolóxico en Galicia, consérvanse no Museo de Pontevedra. Enrique Campo inclúe no debuxo a seguinte lenda:

“Monte do Castelo. Próximas al Castro de Castelo, al N. También se llama Monte de Pedras. Sobre el muro de una gran cerrada, bajo el Monte de Ventosa. Frente a Lombao” e a data do “21 de setembro de 1909”.

Varias décadas máis tarde, no ano 1948 Ramón Sobrino Lorenzo Ruza en compañía doutro ilustre arqueólogo, Luís Monteagudo, e guiados unha vez máis por Oscar Lojo repetirían a visita á Laxe do Monte das Pedras e á Peneda Negra. Na axenda persoal de Ramón Sobrino, publicada por Ángel Núñez Sobrino, figura a seguinte nota ó respecto:

“Salimos Luis Monteagudo y yo hacia Pena Negra (Ventosa. Ames). Dibujo la peña y la dejo fotografiada. Comemos y a la tarde vemos el castro y descubro yo el segundo petroglifo, dibujado ya por Enrique Campo. De este solamente obtengo un dibujo. Día magnífico”. [3]

Deseño de Sobrino Lorenzo de Monte Castelo 2

Deseño de Sobrino Lorenzo de Monte Castelo 2. Arquivo Ángel Núñez Sobrino – Museo de Pontevedra.

Estas visitas repetiríanse en varias ocasións nestes anos de finais da década dos corenta e principios dos cincuenta, tal como recollen outras notas desta mesma axenda persoal.

“10 de Julio de 1949. Voy a la peña, cerca del castro de Ventosa. Saco 6 fotos. Salen todas bien, Regreso. Gasto 65 pesetas”. [4]

Ramón Sobrino Lorenzo Ruza complementa esta información nun dos seus apuntamentos recollidos no Noticiario Arqueolóxico do ano 1953 dedicado ás laxes do Concello de Ames onde sinala:

“Los de esta zona, a saber: éste de Laxe Negra, el de Laxe de Monte de Pedras (frente al castro de Ventosa), el de Liñaredo, el de los montes de Tapia y el de Penedo do Toutón en Monte Pedroso (coñecido actualmente como o petróglifo de Correxíns en Figueiras) fueron todos ellos desbiertos por D. Oscar Lojo Batalla quien nos acompañó y nos dió las referencias para su localización”. [5]

Nesta mesma publicación recolle esta breve descrición da estación:

“Ames (La Coruña). Parroquia de San Juan de Cobas. Laxe del Monte de Pedras. (Próxima al castro de Ventosa) – Petroglifo. Lám. LX.2. Se ha obtenido dibujo y fotografías del mismo, para su publicación con otros de esta zona que se citan. Está constituído por motivos de complicada morfología unidos entre sí, en una piedra pequeña, de unos 2 x 3 m. A 100 metros de él se encuentra el Castro de Ventosa, con un solo recinto y bien conservado. Este petroglifo está sin publicar, si bien existe un dibujo del mismo, debido a E. Campo Sobrino, en la Sociedad Arqueológica de Pontevedra, cuya colección está actualmente en el Museo de Pontevedra. 10-VII-1949” .[6]

19502122766_bd807992d7_k

Fotografía de R. Sobrino Lorenzo do Monte Castelo. Noticiario Arqueológico Hispánico.

Achega o autor tamén unha fotografía da laxe que figura neste interesante noticiario arqueolóxico que, sen dúbida, constitúe unha fonte fundamental para pescudar os primeiros achados de arte rupestre na comarca de Compostela.

Ata os anos oitenta non localizamos máis novas sobre a laxe do Monte Castelo. Nun dos epígrafes da interesante tese doutoral de María José Soto Barreiro recóllese unha descrición dos diferentes motivos baseados no debuxo de E. Campo e subliña as semellanzas con algúns dos motivos da Peneda Negra, mais a citada investigadora sinala:

“lamentablemente este interesante petroglifo ha desaparecido a causa de las extracciones de cantería que se realizaron. Una vez más se pone de manifiesto la falta de protección que se viene dispensando a estas manifestaciones de arte rupestre”. [7]

Sen quitarlle razón en relación coa segunda parte do seu comentario, feito que por desgraza sigue vixente tres décadas máis tarde, por sorte a laxe atópase in situ e en bastante bo estado de conservación. É certo que nas súas proximidades hai abundantes evidencias da actividade extractiva que quizais levaron a autora e a nós mesmos a sospeitar da súa perda definitiva.

A descrición dos motivos e os seus peculiares deseños.

18445311890_2079508a30_k

Monte Castelo 2

A laxe ten unhas dimensións de 4,36 x 4,10 metros. Sitúase nun amplo cavorco no tramo medio-inferior da aba do monte das Pedras. Localizase próxima ó castro de Ventosa (a uns douscentos metros da súa croa) e ficaba entre as matogueiras e toxos nunha ampla parcela de monte baixo na paraxe de “Monte de Castelo”.

A laxe apenas sobresae do chan, o que dificultaba a súa localización a pesar de atoparse preto dun antigo camiño que cruza o monte. O seu estado de conservación é en xeral bo, só afectado polos liques que figuraban xa nas fotografías dos anos cincuenta.

Os gravados distribúense por case toda a superficie do penedo que presenta unha pronunciada inclinación dende a zona central á zona inferior orientada cara o val ó sur. A temática dos gravados é exclusivamente xeométrica.

Os catro motivos principais, aínda que con variantes no seu deseño, gardan en xeral certa similitude entre sí sendo ó situado no sector inferior da laxe o mellor conservado. Trátase de curiosos motivos formados polas características combinacións de círculos concéntricos aínda que irregulares e incompletas unidas na parte inferior con diferentes formas cuadrangulares e rectangulares de bordes redondeados, círculos simples ou dobres, lóbulos, etc… todos eles divididos e seguindo un trazo central que parte do primeiro anel, conformando complexos conxuntos con unha certa unidade.

Estes motivos principais presentan pequenas coviñas agrupadas no interior do primeiro círculo e constan de entre tres e seis aneis. Todos figuran entrelazados e unidos por diferentes sucos. Na parte periférica do panel cara o Noroeste figuran tamén outras combinacións circulares de dous e tres círculos, nesta ocasión si figuran completos e varias coviñas illadas.

Debemos destacar que esta tipoloxía de motivos gardan evidente parecido con varios dos motivos da Peneda Negra, tamén recollida nun dos deseños de 1909 de Enrique Campo. Isto lévanos a pensar nunha posible mesma autoría para ambos casos. Tamén as características coviñas no interior das combinacións circulares figuran no petróglifo de Campo Redondo situado a uns 270 m ó Noroeste da Peneda Negra e a uns 650 m. da Laxe do Monte das Pedras. Este petróglifo foi localizado polo Colectivo a principios do ano 2013 e comunicado ó concello de Ames e á Dirección Xeral de Patrimonio meses despois.

Petróglifo de Campo Redondo

Petróglifo de Campo Redondo

19976696188_5dc44d013b_o

Chousa do montañés - Vilarmaior

Chousa do montañés – Vilarmaior

Estas figuras realizadas en base á conxunción de diferentes formas xeométricas semellan perfilar a forma dun corpo humano. Neste senso, e sempre coa debida cautela, podemos establecer certa relación coas representacións presentes noutros petróglifos do chamado Grupo Galaico da Arte Rupestre interpretadas nestes últimos anos como posibles idoliformes e “deusas / deusas – nai” asociadas a ritos de fecundidade.

Unha das máis relevantes é o petróglifo do Outeiro do Filladuiro en Mallou (Carnota) pero tamén figura noutros xacementos como a propia Peneda Negra, un dos petróglifos da Rega Pequena en Meira (Moaña), o Petróglifo portugués de Bouça do Colado en Parada – Lindoso (Ponte da Barca), o Petróglifo da Pedra Redonda no monte Churumel de Carballedo (Cotobade), en varias estacións dos Petróglifos do Monte da Calvela e Chousa do Montañés no Concello de Vilarmaior, etc.

Un dos motivos semellantes da veciña Peneda Negra

Un dos motivos semellantes da veciña Peneda Negra

Dos deseños de Enrique Campo á fotogrametría 3D da Rula.

Para o estudo inicial do petróglifo partiamos do deseño de Enrique Campo. As fotografías diurnas ó abrente e ó solpor da estación non permitían unha descrición precisa dos motivos, polo que decidimos empregar as ferramentas xa tradicionais como a fotografía nocturna pero tamén achegarnos as novas ferramentas de fotogrametría e virtualización 3D aplicadas á arte rupestre.

Monte Castelo 3ds-2

Fotogrametría do Monte Castelo 2

Por unha banda a fotografía nocturna proporcionounos imaxes de maior detalle que revelaron o excepcional estado de conservación do xacemento e, por outra banda, os modelos xerados en 3D confirmaron a mestría dun dos mellores debuxantes do noso país. Enrique Campo recolleu no seu deseño de 1909 a case totalidade dos motivos representados na laxe. A súa precisión xunto, coa súa atractiva execución, confirman as verbas de Ramón Sobrino Buhigas sobre o seu predecesor na Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra:

Monte Castelo 3d 5

Fotogrametría do Monte Castelo 2

“era tal a forza do lapis de Enrique Campo que os seus debuxos de pedras que el trazou ousamos proclamalos os mellores e os máis fieis”.[8]

As demandas do colectivo.

En resumo, esta profusión de deseños iconográficos con formas tan singulares, sumada ó xeito tan particular á hora de distribuír os diferentes motivos converten o petróglifo do Monte das Pedras nun dos xacementos da Idade do Bronce máis interesantes da comarca de Compostela.

Tras comunicar a súa localización á Dirección Xeral de Patrimonio e ó Concello de Ames, o Colectivo seguirá a demandar ás autoridades competentes a protección deste xacemento arqueolóxico no contorno natural e cultural que o rodea. O punto de partida sería a modificación da actual ficha patrimonial do PXOM amiense para incluír a súa localización exacta, establecer unha área de protección da que carece na actualidade e establecer unha nova área de cautela axeitada. Dende o noso punto de vista a continuación debería considerarse a creación dunha área arqueolóxica que protexa os catro xacementos da zona, o Castro de Ventosa e os petróglifos de Monte das Pedras, Peneda Negra e Campo Redondo e que poderían ter continuidade cos próximos petróglifos da Portela de Villestro.

Lembremos que estamos ante unha das primeiras áreas de estudo da arqueoloxía galega. Por outra banda, seguiremos coa nosa teima de demandar unha ruta que permita á veciñanza e á cidadanía en xeral a visita destes importantes xacementos inaccesibles na actualidade. Neste senso consideramos que cómpre iniciar os traballos de limpeza dos xacementos, analizar a situación da súa titularidade e deseñar un sendeiro aproveitando os vellos camiños que permitan o acceso a estes bens culturais. Finalmente, a súa posta en valor deberá incluír a súa correcta sinalización, plans de mantemento a longo prazo e o correspondente labor de divulgación por medio de folletos, charlas, visitas, obradoiros, etc.

Agardemos que nuns anos a veciñanza amiense e galega poida visitar estas extraordinarias mostras de arte rupestre que consideramos merecedoras da súa consideración e inclusión na relación de BIC de Galiza, tanto pola súa excepcionalidade como pola relevancia que tiveron nas primeiras investigacións da nosa arte rupestre.


Notas.

[1] O petróglifo do Monte das Pedras figura a uns cen metros da referencia aproximada que aparece nas fichas do PXOM de Ames aprobado no ano 2002.

[2] As coordenadas UTM son 29 T 529929 4749037 (Datum WGS84).

[3] Núñez Sobrino, A. 2006

[4] Núñez Sobrino, A. 2006

[5] Sobrino Lorenzo-Ruza, R. 1953. Noticiario Arqueológico Hispánico.

[6] Sobrino Lorenzo-Ruza, R. 1953. Noticiario Arqueológico Hispánico.

[7] Soto Barreiro, M.J. 1986.

[8] No Corpus petroglyphorum Gallaeciae.


Bibliografía.

  • Núñez Sobrino, Ángel. (2006). “Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza (1915-1959). El trayecto vocacional de un arqueólogo” . Pontevedra, 21. Revista de estudios provinciais. Deputación de Pontevedra.
  • Núñez Sobrino, Ángel. (2015). “Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, eximio arqueólogo”. Tendencias. El Correo Gallego.
  • Sobrino Buhigas, Ramón.(1935). Descubrimiento prehistórico. Petroglifos compostelanos de la edad del Bronce”. Faro de Vigo de 1/8/1935.
  • Sobrino Lorenzo-Ruza, Ramón. (1951-1955). Diversas entradas en los cuadernos 1 a 4 del Noticiario Arqueológico Hispánico.
  • Soto Barreiro, M. J. (1986). “Los petroglifos prehistóricos de la Comarca de Santiago”.  Tese de Licenciatura inédita.

A doazón de Ángel Núñez Sobrino ó Concello de Teo de material gráfico do patrimonio teense


O Colectivo A Rula séntese orgulloso de colaborar con persoeiros e institucións que procuran a recuperación e valoran o noso patrimonio cultural. Sentímonos uns privilexiados por poder contemplar e traballar cunha pequena parte do legado de tres mestres pioneiros da arqueoloxía do noso país, Henrique Campo Sobrino (1890-1911) , Ramón Sobrino Buhigas (1888-1946) e Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza (1915-1959).

O noso profundo agradecemento a don Ángel Núñez Sobrino, xeneroso custodio e divulgador deste importante arquivo familiar, por facilitarnos acceso a estas xoias documentais e gráficas e ó Concello de Teo por escoitarnos e atender as nosas suxestións.

Grazas ás nosas dilixencias o Concello de Teo ven de recibir a doazón dunha boa cantidade de material gráfico recollido pola familia Sobrino o longo do século XX sobre a arte rupestre de Galicia, con especial protagonismo dos xacementos da nosa comarca.

Estos materiais enriquecerán proxectos futuros que o Concello de Teo está a estudar na procura da posta en valor do seu interesante patrimonio arqueolóxico. Proxectos culturais, educativos e divulgativos nos que, de seguro, contará co apoio do noso pequeno grupo.

Agardemos que no futuro outros concellos da nosa comarca atendan do mesmo xeito as nosas inquietudes en prol do noso patrimonio cultural.

Como adianto achegamos unha imaxe do motivo central do Outeiro do Corno realizada por Ramón Sobrino Lorenzo no ano 1951 e dado a coñecer no 2004 por Jorge e Juan Guitián.

Imaxe: Petróglifo de Outeiro do Corno (1951). Fondo Fotográfico Ángel Núñez Sobrino, Arquivo Municipal de Teo. Origen: Ramón Sobrino Lorenzo- Ruza (1915-1959).

Un mes desde o incendio de Mouromorto


Xa pasou un mes desde que o lume levou por diante máis de 55 hectáreas de monte  na contorna do Castro de Mouromorto na parroquia de Calo, Concello de Teo.

Ás cuantiosas perdas na nosa masa vexetal uniuse o risco producido ás vivendas e leiras e os danos producidos a unha boa cantidade de xacementos arqueolóxicos de gran valor.

Uns días despois achegámonos xunto con un técnico da Dirección Xeral de Patrimonio ata algúns dos xacementos afectados co obxecto de realizar unha primeira análise dos danos producidos en dous xacementos con arte rupestre prehistórica catalogados e un terceiro pendente de catalogación. Alí puidemos observar que as labores de limpeza do entorno do xacemento do Cruceiro Vello I levadas a cabo polo concello serviron como eficaz defensa fronte as lapas.

Tamén aproveitamos a visita para comunicar ó Servizo de Arqueoloxía da DXP unha nova estación con arte rupestre nas proximidades e que afortunadamente non se viu afectada polo lume, a estación de Agro Vello, localizada por Patricia e Alberto, dous veciños de Texexe interesados polo patrimonio da súa parroquia.

Agro Vello, a nova localización en Mouromorto

Agro Vello, a nova localización en Mouromorto

Queremos ser cautos nas nosas impresións xa que os verdadeiros efectos do lume só se poderán avaliar pasado un tempo, pero o que xa é evidente é o resultado do lume no perímetro inmediato dos xacementos que ilustramos coa imaxe de cabeceira, o antes e o despois do Cruceiro Vello II.

Desde aquí queremos reprobar os actos delituosos que enchen de lapas os nosos montes tódolos anos e animar ás administracións competentes a tomar medidas preventivas de limpeza e conservación nos xacementos con arte rupestre espallados polos nosos montes, a medida máis eficaz para a súa salvagarda e conservación.

Visita á expo e aos petróglifos da Devesa da Rula


O pasado venres 8 de maio máis de 30 persoas achegáronse ata o Centro de Interpretación de Villestro en resposta á nosa convocatoria.

Xuntos visitamos a exposición do CIVI e a continuación dirixímonos ata a Ponte da Brea, lugar desde o que iniciamos unha pequena ruta pola Portela de Villestro. A nosa primeira visita foi á estación dos Valados atopada polo noso Manuel, veciño da parroquia, no ano 2013.

A seguinte parada foron as dúas laxes de O Rexio para a continuación achegarnos ata a Devesa da Rula onde contemplamos algunhas das laxes máis destacadas: A Devesa Da Rula 1, Pedra Mencía e Devesa da Rula 3, 4 e 5.

Foi unha velada moi agradable en boa compaña na que xurdiron multitude de conversas sobre a arte rupestre moi interesantes e enriquecedoras. Queremos agradecer a todos a vosa participación e implicación, agardemos que esta área arqueolóxica de Villestro acade o recoñecemento que merece por parte das nosas institucións públicas e que isto permita a súa protección e futura posta en valor dos tesouros que alberga. Dende o Colectivo seguiremos a procurar xuntar vontades e tamén insistiremos na nosa tarefa de divulgación e sensibilización entre a poboación, especialmente entre a veciñanza de Villestro e Compostela, eixos fundamentais para lograr o obxectivo de preservar a relevancia patrimonial desta área.

17341791919_60bd3ae569_o17340551970_01e9c16e7b_o17340406148_6cf53029cb_o17340403258_ce40bf6c62_o17340343138_02592c9241_o  17341819299_cda845f87b_o17501762486_076811f466_o

17340578280_e890c8277a_o    17340393768_5170c8c07d_o 17340369028_1b5a24b591_o

17501759956_5b7f5a66f1

16907844483_1aa965866c_o 16907835763_bef3ecd28c_o

Taboleiros de xogo da Colexiata de Santa María de Sar


 Adosado al muro sur de la iglesia se encuentra el sepulcro del canónigo compostelano Bernardo Arias, fallecido en el año 1291, que presenta figura yacente de notable factura en la que destaca el cuidado labrado de su rico ropaje.

“Adosado al muro sur de la iglesia se encuentra el sepulcro del canónigo compostelano Bernardo Arias, fallecido en el año 1291, que presenta figura yacente de notable factura en la que destaca el cuidado labrado de su rico ropaje.”

A Colexiata de Santa María de Sar

Á beira do río Sar e no epicentro dun dos barrios de maior tradición en Compostela álzase a fermosa Colexiata de Santa María a Maior e Real de Sar. Fundada no ano 1136 por Munio Afonso, cóengo compostelá próximo a Xelmírez, como lugar para o retiro dos membros anciáns da Igrexa compostelán, converteuse na “máis ilustre das casas de cóengos regulares de Santo Agostiño no Reino de Galicia”(1). Unha orde que residiu neste cenobio ata finais do século XVI, posteriormente a vida monacal foi esmorecendo e o vello mosteiro ficou como sede parroquial, transformándose as súas dependencias noutros espazos relixiosos e sociais que demandou a sociedade actual. Declarada Monumento Nacional en 1895 é xunto á Catedral o único templo románico de tres naves que se conserva en Compostela.

Capela maior. Arquivo fotográfico Ruíz Vernacci. Instituto del Patrimonio Cultural de España (IPCE).

Capela maior. Arquivo fotográfico Ruíz Vernacci. Instituto del Patrimonio Cultural de España (IPCE).

A colexiata é unha das grandes iconas da cidade como amosan os numerosos gravados e fotografías de relevantes persoeiros que cruzaron a vella ponte sobre o Sar para visitar e retratar esta singular construción.

Claustro. Arquivo fotográfico Ruíz Vernacci. Instituto del Patrimonio Cultural de España (IPCE).

Claustro. Arquivo fotográfico Ruíz Vernacci. Instituto del Patrimonio Cultural de España (IPCE).

Ruth Matilda Anderson fotografando ó claustro.

Ruth Matilda Anderson fotografando o claustro.

Deseño do frade P. Nolasco Gaite da capela maior co antigo retablo atribuído a Miguel de Romay e un pequeno debuxo da planta da igrexa coa arcada románica do claustro (2).

Deseño do frade P. Nolasco Gaite da capela maior co antigo retablo atribuído a Miguel de Romay e un pequeno debuxo da planta da igrexa coa arcada románica do claustro (2).

Froito do desleixo e desatención institucional que non merece este excepcional edificio histórico, a pasada semana o órgano xestor da parroquia decidiu pechar as portas do pequeno museo que xestionaba, instalado nas antigas dependencias do mosteiro e no claustro. Un museo distribuído en varios espazos expositivos que acollen unha boa colección de pezas arqueolóxicas e litúrxicas e unha pequena escolma dos documentos medievais relacionados coa orixe do priorado, entre eles o propio diploma fundacional de 1136 e diversas doazóns e exencións reais á comunidade agostiña.

O roubo sufrido na igrexa uns días antes, precipitou unha decisión que, sen dúbida, supón unha mala nova para a cultura e o turismo en Compostela. Feitos que incentivaron esta pequena entrada no noso blog para darvos conta dunha serie de detalles e curiosidades que suscitou a nosa ultima visita ó mosteiro.

O templo románico e o sartego de don Bernardo.

Da primitiva fábrica do mosteiro consérvanse importantes elementos arquitectónicos e artísticos entre os que cómpre destacar a igrexa e o lateral norte do claustro relacionado co obradoiro do Mestre Mateo.

SAr xeralQuizais o trazo máis sobranceiro deste edificio, que o fai único no románico galego, é a pronunciada inclinación dos muros e piares da igrexa. Esta deriva progresiva levou á construción de grosos contrafortes unidos por arcos de medio punto ós muros norte e sur da igrexa na procura dunha maior estabilidade, que finalmente logrou evitar o seu derrubamento.

Os erros construtivos e as emendas posteriores conformaron a famosa estampa exterior da colexiata cos seis enormes arcobotantes pegados ó muro lateral norte, que harmonizan coa súa cabeceira de tres ábsidas, os dous Agnus Dei (emblemas da colexiata) sobre a cuberta da ábsida central e das naves e o seu campanario barroco.

Este conxunto monumental foi obxecto de infinidade de traballos realizados por especialistas en diversas disciplinas da historia da arte. O edificio atesoura mil e un elementos de interese que non é posible tratar nesta pequena entrada, non obstante, destacamos un dos nosos favoritos, o fermoso sartego do cóengo Bernardo II, arcebispo de Santiago entre os anos 1224 e 1237, que posteriormente se retiraría a Sar ata o seu pasamento en 1240. Este sartego, acaroado ó muro sur do interior da igrexa, constitúe unha das mellores pezas escultóricas do século XIII do noso país e presenta moitas semellanzas ás esculturas funerarias do panteón real da catedral compostelá.

Os taboleiros de xogo.

Os taboleiros con luz natural

Os taboleiros con luz natural

Nesta ocasión prestaremos atención a uns gravados que adoitan pasar desapercibidos na maioría dos estudos. No lateral románico do claustro, que aínda posúe as nove arcadas da fábrica orixinal, nun perpiaño do bancal situado entre a sétima e a oitava arcada (comezado polo oeste), consérvanse dous taboleiros de xogo medievais coas seguintes características:

Na parte esquerda do bancal figura un curioso deseño triangular con varios sucos rectilíneos que se cruzan no eixe central formando unha especie de estrela, posúe tamén unha coviña no punto de unión. Este deseño é un posible taboleiro para xogar ó “pai, fillo, nai”, máis non coñecemos referencias doutros deseños similares en Galicia.

Os dous taboleiros

Os dous taboleiros

Ó seu carón figura, en moi mal estado de conservación, un taboleiro de xogo ou “alquerque do doce” rectangular. Os trazos internos en forma de aspas aprécianse con moita dificultade debido á erosión dos sucos pouco marcados e de escasa profundidade.

Neste caso si que atopamos numerosos deseños similares noutros lugares de Galicia e da Península Ibérica. Ó igual que ocorre aquí adoita aparecer en moitos templos medievais aínda que o número de taboleiros de xogo localizados en laxes ó ar libre é cada día máis numeroso, sendo o noroeste peninsular unha das zonas máis ricas. Uns dos exemplos mellor conservados en Galicia desta mesma tipoloxía atópase nunha das bancadas do muro sur da Catedral de Ourense (3).

Sobre estes soportes desenvolvíase o xogo do alquerque de doce no que participan dous opoñentes con doce fichas (brancas e negras)  con unha mecánica similar á do actual xogo das Damas:

A partida comeza situando as doce fichas de man nas interseccións correspondentes a cada xogador. Sorteando quen inicia o xogo, o primeiro despraza unha das súas pezas ata unha intersección adxacente baleira, que no primeiro movemento non pode ser outra que o punto centro, único non ocupado por pezas dos dous xogadores. O xogo transcorre co desprazamento de fichas sobre as interseccións en calquera dirección, buscando comer as do contrario cando detrás dunha del estea un espazo en branco. Se un non come a do adversario, este poderá retirala por esquecemento. Afonso X dicía que a vantaxe neste xogo non é do primeiro xogador senón do segundo, e que o primeiro que move perde sempre a primeira ficha. Gaña o primeiro que consegue capturar todas as pezas do outro.(4)

A estes taboleiros únense ós localizados na Capela do Carme de Abaixo, os da Catedral de Compostela e o do castelo da Rocha Forte (5). Esperamos poder completar próximamente esta relación con algunha referencia máis que temos pendente de revisión.

As marcas de canteiro do contraforte.

Gravados nun dos arbotantes

Gravados nun dos arbotantes

Outro feito que suscitou a nosa atención foron os símbolos lapidarios que figuran no interior e exterior da igrexa. Destas marcas cómpre sinalar pola singularidade da súa situación as que se atopan na cara interior dos perpiaños do segundo contraforte do muro norte (mirando dende a portada principal), a explicación máis probable de que aparezan nesta construción do século XVIII é que procedan da reutilización das pezas construtivas do antigo mosteiro románico que se atopaba en estado ruinoso nese intre. Estes símbolos dos vellos canteiros son na súa maioría cruces inscritas en círculos simples de pequenas dimensións pero tamén deseños en forma de oito ou infinito que figuran na maioría dos perpiaños para identificar o traballo de cada canteiro que recibía o seu salario, non polo tempo empregado, senón polo número de pezas colocadas.

A inscrición reaproveitada no limiar dunha porta

Detalle da inscrición

Detalle da inscrición

Na fachada oriental do mosteiro, ó carón do campo de fútbol sala, no limiar dunha pequena porta de acceso, consérvase, de xeito milagroso e baixo “pegotes” de cemento, o fragmento dunha inscrición epigráfica. Contén varios carácteres latinos de canon regular con letras en maiúsculas encaixadas nun trazo perimetral horizontal e que podemos transcribir como “IACET” (xace). Antes do “I” semella figurar algún outro carácter, posiblemente un “H” de “hic” (aquí), ou quizais un cruciforme. A tipoloxía dos carácteres lembra as formas góticas polo que posiblemente formara parte dunha inscrición deste período.

Localización da inscrición

Localización da inscrición

É evidente que a pedra provén tamén dun elemento reempregado do antigo mosteiro, quizais unha lápida sepulcral.

Agardemos que estes pequenos detalles que suscitaron a nosa atención constitúan novos alicientes para a animarvos a visitar unha das obras máis interesantes e singulares do románico galego. Esperemos tamén que as autoridades adoiten con urxencia as medidas precisas para a reapertura do museo. Deste xeito, os visitantes poderán, non só, reparar na fermosa estampa da Colexiata, senón tamén admirar os derradeiros vestixios do vello cenobio da beira do Sar.
_______________________
(1) Francisco Javier Pérez Rodríguez. “Mosteiros de Galicia na Idade Media”. Deputación Provincial de Ourense, 2008, p. 251.
(2) Nolasco Gaite, P. Monumentos de Galicia. Cuadernos de dibujo. ( Biblioteca del Monasterio de Poio), Fundación Barrie de la Maza, 1991

(3) Hidalgo Cuñarro, J.M. “Los juegos de tablero medievales de la catedral de Ourense”, En: “Porta da aria: revista de historia del arte orensano”, p. 107-158. Ourense, 2008.

(4) Costas Goberna, F. J. “As pedras e os xogos. A orixe dos taboleiros de xogo galegos”, Istituto de Estudios Vigueses, 2009

(5) Acuña Castroviejo, Fernando et al.: “Fortaleza medieval de A Rocha Forte (Santiago de Compostela): Campaña de 2006”. Gallaecia Nº 25. Santiago de Compostela, 2006

Visita aos petróglifos de Villestro ca Gentalha do Pichel


A noitiña do pasado sete de novembro realizamos unha nova visita ós petróglifos de Villestro. Nesta ocasión acompañamos aos compañeiros de A Gentalha do Pichel a coñecer algunha das estacións de arte rupestre alí conservadas.

O percorrido realizado foi similar ao realizado en ocasións anteriores. Podedes descargar o traxecto neste enlace. Foi un placer compartir con eles a experiencia e esperamos que esta sexa a primeira de outras actividades a realizar en común.

As imaxes da actividade que acompañan esta entrada son cortesía da Gentalha.

gent6 1 gent Gent2 gent3 Gent4 gent5

Reconstrución en 3D de Pedra Mencía


Hoxe temos o pracer de amosar un interesantísimo traballo de Simón Peña Villasenín. Trátase dunha análise e reconstrución da Pedra Mencía (Devesa da Rula II)  realizada mediante a técnica de restitución fotogramétrica.

Simón tamén ten realizado a análise de outras laxes da nosa comarca como a do Monte Pedroso:

O seu traballo coidamos ten unha grande potencialidade e desexamos que este sexa só o inicio da exploración dunha novidosa ferramenta que pode ser de moita utilidade para o estudo da nosa arte rupestre. Quede aquí a constancia do noso mais sincero agradecemento. Parabéns.

1ª visita aos petróglifos da Portela de Villestro


Na noite do pasado sábado 15 de xuño unha vintena de persoas participaron na primeira visita guiada nocturna ás estacións de arte rupestre localizadas no Monte de San Miguel, no lugar de Portela, na santiaguesa parroquia de Villestro. Unha andaina “piloto” que tiña como obxectivo avaliar cos nosos convidados a súa experiencia e estudar posibles erros e melloras para futuras visitas.

14xuño-2

Monte San Miguel. (Foto. José Ortigueira)

Nesta primeira ocasión escollemos media ducia de laxes representativas da zona que se atopan en aceptables condicións para a súa visita cun grupo reducido, realizando un percorrido circular de catro quilómetros.  O lugar de partida foi a centenaria Ponte de Brea onde realizamos unha pequena presentación e introducción sobre a historia da parrroquia e os elementos patrimoniais que iamos a visitar, características técnicas do percorrido (dificultade baixa), tempo estimado (2 horas)…

14xuño-3

Devesa da Rula I. (Foto. José Ortigueira)

A primeira parada que fixemos foi no petróglifo do Monte San Miguel, unha laxe de 5 x 4 metros destacada no terreo uns 1,5 metros de altura e que presenta ata un total de 46 coviñas de diversas tipoloxías grabadas na súa superficie máis horizontal.

Retomamos o camiño ata chegar a zona coñecida como Devesa da Rula que concentra o maior número de  estacións das que visitamos as número I, II (Pedra Mencía), III, IV, VI, VII e VIII nas que contemplamos, coa axuda das potentes lanternas, un gran abano de motivos como as combinacións de círculos concéntricos, alineacións e conxuntos de coviñas, reticulados, rectángulos, diversos cruciformes, …

Pedra Mencía

Pedra Mencía

A continuación subimos ata os grandes penedos da paraxe  dos Cortellos,  para visitar a gran combinación circular deste petróglifo e aproveitamos para contemplar as vistas ó val do Roxos, ó Pico Sacro e á cidade de Santiago alumeada por unha fermosa lúa chea.

14xuño-5

Devesa da Rula V

No camiño de regreso pola zona do Agro do Campo detivémonos un intre para reparar nas coviñas e na cruz que posúe unha das laxes que se atopan a beira do sendeiro.

O derradeiro treito da nosa andaina transcorreu polo trazado do Camiño de Santiago de regreso á Ponte da Brea, pero aínda tivemos ocasión de pechar a nosa primeira “expedición” coa visita ás dúas laxes do curioso e enigmático Petróglifo do Rexío, a única estación que visitamos que, a pesar de figurar catalogada, atópase tamén bastante esquecida polas administracións.

O RexíoO Colectivo A Rula quere rematar agradecendo ós nosos convidados a súa visita e as súas interesantes contribucións que teremos en conta en futuras actividades. Para nós foi unha experiencia moi agradable e enriquecedora. Sempre é un pracer compartir o tempo e conversar coa xente interesada nestes elementos patrimoniais, convidados que solidarizáronse co colectivo coa súa preocupación pola protección e posta en valor destes elementos únicos e singulares do noso país. Esperamos que esta só fose a primeira doutras moitas ocasións nas que compartir con vós o interese común pola nosa Prehistoria. Grazas pola boa acollida desta iniciativa e ata pronto.

 

Para saber mais:

Visita aos Petróglifos de Villestro


 

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Petróglifo do Chao do Penedo Branco

Na tardiña do sábado 14 de xuño o Colectivo A Rula visitará algúns dos petróglifos atopados na parroquia de Villestro. Aqueles interesados en acompañarnos poden apuntarse no noso correo colectivoarula@gmail.com

Esperámovos….

Villestro esconde la mayor muestra de arte rupestre de Compostela. (La Voz de Galicia. 14/4/2014)


Villestro esconde la mayor muestra de arte rupestre de Compostela

El colectivo A Rula ha descubierto más de 20 petroglifos en la zona

Los petroglifos de San Miguel tienen dibujos circulares y también rectangulares. a rula
Los petroglifos de San Miguel tienen dibujos circulares y también rectangulares. a rula
Miembros del colectivo A Rula muestran parte del legado prehistórico de A Portela. sandra alonso

La historia está llena de hallazgos en los que la casualidad ha tenido mucho que ver. Este es el caso, en parte, del descubrimiento que el colectivo cultural A Rula ha hecho en la parroquia compostelana de Villestro, en el lugar de A Portela, cerca del Camino de Fisterra.

Por esta zona, de la que ya tenía constancia de su importancia prehistórica, paseaba Luis Leclere, presidente de A Rula, con su perra Loba, que eligió una piedra para descansar. Y esa roca, ahora catalogada por la asociación como uno de los petroglifos de San Miguel, forma parte de al menos una veintena de piedras con símbolos de arte rupestre en una concentración tal que según sus descubridores es el conjunto neolítico más importante de Santiago, y posiblemente también de toda la comarca.

Tras este hallazgo, al que la asociación A Rula llegó tras localizar otros restos en una zona cercana, los arqueólogos del colectivo se pusieron en contacto con otros expertos, que confirmaron la trascendencia del hallazgo.

Este grupo cultural resalta que parte del patrimonio prehistórico de la zona permanece oculto por la maleza y hasta por los escombros. Y para el que se ve, lo cierto es que es necesaria una mirada mínimamente experta, aunque cuando cae la noche los dibujos se perciben con muchísima más nitidez.

En las piedras de A Portela abundan desde los diseños más toscos, a diseños de etapa de la dominación romana e incluso la Edad Media. Una de las particularidades son los dibujos rectangulares, que no son muy habituales en el arte rupestre.

Concentración parcelaria

La asociación resalta que el monte que esconde tamaño legado está ahora en proceso de concentración parcelaria, lo que podría permitir que el monte en cuestión quedase catalogado como una masa común para preservarlo y darlo a conocer como un elemento histórico más.

El colectivo A Rula ha notificado su hallazgo al Ayuntamiento de Santiago para que tome las medidas necesarias para frenar el deterioro de una zona por la que recientemente se organizó una ruta en bicicleta de alta montaña, que pasó a escasos metros de una de las piedras «inzada de motivos prehistóricos» y que bien pudo haberse estropeado.

Ante la falta de respuesta, A Rula notificó su descubrimiento a Patrimonio que sí les contestó agradeciendo su trabajo, pero sin que hasta la fecha sepan si las administraciones implicadas en la preservación del patrimonio han tomado medidas. El nombre de A Rula procede, precisamente de la zona del hallazgo, A Devesa da rula, en A Portela de Villestro.

De descubertas e outras debilidades. A voltas co Castriño de Conxo.


Non moito tempo tempo atrás, concretamente o 31 de outubro do pasado ano, publicou o Correo Gallego a seguinte nova “Encuentran un nuevo grabado rupestre en el Castriño de Conxo”. Tratábase da suposta descuberta por parte de Jose Barral dunha nova espada no impresionante petróglifo. Nun primeiro momento a algún de nós esta nova xerounos algunhas dúbidas xa que pensamos que podería ser que estivésemos falando de un motivo xa coñecido, mais despois dunhas comprobacións e unha visita ao lugar fixemos unha entrada no noso blog recollendo a nova e imaxes do motivo,  xunto con un segundo motivo que conseguiramos fotografar.

Conxo rula 3

Ao mesmo tempo aproveitábamos para amosar outros motivos non recollidos en calcos anteriores e a insistir na necesidade de un estudo mais profundo da laxe.

A cousa íase a enredar mais,  e o pasado 3 de xaneiro de novo o Correo Gallego recolleu unha nova sobre o Castriño, La asociación Rocha Forte señala que descubrieron en 2012 el petroglifo de Conxo. Detrás deste mal titular recóllese a pretensión da Asociación Cultural Rocha Forte de reclamar a descuberta como propia. Esta supostamente fora realizada con motivo duns traballos de fotogrametría 3D realizada pola empresa Topterra en xaneiro de 2012.

Todo isto levounos a facer unha mellor revisión da bibliografía existente sobre o Castriño de Conxo e nesta ocasión si atopamos unha imaxe das dúas espadas descubertas no ano 1986 pola estudosa María José Soto Barreiro, descuberta da que tiñamos constancia mais da que non dispoñiamos de imaxes. Agora con esta imaxe si podemos confirmar que nin Jose Barral nin a Asociación Cultural Rocha Forte foron os primeiros en rexistrar documentalmente estes dous motivos e podemos afirmar que foi a especialista e mellor coñecedora dos petróglifos da comarca de Santiago, aos que lle dedicou a súa tese doutoral,  María José Soto Barreiro a primeira en facelo. é unha mágoa que o seu traballo, o máis completo a día de hoxe sobre os petróglifos da nosa comarca permaneza inédito, o cal dificulta a súa difusión entre os, seguro, moitos interesados.

Na súa tese recolle:

Los grabados están repartidos en tres agrupaciones, con frecuencia de la zona más plana, excepción hecha de las dos espadas nuevas (Dichas espadas fueron descubiertas por la autora de esta Memoria de Licenciatura, mientras realizaba los correspondientes trabajos de limpieza.) que se encuentran en una pendiente fuertemente inclinada.1

E prosegue:

Mención aparte merecen las dos espadas que se encontraban bajo el parapeto defensivo, previamente se habían observado tres pequeños trazos convergentes, que corresponderían a la punta de la más grande.

E na descrición dos motivos, onde lles da os números 8 e 9 engade:

Espada nº 8: Semejante a las primeramente descritas, muy deteriorada presenta restos de acanaladuras laterales y empuñaduras.

Espada nº 9: Similar a las primeras descritas con nervio central y acanaladuras laterales.

Debe sinalarse que no calco da rocha que acompaña a esta descrición non se inclúen estes dous motivos.

De novo no ano 1987 a mesma autora recollerá a descrición de estos motivos no Catálogo de xacementos prerromanos do concello de Santiago elaborado polo Departamento de Historia I da Universidade de Santiago de Compostela, acompañando á descrición a seguinte fotografía dos motivos.2

espadas novas do castriño de conxo atopadas por M.J.Soto Barreiro no 1986

A partires desta publicación estos dous gravados desaparecen das posteriores publicacións e calcos realizados por distintos autores sobre o Castriño de Conxo.

Polo que respecta á nova alabarda comentada na anterior entrada non temos información relativa a súa presenza en estudos anteriores. O mesmo ocorre coas imaxes do escutiforme completo, mais cremos que o petróglifo do Castriño de Conxo necesita dun estudo completo de todos os seus motivos que permita dar unha imaxe o máis completa e actualizada posible de todos os motivos que contén.

Quixemos facer esta entrada para que servise como advertencia para nós mesmos e para outros dos perigos que pode producir o facerse eco de novidades sen realizar unha concienciuda comporbación previa. Esperamos que nos teña servido de lección e no futuro non volver a cometer o mesmo erro.

_____________________________________________________________

1 Soto Barreiro, M. J. “Los petroglifos prehistóricos de la Comarca de Santiago”. (1986).  Tese de Licenciatura inédita. Páx. 105 a 128.
2 VVAA. Catalogación de yacimientos prerromanos del ayuntamiento de Santiago”. (1987). Arqueoloxía / Investigación 3. Xunta de Galicia. Páx. 64 a 69. 

Primeira aproximación á Pedra da Legua. Un fito dos lindes de Compostela.


A Pedra da Legua

1 . A Pedra da Legua, un indicador viario nos lindes de Compostela. Os membros do noso colectivo non só gozamos coa contemplación dos petróglifos polo que nesta ocasión centramos a nosa atención nun interesante cruceiro, laxe con inscricións e monólito situados a escasa distancia da cidade de Compostela, a pouco máis de catro quilómetros, no lugar coñecido como Pedra da Legua, próximo o núcleo de Roxos, na parroquia de Santa María de Villestro[1] e preto do trazado actual do Camiño de Santiago a Fisterra. Na actualidade, a laxe e o cruceiro presentan un estado de completo abandono cubertos case na súa totalidade pola densa vexetación e colmada parcialmente de terra, mentres que o monólito sitúase no interior dun terreo particular pechado de monte baixo.

Desde un principio non dubidamos do seu valor histórico, toda vez que a perda da memoria da súa existencia nunca foi total conservándose esta, dalgún xeito, no topónimo do lugar “A Pedra da Legua”.

Non é a nosa pretensión facer un estudo pormenorizado destes elementos senón a de dar testemuña do seu valor histórico e reivindicar a súa posta en valor como fito da vella rede viaria de Compostela e da súa xurisdición así como do trazado tradicional do camiño de Santiago a Fisterra. Deste xeito recompilamos unha serie de referencias bibliográficas que aportan datos sobre o seu posible contexto histórico.

Soubemos da súa localización nunha visita casual á zona e, pouco tempo despois, atopamos unha pequena referencia sobre ela nunha publicación de Manuel Vilar Álvarez dedicada ao Camiño de Santiago a Fisterra onde recolle:

Siguiendo adelante por la carretera de Noia estaba, a la izquierda, la Pedra da Legua. Algunos vecinos aún recuerdan como fue rota en una de las ampliaciones de la carretera y señalan una marquesina en la parada del autobús como su emplazamiento. Esta piedra marcaba la legua de distancia desde el centro de la ciudad de Santiago, por lo que estaríamos delante de lo que tenía que ser un indicador viario.

De vuelta al lugar por donde pasaba el viejo camino nos encontramos a la derecha, en una encrucijada la Cruz da Legua, clavada  en una laja con grabados. Cruz y vara están hechos de una sola pieza. Por aquí cuentan, pasaba la gente de A Silvouta con los muertos camino del cementerio parroquial de Villestro.[2]

Nunha posterior visita ó lugar localizamos a menos de un cento de metros ao norte da cruz o monólito, unha pedra fincada de grandes dimensións.

A partires desta información procuramos a recollida de novos datos co obxecto de acadar un mellor coñecemento sobre a orixe destes elementos.

A súa denominación levounos a analizar, en primeiro lugar, o valor da legua como unidade de medida ao longo do tempo. Así obtivemos que a legua, do  latín leuca, é unha antiga unidade de medida que expresa a distancia que unha persoa, a pé, pode recorrer durante unha hora.

Da-catedral-ata-a-pedra-da-leguaA legua romana equivale a 4,435 km. Outra equivalencia a ter en conta é que unha legua romana comprende 3 millas romanas. Unha milla romana equivale a 1000 pasos, aproximadamente 1,48 km, o que nos daría un total de 4.440 metros para 3 millas.

Por outra banda a legua castelá orixinariamente equivalería a 4,19 km pasando a ser entre 5,573 e 5,914 km a partir do século XVI. Unha legua castelá sería equivalente a 2,6 millas romanas, o que nos daría un total de 3.848 metros.

Mais todos estes datos deben ser collidos con cautela xa que os autores non sempre están de acordo con estas equivalencias e valores e ademais son variables ao longo do tempo e nos diferentes territorios. Este foi o noso incerto punto de partida para seguir pescudando na orixe deste interesante conxunto. De seguido fixamos o noso interese nas fontes escritas. Entre as distintas fontes documentais consultadas fomos recollendo datos sobre os chamados Xiros da cidade de Santiago[3] coñecidos como os diplomas das millas.[4] É Fernando López Alsina o autor que se ten ocupado do seu estudo, desde un punto de vista histórico, con maior profundidade, sendo a súa obra seguida polo resto de autores que se teñen ocupado desta materia.

Así recolle Álvaro Rodríguez Resino nun artigo onde resume os resultados da súa tese doutoral e no que fai unha sinxela síntese da evolución da xurisdición privativa do señorío compostelán:

… En primer lugar, tras el descubrimiento de la tumba apostólica en el 813, se donó el área inmediata al sepulcro apostólico y la iglesia construida bajo patronato de Alfonso II, espacio llamado Villa Sancti Iacobi, al que se le agregó un primer espacio de 60 kilómetros cuadrados en el 834 por este mismo rey, y un segundo de 180 kilómetros cuadrados en el 858 por Ordoño I. Todos estos espacios eran concéntricos, es decir, eran acotados midiendo un determinado número de pasos respecto al santuario.[5]

Esta información compleméntase co aporte de Xosé Armas Castro á obra dedicada a historia da cidade de Santiago de Compostela, onde indica:

O privilexio outorgado por Ordoño II no ano 915 ademais de ampliar o xiro da Igrexa compostelá ata 12 millas radiais convertía o primeiro xiro de 3 millas  nun arrabalde e establecía que calquera habitante que conseguise permanecer nel durante corenta días sen ser reclamado como servo adquiría automaticamente o dereito a residir en Compostela como home libre.[6]

Pedra da Legua 001-2Estamos polo tanto ante unha xurisdición que se configura ao longo dos séculos IX, X e XI sobre a base de varios xiros ou circunferencias concéntricas que teñen como eixo central a catedral apostólica:

  • Un primeiro espazo de 30 hectáreas, pechado no segundo terzo do século XI pola muralla mandada levantar polo Bispo Cresconio.
  • Un segundo xiro coñecido como Xiro da Cidade ou de Santiago, con un radio de 3 millas, outorgado por Afonso II no ano 834.
  • Un terceiro xiro con un radio de 6 millas, outorgado por Ordoño I no ano 858.
  • Un cuarto xiro, coñecido como Xiro da Rocha, con un radio de 12 millas, outorgado por Ordoño II no ano 915.[7]

Pero, a qué se debe esta utilización anacrónica da milla romana na alta Idade Media? Daranos a resposta a este interrogante López Alsina, o cal desbota a posibilidade esgrimida por outros autores de que as copias conservadas no Tombo A sexan falsificacións posteriores[8] e propón a seguinte explicación:

En otro lugar hemos estudiado la pervivencia altomedieval de una red viaria antigua de considerable densidad, que convergía en la actual Compostela. Únicamente la existencia de estas vías podría explicar satisfactoriamente que Alfonso II y Ordoño I hubiesen recurrido a la utilización de millas romanas de ca. 1450 metros para modelar distritos administrativos de nueva planta, o que Ordoño II lo hiciese para indicar una ampliación de la extensión del señorío hasta un total de 989 km2, es decir,  hasta la superficie de un círculo que tuviese un radio de doce millas romanas.[9]

Ó mesmo tempo comprobamos que o uso das medidas romanas se adecúa mellor á distancia real existente entre a Pedra da Legua e a Cidade de Compostela, os xa citados 4.680 metros.

E continuamos seguindo a López Alsina do que recollemos:

Al locus de Santiago confluían, pues, en el siglo IX tantas vías como miliarios se pueden documentar alrededor de la ciudad y viceversa:

  • Una vía Santiago – Iria que intersecciona el Giro en el único punto que todavía hoy conserva vivo el topónimo Milladoiro.
  • Una vía Santiago – Arines – Orense que cruza el término del Giro en el milladoiro de Sar.
  • Una vía Santiago – San Marcos – Lugo con su milladoiro en el mismo San Marcos.
  • Una vía Santiago – Sigüeiro con continuidad hacia Brigantium.
  • Una vía Santiago – Logrosa hacia Finisterre, la única cuyo milladoiro carece de confirmación documental, aunque puede haberse conservado como microtopónimo en las proximidades del lugar de Bar de Arriba.[10]

Con posterioridade o mesmo autor falará de sete camiños de entrada e saída de Compostela e sete milladoiros[11], tantos como portas tería a muralla[12]:

  • Porta da Pena, do que parte o camiño cara A Coruña. [“Milladoiro del camino al Faro y Brigantium por sigüeiro, citado en 1451 en el foro de heredades situadas “so o milladoiro de Santiago que está no camiño da Cruña…devididas en medio dontre o camiño francés do milladoiro”, cf. Arquivo histórico Universitario de Santiago, Fondo Cicerón, papeles sueltos, pa 15”].
  • Porta de San Francisco, co camiño cara Bergantiños e Malpica. [“Milladoiro del camino a Bergantiños por Ponte Alvar”].
  • Porta Faxeira, co camiño a Pontevedra. [“Milladoiro del camino de Iria – Padrón (cf. Historia Compostellana I, 61, 5, p. 99) con la ermita de Santa Magdalena”].
  • Porta da Mámoa, co camiño cara Pontevea. [“Milladoiro del camino de Puente – Vea con la ermita de San Sadurniño”], citado no documento Tumbo C, fol. 265 r-v ó sinalar os lindes da villa de Crecente “per terminos de Angrois, et per terminos de Sari et per humiliatorium Sancti Simeonis (de Ons) et per Montem Altum…”, cf. Arquivo cat. Santiago.
  • Porta de Mazarelos, co camiño a Ourense. [“Milladoiro del camino de Orense citado en 1359 en el foro de una heredad “que iaz na agra que chaman do Miñadoiro, que esta sobre o carballo de Sar da fregesía de Santa María de Sar…per cabo do camiño que vai de Santiago para Ariis”, cf. Archivo Iglesia Parroquial de Sar, perg. 8”].
  • Porta Francígena ou do Camiño, co camiño cara San Marcos. [“Milladoiro del camino francés con la ermita de San Marcos en el monte del Gozo (Historia Compostellana, I, 112, 90 p. 196)”].
  • Porta da Trinidade, co camiño cara Fisterra.

Desta última porta e camiño o Profesor Alsina non cita ningunha fonte documental pero sinala unha referencia de Manuel Carlos García Martínez na súa obra “Morfoloxía castrexa das terras de Compostela”[13] que sitúa unha microtopónimo preto do lugar de Bar de Arriba “no camiño que vai dende a cidade a fregresía de Santa María de Figueiras, nun outeiro que separa o val de Amahía da veiga do Sarela”, coñecido con nome “Mirador do monte Milladoiro”. Pola súa banda, Manuel Vilar fálanos doutro posible milladoiro neste camiño situado ó carón do Mosteiro de San Lourenzo no que “Alonso de Lema, señor de la Casa de Berdoias en la Terra de Soneira”, coloca un cruceiro “en el milladoiro situado ante el monasterio”.[14]

É este último milladoiro da vía Santiago – Logrosa a Finisterre o que se podería relacionar coa Pedra da Legua.

Recollida esta información xurde a seguinte pregunta, a qué denominamos milladoiros? Complementamos os datos seguindo ó mesmo autor:

Los milladoiros son aquellos puntos del perímetro del Giro atravesados por un camino. Se han podido documentar seis. Desde el siglo XI y hasta la Baja Edad Media, la línea perimetral imaginaria que une los milladoiros y delimitaba el Giro marca el espacio urbano: “la ciudad de Santiago de milladoiro a milladoiro.[15]

Pedra da LeguaDe onde provén a denominación de milladoiros para estes miliarios? De novo o mesmo autor sinala:

… con el paso del tiempo y como una consecuencia más de la intensa afluencia de peregrinos por estos caminos terrestres, la emoción intensa de quienes pisaban por primera vez territorio compostelano al entrar en el suburbio o término, fue haciendo de estos puntos lugares de oración y agradecimiento por la feliz culminación del trayecto. Sobre cada miliario nació un humillatorium, de tal manera que el espacio suburbano que rodeaba Compostela empezó a ser fácilmente definido con la expresión de humillatorio en humillatorio.[16]

En resume, un conxunto de datos que poderían servir para explicar a orixe deste excepcional ben arqueolóxico como posteriormente analizaremos no último apartado deste pequeno artigo.

2. Descrición dos elementos do conxunto da Pedra da Legua.

2.1 Cruceiro

Polo que respecta ó cruceiro, podemos afirmar que constitúe o derradeiro elemento temporal definidor deste enclave histórico. O seu emprazamento sobre a laxe con gravados non parece casual, e lembra a importancia que mantivo ó longo do tempo este antigo fito viario situado nesta vella encrucillada. Trátase dunha sinxela cruz sobre un pequeno varal realizados nunha soa peza de granito. A cruz posúe remates florenzados sen botón central e únese directamente o varal octogonal que comeza e remata nunhas seccións cadradas. Non ten capitel nin pedestal e o varal encaixa directamente na propia laxe. Pedra da Legua 001-3 OLYMPUS DIGITAL CAMERA Pedra da Legua 001 Nas súas seccións cadradas figuran as seguintes inscricións, na inferior “ESTA CRUS LA PSO” e na superior baixo a cruz “ANO” e a data de 1760. É posible que figurasen no seu momento outras inscricións que na actualidade son ilexibles. A data recollida no cruceiro pono en relación co camiño sacramental entre A Silvouta e Villestro que menciona Manuel Vilar e que foi confirmado polo noso informador, José Manuel Varela Rodríguez, unha vía sacra da que tamén formaría parte o veciño cruceiro de Parabeche.

 2.2 Os gravados da laxe

A laxe sobre a que se asenta a cruz sobresae pouco sobre o terreo. Ten forma alongada, unhas dimensións de aproximadamente 6 por 2,5 metros, unha superficie regular e con lixeira convexidade e inclinación cara o leste.OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Os gravados presentes na laxe son de difícil interpretación por presentar un forte desgaste debido á erosión. Non obstante podemos distinguir varias inscricións, polo menos tres, que debido o seu diferente canon de escritura e tratamento podemos supor realizadas en diferentes momentos.

Na zona central da laxe observamos a inscrición cos trazos de maior tamaño bastamente labrados, ca seguinte posible transcrición IUI, presentando a posible U ou V un apéndice na parte inferior e un punto nun dos extremos superiores. Outra posibilidade é que o primeiro carácter represente un báculo coa voluta cara á esquerda. As súas dimensións son de 43 cm de longo por 22 cm de alto.OLYMPUS DIGITAL CAMERA

A esquerda deste motivo unha cruz patada con brazos iguais de tipo visigótico cunhas dimensións de 16 cm de longo por 15 de alto. É esta unha tipoloxía de cruz utilizada polos monarcas astur leonenes polo menos desde Afonso VII ata Afonso X[17].

A modo de exemplo recollemos dúas moedas da ceca toledana de tempos de Afonso VII con motivos moi semellantes ós presentes na pedra da Legua, na primeira aparece no reverso un báculo coa voluta á esquerda, un motivo pouco común que lembra o símbolo da inscrición.[18].

Moeda de Afonso VII_ceca Toledo_webMoeda de Afonso VII, ceca Toledo Lendas: a/ ANFVS REX ao redor, r/ TOLEDO CIVI ó redor dunha orla circular que contén un báculo entre cruces.

Moeda de alfonso VII atopada na Villa de Patrono_cruz patada símbolo numismas de Alfonso VII

Moeda de Afonso VII, ceca Toledo Atopada na muralla medieval da vila de Patrono (Padrón). Cruz patada.

 Na parte superior da laxe figura unha inscrición máis longa (1,09 m de longo por 10 cm de alto) que representan unha ringleira de caracteres alfabetiformes de menores dimensións, de mellor feitura e canon máis regular que os da zona central. Debido á forte erosión e a terse conservado só parcialmente a súa parte final, faise moi difícil a súa análise. No extremo dereito da inscrición 3 pequenos puntos semellan servir de remate a esta ringleira podendo darse a seguinte transcrición: “DMRCTIOI” [D(E)M(A)RC(A)TIOI] . Á dereita da inscrición e xusto por debaixo da base da cruz figura un pequeno círculo simple e a súa dereita unha coviña illada.

Detalle inscrición superior No borde inferior esquerdo da laxe atopamos unha terceira inscrición, que como a anterior consérvase moi erosionada e apenas lexible, só podendo evidenciarse un estilo máis descoidado que o da inscrición superior. Mais esta ringleira  remata cunha data ben lexible: IXVII (era milésima do ano 17). Esta data debe ser interpretada como era hispánica, polo que estariamos no ano 979 d.C. Inscrición inferiorNon obstante facendo unha análise detallada dos elementos gravados observamos que non se trata dun “X” normal senón un “X” aspado, un signo especial formado por un X ó que se engade un pequeno trazo curvo ou vírgula no seu extremo superior dereito e utilizado para expresar o valor 40 (XL), polo cal estariamos falando de IXLVII, é dicir 1047 era hispánica, ano 1009 era cristián. Esta inscrición posúe unhas dimensións de 52 cm de longo por 10 cm de alto a parte da esquerda, e de 45 cm de longo por 10 cm de alto a da data.Data

 Poucos datos podemos extraer desta data, Afonso V non cumprira a maioría de idade e a rexencia da súa nai Elvira García finalizara no ano 1008 polo que existen moitas dúbidas sobre quen ostentaba o poder real. Na cadeira de Iria – Compostela dubídase tamén sobre quen a ocupaba, ben Pelaio Díaz, documentado no 1007, ou ben o seu irmán Vimara Díaz, documentado no ano 1011[19].

2.3 Pedrafita

MonólitoA un cento de metros da Pedra da Legua atópase unha gran pedra fincada de máis de tres metros de alto. A pedra fica nun extremo dunha parcela de propiedade privada pechada polo que non foi posible achegarnos para analizala polo miúdo.

3. A nosa interpretación, a Pedra da Legua un posible milladoiro do Xiro da Cidade.

Logo de analizar o trazado e situación dos antigos fitos que delimitan o territorio da vella Compostela consideramos que a Pedra da Legua xogaría un papel importante como un destes vellos indicadores viarios pero, é posible que fora un antigo milladoiro relacionado co Xiro da Cidade? Un milladoiro relacionado co camiño tradicional que conducía a Fisterra e Noia e que ata a citada paraxe camiñaban parellos?

En primeiro lugar débese sinalar que o actual trazado do camiño a Fisterra, fixado no termo municipal compostelá só fai uns meses[20], pasa a uns cincocentos metros da laxe. Este trazado non é moi diferente o trazado inicial fixado no ano 1997 polo Xacobeo, un camiño que seguía o sendeiro que empregaban as leiteiras de Villestro segundo recolle Manuel Vilar[21].  Malia todo, consideramos que o trazado actual difire do que podemos chamar “histórico”, que na actualidade foi gravemente alterado. Como sinala o propio Manuel Vilar, o vello trazado histórico que ía parello á actual estrada que leva a Noia na parroquia de Villestro foi desviado “para una mayor comodidad y seguridad del peregrino”. O trazado seguiría o antigo camiño real da época de Carlos III que pasaba pola Pedra da Legua, cuxo itinerario non distaba en demasía do trazado da actual estrada ata o cruce de Roxos e Tapia[22], un camiño que cita o ilustrado coruñés José Cornide “El séptimo camino es el del puente Maceira que conduce a los puertos occidentales, y sale por la calle de las huertas y crucero del Gaio a las Parroquias de Villestro, Cobas y Ames situadas en la parte alta de la Maia….[23]”. Vilar Álvarez sinala a posible saída da cidade polas Hortas, barrio de San Lourenzo e a Ponte de San Domingos[24].

Por outra banda ao contrario do que sinalaba Manuel Vilar no seu libro, o dono da casa mais próxima ao conxunto contounos que a laxe sobre a que se asenta o cruceiro é coñecida como a Pedra da Legua, non recordando ningunha outra pedra situada ó carón da actual estrada que desaparecera como destaca Manuel Vilar. O mesmo veciño informounos tamén dun desaparecido ítem moderno que sinalizaba os 4 km de distancia con respecto a Compostela e que se situaba a un cento de metros ao leste da laxe.

Nunha interesante conversa co profesor Fernando López Alsina, o que agradecemos enormemente a súa atención, paciencia e interesantes indicacións sobre a laxe, confirmounos a nosa hipótese inicial da importancia da laxe como importante fito da rede viaria medieval que saía e chegaba a Compostela, e situouno en relación co vello trazado do camiño que conducía a Noia e Muros.

 Non obstante, ante a nosa teoría de situar neste punto un destes antigos milladoiros sinalou varios argumentos na súa contra.mapa alsina

En primeiro lugar o principal argumento sinalado é que a laxe debería situarse no límite parroquial dunha das parroquias incluídas no antigo Xiro da Cidade. A pedra da Legua atópase na actual parroquia de Villestro pero moi preto do linde coa parroquia de Laraño. Como sinala o propio Fernando López Alsina era frecuente utilizar os vellos camiños para marcar o trazado dos límites parroquiais, feito que volve a confirmar a súa importancia como marcador viario. Non obstante segundo López Alsina tanto a parroquia de Villestro como a de Laraño atópanse fóra do antigo Xiro da Cidade. O profesor amosounos un plano do Xiro da súa autoría[25] e comparouno con outro mapa anterior publicado polo Arcebispado de Santiago na década dos anos 60. Ambos coincidían case totalmente agás en que o elaborado por López Alsina non inclúe dentro do Xiro a parroquia de Laraño a diferenza do plano do Arcebispado que si o fai. Si aceptásemos como válida a información deste último mapa veriamos que a Pedra da Legua cumpre o requisito de situarse no Xiro da Cidade. Fronte a isto cabe sinalar que é evidente que a parroquia de San Martiño de Laraño non está incluída no actual Arciprestazgo do Xiro da Cidade[26]. Este argumento constitúe o maior óbice para a consideración da Pedra da Legua como milladoiro.

 Outro argumento sinalado foi a referencia neste camiño doutros posibles milladoiros, xa comentados anteriormente. Neste caso lembrounos o topónimo recollido por D. Manuel Carlos García Martínez preto de Bar de Arriba. Non obstante, tanto este posible ítem como o citado por Manuel Vilar ao carón do mosteiro de San Lourenzo atópanse nun punto moito máis próximo a Compostela. Fixándonos nos outros milladoiros citados nas fontes documentais todos eles sitúanse en torno ás 3 millas de Compostela, a posición da Pedra da Legua concorda mellor con estes outros fitos como a capela de San Marcos, a desaparecida capela de San Sadurniño, a Capela da Magdalena ou o sinalado milladoiro preto de Aríns. Estes catro puntos ó igual que a Pedra da Legua situaríanse a 3 millas da Catedral de Santiago, o mesmo radio de 3 millas outorgado por Afonso II no ano 834 para o Xiro da Cidade.

Legua final

Outro posible punto feble da nosa teoría e a localización da pedra da legua nunha zona de val a diferenza dos outros milladoiros sinalados onde se visualiza xa Compostela, mais cabe indicar que se localiza ó pé dun afloramento granítico hoxe en día esgotado por unha canteira. Analizando a orografía poderíamos entender como este emprazamento é de entre os situados no camiño un dos que permitiría unha mellor visibilidade da contorna, entendendo polo tanto o propio desaparecido afloramento como parte necesaria deste milladoiro. Ó mesmo tempo a procura desta necesaria visualización tanto da cidade como dos milladoiros máis próximos explicaría tamén o pequeno desprazamento cara ó oeste do milladoiro con respecto ós límites parroquiais.

 Tamén cómpre determinar no futuro a posible relación entre a Pedra da Legua e a gran pedra fincada situada o norte.

4. Un conxunto único.

Deixamos aquí esbozados todos estes interrogantes ca pretensión de que sirvan de aliciente para a un estudo máis pormenorizado, e ó mesmo tempo para a impulsar a labor protectora das administracións que teñen a obriga legal de preservar o noso patrimonio e fomentar o seu estudo. O Colectivo A Rula considera incomprensible a súa situación actual e o esquecemento total deste conxunto tan singular, só cómpre indicar que poderíamos estar diante dunha das poucas testemuñas directas da formación e consolidación do señorío eclesiástico de Compostela e da propia cidade.

Non podemos deixar de salientar o seu evidente valor histórico, sexa ou non un antigo milladoiro, e a súa relación co trazado dos antigos camiños a Fisterra e Noia. Pese a tratarse dun “unicum” este conxunto patrimonial permanece a día de hoxe inédito e nin sequera o cruceiro está incluído no Catálogo de bens patrimoniais do PXOM de Santiago de Compostela, presentando na actualidade un estado de completo abandono.

Agardemos que estes breves apuntamentos sirvan para corrixir esta situación, que abra a porta a novos estudos que poidan confirmar as nosas pescudas e acométase unha posterior posta en valor que permita o seu achegamento ós veciños, ós cidadáns e a tódolos peregrinos que se achegan a Compostela por esta centenaria vía.

Versión do artigo en Calameo: http://es.calameo.com/books/002506678c7452bd55b07


[1] Coordenadas UTM. 29 T 532608 4746943 (Datum wgs 1984)
[2] Vilar Álvarez, Manuel“El Camino al fin de la Tierra”. p. 26 – 27. (2010). Asociación Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de los Caminos Jacobeos.
[3] Elaborado entre os anos 1129 e 1255.
[4] López Alsina, Fernando. (1988). La ciudad de Santiago de Compostela en la Alta Edad Media”.P. 131
[5] Rodríguez Resino, Álvaro. (2008).  Comunidades rurales, poderes locales y señorío episcopal en la tierra de Santiago de los siglos V a XI: una visión desde el registro arqueológico”. en Munibe (Antropologia-Arkeologia núm. 59. Sociedad de Ciencias Aranzadi. p. 220
[6] Armas Castro, Jose. (2003). “O afianzamento da realidade urbana despois do ano mil”. p. 79-80 en Historia da Cidade de Santiago de Compostela. Concello, Consorcio e Universidade de Santiago de Compostela.
[7] López Alsina, Fernando (1988) p. 131- 133.
[8] Estos autores tomaban como base para algún dos seus argumentos precisamente este uso anacrónico.
[9] López Alsina, Fernando (1988) p. 134
[10] López Alsina, Fernando. (1988). P. 135 – 136
[11] López Alsina, Fernando. “Parroquias y diócesis: el Obispado de Santiago de Compostela”. Servicio de Publicaciones de la Universidad de Cantabria,  (1999).  p. 285
[12] López Alsina, Fernando (1994 ).p.97 – 98
[13]  García Martínez, M.C . (1971). “Morfoloxía castrexa das terras de Compostela”. Compostellanum.– T. 16, v. 14
[14] ACS. IG 717/364.
[16] López Alsina, Fernando. (1988). P. 134 – 135
[18] Tipos 26 e 27 de A. Roma ou 53 de A. Burgos
[19] Flórez de Setién y Hiudobro, Enrique. Tomo 19 «Estado antiguo de la Iglesia Iriense y Compostelana». España Sagrada. (1765). p. 188-190
[20] DECRETO 154/2013, de 5 de septiembre, por el que se aprueba la delimitación de los tramos del Camino de Santiago del Norte, Camino Portugués, Ruta de la Plata y Camino de Fisterra a su paso por el término municipal de Santiago de Compostela. DOG núm. 184 do 26/09/2013
[21] Vilar Álvarez, Manuel.  (2010). p. 26 – 27.
[22]O trazado tradicional deste camiño é o seguinte: “Ponte Sarela, Sarela de Baixo, Vidán, Barcía, Lamas, Pedra da Legua, Roxos, Vila, Portela, Ventosa, Lombao, Augapesada, Castiñeiro do Lobo, Alto do Mar do Ovellas, Susavila de Carballo, Trasmonte, Burgueiros, Pontemaceira, Maceira Nova, Barca, Chancela, Negreira, Zas, Porto-camiño, Cornovo, Marcelle, Vilaserío, Comado, Santa Mariña, A Mola, Bon Xesús, Gueima, Vilar do Castro, Campo Valado, Porteliñas, Abeleiroas, San Cristobo de Corzón, Mallón, Ponteolveira, Olveiroa, Hospital, Marco do Couto, Pedras Loiras, Fonte Romeu, Campolongo, Camiños Chans, Cée, Corcubión, O Vilar, Amarela, Sardiñeiro, Mallas, Escaselas, San Martiño do Baixo, San Roque y Finisterre”.
[23]Según cita Manuel Vilar na súa obra.
[24] Vilar Álvarez, Manuel. (2010). P 19-20. : “Pero cabe la razonable duda de que hubiese la posibilidad de que el camino siguiese por delante del convento y que se cruzase el río Sarela más abajo, por el puente de San Domingos.” “Esta alternativa, una vez pasada el puente de San Domingos, seguiría su recorrido por Vidán, calificado por Rosalía de “alegre, moíños e hondanadas”. Después seguiría hacia Brandía con dirección a Barcia y Roxos, como se deduce de un plano de 1595. Y Domingo Fontán, en su Carta Geométrica de Galicia, levantada en 1845, también traza esta posibilidad  Por lo que queda de su estructura podemos suponer que el puente de San Domingos es anterior al de Sarela, suponer también que fue derruido en una de las muchas crecidas del río y que no fue reparado, quedando entonces fuera de servicio, dejando paso al abandono y a la maleza. Entonces Ponte Sarela pasaría a ser el paso principal del río Sarela para ir hacia las tierras de Barcala y Nemancos”