Os petróglifos do Outeiro do Recosto en Boallo


En lembranza de todos aqueles, que como Roberto Mouzo, loitaron e loitan por defender, protexer e divulgar o patrimonio cultural da Costa da Morte

O Colectivo A Rula regresa a Vimianzo nunha nova xeira nocturna polos petróglifos deste termo municipal que terá lugar o vindeiro sábado 14 de xullo. Non podiamos desaproveitar a ocasión de dar a coñecer á veciñanza e aos curiosos que se acheguen a Vimianzo estas interesantes mostras da nosa arte rupestre atlántica que, por desgraza, aínda seguen a ser moi descoñecidas.

E podemos facelo grazas ó convite do Concello de Vimianzo que segue a dar mostras do interese pola recuperación e divulgación do seu relevante patrimonio cultural. Nos últimos anos feitos como a posta en valor do Castro das Barreiras en Ogas, a recente adquisición do dolmen da Pedra Cuberta, as limpezas periódicas na contorna dos petróglifos ou dólmenes, ou as reunións e acordos cos propietarios que facilitaron a valorización destes bens culturais a través dos técnicos municipais, son boas mostras disto.

Plano de situación. Os petróglifos preto do linde municipal con Muxía.

Si o ano pasado visitamos os petróglifos de Pedrouzos en Berdoias, nesta ocasión cruzamos á outra beira do río Castro para achegarmos ós petróglifos do Outeiro de Recosto no lugar de Boallo.

Boallo, terras dos Lema

Na aldea de Boallo destaca a presenza dos restos do antigo Pazo de Boallo, adquirido recentemente polo arquitecto Julio Vázquez, o que ocasionou unha polémica confrontación co propio Concello que aínda se mantén na actualidade.

Hoxe só permanecen as ruínas do que foi unha das casas señoriais máis antigas da Costa da Morte, ligada á liñaxe dos Lema. Xa subliñamos nun post anterior, dedicado ós petróglifos de Berdoias, a relevancia e protagonismo desta liñaxe, e principalmente da figura de Alonso de Lema II, na historia de Soneira.

Pazo de Boallo

Persoeiros desta familia fidalga inspiraron a varios protagonistas da novela “A Costa do Solpor” do profesor e historiador vimiancés X.M. Lema Suárez, que tamén recompila datos e feitos históricos desta familia en varios dos seus ensaios.

Nesta ocasión foi o seu fillo, Martiño de Castiñeira, o promotor deste segundo inmoble situado no lugar de Boallo no ano 1637. Esta secular construción civil pacega fica na actualidade en estado ruinoso e en completo abandono, pero aínda conserva importantes vestixios que revelan a súa grandeza noutrora.

Entre toxos, silveiras, xestas e hedras pódense ollar importantes elementos da fábrica primitiva, como a súa solaina cuberta cara o nacente, a escaleira de pedra con patín que daba acceso ó sobrado ou a lareira coa súa impoñente cheminea.

Alén do pazo o conxunto patrimonial complétase con dous hórreos de estilo fisterrá, un lavadoiro, un cruceiro (que xa perdeu a cruz) e unha capeliña baixo advocación de San Roque, hoxe convertida en corte para as ovellas que campan pola horta e manteñen a raia a vexetación na contorna do pazo.

Non podemos tampouco esquecer o pombal no linde da antiga propiedade do pazo e que hoxe pertence a outra familia da aldea.

Os petróglifos do Outeiro do Recosto

Localización

No linde do antigo Couto de Berdoias e Boallo localízase o Outeiro de Recosto onde se conservan dúas estacións de arte rupestre prehistórico de inicios da Idade do Bronce.

Trátase dun outeiro conformado por un afloramento granítico de grandes dimensións rodeado por explotacións forestais de eucalipto. A parte alta rochosa do outeiro impide o uso forestal do terreo e constitúe un magnífico miradoiro das veigas situadas a rentes do río Castro que transcorre paseniño a uns centos de metros do Outeiro.

Ás beiras do río consérvase unha interesante fraga coas características especies de ribeira e atravesada por vellos camiños de acceso ó pazo, hoxe recuperados como senda alternativa da variante do camiño xacobeo cara Muxía, que conecta os lugares de Boallo e Berdoias.

A descuberta

As primeiras novas dos petróglifos do Outeiro do Recosto datan do ano 1997. A edición local da Voz de Galicia do 9 de novembro abría dando conta do achado da estación 1 por parte do veciño da zona, Manuel Soto Caamaño, durante unha xornada de caza. Un feito que constituíu a localización da primeira gran manifestación artística desta tipoloxía nas terras vimianceiras, onde os grandes megalíticos neolíticos copaban as principais referencias á prehistoria deste concello.

O achado suscitou rapidamente a atención e interese dos investigadores locais e afeccionados á arqueoloxía como o edil, Moncho Gándara, e o malogrado investigador e perito agrícola, Roberto Mouzo, autor do primeiro informe e único deseño realizado ata agora para tentar reproducir e rexistrar os diferentes motivos insculturados.

A nova xornalística tamén recolle as primeiras valoracións do arqueólogo Xosé María Bello Diéguez que confirma a importancia da descuberta e data os gravados na Idade do Bronce. Finalmente, o artigo pecha cunha interesante reflexión do propio xornalista asinante, X. Ameixeiras, e que podemos extrapolar os nosos días (pois segue moi vixente)

“El estado de los petroglifos de Boallo demuestra dos cosas. La primera es que el yacimiento, al igual que muchos otros, se salvo de puro milagro porque muy cerca se perciben las huellas de la extracción de roca para obras de cantería. La segunda es que un cazador puede hacer tanto por la conservación del patrimonio histórico artístico como el mejor arqueólogo, que suele estar a la espera de que lleguen las noticias de los hallazgos”

A descuberta da segunda estación denominada “Pedra Mosqueira”, localizada no lado oposto do Outeiro, débese tamén ó investigador Roberto Mouzo pouco tempo despois do achado da estación principal, outra mostra do relevante papel exercido por este enxeñeiro agrónomo na divulgación da cultura das terras de Soneira e que acertadamente recoñeceu o actual equipo de goberno de Vimianzo na homenaxe organizada o pasado ano.

Pedra Mosqueira. Foto Manuel Rial

Descricións dos gravados

Como ben recolle Roberto Mouzo no seu informe inicial, trátase de gravados de temática xeométrica ou abstracta que caracterizan ás estacións prehistóricas de arte rupestre de estilo atlántico e que podemos datar entre o Neolítico Final e o Bronce Inicial (uns 4500 anos de antigüidade).

Deseño dos petróglifos de Boallo por Roberto Mouzo

Estación 1 – Petróglifo do Outeiro

No cumio do afloramento granítico,  nunha laxe lixeiramente inclinada (Coordenadas: 29 T 491984 4768351), ó abrigo doutra laxe de maiores dimensións, que a cobre parcialmente, figura nun único panel de pouco máis dun metro cadrado de superficie. Nel consérvanse ata 9 combinacións de círculos concéntricos con coviña central con diámetros comprendidos entre os 44 e os 10 centímetros. Son gravados realizados coa técnica tradicional, mediante percusión e abrasión con instrumentos de pedra, posiblemente seixo.

Na parte inferior do panel figuran as combinacións circulares de maior tamaño que posúen 5 e 4 aneis respectivamente. Catro das combinacións circulares presentan un radio de saída que parte da coviña central. A combinación circular de maiores dimensións presenta dous sucos de saída, un orientado ó leste e outro ó sur que enlaza cunha figura de difícil descrición debido ó enorme desgaste que presenta na zona máis próxima ó chan.

Fotogrametría

No extremo oeste, e tamén ó carón do chan, os modelos 3d realizados permítenos rexistrar un conxunto inédito dunhas 15 coviñas e restos doutras combinacións case imperceptibles. O desgaste do suco é maior nesta parte do panel pois é por onde descende a auga. A pesar da antigüidade do petróglifo e ós efectos erosivos produto da acción continuada dos axentes naturais sobre os gravados, o seu estado xeral é bastante bo, con gravados que presentan uns 2 centímetros de profundidade media.

Estación 2 – Pedra Mosqueira

Situado no lado oposto do outeiro e na parte oriental deste afloramento granítico (Coordenadas: 29 T 492015 4768378) figura unha laxe con características moi diferentes, unha rocha horizontal que apenas sobresae do chan e que conta cunha soa combinación circular de 3 aneis e coviña central duns 30 centímetros de diámetro.

Pedra Mosqueira

Atópase na parte central do panel aproveitando a protuberancia natural do penedo e posúe dous sucos de saída que parten da coviña central cara o NE e L e conectan con dous pequenos grupos de coviñas moi erosionadas. Completan o panel outras coviñas illadas e distribuídas sen orde aparente pola rocha.

Fotogrametría

Debido ao elevado grado de erosión dos gravados non desbotamos a posible existencia doutros motivos practicamente imperceptibles que puideran rexistrarse con diferentes metodoloxías no futuro.

Debuxo de Rubén Rial do Petróglifo do Outeiro do Recosto (libro “unha historia de Vimianzo”)

O estado de conservación desta segunda estación é bastante malo e a súa visualización polo día é complicada polo que acostuma pasar desapercibida ós visitantes que se achegan ó Outeiro de Recosto.

Rematamos incidindo no noso agradecemento ó Concello de Vimianzo polo seu convite e as xestións realizadas polo seu técnico Manuel Rial que permitiron a realización desta nova xeira nocturna pola arte rupestre prehistórica de Vimianzo.

Bibliografía.

Lema Suárez, X.Mª: A Terra de Soneira: no corazón da Costa da Morte. Ed.Xerais, Vigo, 2010
Mouzo, R. & Xoubanova, F.: Inventario do Patrimonio Arqueolóxico do Concello de Vimianzo. Vimianzo, 1987 (inédito).
Rial, Manuel & Rial Rubén: Unha historia de Vimianzo, A Coruña, 2018

Advertisements

Chan de Lamas. O primeiro gran cervo da Estrada


Introdución.

O excepcional petróglifo do Chan de Lamas convértese na última gran achega ao catálogo patrimonial do Concello da Estrada. Un termo municipal de enorme extensión no que se conservan centos de bens culturais. Como sinala a propia guía turística do Concello:

“a Estrada ofrece ao visitante con interese polo patrimonio tantas opcións que lle resultará imposible coñecelas nunha única visita”,

e subliña a presenza de ducias de igrexas románicas, castelos e torres medievais, máis de 120 mámoas, 22 castros, 3 asentamentos romanos e só 2 petróglifos.

Costa dos Cabalos. Estación 1

Estes 2 petróglifos, que recolle o actual inventario patrimonial do PXOM da Estrada (aprobado o 1 de outubro de 2013), están situados na paraxe da Costa dos Cabalos na parroquia de San Xurxo de Vea.

Costa dos Cabalos. Estación 1

Trátase de dous interesantes petróglifos compostos por gravados xeométricos que, lamentablemente a día de hoxe, seguen esquecidos entre o mato, e incluso un deles foi danado gravemente a finais do ano 2016, segundo recolle un informe redactado polo arqueólogo Mario Cesar Vila. [1]

Costa dos Cabalos. Estación 2

O achado da primeira estación de arte rupestre no Concello da Estrada data do ano 1938, cando un veciño das Quintas, Jesús Romar Castro, localizou na croa do Castro das Quintas (ou de Codeseda) un pequeno gravado exento, hoxe depositado no Museo Arqueolóxico de Pontevedra. Deste achado deron conta Federico Maciñeira e posteriormente Fermín Bouza Brey, nun artigo publicado no Boletín da Real Academia Gallega. [2]

Petróglifo de Codeseda. Imaxe e calco. Hoxe no Museo de Pontevedra

Oitenta anos despois, agardamos que a descuberta desta última gran estación sexa un acicate que abra a porta a novas liñas de investigación e traballos que con certeza incrementarán o anómalo número de xacementos con arte rupestre catalogados neste concello, tendo en conta o elevado número de petróglifos inventariados nos concellos limítrofes (Teo, Cerdedo – Cotobade, Silleda, Cuntis, etc).

Costa dos Cabalos. Pormenor da estación 2 (antes dos danos)

Esta falta de homoxeneidade na distribución espacial da arte rupestre cremos que se debe atribuír á falta de estudos sistemáticos e continuados neste Concello producto, en boa medida, do desleixo por parte das institucións e administracións competentes na conservación e protección do noso patrimonio, pois nestes últimos anos os xornais locais deron conta da descuberta de máis de trinta novas estacións no Concello da Estrada que a día de hoxe permanecen no esquecemento, pendentes da súa catalogación e inclusión no actual Plan Autonómico da Xunta en fase de exposición pública.

Costa dos Cabalos 2, antes dos danos

A gran maioría destes achados débense ao traballo da Asociación Codeseda Viva e principalmente ao do seu socio máis activo neste eido, Jorge Fernández. Tamén cómpre sinalar as recentes achegas doutro activo colectivo, o Colectivo Capitán Gosende, que nos últimos meses deron a coñecer novos xacementos nesta zona.[3]

Costa dos Cabalos. Estación 1

É o seu labor outra mostra máis da relevancia do papel destes colectivos sociais e afeccionados á arqueoloxía, que xogaron e están a xogar un importante papel para o coñecemento da arte rupestre, a pesar do escaso recoñecemento e axudas que recibimos por parte das diferentes administracións públicas.

A descuberta

Tal e como recolle a nova do xornal Faro de Vigo do pasado 28 de xuño, o petróglifo do Chan de Lamas (así bautizado polo seu descubridor) foi localizado hai só uns días polo estradense Jorge Fernández Guerra, membro da Asociación Codeseda Viva. A descuberta tivo lugar durante os traballos de recoñecemento e supervisión da ruta homologada recentemente polo Sur do Concello e impulsada pola propia asociación, PR-G 197 Codeseda – Rapa das Bestas.[4]

Jorge o descubridor na laxe

O propio Jorge Fernández, co que mantemos amizade e colaboracións permanentes, púxose en contacto co Colectivo A Rula para que puideramos valorar o seu achado. Deste xeito, e só uns días despois, tivemos a fortuna de que varios membros de Codeseda Viva nos guiaran ata o xacemento e nos amosaran o impresionante entorno natural desta serra, nunha xeira ao solpor que quedará na memoria dos membros do Colectivo e entrará na pequena historia que de vagar vai percorrendo A Rula.

Situación

O petróglifo do Chan de Lamas localízase no linde entre as parroquias de Codeseda e Souto, a menos de 200 metros do límite co Concello de Cerdedo – Cotobade (Coordenadas Utm: 29 T 544284 4714682). Trátase dun xacemento inédito que non figura no actual inventario patrimonial do PXOM estradense nin temos constancia da súa presenza no Catálogo do Patrimonio Galego da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Mapa de situación

Os bens catalogados máis próximos serían as dúas mámoas de Pena Redonda na parroquia de Quireza (Cerdedo – Campo Lameiro) a uns 650 metros. Porén, na Pena Cerval, outra das referencias espaciais destes Chans das Lamas, foi localizado outra estación inédita con coviñas situada a uns 500 metros do petróglifo. Tendo en conta os recentes achados, e si consideramos que non se teñen realizado traballos de campo sistemáticos nesta paraxe, é máis que probable a futura aparición de novas estacións.

A Laxe atópase a media altura no Outeiro do Couto das Ladras (689 m.).[5] que domina a extensa chaira coñecida como Chan de Lamas, que da nome ao petróglifo. É unha paisaxe virxe, sen arboreda, azoutada polo vento e só alterada pola actividade e tránsito das greas de cabalos salvaxes que a vindeira fin de semana, e como acontece anualmente, serán conducidos ao curro de Sabucedo onde serán rapados e os novos poldros marcados.

Vista xeral da chaira desde a estación

A laxe situada a 665 metros sobre o nivel do mar lémbranos pola súa localización a outras grandes estacións de arte rupestre con motivos naturalistas que, como neste caso, posúen un amplo dominio visual da súa contorna, zonas de pastos con brañas e mananciais ou pequenos regatos, como o Rego do Souto que nutre de vida a estes chans lamacentos situados ao pé e na redonda deste outeiro.

Descrición da Laxe e gravados do Petróglifo do Chan de Lamas

O petróglifo do Chan de Lamas conta con dous paneis insculturados de diferente factura, tipoloxía e pode que diferente cronoloxía. Están situados nunha gran peneda de 14 m de longo x 11,50 de ancho. Esta laxe inclinada está orientada ó leste con gran dominio visual á chaira da contorna e ó regato do Souto.

Vista xeral do afloramento desde a chaira

Panel 1

Na parte superior da laxe localízase o primeiro panel insculturado con motivos de tipoloxía xeométrica característicos da arte atlántica.

Na parte máis plana e elevada desta gran peneda salienta a presenza dunha combinación circular de 3 aneis e coviña central de 39 cm de diámetro.

Panel 1

Na parte superior da combinación e unida a ela por un pequeno trazo curvo figuran 18 coviñas aliñadas en 3 fileiras independentes que dende un punto central abrense en abano. Unha estraña disposición nun ángulo de 45º que lembra a cornamenta dos grandes cérvidos. Fóra destes aliñamentos aparecen illadas outras 5 coviñas sen orde aparente. Os diametros das coviñas oscilan entre os 4 e 7 cm cunha profundidade variable entre os 1 e 3 cm.

Panel 1. Fotogrametría.

O estado de conservación dos gravados é, en xeral, bastante bo. A combinación circular presenta un suco en “U” duns 2 cm e a súa observación é doada a calquera hora do día. Foi, precisamente, a súa fácil visualización o que permitiu a súa descuberta e a posterior localización do resto dos gravados de ambos paneis.

Panel 2

Locálizase na parte inferior e máis vertical da laxe, que mira ao leste. O panel ten como único motivo representado un gran cuadrúpede de 83 cm de longo (do fuciño á cola) por 40 cm de altura (da pezuña dianteira á testa) situado nunha posición central no panel. Trátase dun deseño elaborado coa técnica habitual de dobre suco sobre un soporte granítico de gran fino e nun panel vertical orientado ao pequeno val do Rego do Souto e os Chans de Lamas.

Panel 2

A pesar de carecer de falo e de gran cornamenta, consideramos que se trata dun cérvido polas súas características estilísticas, concretamente unha femia ou un exemplar novo con cornos aínda pouco desenvoltos.

O deseño do cervo coincide co denonimado “canon do Lérez medio” (Vázquez Rozas, 1997) ou “estilizado curvo” (Santos Estévez, 2008) cun tronco ancho e cuartos traseiros moi esaxerados. As proporcións do tronco, colo e extremidades gardan certa correspondencia coa realidade natural. O tronco é sempre máis ancho que o colo e as extremidades, ó mesmo tempo que os cuartos traseiros son máis voluminosos que os dianteiros. Porén, é a curva ondulante do lomo do animal, a chamada curva “cérvico – dorsal” (Vázquez Rozas), o trazo máis característico destes cuadrúpedes do val do Lérez, esencialmente en Campo Lameiro, Cotobade e Moraña e moi puntual noutras zonas. Comeza cunha curva ampla sobre os cuartos traseiros, baixa cara inflexión suave da base do colo e prolongase en arco ata a cabeza.

Panel 2. Fotogrametría

A diferenza doutros grandes cérvidos coñecidos, o cervo da laxe do Chan de Lamas carece de pormenores anatómicos, agás dous pequenos cornos na cabeza e un pequeno trazo que prolonga a liña dorsal e que puidera representar a orella. Tamén cabe destacar a característica cola deseñada cun simple apéndice curvo precedido dun trazo recto que caracteriza a esta tipoloxía formal dos cérvidos do val do Lérez.

É un deseño en perfil coas extremidades lixeiramente inclinadas cara adiante para potenciar a sensación de movemento que logra coa posición sobreelevada dos cuartos traseiros sobre os dianteiros. O artista tenta plasmar o cervo brincando e ascendendo pola ladeira do outeiro en dirección N-S, cara a esquerda do observador. Ambas extremidades dianteiras e traseiras rematan nunha mesma liña horizontal, se ben os sucos que conforman as patas dianteiras teñen diferente lonxitude e péchase cun pequeno trazo diagonal.

Conservación

O estado dos gravados de ambos paneis é moi bo o que permite a visualización dos diferentes motivos con luz diurna, a excepción de certos trazos como os cornos do cervo. Esta boa percepción facilitará o seu aproveitamento social.

Un petróglifo excepcional

Son moitas as razóns polas que o petróglifo do Chan de Lamas debe ser considerado como un xacemento de moito interese dentro do Grupo Galaico da Arte Rupestre. En primeiro lugar, subliñar que é a primeira gran estación de arte figurativa localizada no Concello da Estrada.

Polo grande porte do cervo debemos incluír esta nova estación no pequeno e selecto grupo de petróglifos con grandes cérvidos, a maioría deles moi coñecidos, como os petróglifos dos Carballos (Campo Lameiro), A Forneiriña (Campo Lameiro), Rotea do Mendo (Campo Lameiro), Campo das Cuñas (Ponte Caldelas), Coto das Sombriñas (Ponte Caldelas), Campo Grande (Porto do Son), Laxe da Sartaña (Porto do Son), Os Mouchos (Rianxo), Laxe dos Cebros (Oia), etc.

Grandes cervos de Campo Lameiro

Como indicabamos, o seu deseño remítenos á tipoloxía das coñecidas estacións do Lérez polo que a nova estación do Chan de Lamas amplía a área de extensión deste grupo de cérvidos estilizados e de gran tamaño ata a bacía do Umia.

Outro aspecto significativo é a presenza de dous paneis tan diferentes nunha mesma laxe. Un primer panel clásico da arte atlántica de tipo xeométrico con combinacións circulares e coviñas (aínda que estas última teñan unha estraña disposición), e outro panel de carácter figurativo, separados entre si só uns metros. Ambos comparten o mesmo afloramento granítico pero a disposición dos gravados, tipoloxía e soportes empregados son totalmente distintos o que nos leva a considerar a idea de diferentes autorías e incluso diferentes momentos cronolóxicos.

Pese a isto non debemos perder de vista o feito de que todos os motivos foron gravados no mesmo afloramento, sen que se observen procesos de solapamento, eliminación ou reinterpretación en ningún dos motivos. De pertenceren a momentos cronolóxicos distintos semella que os motivos máis antigos foron respetados, polo que non semella que teñan perdido o seu significado para a comunidade que grava os novos. Así  o “novo motivo” complementa ou completa o significado dos anteriores.

Chan da Carballeira. Calco de Antonio de la Peña Santos

Outra das características máis chamativas deste segundo panel é o feito de que posúa un gran cervo como único motivo, cando o normal noutras estacións coñecidas é que estes grandes cuadrúpedes aparezan representandos ao carón de outros zoomorfos de menores dimensións.

Tamén salienta o feito de que sexa un gran cervo con pequena cornamenta cando estes cuadrúpedes adoitan ser grandes cervos machos que posúen espectaculares e irreais cornamentas e un excesivo falo. Neste caso a vella interpretación dos investigadores clásicos de asociar as figuras destes grandes cérvidos adultos machos cunha representación metafórica e alegórica do universo masculino e das grandes castes de guerreiros non se cumpliría. Tampouco se trata dun animal cazado, habitual nos grandes cérvidos representados noutras laxes, e polo tanto non estariamos diante dunha escena de caza.

Localización da estación

Porén, quizais o aspecto máis interesante sexa a súa localización a grande altitude, a nada menos que 665 m.s.n.m. Aínda que figura nun emplazamento e disposición semellante a outras estacións de grandes cuadrúpedes é probablemente o cérvido de gran tamaño situado a maior altitude de todos os coñecidos. Un feito que racha coas teorías tradicionais e implica a revisión e estudo das chairas e brañas altas nas que normalmente non contabamos con localizar este tipo de representacións naturalistas. Estacións analizadas previamente como casos illados, por exemplo o petróglifo da Chan da Carballeira en Morillas (526 m), deberán ser reconsideradas coa localización de novos cérvidos de gran porte a gran altura nos últimos anos como o petróglifo da Pedra Follada no Barbanza (505 m) e a citada do Chan das Lamas (665 m).

Parecidos razoables

Como sinalamos o deseño estilístico do cervo remítenos ós petróglifos da bacía do Lérez e, como referimos anteriormente, principalmente os petróglifos dos Concellos de Cerdedo – Cotobade, Campo Lameiro e Moraña. Imos citar a modo de exemplo algúns deles.

Ardegán IV. Calco de Antonio de la Peña Santos

No Concello de Moraña destaca a estación IV do Monte Ardegán en San Martiño de Gargantáns, un clásico do noso repertorio que merecía maior atención e coidado. No panel principal deste petróglifo destacan tres cérvidos aliñados e orientados no mesmo sentido, de esquerda a dereita, quizáis representando as liñas de tránsito na paisaxe. Estes cervos, aínda que de menores dimensións, presentan grandes semellanzas formais co gran cuadrúpede da Estrada, con corpos estilizados, a característica curva dorsal, os cuartos traseiros sobredimensionados, a pequena cola e mesmo os seus pequenos cornos.

Ardegán. Panel IV.

No concello de Campo Lameiro podemos sinalar varias estacións, mais cómpre referirnos pola súa similitude formal e tamén pola súa situación a gran altitude á estación 2 da paraxe do Chan da Carballeira en Morillas. Aínda que menos coñecida que a estación 1 (a estación da escena de monta), nesta segunda estación figura un panel con tres cérvidos a diferente altura e tamén orientados de esquerda a dereita. Todos posúen características semellantes pero o cervo central conta cunhas dimensións e formas case idénticas ó cervo do Petróglifo do Chan das Lamas. A diferencia principal é que neste caso sí conta cunha gran cornamenta.

Chan da Carballeira. Imaxe e fotogrametría

Tamén neste concello de Campo Lameiro débese destacar o gran cervo das Pedreiras na parroquia de Paredes, ó Sul dos límites do PAAR, aínda que fora do itinerario visitable. As súas dimensións son case idénticas (85 cm de longo) e tamén figura como o único zoomorfo no panel. A forma voluminosa dos cuartos traseiros, con ese pequeno trazo recto antes da pequena cola, e a disposición adiantada das extremidades, coincide coa figura do Chan das Lamas aínda que neste caso volve a representarse un gran cervo macho lanzado.

Petróglifo das Pedreiras – Paredes

Unha factura tamén moi similar (quizais da mesma autoría) ao cervo da estación da Pedra Furada que sí figura no circuito da área arqueolóxica. Descoñecemos as causas polas que esta excepcional estación descuberta hai só uns anos carece das mesmas medidas de protección que o resto das estacións situadas na área visitable.

Petróglifo das Pedreiras. Fotogrametría

Interpretación

Desafortunadamente descoñecemos o significado real deste grande cérvido, máis consideramos evidente a súa interpretación en relación coa paisaxe da súa contorna e coas actividades das comunidades que o gravaron. O Chan de Lamas foi e segue sendo un espazo acaído para o tránsito natural e o agrupamento dos animais salvaxes, unha chaira ampla con mananciais e pasteiros fértiles idóneos para a cría dos animais. Sería lóxico que estes animais se concentraran nestas chairas altas. Podemos, por tanto, interpretar o gravado como un fito delimitador desta zona onde tería lugar o seguimento, caza ou agrupamento dos animais salvaxes.

Chan de Lamas desde o petróglifo da Pena do Cerval.

O arqueólogo M. Santos Estévez (2014), nun artigo que versa sobre a posible asociación entre os curros e os petróglifos, considera que nestas brañas superiores tería lugar o primeiro agrupamento das greas de cabalos salvaxes antes da súa condución cara unha segunda zona de brañas nunha cota inferior onde se separarían os machos antes de ser conducidos ós curros.

Chan de Lamas. Panel 1

A súa teoría apoiase na presenza de numerosos e relevantes petróglifos preto de diferentes curros tradicionais en distintas zonas do territorio galego. Neste sentido, o novo petróglifo do Chan de Lamas e o petróglifo da Pedra Follada no Barbanza, con características parellas en relación ao seu emprazamento e ambos en zonas de tradición de curros, avaliarían a súa hipótese.

Porén, é evidente que a principal diferenza entre os petróglifos e os curros son os animais que protagonizan as escenas. Neste sentido argumenta a posible substitución do cervo polo cabalo, “animais de gran afinidade semántica” un feito que segundo o autor caracteriza “ás artes plásticas da Idade do Ferro Europeo”. Ó respecto podemos engadir a curiosa aparición de certos cervos montados en diferentes estacións situados polo territorio galego como o Petróglifo do Río Angueira 2 (Teo), As Martizas (Campo Lameiro) e Nabal do Martiño (Pontecaldelas).

Solpor no Chan de Lamas

Unha teoría interesante, debemos tomala con cautela, e que podemos relacionar coa intensificación das actividades pastorís na transición da Idade do Bronce ó Ferro. Neste sentido, ábrese unha posible liña de investigación futura da probable relación entre os petróglifos do Chan de Lamas e a tradición do Curro de Sabucedo situado a menos de 4 quilómetros.

Agradecementos

O colectivo A Rula quere parabenizar á Asociación Codeseda Viva polo excepcional achado, en especial o seu descubridor Jorge Fernández, e agradecer a confianza depositada na Rula para a realización desta primeira análise do petróglifo do Chan de Lamas que agardemos desperte o interese das administracións públicas competentes e axilice os trámites para a súa catalogación e posterior valorización social.

Notas

[1] Informe realizado ao respecto dos traballos de “Inventario, catalogación e proposta de delimitación planimétrica dos petroglifos inéditos localizados na comarca de Santiago de Compostela” localizados polo Colectivo A Rula (Nov-Dec. 2016).

[2] Bouza Brey, F. “Grabado rupestre del Castro de Codeseda”. Boletín de la Real Academia Gallega. T. 23, núm. 265 (1942). P. 6-10.

[3] https://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2018/06/30/pedrafita-codeseda-e-petroglifo-quireza/1920486.html

[4] Concretamente polas parroquias de Codeseda, Souto, Ribela e Sabucedo. 

[5] Situado na parroquia de Souto.

Bibliografía.

  • Bouza Brey, F. “Grabado rupestre del Castro de Codeseda”. Boletín de la Real Academia Gallega. T. 23, núm. 265 (1942). P. 6-10.
  • Fernández Castro. J.A. “Gravados Rupestres na Estrada: da Idade do Bronce aos nosos días”. Revista Miscelanea, 2011. p. 211-232
  • Santos Estévez, M. “Curros na Idade do Ferro? Unha proposta etnoarqueolóxica”, Revista Fol de Veneno, 2014, p 135-145
  • Vázquez Varela, J.M. “A domesticación dende unha perspectiva etnoarqueolóxica: os cabalos de monte do curro de Sabucedo”. Revista Gallaecia núm. 25, 2005. USC. p. 445-455
  • Vila, M. C. et al. “Inventario, catalogación e proposta de delimitación planimétrica dos petróglifos inéditos na comarca de Compostela”. Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.Nov-Dec. 2016.
  • Catálogo de Bens Arqueolóxicos do PXOM da Estrada, Xullo 2013 (Visier Arquitectos, S.L.P.)

Visita á Devesa da Rula cos nenos de 3º do CEIP de Roxos. 2018


Convencidos de que o futuro está nas mans dos nenos, aceptamos un ano máis a petición dos profesores da Escola de Primaria de Roxos para acompañalos ao núcleo central da Arte Rupestre Compostelá: O Val de Villestro. e quedamos citados para a mañá do luns 18 de xullo.

Desprovistos do cinismo e desilusión que moitos adultos acumulamos ao longo dos anos, a totalidade dos 35 nenos dos dous grupos de 3º de primaria que nos acompañaron mostraron un interese, ilusión e, sobre todo, un espírito de aprender formidable, algo que nos debería inspirar a todos, ou, coma mínimo, facernos pensar.

En resposta ás grazas dos entusiastas profesores da escola que nos acompañaron na viaxe pola, segundo eles, ‘mostra desinteresada que lles ofrecemos’, debemos sempre insistir en algo que moitos educadores, titores e país aínda non teñen moi claro: que o que nós achegamos aos nenos é o de menos, e que o que máis importa é o que eles nos achegan a nós, o que eles sempre nos ensinan, todo aquilo que imos perdendo ao longo do tempo e, seguramente por debilidade, non sabemos, non podemos ou non queremos recuperar.

Esta excursión iniciámola ás portas do val, moi preto da escola de Roxos, que ten o privilexio de estar situada mirando cara montañas cheas de gravados rupestres que delimitan o val de Villestro. Importante era poñer en contexto a situación dentro do territorio, do país e do planeta.

Moitos nenos van de casa á escola en coche e non saben que o máis prezado e valioso que existe é todo aquilo que lles rodea, precisamente o que nunca se paran a ver porque sempre imos ‘sen tempo’. Non é misterio ningún que esta disociación entre o ser humano e a terra onde vive e que lle da sustento, é o cancro do noso tempo.

Provistos dun pequeno mapa do val, cada nena e neno, co mapa ben agarradiño nunha man, tivo que guiarse cara ó monte na procura deses misteriosos debuxos, círculos e marcas gravadas polos nosos antepasados na pedra hai moitos moitos anos…

O plan, orixinalmente, consistía en visitar 7 estacións de arte rupestre, por ser este un número clave na mitoloxía antiga, aínda que despois ampliamos a visita a algúns outros paneis próximos, en resposta ao interese que mostraron os nosos pequenos (pero moi grandes) acompañantes.

O primeiro que fixemos foi marcar o primeiro petróglifo que debian atopar nos seus mapas. Tamén decidimos depositar previamente ‘pequenas ofrendas’ nas coviñas principais dos paneis (unhas diminutas gomas de borrar de cores e formas diversas). Algún neno despois preguntounos se algún de nos ‘deixaramos antes eses regalos’ alí nas coviñas. Non sendo capaz de romper esa ilusión primixenia e chea de todas as forzas da vida e do mundo… dixenlle que ‘eu non sabía’.

Unha vez atopada a ‘entrada’ desde a pista, os nenos atravesaron a vexetación coma  pequenas lebres liberadas de algún maleficio que non comprendemos, co único obxectivo de atopar a ofrenda dentro da coviña dentro daqueles círculos prehistóricos. Un berro: ‘aquiiii!!’ daba a pista aos demais de que a ‘ofrenda’ xa tiña sido atopada.

Despois de situarnos ao redor dos paneis, mollamos con sprays de auga a rocha e situámonos mirando cara ao sol para deixar que os deseños se revelasen, que pola súa erosión tras miles de anos, tan difíciles son de contemplar co sol alto no ceo.

Pasamos polos Valados, Agro do Campo, visitamos a Moura -deitada no seu soño eterno de pedra ao carón do Camino de Fisterra- falamos da viaxe cara a fin do mundo, aprendemos de cogomelos e flora e subimos monte arriba ata a paraxe dos Cortellos.

Incluso escoitamos, totalmente improvisadas, as protestas dalgúns nenos (‘odio os eucaliptos!!’) cando pasamos polo deteriorado entorno de toda esta zona –  produto das continuas feridas provocadas polos terribles lumes de anos anteriores, xa case habituais e cada vez máis voraces, nos veráns de todo Portugal e Galicia, debido ao rápido (e inesperado para algúns) quecemento do planeta, e tamén debido as especies pirófitas que, sen sentido nin orde ningún, e en total contradición co cambio climático, colonizan cada vez mais gran parte do rural de Galicia.

Os comentarios dos nenos, obviamente derivados das conversas que escoitan nas súas casas, son tamén puro reflexo do rexeitamento que está a causar na sociedade actual un sistema económico que quere converter todo o rural nunha xigantesca explotación madeireira sen importarlle o futuro medio-ambiental nin os restos do pasado que se agochan nel. E, por suposto, importa o presente soamente no sentido dos escasos beneficios económicos que aporta a uns poucos, pero que todos pagamos coa destrución do noso patrimonio e da nosa natureza.

A visita rematou no alto da Devesa da Rula, nos Cortellos, desde onde divisamos e saudamos ao Pico Sacro e ao Monte Pedroso antes de iniciar o descenso  e despedirnos na vella ponte de Brea que viu pasar a tantos peregrinos. Os nenos marcharon con algúns recordos do Colectivo (adhesivos varios con petróglifos) pero, como dixo unha nena habilmente, ‘a min me gustaron moito os regaliños pero o que a min máis me gustou foi a experiencia que tiven’. De novo, os nenos e nenas ensinándonos o que os adultos a miúdo esquecemos. Desde aquí, as nosas grazas a todas as nenas e nenos de 3º da Escola de Primaria de Villestro e aos seus mestres.

Os Petróglifos de Mallos en Santa María de Teo.


Situación.

A estación de arte rupestre coñecida baixo as denominacións de “Laxe da Estivada de Abaixo”, “Laxe da Estivada de Mallos”, “Laxe de Abaixo” ou simplemente “Petróglifo de Mallos”, emprázase no lugar de Mallos na parroquia de Santa María de Teo, coordenadas UTM: 29 T 539261 4733831 [1] e a unha altura de 83 m.s.n.m.

Figura no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia co código GA15082071 e está incluída na relación de bens patrimoniais protexidos polo actual inventario do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Teo.

Localízase nunha ladeira de suave pendente orientada ao sur/surleste e agochada no medio dun piñeiral do monte de Mallos, moi preto do río Ulla, nas terras máis baixas do val de uso tradicionalmente agrícola na contorna inmediata da aldea.

É esta unha situación pouco habitual entre os petróglifos do Grupo Galaico de Arte Rupestre da Comarca de Santiago, tanto pola súa localización a baixa altitude como pola súa proximidade ao río Ulla (a menos de 500 metros), e tamén pola ampla distancia que o separa das outras estacións rupestres do Concello de Teo coñecidas (as máis próximas atópanse a máis de 5 quilómetros no Monte Piquiño en Luou).

Plano de situación dos petróglifos do concello de Teo

Agás da nova estación localizada na paraxe do Pouso (que analizaremos na segunda parte da entrada), non temos coñecemento doutros xacementos ou achados arqueolóxicos catalogados na súa contorna inmediata nesta ribeira teense.

Plano de situación na ficha do PXOM de Teo do ano 2010

A ruta aos dous petroglifos no noso wikiloc: https://es.wikiloc.com/rutas-a-pie/petroglifos-de-mallos-24290095

1. A Laxe da Estivada de Mallos no tempo.

A estación rupestre da “Estivada de Abaixo” é, despois dos gravados de Ventosa en Ames [2] (debuxados polo magnífico Henrique Campo Sobrino no ano 1909) un dos primeiros petróglifos estudados na comarca de Santiago, sendo publicada por vez primeira no ano 1947[3] polo arqueólogo Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza.

Ramón sobrino Lorenzo-Ruza. Localización descoñecida. Fondo Núñez-Sobrino (Arquivo Municipal de Teo).

Mais, como o propio autor sinala na súa publicación[4], en realidade as primeiras referencias relativas á laxe datan do ano 1930 cando o arquiveiro da Catedral de Santiago, Juan Pérez Millán, comunica ao pai do autor, o tamén arqueólogo Ramón Sobrino Buhigas a existencia desta estación. De feito, compre indicar que a estación de Mallos xa figura citada no Corpus Petroglyphorum Gallaeciae no epígrafe introdutorio onde sinala:

“el doctor Pérez Millán, profesor de Filosofía y letras en esta ciudad de Santiago, nos comunicó, el día tres de agosto de este año, el descubrimiento de otras estaciones de petroglifos en la parroquia de Teo, cerca de Pontevea”.

Desta cita debemos subliñar o feito de que fala de varias estacións cando posteriormente só figura unha no artigo de Sobrino Lorenzo, a Laxe da Estivada de Abaixo. Curiosamente, e por atoparse ao sur da provincia da Coruña, son os únicos gravados desta provincia que figuran no plano de situación que inclúe a última lámina do famoso Corpus. [5]

1935. R. Sobrino Buhigas. Plano de situación dos gravados do Corpus.

Foi deste xeito como J. Pérez Millán, con lazos familiares na parroquia de Santa María de Teo, posibilitou este primeiro achegamento á laxe de Mallos. Tratábase dun dos ilustres persoeiros da Compostela do momento que figuraban entre o amplo elenco de amizades da familia Sobrino.

Mestre na Universidade de Santiago e do tamén compostelán Colexio Manuel Peleteiro foi un dos chamados “custodios do Códice Calixtino” e considerado, xa no seu tempo, unha eminencia no campo da paleografía e da arquivística. Prolixo conferenciante e experto en temas tan “particulares” como a historia do calendario ou a figura do faraón exipcio Tutankhamon rematou a súa vida profesional afectado por unha grave enfermidade mental que o levou a considerar o Arquivo da Catedral como da súa propiedade, chegando mesmo a subliñar e comentar a lapis o propio Códice Calixtino e outros códices medievais.

Fotografía aérea do voo americano do ano 1956.

Só uns meses despois do achado do Petróglifo do Castriño de Conxo, Sobrino Lorenzo realiza, seguindo as suxestións do seu pai, a súa primeira visita a Mallos. Na compaña do seu incansable colega e guía de expedicións polos montes de Teo, Adolfo Calvo (practicante municipal e veciño de Luou) achéganse ese ano por primeira vez ó petróglifo da Laxe da Estivada de Abaixo, visita que repetiran asiduamente en sucesivos anos, tal é como reflicten as notas do seu interesante diario persoal publicadas por Ángel Núñez Sobrino. [6]

1947. Adolfo Calvo en Mallos. Fotografía de Ramón Sobrino Lorenzo. Fondo Núñez-Sobrino (Arquivo Municipal de Teo).

Na súa publicación, Sobrino Lorenzo sinala a presenza de:

“círculos concéntricos con cazoletas y líneas radiales, puntos y cruciformes”. Gravados realizados con “surcos, obtenidos por frotamiento continuo sobre el granito, con forma en U muy abierta, de fondo y bordes redondeados”.

O estudo inclúe dúas fotografías da laxe e un interesante deseño das formas e distribución dos motivos nos distintos paneis do petroglifo:

“después de dibujados con signos con tiza, con objeto de hacerlos patentes, obtuvimos, mediante un cuadriculado hecho directamente sobre la misma peña y en papel milimetrado, un dibujo a escala de los grabados, obteniendo a continuación las dos fotografías que publicamos, en una de las cuales se ve este cuadriculado, ilustrándose también en este artículo con el dibujo a escala obtenido”.

1947. R.Sobrino Lorenzo-Ruza. Deseño inicial a lapis dos motivos da Laxe da Estivada. Fondo Núñez-Sobrino (Arquivo Municipal de Teo).

O arquivo familiar Sobrino – Núñez que custodia o seu sobriño, Ángel Núñez Sobrino, conserva estes e outros debuxos e fotografías realizados polo arqueólogo nas diferentes visitas, nas que quedan patentes o rigor e meticulosidade do autor no proceso de documentación e rexistro dos gravados, dende o inicial traballo de campo ata o posterior estudo no seu gabinete.

1947. R.Sobrino Lorenzo-Ruza. Deseño final a tinta dos motivos da Laxe da Estivada. Fondo Núñez-Sobrino (Arquivo Municipal de Teo).

Sobrino Lorenzo subliña as similitudes existentes entre estes gravados de Mallos e os petróglifos do occidente europeo, máis concretamente da Europa atlántica (Irlanda, Escocia, Escandinavia e Inglaterra principalmente). Por outra banda indica a realización con ferramentas metálicas e xa en época histórica dunha das cruces da laxe, a situada sobre a combinación circular de maior tamaño e destaca o feito de que:

“estos cruciformes […] son hechos en épocas antiguas, pero ya históricas, con un fin de cristianización de lugares considerados como de cultos paganos”.

Remata a descrición da laxe aludindo á curiosa disposición das coviñas da zona superior (ao que nós denominamos panel 1) que, ao seu parecer, semellan representar algunha forma antropomorfa, idea que finalmente desbota, facendo unha interesante crítica aos perigos que poden producir o feito de achegarse a estas manifestacións artísticas con ideas preconcibidas dende o presente.

1947. R. Sobrino Lorenzo. Panel 1. Fondo Núñez-Sobrino (Arquivo Municipal de Teo).

Despois da atención prestada por estes autores ó xacemento, incomprensiblemente durante un prolongado período de tempo a estación permaneceu oculta pola densa vexetación ficando case esquecida para a comunidade científica, e incluso levou a algúns investigadores a considerala desaparecida, como así o recolle María Jesús Soto Barreiro na súa tese doutoral do ano 1986 onde sinala:

“R. Sobrino Lorenzo – Ruza dará a conocer en 1947 un estudio parcial sobre los petróglifos de los Mallos con una sucinta reseña que caerá en el olvido no pudiendo ser localizado posteriormente”. [7]

1947. R. Sobrino Lorenzo. Panel 2. Fondo Núñez-Sobrino (Arquivo Municipal de Teo).

A seguinte referencia á laxe é a sinalada polo arqueólogo Manuel Lestón, quen para a elaboración do catálogo arqueolóxico do PXOM de Teo [8], no ano 2001, localiza só unha parte da laxe entre a vexetación e realiza unha pequena descrición apoiándose no sinalado por Sobrino Lorenzo.

Lestón describe os motivos do seguinte xeito:

“na parte superior da laxe pode observarse unha combinación circular composta por 2 círculos concéntricos con cazoleta central, de aproximadamente 22 cm. de diámetro, e ó sueste desta hai 8 cazoletas de pequenas dimensións. Na parte inferior da laxe obsérvase unha gran combinación circular, moi mal conservada debido a que se encontra na zona empregada polos rapaces para escorregar, e nas súas proximidades 2 pequenas cazoletas, e 2 cruces modernas”.

Camiño de acceso á fraga

Xa no ano 2008 edítase a primeira guía dos petróglifos do Concello de Teo elaborada polo grupo Ollarte, un grupo de mozos e mozas de posgrao da Universidade de Santiago, que realizou unha completa labor de baleirado das fontes e do inventario dos petróglifos coñecidos ata ese momento. Na ficha dedicada ao petróglifo de Mallos seguen a descrición anteriormente citada de Manuel Lestón.

Non foi ata o ano 2012 cando o Concello de Teo, con motivo da realización dunha andaina pola beira do río Ulla [9], limpa e acondiciona o acceso á laxe logo de permanecer varias décadas entre os toxos e as matogueiras. Preto de 60 participantes [10] asistiron á primeira visita guiada a estación realizada polos técnicos municipais e membros que hoxe integran o Colectivo A Rula.

Visita ó xacemento na ruta Goza do Ulla 2012. Arquivo Municipal de Teo

Esta iniciativa permitiu que na actualidade a laxe poida ser visitada con certa comodidade pois o concello realiza limpezas periódicas na súa contorna e no camiño de acceso. Agardemos tamén que en breve se instalen carteis de sinalización e informativos na zona para facilitar á localización e interpretación dos gravados ós visitantes.

1.1 O interese suscitado no Colectivo.

O interese que suscitou o petróglifo no Colectivo da Rula, logo da ruta realizada polo Concello, animounos a realizar varias visitas ao petróglifo para seguir indagando sobre esta interesante estación da beira teense do Ulla e iniciar deste modo o seu estudo. O obxectivo final era analizar ó pormenor o grao de conservación dos gravados xa estudados previamente, así como o de achegar unha descrición o máis completa posible dos novos motivos localizados.

Mapa localización dos xacementos de Mallos

1.2 Mallos, un enclave histórico á beira do Ulla.

Iniciamos a análise histórica destas paraxes da bacía do Ulla baleirando as vellas fontes bibliográficas e documentais para deste modo tratar de coñecer un pouco mellor a historia e contexto do lugar onde se atopa o petróglifo. Curiosamente volvémonos atopar con outro ilustre arquiveiro da Catedral, Antonio López Ferreiro, quen na súa “Historia de la Santa Apostólica Metropolitana Iglesia de Santiago de Compostela” do ano 1899 sinala que:

“en los confínes de la parroquia de Trobe con la de Teo, en el lugar de Mallos, hubo una iglesia dedicada a San Paio, que a principios del siglo XIV aún era parroquial. Es probable que esta iglesia date de los tiempos próximos al martirio de San Payo”. [11]

Localización das estacións e camiños antigos. IGN – ca.1940

Segundo os nosos informantes de Mallos, nos anos cincuenta do pasado século aínda quedaban restos desta antiga igrexa, hoxe desaparecida, nun lugar próximo situado a tan só 200 metros ao suroeste da Estivada de Mallos. Segundo Antonio Maceira Gago [12], foi neste lugar de Mallos onde residiron, a principios do século X, os pais do neno Paio, sobriños do Bispo Nausto que vivía á súa vez no veciño lugar de Trobe. O propio López Ferreiro sinala na súa obra como algúns dos bispos que tiñan:

“sus sedes en países dominados por los árabes, se refugiaron en la diócesis compostelana”.

Mais estes bispos refuxiados na diocese compostelá non se detiveron en Iria, senón que se asentaron en varias “granxas ou distritos” do interior do val na procura de maior seguridade. Nausto fica deste xeito en Trobe (no actual concello de Vedra), nun dos pequenos cenobios que existían na bacía do Ulla.

Na igrexa parroquial de Santo André de Trobe, situada a quilómetro e medio de Mallos, aínda hoxe se conserva a súa lauda sepulcral encaixada nunha parede interior da igrexa, e onde se pode ler unha inscrición [13] na que se eloxian as virtudes do prelado ao longo do seu periplo vital e que Fermín Bouza Brey considera

“por su ornamentación y sus caracteres epigráficos como la que mejor acusa el mozarabismo en Galicia bajo la influencia de lo mozárabe leones”. [14]

Sartego do bispo Nausto

Segundo López Ferreiro é de supoñer:

“que asistiesen a los funerales de su entierro [15] en Trobe, sus sobrinos Hemogio, que al poco tiempo fue Obispo en Tuy, y los padres del santo niño Pelayo (que lembremos residían en Mallos), mártir en Córdoba, que a la sazón contaría cinco ó seis años”. [16]

Ficha do sartego na Biblioteca Dixital Cervantes

Por outra banda, esta zona foi tamén un enclave relevante e estratéxico para o control do río Ulla para os Arcebispos de Compostela. Varios investigadores [17] (Antonio López Ferreiro, Pedro Varela Castro, Manuel Reimóndez Portela, Henrique Neira, Andrés Tarrío Barreiro, Manuel Gago, etc) sitúan na marxe estradense do Ulla, ó carón da Carballeira do Vao no lugar de Cora, o coñecido “Castelo da Insua” ou “Torre da Insua de Vea”. Trátase dunha fortificación documentada xa no século XIV que pertenceu á Mitra Compostelá mais foi cedida em varias ocasións, ao longo do tempo, a diferentes casas nobiliarias do val da Ulla.

Formaba parte dun antigo sistema de defensa e control do río (no que tamén figuraban outras casas – fortes como a Torre da Barreira ou a Torre do Maíndo), no que

“os sucesivos arcebispos nomeaban os casteleiros da torre, que directamente eles mesmos ou indirectamente a través dun terceiro se deberían dedicar, xunto cos homes baixo o seu mando, a garanti-la seguridade da zona de influencia da torre e en especial dos camiños e pontes máis próximos a ela, facilitando a circulación de persoas e bens cara a Santiago e dende alá cara a outros lugares e protexéndoos de eventuais bandidos”,

segundo nos relatan os investigadores Henrique Neira o e o finado Andrés Tarrío nun artigo publicado na revista “A Estrada. Miscelánea Histórica e Cultural“. É iste un  interesante estudo que da conta dos diferentes enfrontamentos e litixios entre os nobres que exercían de “casteleiros” do señorío da Torre da Insúa e os Arcebispos de Compostela polo control da mesma.

Imos só destacar o primeiro dos enfrontamentos no que o propio arcebispo Santiago Lope de Mendoza achégase á casa forte da Insua para recuperar a autoridade sobre a mesma, enfrontándose ós Núñez de Isorna que desobedeceran as súas ordes. O arcebispo aproxímase co seu exército precisamente dende os campos de Mallos, onde lembremos estaría a antiga igrexa parroquial situada a escasos metros ó norte da Insua. Iníciase entón a dura loita no que as “hostes” do arcebispo son atacadas con artillería “con tronos et con bonbardos et con uiratones” dende a Torre.

Estes enfrontamentos repetiranse ó longo do s. XV ata a destrución do castelo polos irmandiños, logo de resistir un heroico asedio durante varias semanas.
A última referencia ao Castelo procede do romántico e misterioso relato do escritor Barcia Caballero que recolle o xornal “El Heraldo Gallego” o 30 de abril de 1879,

“corrían acerca de esta torre los más estraños relatos; haciendo subir su antigüedad a una fecha fabulosa y atribuyéndole extravagantes orígenes”.

Na actualidade esta ribeira teense conta cun importante arboredo protexido entre as aldeas de Agromaior e a contorna de Mallos, conformando un espazo natural privilexiado que comeza no linde mesmo do Concello de Vedra na foz do río Pereiro no Ulla logo de pasar pola ponte da Dorna, un enclave onde aínda hoxe se conservan as ruínas de centenarios muíños na paraxe que foi escenario das vivencias do último barqueiro teense, José Rial, veciño de Mallos.

2. Descrición da estación.

E é aquí, neste importante enclave histórico e natural, onde se localiza esta interesante estación de arte rupestre ó ar libre. O seu estudo permitiunos constatar que se trata dun dos petróglifos máis interesantes e con maior número de motivos insculturados do Concello de Teo, xunto ós xacementos xa máis coñecidos da Pedra Bicuda de Loureiro (na parroquia de Luou) e Río Angueira en Cornide (na parroquia de Calo).

É un pequeno milagre que na actualidade se conserve este conxunto se temos en conta a súa situación, moi preto da aldea e rodeado de terras de intensa actividade agrícola [18], gandeira e forestal (nas últimas décadas), que veñen soportando unha forte presión antrópica sobre o medio natural nunha zona moi afectada polo minifundismo que caracteriza estas paraxes da ribeira teense.

Plano da división parcelaria e localización dos xacementos

Descrición do soporte.

O afloramento rochoso no que se atopan os gravados sitúase nun suave desnivel orientado cara ao surleste, nunha zona inicial da pendente que progresivamente descende cara o Ulla.

Ao carón da laxe situábase, ata hai uns anos, un enorme piñeiro manso que empregaban os veciños como referencia para a súa localización. Unha gran tormenta derrubouno hai uns doce anos e hoxe aínda permanecen no lugar os restos da súa gran “cachopa”.

Trátase dunha laxe granítica de boas dimensións, de gran fino que presenta unha forma bastante irregular que se adapta á pendente do terreo, apenas sobresaíndo sobre o nivel do chan no seu extremo sur e algo máis no extremo noroeste onde chega a alcanzar case un metro de altura (0,93 cm). Conta cunhas dimensións de 8,08 x 4,98 m.

A parte inferior da laxe semella ter continuidade baixo a camada de terra vexetal polo que non podemos desbotar a posible presenza doutros motivos aínda soterrados.

Co obxecto de facilitar a descrición do conxunto e seguindo as características morfolóxicas da laxe e a propia descrición xa realizada por Sobrino Lorenzo, dividiremos o afloramento en dous paneis principais. O Panel 1 na zona NO, e o Panel 2 na S – SL.

Panel 1. O situado máis ao norte é a parte do afloramento que máis sobresae sobre o nivel do terreo. Pese a súa irregularidade presenta superficies con tendencia á horizontalidade, mais pouco uniformes, divididas en tres partes por diáclases de considerable profundidade e largura. De estas superficies divididas por tres fracturas naturais a situada máis ó sur presenta unha superficie máis convexa, característica esta que aproveitou o gravador. As outras dúas superficies son de menores dimensións e maior horizontalidade. As superficies máis verticais orientadas cara o leste tamén foron utilizadas para gravar algúns motivos.

Mallos, panel 1

Panel 2. Presenta unha superficie máis regular e menor altura que a do panel anterior, e unha moderada inclinación seguindo o sentido do terreo. A zona central, onde se atopa o motivo principal, é a superficie mais regular, en tanto que nos bordes oeste, norte e leste a superficie tórnase máis irregular.

As superficies máis erosionadas, en boa medida por procesos de meteorización, son precisamente as pequenas protuberancias que se concentran nos bordos laterais en ambos paneis e tamén no sector central do afloramento.

Estes sectores teñen tamén unha cor moi clara, case branca, que posiblemente está indicando unha maior presenza de seixo. Nestas superficies hai pouca presenza de liques e musgos, ó contrario do que sucede coas superficies máis regulares, como son a parte superior do panel 1 e o sector central do panel 2 inclinado, que presentan cores máis escuras e abondosos liques e musgos.

Panel 2. Sector central

2.1 Descrición dos motivos.

A observación do afloramento baixo diferentes condicións, con luz natural e artificial, en mollado e en seco, a distintas horas do día e tamén de noite, e a través dos diferentes modelos de fotogrametría dixital realizados, revelounos a presenza de numerosos gravados en boa parte da superficie da laxe, na súa maior parte motivos de tipo xeométrico con sucos abertos en U e bordes redondeados, xunto á presenza de cruciformes e outros motivos con sucos en V con bordes de arestas vivas.

Panel 1.

Na parte superior, a zona máis ó norte, figura un conxunto de coviñas de diferentes formas e tamaños, un total de 14 (12 de forma circular e 2 de forma alongada), agrupadas entorno a un cazoleta de maior tamaño e de forma elíptica (18 cm de longo). Unha agrupación de coviñas que se estenden o longo duns 80 cm de longo por 60 cm de ancho.

Fotogrametría do panel 1 con lenda

As coviñas de forma circular oscilan dos 14 ós 5 cm. de diámetro cunha profundidade media duns 2 cm. Existen outras 5 coviñas illadas fora desta agrupación e unha pequena cruz (18 x 16 cm) ó norte situada á rentes do chan de suco ancho con 3 coviñas nos extremos de 3 dos seus brazos.

Varias coviñas do grupo sinalado comunícanse entre si por medio de pequenos sucos lineais, destacando unha pequena agrupación de catro coviñas unidas formando unha pequena cruz. Esta zona do panel 1 foi na que Sobrino Lorenzo comentaba, de xeito xocoso, que lle lembraba á forma dun rostro ou cara

“con ojos, naríz, patilla en lado derecho y un adorno como un sombrero, con dos palos o plumas salientes”.

Pormenor do Panel 1

Á marxe das coviñas e cazoletas completan este primeiro panel 6 combinacións de círculos concéntricos, varias situadas nos “petóns” ou protuberancias da laxe. Dúas delas situadas na zona máis elevada do panel foran xa identificadas no seu día por Sobrino Lorenzo e son as que teñen un mellor estado de conservación. Trátase dunha primeira combinación de 30 cm. con 3 aneis e coviña central con radio de saída cara o sur (número 1) e unha segunda combinación circular de 14 cm. formada por dous aneis e coviña central (número 2) de onde parte outro suco que enlaza co radio de saída da primeira combinación.

Panel 1. Combinación número 5

Unha diáclase que percorre esta parte central do panel divide esta zona coa parte leste da rocha onde figuran tres novas combinacións de pequeno tamaño (12, 10 e 9 cm. de diametro respectivamente) formadas unicamente por dous aneis e coviña central (números 3 e 4(2)). Dúas das combinacións figuran unidas por un suco. Finalmente no eixo central entre dúas liñas de fractura figuran 3 cazoletas illadas, unha pequena combinación de dobre anel (número 5) e coviña central situada o carón da diáclase (8 cm), e posibles restos doutras combinacións incompletas (número 6) practicamente inapreciables polo elevado grado de erosión que presenta esta parte do penedo.

Panel 1. Fotogrametría

Panel 2.

No segundo panel rexistramos ata 6 combinacións moi erosionadas ó localizarse na zona empregada polos rapaces da aldea para escorregar a xeito de tobogán e nos petóns laterais tamén moi degradados a causa da erosión natural. Tamén figuran varias cruces e outros motivos históricos de difícil interpretación.

Panel 2. Fotogrametría con lendas

Preside este panel a combinación de círculos concéntricos (número 1) emprazada na parte central que é a de maior tamaño de todo o xacemento (50 cm.), posúe 5 aneis moi erosionados (os dous exteriores incompletos) con coviña central. Un motivo que figura tamén nos diferentes deseños realizados por Sobrino Lorenzo.

Panel 2. Vista xeral

No bordo superior da combinación aparece unha cruz histórica (letra A) e unha aspa (X) sobreposta no centro, ambas realizadas cunha ferramenta metálica e insculturadas sobre o motivo prehistórico. Xusto encima da cruz e baixo tres coviñas que forman un triangulo contemplamos outros símbolos de reducido tamaño (letra C), un pequeno rombo (◊) e unha posible cruz grega.

Panel 2. Detalle do cruciforme central

Na parte superior do Panel, ó norte, figuran restos de tres combinacións (números 2, 3 e 4) practicamente imperceptibles pola forte degradación que sofre a rocha. Están situadas case nunha disposición horizontal e en paralelo sendo a de maior tamaño a situada no centro duns 35 cm de diámetro e 2 aneis (Falta segunda foto coas lendas). As outras combinacións de 11 e 10 cm (tamén moi deterioradas) sitúanse á esquerda e dereita da combinación de maior tamaño e posúen 2 e 3 aneis respectivamente, ambas con coviña central.

Panel 2. Zona superior

Os modelos fotogramétricos confirmaron a existencia dos gravados que logramos localizar nunha das visitas nocturnas ó xacemento. Xusto na parte inferior desta combinación central figuran dúas cruces (B) tamén históricas (unha delas moi parecida a cruz do sector central) e media ducia de pequenas coviñas sen orde aparente. O repertorio de motivos históricos complétase cunha nova cruz aillada (17 x 19 cm) na zona lateral ó NO deste segundo panel (foto).

Panel 2. Pormenor

No bordo leste da rocha existen dous círculos (número 5) formando una especie de oito (∞), elaboradas cun suco fino, probablemente sexan coetáneos os outros gravados históricos. No interior dun deles hai gravada outra pequena cruz. (Ver foto)

Finalmente no extremo inferior da rocha, ó Sur, consérvase un anel circular duns 20 cm de diámetro (restos dunha combinación?) e, no lateral oeste, unha última combinación (número 6) conformada por 3 aneis. Ambas foron gravadas aproveitando as protuberancias naturais de dous petóns da laxe.

Panel 2. Petón (número 6)

2.2 Tipoloxía dos motivos.

Motivos xeométricos ou abstractos.

Combinacións circulares. En canto ás combinacións circulares das 3 combinacións xa sinaladas por Sobrino e Lestón pasariamos a falar de 12 combinacións circulares de diferente tamaño e tipoloxía, que van dende os círculos simples ata as combinacións de cinco aneis concéntricos, con coviña central na maioría dos casos.

Panel 1.

Unha das características de boa parte destas combinacións circulares é a da súa adaptación á morfoloxía da laxe, as combinacións circulares acomódanse ás protuberancias naturais do afloramento granítico.

Panel 2. Zona inferior

É este un aspecto que tamén caracteriza a outros petróglifos da comarca, como acontece nos petróglifos da Pedra da Nave de Mourigade en Ames, Bouza Abadín en Dodro ou O Valado 1 na Portela de Villestro en Compostela. Esta característica prodúcese en catro das combinacións circulares que son as de maior tamaño a excepción da gran combinación central situada no panel inferior inclinado da rocha, que está gravada nunha superficie máis lisa e regular.

Panel 2. Combinación moi erosionada

Lamentablemente algunhas das combinacións atópanse moi erosionadas e son case imperceptibles nunha visita diurna ó petróglifo, incluso contando con boa luminosidade como acontece ó abrente ou no solpor.

Panel 1. Combinacións circulares con luz natural

Coviñas. Á marxe das combinacións circulares aprécianse tamén, como sinala Sobrino Lourenzo, coviñas e outros sucos e trazos moi erosionados. As coviñas ou cazoletas son de diferentes dimensións e formas, e localízanse por toda a superficie da laxe, aínda que sobresaen polo seu número as situadas na parte superior do panel 1 e na zona central do panel 2, xusto encima da combinación de maior tamaño. No panel 1 destacan as dúas cazoletas ovaladas rodeadas por un pequeno grupo de coviñas irregulares pero xa cunha tendencia máis circular. Os diámetros oscilan entre os 18 e 2 cm, e a profundidade entre os 5 e 2 cm, sendo a maioría de dimensións medias ou pequenas.

Panel 2, extremo inferior

Motivos históricos.

Cruces e outros. Motivos que podemos relacionar coa “cristianización da laxe” como sinalaba no seu día Sobrino Lorenzo, gravados elaborados cunha ferramenta metálica. Entre eles destaca unha cruz cunha aspa superposta (X) que figura ben representada no deseño do ilustre arqueólogo. É posible que se trate dunha representación arcaica dun crismón ou lábaro coa representación do monograma de cristo XP. A súa vez figuran próximos outros símbolos de pequeno tamaño de difícil interpretación (varias cruces, rombos, círculos rebaixados, etc…).

R. Sobrino Lorenzo-Ruza. Motivos do Panel 2. Cruciforme e combinación circular

Podemos constatar tamén a presenza de polo menos 4 cruces de época histórica máis  distribuídas pola superficie da rocha, e unha quinta na bordo superior da rocha, mais neste caso con sucos máis abertos e rematada en tres dos seus apéndices con pequenas coviñas. A súa localización, factura e relación con outros motivos prehistóricos dificultan a súa adscrición cronolóxica.

Panel 2. Cruciforme, coviñas e aneis

Esta tipoloxía de gravados históricos podería estar relacionada coa existencia da antiga igrexa parroquial de Mallos (situada a pouco máis de 200 m) e mesmo co xa referido pasado histórico deste enclave.

Superposición dos motivos históricos sobre os prehistóricos.
Pode constatarse en polo menos dous casos que dúas cruces se superpoñen parcialmente ás combinacións de círculos concéntricos no panel 2. O resto de motivos que pola súa factura poden ser considerados realizados en épocas históricas foron gravados en superficies “secundarias”, nos laterais dos paneis, superficies non empregadas aparentemente en época prehistórica.

2.3 Grao de conservación.

Á erosión producida polos axentes natural únese a xerada pola acción antrópica continuada ó longo do tempo. Neste senso debemos recordar que, como sinala Sobrino Lorenzo, Manolo Lestón e lembran os veciños de Mallos, a superficie da laxe foi empregada polos mozos como “pedra escorregadoira” a modo de tobogán.

Mallos. Panel 1

No Concello teense é bastante habitual atoparnos con este tipo de laxes ao longo da súa xeografía, hai laxes “escorredías, escorrédeas ou escorregadoiras” moi coñecidas polos seus veciños en Cacheiras, Luou e Teo. Laxes que constitúen todo unha referencia na paisaxe dende antigo. Incluso no propio Monte Piquiño en Luou existe na paraxe do Chan do Pouso un interesante petróglifo con interesantes aliñamentos de coviñas que os veciños denominan “A Laxe da Pena Escorredía”.

3. O petróglifo do Pouso. Unha nova estación en Mallos.

Durante o proceso de estudo do petróglifo de Mallos o pasado verán chegou ata nós a nova da posible existencia doutra estación con gravados rupestres localizada a tan só uns centos de metros de distancia da xa coñecida.

Petróglifo do Pouso. Vista xeral

Dende a vella cita de Sobrino Buhígas no corpus, que daba a entender a posible presenza de varias estacións, sospeitabamos que podería haber outras estacións en Mallos. E efectivamente, un grupo de mozos de Mallos localizou ao pé do vello camiño que dende a aldea de Mallos conducía ao río unha segunda laxe con gravados. Foi o seu propio descubridor Manuel Campos, veciño de Mallos, quen nos guiou por primeira vez ata a paraxe do Pouso, nunha primeira visita que contaba tamén coa presenza do concelleiro teense, Xurxo Francos e do técnico municipal de deportes Gonzalo Carrillo.

Logo do rexistro dos gravados procedeuse a súa catalogación realizada en colaboración coa empresa Horizonte Norte que en decembro de 2016 realizou a ficha estándar correspondente figurando con código GA15082112, agardando tamén que en breve se sume á relación de xacementos xa protexidos polo actual PXOM do Concello aprobado no ano 2010.

O Pouso. Vista xeral da laxe.

3.1 Localización e descrición do soporte.

Sitúase no medio dun camiño que atravesa o monte de Mallos non lonxe da encrucillada que conforma co sendeiro que leva á gran fraga de Agromaior. De feito unha antiga e desgastada rodeira de carro atravesa a laxe e divide en tres paneis ou sectores os diferentes gravados. O petróglifo figura na chamada paraxe do Pouso situada a uns 400 metros ao SE da Laxe da Estivada, coordenadas UTM 29 T 539614 4733603.

O Pouso, Fotogrametría

Tratase dunha laxe de gran fino de pequenas dimensións (4,16 x 1,80 m) case a rentes do chan. A súa altura máxima é 0,60 cm. Ten forma alongada no eixe leste/oeste, con unhas dimensións de 9,4 m no eixe NW-SE por 3,3 m. no eixo SW-NE. A superficie presenta unha forma irregular con tendencia á horizontalidade. Non podemos desbotar a posible continuidade do afloramento granítico por debaixo do terra, sendo posible a presenza de novos gravados aínda descoñecidos.

3.2 Descrición dos motivos.

A superficie atópase profusamente gravada concentrándose os motivos presentes en determinados sectores. Estes motivos son na súa totalidade coviñas de diferentes dimensións e formas. Contabilízanse un total de 44 coviñas (5 no sector este, 36 na zona central e 3 máis no sector oeste). As dimensións das coviñas oscilan entre os 20 cm. de diámetro da máis grande aos 3 cm. da máis pequena. En canto á profundidade varía entre os 6 e 1 cm. Presentan unha pátina regular e uniforme con bordes redondeados e moi suavizados. Completan o repertorio de gravados algúns sucos lineais (algúns con trazos perpendiculares) moi erosionados no bordo superior da laxe.

Vista xeral cenital

A distribución dos motivos transmite no espectador unha sensación de desorde, acumulándose as diferentes figuras sen orde aparente ou perceptible. Algunhas delas case unidas con escasa separación (horror vacui).

É interesante sinalar a presenza, ao igual que ocorre na estación de Mallos 1, de coviñas alongadas con forma elíptica. Feito que se repite tamén noutras estacións de arte rupestre da comarca como os petróglifos do Vilar en Ames ou Monte de San Miguel en Compostela.
Nesta laxe figuran un total de 4 coviñas ovais presentando formas bastante irregulares algunha de elas, especialmente dúas que poderían chegar a interpretarse como posibles podomorfos.

Detalle posibles podomorfos

3.3. Grao de conservación.

Podemos sinalar que, en termos xerais, o grado de conservación dos motivos é boa. Pode que a simplicidade dos motivos, que se reducen a coviñas de distintas formas, permitiu que soportaran ben os efectos erosivos dos distintos axentes presentes.

4. Cronoloxía.

Atendendo ao análise xeral dos motivos insculturados en ambas laxes obxecto de estudo podemos inscribilas dentro do denominado Estilo Atlántico datable temporalmente na Idade do Bronce, e polo tanto como pertencentes ao coñecido como Grupo Galaico de Arte Rupestre.

Petróglifo do Pouso

Non obstante, segundo a técnica de realización dos gravados temos que falar por unha banda de gravados prehistóricos que poderían terse realizados nun só momento ou ben en diversos períodos da prehistoria (sendo gravados inicialmente as combinacións que se adaptan á forma das diferentes protuberancias da laxe e posteriormente as combinacións que figuran na superficie máis lisa e regular). A diferenza doutros petróglifos da comarca non se aprecian procesos de reavivado destes motivos prehistóricos.

Por outra banda, estarían os diferentes motivos históricos (cruces de diferente formas, aspas, círculos…) realizados con ferramentas metálicas e que poderiamos datar no medievo ou xa en época Moderna, relacionados posiblemente co proceso de “cristianización” dun lugar de culto previo aínda que non podemos desbotar vinculación dalgunha cruz coa marcación de antigos lindes parroquiais ou de propiedade.

5. Conclusións.

Agardamos que ese pequeno estudo das laxes de Mallos contribúa a conservación e difusión entre a cidadanía desta importante mostra de arte rupestre prehistórico ó ar libre que presenta unhas características singulares, tanto polos diferentes gravados insculturados como pola súa situación xeográfica. Dúas laxes con morfolóxicas diferentes aínda que posúen gravados coas mesmas características.

Agradecemos finalmente aos veciños de Mallos (en especial a Manuel Campos e os propietarios da parcela da Estivada de Abaixo)e a Ramiro Viqueira (veciño de Calo) os datos achegados ó Colectivo, a súa colaboración e o interese que amosaron en manter e protexer estes interesantes bens patrimoniais ata agora case esquecidos deste recuncho da beira do Ulla, ao Concello de Teo polo labor de difusión desta importante paraxe a través das rutas realizadas e a Guillermo González Raviña por facilitarnos datos sobre a personalidade de quen foi o seu mestre, don Juan Pérez Millán.

Bibliografía.

  • Bouza Brey, Fermín. “Lauda sepulcral de Nausto Obispo de Coimbra”. Estudios sobre la monarquía asturiana, Oviedo 1971.
  • Lestón, Manuel. “Catálogo de Xacementos Arqueolóxicos do Concello de Teo”, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Xuño – Xullo, 2001 (Revisado no ano 2006). Código no catálogo: GA15082079
  • Lombao Vázquez, Diego. “Petróglifos da Comarca de Santiago”. Santiago de Compostela. 2014. Proxecto fin de Grao Inédito. Universidade de Santiago de Compostela.
  • López Ferreiro, Antonio. “Historia de la Santa Apostólica Metropolitana Iglesia de Santiago de Compostela. Santiago”, 1898-1909. Imprenta y Encuadernación del Seminario Conciliar Central. Tomos I a XI.
  • Maceira Gago, Antonio M. “O Arciprestado de Ribadulla”. Fundación Caixa Galicia. A Coruña. 2001
  • Neira Pereira, Henrique. “Vedra da prehistoria ós inicios do século XX”. Departamento de Cultura do Concello de Vedra. 2006.
  • Neira, Pereira, Henrique, “Sobre a Torre da Ínsua de Cora”, in A Estrada. Miscelánea histórica e cultural. Número 10. 2007.
  • Nota con la copia del texto de la inscrición funeraria del obispo Nausto, que fue enterrado en la iglesia de San Andrés de Trobe. Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.17??. Consulta do 28 de maio de 2013.
    http://213.0.4.19/FichaObra.html?portal=111&Ref=306614
  • Núñez Sobrino, Ángel. “Ramón Sobrino Lorenzo – Ruza (1915-1959): El trayecto vocacional de un arqueólogo”, En Pontevedra: Revista de estudos provinciais. N. 21. Deputación de Pontevedra. 2006
  • Sobrino Buhígas, Ramón. “Corpus petroglyphorum Gallaeciae”, Seminario de Estudos Galegos. 1935. Edicións do Castro. Edición facsimilar 2000.
  • Sobrino Lorenzo – Ruza. Ramón. “Un petróglifo en Mallos, Ayuntamiento de Teo (A Coruña)”. En Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo. III, p. 23-24 (1947); pp.61-64.
  • Sobrino Lorenzo – Ruza. Ramón. “Bronce Mediterráneo y Atlántico. Noticias 134, 136”. Noticiario Arqueológico Hispánico 1 (1953). p. 193-194.
  • Soto Barreiro, María José. “Los petroglifos prehistóricos de la comarca compostelana”. Santiago (tese de licenciatura inédita). Universidade de Santiago de Compostela, 1986
  • VV.AA (OLLARTE). “Os petróglifos do Concello de Teo”. Ollarte: unha mirada ao patrimonio. Ed. Concello de Teo. 2008
  • VVAA. “El municipio de Teo en Unión de Teo y Vedra”. En: Revista Unión de Teo y Vedra. Órgano oficial de las Sociedades Agrarias de Teo y Vedra (1935). N.300. p.5-30

Notas:

[1] Datum: WGS 84.
[2] Petroglifos da Peneda Negra e as Laxes do Monte Castelo.
[3] Sobrino Lorenzo – Ruza, R. “Un petroglifo en Mallos,  Ayuntamiento de Teo (La Coruña)”. Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo. III, pp. 23-24 (1947): pp. 61-64.
[4] Sobrino Lorenzo – Ruza, R. (1947). p. 61.
[5] Neste plano de situación aparece sinalizadas con tres puntos as localizacións da zona de Mallos.
[6] Núñez sobriño, Ángel. “Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza (1915-1959): El trayecto vocacional de un arqueólogo”. Pontevedra: Revista de estudos provinciais, nº 21. (2006).  “29 de Febrero de 1948 – Estuve en Mallos (Teo) viendo nuevamente los petroglifos que conocía”.
[7] Soto Barreiro, M.J. “Los petroglifos prehistóricos de la comarca compostelana”, Universidade de Santiago de Compostela , Tese de Licenciatura inédita. 1986.
[8] Lestón, M. “Catálogo de Xacementos arqueolóxicos do Concello de Teo“. Dirección Xeral de Patrimonio, Xuño – xullo 2001 (Revisado no ano 2006). Código no Catálogo: ga15082079
[9] http://es.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=3242458
[10] Entre os participantes figuran varios membros da familia propietaria da parcela onde fica o petroglifo.
[11] López Ferreiro, Antonio. “Historia de la Santa Apostólica Metropolitana Iglesia de Santiago de Compostela”. Santiago, 1898-1909. Imprenta y Encuadernación del Seminario Conciliar Central. Tomos I a XI.
[12 Maceira Gago, Antonio M. “O Arciprestado de Ribadulla”. Fundación Caixa Galicia. A Coruña. 2001
[13] http://www.cervantesvirtual.com/obra/nota-con-la-copia-del-texto-de-la-inscripcion-funeraria-del-obispo-nausto-que-fue-enterrado-en-la-iglesia-de-san-andres-de-trobe/
[14] Bouza Brey, Fermín. “Lauda sepulcral de Nausto Obispo de Coimbra”. Estudios sobre la monarquía asturiana, Oviedo 1971.
[15]Nausto finou o 21 de decembro do ano 912.
[16]Sucedeu o martírio en Córdoba o 26 de xuño do ano 925.
[17]Outros autores a sitúan no lugar da Insua en Luou.
[18]O topónimo “estivada” fai alusión o proceso que consiste na roza, queimado e a posterior preparación dun anaco de monte para ser cultivado con trigo ou centeo. As ortofotos do vó americano de 1956 amósanos a parcela nunha zona adicada a este tipo de produción agrícola.

Solsticio de inverno no Monte Piquiño


Achegámosvos unhas imaxes e vídeo dunha aliñación arqueoastronómica no solsticio de inverno entre os outeiros do Meau e o Outeiro do Ledo na área arqueolóxica do Monte Piquiño no Concello de Teo.

Plano de situación dos petróglifos

Dende o Petróglifo do Meau poidemos contemplar a saída do sol xusto por riba da peneda do petróglifo do Trono do Raíña situado na cima do outeiro do Ledo.

O sol semella despois ir subindo pouco a pouco polo outeiro. Á vez os raios de sol van acariñando e iluminado as dúas combinacións de círculos concéntricos do petróglifo do Meau, dispostos nun panel inclinado que recibe a luz nunha proxección case diagonal.

Trátase dun evento astronómico que só podemos observar nestas datas do ano e que foi localizado e está a ser investigado polo especialista da Rula neste campo, Antón Bouzas.

Vandalismo no petróglifo do Meau

A nota negativa das xornadas de observación foi o estado no que nos atopamos o petróglifo do Meau. Alguén procedeu a eliminar os musgos onde se sitúan os gravados puidendo provocar graves alteracións que poñen en risco a boa conservación dos gravados.

situación do Pico Sacro e Trono da Raíña

Fose feito de boa ou mala fe o que debe ser evidente para todo aquel que visite un petróglifo é que debemos evitar exercer calquera tipo de forza mecánica sobre a superficie onde se conservan os gravados que poida alterar definitivamente a pátina conformada ó longo do tempo.

Os gravados rupestres na contorna da Torre de Hércules


Este artigo foi elaborado a proposta da revista Jael Joyas de Galicia , publicándose nunha versión resumida adaptada ó formato da revista e que podedes consultar no seguinte enderezo:  Revista Jael Joyas de Galicia, 12.

  1. Localización dos gravados coruñeses.

No extremo norte da cidade herculina e desafiando as ondas do Atlántico no agreste litoral do Golfo Ártabro sitúase a Punta da Herminia. Unha lingua de terra que penetra no mar e que abriga na súa parte central e máis elevada dúas laxes graníticas con gravuras de múltiples cruciformes e outros motivos xeométricos de complexa interpretación.

Contorna da Torre de Hércules e localización dos petróglifos

Son as derradeiras testemuñas, in situ, dos petróglifos documentados na contorna da Torre de Hércules situadas no actual espazo denominado “Parque Celta” integrado polo propio Parque da Torre e a península da Punta Herminia, case 200.000 m2 acondicionados para o seu uso público logo da recuperación da propiedade que durante décadas permaneceu baixo xurisdición militar.

Localización dos petróglifos na Península da Herminia

O conxunto rupestre de Punta Herminia, o petróglifo do Polvorín en Monte Alto (hoxe no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón) xunto cos petróglifos do Castro de Elviña son os únicos petróglifos catalogados no Concello da Coruña.

 1.1  – Os petróglifos exentos do Museo de San Antón.

Porén, convén sinalar que no propio museo do Castelo de San Antón custódianse outros petróglifos exentos que chegaron ó museo procedentes de doazóns ou depósitos de diferentes puntos da provincia da Coruña, e como consecuencia das atribucións que lle son propias como depositaria dos materiais procedentes das diferentes intervencións arqueolóxicas.

Petróglifo de Borroa (Arteixo), na actualidade depositado no Museo do Castelo de San Antón. Fotografía do blog Monte da Estrela.

Entre estes petróglifos que hoxe integran a mostra expositiva do museo  destacan os petróglifos de Borroa (Arteixo), do Castro de Socastro (Rois) ou do petróglifo da Mourela en Fonte Piñeiro (A Baña), todos eles gravados prehistóricos de tipoloxía xeométrica e clara identificación ó Grupo Galaico de Arte Rupestre.

26367995645_bdb9e8e52d_o

Petróglifos exentos do Museo do Castelo de San Antón

  1. Crónica dos achados e primeiras interpretacións.

Nesta singular paraxe da Península da Herminia foron descubertas a finais do século pasado as primeiras estacións con gravados rupestres ó ar libre da cidade,  sendo tamén unha das primeiras referencias a este tipo de manifestacións artísticas citadas na historiografía galega.

Punta Herminia. 1895. Francisco María de la Iglesia. Arquivo da Real Academia Galega

O poeta e insigne pedagogo compostelán Francisco María de la Iglesia descubría e documentaba graficamente estas primeiras laxes insculturadas do Monte do Bicos en maio de 1895.

Pena do Altar. 1895. Francisco María de la Iglesia. Arquivo da Real Academia Galega

As fotografías realizadas, hoxe entre os fondos do arquivo familiar que custodia o Arquivo da Real Academia Galega, constitúen documentos únicos das primeiras fotografías realizadas a uns petróglifos na provincia da Coruña.

Podes consultar estes fondos nesta ligazón.

Pena do Altar. 1895. Francisco María de la Iglesia. Arquivo da Real Academia Galega

De la Iglesia identificaba no só a estación principal desta área arqueolóxica, a chamada “Pedra do Altar” senón tamén describe pequenas gravuras de semellante tipoloxía situadas nas rochas inmediatas, hoxe xa desaparecidas.

Petróglifo do Polvorín. 1895. Francisco María de la Iglesia. Arquivo da Real Academia Galega.

Pouco tempo despois o daquela diario “Decano e Independente” da Coruña, “El anunciador”, recollía o día 14 de agosto de 1895 un breve apuntamento para dar conta da transcendencia da descuberta destas inscricións, consideradas fenicias, así como do envío das fotografías realizadas por Francisco Mª. de la Iglesia ás academias de historia de maior prestixio internacional para o seu estudo.

Lamentablemente a misiva non tivo resposta como anos despois nos revela o importante editor e arquiveiro -entre outras facetas- Andrés Martínez Salazar nun artigo de “La Voz de Galicia” do 8 de agosto de 1898 onde tamén subliña:

la excepcional importancia […] para la prehistoria de Galicia, y en particular para la Coruña, del hallazgo de la piedra con signos del Monte do Bicos”.

O señor Martínez Salazar remata o artigo sinalando o seguinte en relación coa necesaria conservación dos xacementos:

me abstengo de decir lo que sobre este particular se me ocurre, por creerlo de todo punto ineficaz; porque ¿quién hace caso de antiguallas que solo interesan a media docena de chiflados”.

Pena do Altar no Monte dos Bicos. 1898. La Voz de Galicia

Profética reflexión que lamentablemente poderíamos extrapolar ós nosos días, pois hai só tres anos que as autoridades competentes decidiron actuar nos petróglifos para tratar de garantir a súa conservación e iniciar a súa posta en valor.

Só dous anos despois destas primeiras descubertas do Monte dos Bicos, Santiago de la Iglesia, fillo do descubridor da Pedra do Altar, redacta nun manuscrito no que destaca a localización doutras dúas rochas gravadas preto das do “Altar”, a unha delas denomínaa “Pena da Brúxula”, situada “a 32 pasos”, con gravados semellantes á laxe principal pero en menor número e a segunda que chama “Rocha C” e que describe como unha pedra alongada e estreita cun único motivo cadrado con puntos e dous apéndices paralelos.

Posible Rocha C do petróglifo da brúxula. Desaparecido. 1895. Francisco María de la Iglesia. Arquivo da Real Academia Galega.

A instancias do propio Santiago de la Iglesia a laxe da Pena da Brúxula é soterrada para evitar novos danos tras sufrir os actos vandálicos duns pastores da zona.

A principios de 2014, esta estación foi redescuberta logo dun forte temporal que deixou de novo os gravados ó ar libre. Lamentablemente da “Rocha C” non tivemos máis novas.

Pedra bamboleante. 1895. Francisco María de la Iglesia. Arquivo da Real Academia Galega.

Anos máis tarde, outro reputado arquiveiro e director do “Arquivo General de Galicia” (actual Arquivo do Reino de Galicia) entre 1911 e 1913, Jesús González del Río, estuda e fotografía de novo os gravados da Pena do Altar e dá conta dunha última estación rupestre na contorna da Torre de Hércules, a “Pena do Polvorín” situada no Monte Alto, e así chamada ó emprazarse a escasos metros dun dos dous polvoríns militares instalados na zona.

O propio Jesús González esboza a teoría de que as gravuras situadas na Punta Herminia, A Torre e Monte Alto estaban a delimitar un espazo sagrado.

O descubrimento da Pena do Polvorín despertou tamén o interese do seu amigo o arqueólogo Juan Cabré que en colaboración co propio Jesús González publica un pequeno estudo monográfico sobre os gravados na prestixiosa revista de “Archivos, Bibliotecas y Museos” (1916).

Deseños do Petróglifo do Polvorín. 1915. Juan Cabré Aguiló

Cabré incide nesta teoría e sinala:

¡No desprovista de fundamento tendrá la tradición que perpetúan los marinos y pescadores del pais este precioso lugar llamándole el Altar!. Ellos ignoran el origen de tal denominación, pero en espíritu son fieles mantenedores del respeto religioso que profesaron a la Punta Herminia generaciones precursoras suyas muy primitivas, marinos tal vez como ellos procedentes de tierras lejanas, que al pisar el suelo de nuestra Península y morar en ella, impresionados como nosotros por la sublimidad del paisaje y cuadro que desde el Monte Vicos veíase, la eligen como lugar sagrado. En él, para conmemorar un suceso luctuoso ó para implorar los dones de sus dioses, erigen un ara o altar, cuyo monumento se conserva bastante bien, en el centro de la meseta, en la parte más ancha, y cerca de la entrada de ese recinto sagrado”.

Pedra do Polvorín. 1916. revista “Archivos, Bibliotecas y Museos”

Un “oratorio arcaico” e sinxelo formado por

unha extensa laja natural de granito, que se levanta del nivel actual del suelo unos cincuenta centímetros, no presenta motivo alguno arquitectónico, pero sí en ella se ven multitud de signos simbólicos grabados. Unos pocos están sobre la cara horizontal de la roca, el principal núcleo, en un plano ligeramente en declive, orientado al Poniente y en sentido contrario a los vientos y lluvias del Sur”.

Pedra do altar. Anos 50. Deseño de Ramón Sobrino-Lorenzo Ruza. Arquivo familiar Núñez – Sobrino.

Esta peculiar teoría do recinto sagrado foi compartida por outros autores coetáneos como o escritor coruñés Francisco Tettamany Gastón na súa obra, La torre de Hércules. Impresiones acerca de este antiquísimo faro bajo su aspecto histórico y arqueológico (1920). Tettamany que previamente acompañou en 1902 ó afamado investigador portugués José Leite de Vasconcellos na súa visita á Torre de Hércules e ós propios petróglifos, quedando este gratamente sorprendido ó admirar os antigos signos da Pena do Altar que considerou semellantes:

“ós misteriosos gravados diseminados por Europa e o novo continente reveladores dunha primitiva civilización, posiblemente neolíticos“.

  Un feito que contribuíu a dar sona e relevancia internacional ós gravados coruñeses.

  1. Cronoloxía dos gravados.

Na primeira metade do século XX ningún dos grandes investigadores, tanto nacionais como foráneos, dubidaban da datación prehistórica de ambos petróglifos. Deste xeito, prestixiosos investigadores como o alemán Obermaier (Impresiones de un viaje prehistórico por Galicia, 1923) incluían os gravados cruciformes no que el denominaba “Grupo Antiguo”, orixinado a partir da arte esquemática do neolítico penínsular.

Deseños do Petróglifo do Polvorín. Década de 1920. H. Obermaier

Os seus postulados exerceron unha extraordinaria influencia sobre os autores coetáneos e posteriores que defenderon e seguiron a súas teses. Cabré Aguiló, Carré Aldao, Sobrino Buhigas, López Cuevillas, Bouza Brey o Enmanuel Anati consideraron os gravados prehistóricos aínda que propuxeron diferentes cronoloxías.

Debuxo da Pedra do Altar. Anos 50. Deseño de Ramón Sobrino-Lorenzo Ruza. Arquivo familiar Núñez – Sobrino

Foi R. Sobrino Lorenzo – Ruza o primeiro en rachar coas teorías de Obemaier e considerar estas insculturas da Punta Herminia e o Polvorín como históricas. Nunha das primeiras visitas á zona, Sobrino Lorenzo, recolle na súa axenda:

fui a la Peña del Polvorín. Vi claramente que tiene dos técnicas, una de cincel y otra de picado, probabalemente posterior. La apariencia de modernidad es notoria por el plano de factura de la peña, que es artificial” (18 de maio de 1948).

Noutro dos seus artigos conclúe de xeito categórico:

hemos llegado recientemente a la conclusión de que estos dos petróglifos no forman parte del grupo de los colegidos en el “Corpus Petroglyphorum Galaecia” y por consiguiente deben ser excluídos de este estudio, porque además de presentar motivos absolutamente atípicos, sus características de técnica hacen que no puedan considerarse como prehistóricos” (1951).

Pedra do Altar. Anos 30. Fotografía de Ramón Sobrino Buhigas. Arquivo familiar Núñez – Sobrino

Quizais o prestixio internacional de Anati, que databa os gravados esquemáticos das penas do Monte dos Bicos na Idade do Ferro, fixo que as súas ideas prevaleceran nun ocaso cultural dos investigadores galegos azoutados por un claro sentimento de inferioridade ante as ideas chegadas alén das nosas fronteiras.

Porén, nese mesmo ano de 1966 o coruñés Luis Monteagudo, asumindo por primeira vez os postulados de X. Ferro Couselo sobre os “petroglifos de término” (1952) localizados noutros puntos do país, defendeu tamén que os petróglifos da Punta Herminia e Monte Alto eran:

cruces de sinais de termo dos séculos IX o XI“.

Unha visión contraria á dos principais divulgadores desa época.

Xa nos anos oitenta autores como Vázquez Varela e Peña Santos (1979), retomando as ideas de Sobrino Lorenzo, argumentan de novo que estas laxes de cruciformes eran de carácter histórico e constatan que a técnica empregada nos gravados fora a percusión por medio de diferentes ferramentas metálicas. Ambos sentaron as bases das teorías actuais rachando definitivamente coas propostas de Anati.

Nas últimas décadas seguiu aberto o debate sobre a xénese dos gravados, autores como Abélanet (1986), que inclúen os gravados coruñeses entre os máis relevantes da arte rupestre peninsular, propoñen unha cronoloxía prehistoria en torno o III milenio antes de cristo, ó consideralos unha “influencia” dos antropomorfos esquemáticos pintados dos abrigos rupestres levantinos.

Malia todo, as últimas achegas e traballos publicados establecen a máis que probable orixe medieval destas simbólicas laxes da Punta da Herminia (Bello Diéguez, Felipe Senén, Marco Antonio Rivas).

  1. Descrición dos Gravados.

4.1 – A Pena do Altar.

Foi a primeira estación localizada e está considerada como a estación principal do conxunto rupestre catalogado (GA1503008) situado nas proximidades da Torre de Hércules. A laxe fica a 75 m de altura sobre o nivel do mar e ten unhas medidas aproximadas de 5 m de longo e 80 cm. de alto, cunha inclinación duns 45º cara o suroeste.

Pena do Altar. 2017. Colectivo A Rula

Contén numerosas cruces de diferentes medidas e tipoloxía, varias figuran agrupadas e inscritas en círculos. Hai cruces simples, outras con bases circulares e outras case triangulares a modo de pedestais.

Pena do Altar. 2017. Posibles coviñas e marcas dos proxectís. Colectivo A Rula

Ás veces, no extremo superior e no remate dos brazos, aparecen pequenos trazos cruzados en perpendicular o suco principal. O panel complétase con outros motivos xeométricos de difícil descrición debido ó alto grao de erosión que sofren.

En xeral, o seu estado de conservación é malo debido á erosión natural, nunha zona moi próxima ó mar, pero tamén dos proxectís dos militares que empregaron a laxe de improvisada diana cando os terreos eran propiedade do exército.

Tamén cómpre sinalar os danos na área de protección provocados pola construción de valados e outras edificacións de uso militar noutrora.

4.2 – A Pena da Brúxula.

Redescuberta en xaneiro do ano 2014, despois dun forte temporal que azoutou á zona, emprázase a escasos metros da Pena do Altar. Ten gravados semellantes á laxe principal aínda que en menor número e distribuídos en dous paneis.

Pena da Brúxula. 2017. Colectivo A Rula

No panel principal figuran 6 cruces con pedestal circular en dobre aliñamento. Os cruciformes da liña inferior e de maior tamaño posúen un bo estado de conservación, porén, os gravados situados na liña superior posúen un trazo moi feble e moi erosionado polo que non descartamos a presenza doutras cruces moi esvaecidas e case imperceptibles.

petrglifo-brxula9_punta-herminia-nome-antigo_30138441614_o

Petróglifo da Brúxula. Detalle de cruciformes. Colectivo A Rula

A só uns metros ó leste figura un segundo panel que contén unha soa cruz inscrita nun círculo incompleto ou polo menos moi erosionado por un dos lados. A cruz posúe base circular como as anteriores e atópase entre varias coviñas.

petrglifo-brxula9_punta-herminia-nome-antigo_detalle_segundo-panel_30682041111_o

Petróglifo da Brúxula. Pormenor de cruciforme complexo. Colectivo A Rula

Tampouco é descartable a posible existencia de novos motivos baixo a capa vexetal que cobre parte da laxe insculturada.

4.3 – O Petróglifo do Polvorín.

Traslado do Petróglifo do Polvorín. Anos 60. Arquivo Chamoso Lamas -R.A.G.B.A.

Hoxe fica só un fragmento da laxe emprazada preto do antigo Polvorín de Monte Alto que sería trasladada ó Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón trala urbanización deste barrio nos anos sesenta, tal e como amosan varias fotografías dos fondos do arqueólogo M. Chamoso Lamas que custodia o Arquivo da Real Academia Galega de Belas Artes.

Pena do Polvorín. 1958. Fotografía de Ramón Sobrino-Lorenzo Ruza. Arquivo familiar Núñez – Sobrino

Traslado do Petróglifo do Polvorín. Anos 60. Arquivo Chamoso Lamas -R.A.G.B.A.

Os motivos representados son diferentes cruciformes estilizados semellantes ás laxes anteriores. Cruces simples, outras de base circular e contan tamén con eses pequenos sucos perpendiculares nos extremos dos brazos da cruces formando ángulos rectos como acontecía nas outras laxes. Na parte central e inferior do panel destaca unha figura tradicionalmente asociada á representación dun xinete sobre un cabalo, aínda que algúns autores a consideren unha simple letra caligráfica, unha posible “P” (Sobrino Lorenzo, 1954).

  1. Interpretación dos gravados.

Cabré é o primeiro en teorizar sobre o posible significado destas antigas inscricións rupestres. Concentra a súa atención no pormenor do deseño central dos gravados da Pena do Altar que describe como figuras estilizadas que representan unha danza cerimonial de 13 mulleres ó redor dun home.

No caso da laxe do Polvorín fala de novo de antropomorfos nun baile sagrado na honra do seu xefe tribal, representado a través da figura dun xinete a cabalo situado na parte inferior do panel. A presenza deste xinete denota un gran interese no autor pois o considera:

una de las representaciones más primitivas sobre la domesticación del caballo en España“.

Cruces esquemáticas cun “evidente” simbolismo antropomorfo que influíu na visión posterior de moitos autores.

Vista xeral de Punta Herminia. 1915. Juan Cabré Aguiló

Á marxe destas peculiares e discutibles interpretacións de Cabré, o certo é que os gravados da Península da Herminia tiveron gran repercusión ó longo do século XX e deron pé a múltiples interpretacións.

Como xa indicamos, a consideración de fitos delimitadores dun espazo sagrado foi compartida por varios autores no primeiro terzo do século XX. Algúns como o Marqués de Cerralbo considerábanos antigos “altares levantados ao sol” segundo cita Eladio Rodríguez González no seu Diccionario enciclopédico (1958).

1915. Juan Cabré Aguilar

Monteagudo interprétaos como cruces de termo do antigo couto da cidade e destaca a súa similitude coas sinaturas diplomáticas do documentos dos séculos IX – XI e tamén coas cruces de xambas e linteis das igrexas visigóticas como as de Quintanilla de las Viñas en Burgos, retomando unha teoría xa indicada previamente por R. Sobrino Lorenzo-Ruza nun dos seus artigos (1954).

Bello Diéguez (1995) ou, mais recentemente, o arqueólogo municipal, Marco Antonio Rivas (2014), subliñan a súa posible relación coa Torre de Hércules e os elementos medievais da mesma. Neste senso, pensamos que non deixa de ser significativo que as laxes do Polvorín e da Punta Herminia atopábanse en puntos equidistantes coa Torre de Hércules e case situadas en liña recta unha coa outra.

Felipe Senen López – Gómez (1994), interpreta os gravados como:

marcas medievais […] en relación coas peregrinacións, moi semellantes a outras da mesma época que aparecen en santuarios e hospitais de peregrinos á Terra Santa e a Santiago“.

Pena do Altar. 1915. Juan Cabré Aguiló

En resumo, o seu significado e cronoloxía exacta segue a ser un misterio. Os cruciformes máis simples son empregados por numerosos grupos e en diferentes contextos culturais ó longo dos tempos. Porén, a análise do emprazamento dos gravados, contexto arqueolóxico e estudo tipolóxico levou a un certo consenso ó redor de tres hipóteses interpretativas, como símbolos de propiedade das terras nas que se atopan, como símbolos de carácter apotropaico, de protección contra o descoñecido, ou mesmo ser un intento de cristianizar a zona.

  1. Valorización social.

Como namorados da historia que narran as pedras cremos que estas laxes insculturadas da Punta Herminia posúen unha longa bagaxe histórica que as converten nun importante referente patrimonial da cidade e mesmo do país.

No ano 2014, a limpeza, restauración e posterior posta en valor da área arqueolóxica da Punta da Herminia, formada polo Petróglifo da Pena do Altar e o da Pena da Brúxula, contribuiron a enriquecer culturalmente e de xeito significativo o espazo situado na contorna da Torre de Hércules destinado ó lecer da veciñanza.

Pena do Altar na actualidade. Colectivo A Rula

O labor realizado freou o deterioro dun BIC (Ben de Interese Cultural) de forma efectiva que sufriu os embates de máis dun século sen os coidados e a atención precisa. A súa catalogación e inclusión no PXOM da Coruña permitiu establecer unha contorna de protección e amortecemento axeitado a un xacemento que goza da máxima protección que establece a lexislación de patrimonio.

Os paneis sinalizadores e explicativos instalados (que inclúen ilustrativos deseños dos gravados, mapas e fotografías) proporcionan ós visitantes unha visión xeral duns dos gravados históricos máis estudados de Galiza, aínda que usualmente relegados pola historiografía tradicional a un segundo nivel en relación cos gravados prehistóricos do Grupo Galaico da Arte Rupestre.

Punta Herminia na actualidade. Parque de lecer. Colectivo A Rula

Lembremos, por último, a relevancia dos posibles lazos históricos coa Torre de Hércules, o elemento máis icónico do patrimonio artístico coruñés, declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 2009.

  1. Bibliografía
  •  Ananti, E. “El arte rupestre Gallego – portugués”. Simposio de Arte rupestre. Barcelona, 1966.
  • El Anunciador: diario decano e independiente de la Coruña y de Galicia: Apuntamento sobre as inscricións fenicias da península de la Torre de Hércules. Núm.13705 do 14/08/1895. p. 3.
  • Bello Diéguez, J.M.: “Los petroglifos de Punta Herminia y el Polvorín de Monte Alto”. En, Historia de A Coruña. Vía Láctea, edición especial para el El Ideal Gallego. A Coruña, 1998. p. 27-31.
  • Bello Diéguez, J.M.: “La Coruña antes de Roma, prehistoria”. Vía Láctea editorial. 1995, p.  30-35.
  • Cabré y Aguiló, J.E. & González del Río.: “Los petróglifos de Punta Herminia y el polvorín de Monte Alto”. En, Revista de Archivos, Bibliotecas y Museos. Tercera época. Año XIX, Tomo XXXII. Madrid, 1915. p. 450-466.
  • García, R. “Hallan otro petróglifo en la Torre”. La Voz de Galicia. Edición A Coruña. 25/01/2014.
  • Martínez Salazar. A.; “Signos Prehistóricos del Monte dos Bicos”. En, La Voz de Galicia, 8 de Agosto de 1898.
  • O Misterio sobre as “inscricións fenicias” atopadas na Torre de Hércules en 1895, Blog Historias de Galicia, 14/02/1895.
  • Nuñez Sobrino, A.: “Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza: el trayecto vocacional de un arqueólogo”, en Pontevedra, 21. Revista  de Estudos. Deputación de Pontevedra 2006.
  • Nuñez Sobrino, A.: “A dimensión científica e humanística do Arqueólogo R. Sobrino LorenzoRuza (1915-1959)”, Boletín Auriense 3 y 4, tomo XXXVIII-IX (Ourense 2008-2009).
  • Obermaier, H.: “Impresiones de un viaje prehistórico por Galicia”. En, Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos de Ourense. VII, núm. 148. Ourense, 1923.
  • Peña Santos, A. de la & Rey García, J.M.; “Petroglifos de Galicia”. Vía Láctea. 2001.
  • Sobrino Buhígas, R. “Corpus Petroglyphorum Gallaeciae”. Reedición. Estudio preliminar de Ángel Núñez Sobrino. Edicións do Castro. Sada, año 2000.
  • Sobrino Lorenzo-Ruza, R.: “Noticiario Arqueológico Hispánico”. Cuadernos 1-3, 1952-1953 Madrid.
  • Sobrino Lorenzo-Ruza, R.: “Origen de los Petroglifos gallego atlánticos”. En, Revista Zephyrvs de la Universidad de Salamanca. 1954.
  • Revisión del PGOM de Coruña. Outubro de 2011. Aprobado por orde de 25/02/2013 da C.M.A.T.I., coas modificacións realizadas á 16/05/2013. Ficha 008, petróglifo de Punta Herminia.
  • Tettamancy Gastón. F.;La torre de Hércules. Impresiones acerca de este antiquísimo faro bajo su aspecto histórico y arqueológico”. Lit. e Imp. Roel, A Coruña, 1920.
  1. Documentación.

Arquivo da Real Academia Galega.

  •   Fondo persoal da Familia Irmáns de la Iglesia. ES.GA.15030.ARAG/2.10.

– Fotografías dos esquemas realizados por Santiago de la Iglesia sobre os petróglifos da Coruña. 1879-01-01 / 1895-12-31. 1879 a 1895. A Coruña.

Punta Heminia. Prehistoria Coruñesa. Investigaciones de F. M. de la Y. 1895/ Santiago de la Iglesia. 1895-01-01. 1895. A Coruña.

Real Academia Gallega de Bellas Artes.

  •  Fondo fotográfico Chamoso Lamas (Petróglifo de Monte Alto, traballos de traslado).

Arquivo Sobrino – Nuñez, conservado na súa vivenda familiar.

  • Fondo fotográfico, epistolar e documental de Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, Dixitalización Colectivo A Rula (inédito).

– Fotografías dos petróglifos do Altar e o Polvorín (A Coruña). ca. 1954.

– Axenda persoal de Ramón Sobrino Lorenzo (ano 1948 e 1955).

Petróglifos e lumes forestais


xxxO pasado mércores día 26 tivemos a ocasión de participar nunha interesante xornada organizada por “Compostela Aberta”, co título de “Petróglifos e lumes forestais: xornadas sobre o Patrimonio Cultural do Concello de Santiago de Compostela”.

14963513_1312792212088745_870474263_o

Devesa da Rula 3. Marcas das orugas mecánicas

Logo da terrible vaga de lumes do pasado verán, con lamentable incidencia na área arqueolóxica da Portela de Villestro no termo municipal compostelá, a organización desta actividade semellaba non só interesante senón tamén moi necesaria. Dende o Colectivo felicitamos os organizadores do acto, en especial a Raquel López e María José Boveda,  as que queremos agradecerlle o ternos convidado a participar.

14970992_1312792215422078_2072676174_o

Mouromorto 2 . Antes e despois do lume de 2015

Foi unha honra poder expor as nosas ideas ó carón de profesionais como Iñaki Vilaseco ou o especialista Manuel Santos Estevez. A xornada serviu para pór en común interesantes visións da problemática situación do noso patrimonio e sinalar posibles medidas de actuación dende diferentes perspectivas, o eido profesional e institucional, o lexislativo e mesmo o asociativo. A charla rematou cun intenso debate co público asistente e consideramos que resultou enriquecedora para todos os presentes.

14971484_1312791772088789_1525270088_o

Cruciforme. Pedra Mencía

De seguido resumimos a nosa pequena contribución na xornada.

Na nosa exposición partimos dunha premisa fundamental,  na actualidade a nosa arte rupestre atópase seriamente ameazada.

14923009_1312792582088708_204643720_o

Porto do Son. 2016

Trátase duns bens culturais moi sensibles e fráxiles, en grave risco fronte non só ós factores ambientais senón tamén a propia acción do home. O uso da maquinaria pesada en labores forestais e de extinción, os lumes e outras actividades ameazan seriamente a súa conservación e alteran de xeito irreparable a súa contorna.

30597365435_829315c9b5_oEsta situación vese agravada pola actual situación de abandono do rural galego e as desacertadas políticas forestais que configuraron unha paisaxe desestabilizada e altamente inflamable onde atopa acubillo a nosa arte rupestre.

Nos últimos anos o ritmo de destrución do noso patrimonio é alarmante polo que faise preciso adoitar xa unhas mínimas medidas que garantan a protección e conservación do noso patrimonio.

14954347_1312792718755361_1172168152_o

Pedra da Loba

Na procura de protexer o que consideramos un patrimonio singular, único e irrepetible, o Colectivo A Rula presentou hai preto dun ano unha proposta de traballo ós concellos de Ames, Teo e Compostela e a Dirección Xeral de Patrimonio na que se incluían unha serie de medidas de carácter preventivo a adoptar e que consideramos esenciais para protexer estas manifestacións artísticas da nosa prehistórica.

Pretendíamos e pretendemos con esta proposta que lles servise de ferramenta de traballo, de análise inicial e debate entre os diferentes axentes implicados na preservación do noso patrimonio e na procura do seu aproveitamento e a súa rendibilidade social a través de diferentes medios e canles.

28435867930_9bc95d9268_k

Devesa da Rula

Nesta proposta incluíamos unha serie de medidas mínimas de urxente aplicación para evitar as consecuencias directas que os lumes forestais teñen sobre a nosa arte rupestre, entre elas:

  • A catalogación de todos os petróglifos e a súa inclusión nos diferentes Plans Xerais de Ordenación Municipal dos Concellos da Comarca. É evidente que non podemos protexer aquilo que non se coñece.
  • Eliminación das plantas arbóreas e arbustivas nun radio duns 5-10 m. arredor das laxes insculturadas.
  • Mantemento periódico dunha cinto de protección mediante rozas periódicas na contorna dos petróglifos (antes do verán).
  • Establecemento de canles de colaboración cos propietarios e as comunidades de montes procurando a súa “complicidade” nesta loita pola protección do noso patrimonio e o medio ambiente.
  • Divulgación, con especial insistencia no ámbito do ensino.

28720263715_865a5dca74_kUnha serie de medidas preventivas básicas que acompañamos doutras que podiamos considerar más técnicas ou concretas como:

  • Establecemento dunha carta de riscos que determinara os factores que poidan incidir negativamente na conservación dos xacementos.
  • Esixir unha maior coordinación entre as diferentes entidades e organismos que xestionan o noso patrimonio e os nosos montes.
  • Intervencións puntuais naqueles conxuntos que, en razón do seu valor histórico, artístico, estado de conservación ou localización, demanden un tratamento individualizado para asegurar a súa conservación futura.
  • Establecemento de áreas de protección xeral nas zonas arqueolóxicas máis relevantes que preserven os restos arqueolóxicos e a súa contorna inmediata (ex. Monte Piquiño, Devesa da Rula, etc…).
Proceso de limpeza do entorno da Peneda Negra

Proceso de limpeza do entorno da Peneda Negra. 2016

É certo, que estas medidas supoñen a asunción de certo esforzo orzamentario mais consideramos que o seu custo é socialmente asumible, e incluso podemos afirmar que é socialmente demandado. Trátase, desde o noso punto de vista, máis de lograr certa vontade e compromiso por parte das entidades e administracións competentes na conservación e protección do noso patrimonio, sexa cal for a súa cor política.

14963427_1312796372088329_37169149_o

Mallos 2. Limpeza preventiva no verán de 2016

Logo dun ano de presentarmos a nosa proposta podemos sinalar que os resultados acadados foron en xeral positivos. A implicación dos Concellos de Teo,  Ames e a Dirección Xeral de Patrimonio plasmouse en diferentes proxectos que contribuíron a mellorar significativamente o estado xeral dos petróglifos e a súa contorna inmediata, ao tempo que as conversas mantidas coa Dirección Xeral de Patrimonio e o Concello de Compostela nos últimos meses auguran un futuro máis prometedor para os petróglifos de Santiago, que arestora seguen en situación moi preocupante, e da comarca en xeral.

Desde o colectivo seguiremos loitando e contribuíndo, dende as nosas posibilidades, a que isto pronto sexa unha realidade. Poucos días despois tivemos outra fructífera xuntanza en Compostela da que tamén daremos conta na maior brevidade.

Guardar

Guardar

Guardar

Ruta polos petróglifos da Fieiteira


28690090763_9df7a1f968_k

Preto de medio cento de persoas participaron na visita que comezou ó solpor do sábado e rematou ben pasada a media noite.

 

Na noite do pasado sábado tivo lugar a primeira ruta nocturna ós petróglifos do Outeiro da Fieiteira, organizada polo Concello de Ponteceso en colaboración coa asociación cultural Colectivo A Rula da comarca de Compostela, uns veteranos na realización destas longas noites de pedras á luz da lúa.

Preto de medio cento de persoas participaron na visita que comezou ó solpor e rematou ben pasada a media noite. A actividade iniciouse no local social de San Adrián de Corme cunha pequena charla sobre a arte rupestre na Costa da Morte, con especial atención -non podía ser doutro xeito- ós petróglifos e patrimonio cultural do Concello de Ponteceso.

Abriu o acto o concelleiro de Educación, Asociacionismo e Patrimonio, Carlos Penedo Casmartiño, que como bo anfitrión agradeceu a asistencia dos veciños e turistas e destacou o traballo de limpeza realizado na contorna dos petróglifos, comprometéndose tamén a seguir apostando pola súa protección e difusión coa sinalización da ruta e a instalación de paneis explicativos.

O polifacético Suso Lista achegou a súa peculiar visión dos gravados repasando a súa historia e as vicisitudes sufridas dende o seu descubrimento a principios dos anos noventa. Cerraron o coloquio os membros do Colectivo A Rula, que botaron man das novas tecnoloxías, como os modelos 3D, para explicar ós asistentes as características que fan tan singulares estes gravados do promontorio cormelán.

De seguido, iniciouse a bo ritmo o percorrido de dous quilómetros que separaba a casa veciñal das laxes da Chousa dos Pratos. A brigada da Rula dispuxo entón os equipos técnicos precisos para simular a luz máis axeitada e asombrar ós asistentes ó alumear os diferentes paneis insculturados das laxes da Fieiteira. A bruma do mar foi cubrindo lentamente o ceo, mais a temperatura era ideal e as conversas ó carón das laxes foron animadas e moi interesantes.

Os curiosos deseños xeométricos daban pé a múltiples interpretacións, por máis que os guías sinalaban a imposibilidade de saber con precisión o que aquelas comunidades nos quixeron transmitir. Os membros da Rula non deixaron de recalcar a importancia de non pisar ou riscar os gravados evitando o seu deterioro e animaron ós asistentes a visitar os petróglifos ó abrente ou ó solpor cando a súa visualización é máis propicia. Degustando un vaso de chocolate quente, unha sorpresa final do técnico de turismo Javier Couto, mentres contemplamos por última vez a estación principal da Fieiteira iluminada polos focos, remataba esta primeira xeira nocturna ós petróglifos de Ponteceso. A boa acollida entre os asistentes augura novas edicións destas máxicas noites de verán.

Ligazón ó álbum coas fotos da visita no flickr

Ligazón á nova en La Voz de Galicia

 

Agresións ós petróglifos do Concello de Teo


Hai só uns días recibimos as malas novas dunha nova agresión en dúas das estacións de gravados rupestres máis relevantes do Concello de Teo, o petróglifo de Outeiro de Corno en Regoufe (Luou) e Río Angueira en Cornide (Calo). A través do noso correo, Javier C.F. remitiunos as fotos que acompañan esta pequena entrada no blog, que ogallá nunca tiveramos que facer.

Rio Angueira

Rio Angueira

Como reflicten as imaxes o autor ou autores dos danos non só riscaron co que semella xiz de cor branca a superficie dos gravados senón tamén que gravaron unha cruz ó carón do único zoomorfo do petróglifo de Outeiro de Corno situado na parte inferior do panel. Un acto vandálico que supón un dano irreparable neste singular xacemento.

Cruz en Outeiro do Corno

Cruz en Outeiro do Corno

Descoñecemos o fin exacto de tales actos, quizais simplemente fora por ignorancia pero de calquera xeito non hai ningún tipo de xustificación posible. Lamentablemente novas deste tipo repítense a cotío a pesar dos esforzos en concienciar e educar á cidadanía no respecto ó noso patrimonio, a realidade demostra que hai xente que descoñece que un petróglifo é unha obra de arte prehistórica ó ar libre da mesma importancia que poidan ter as pezas expostas en calquera dos nosos museos. A ninguén se lle ocorre ir a un exposición a pintar por riba dun cadro, pois de igual xeito deberiamos ser conscientes que non se pode tocar e moito menos gravar por riba destes gravados que forman parte do patrimonio cultural legado polos nosos devanceiros.

Queremos lembrar que remarcar os gravados con outra pedra, ou simplemente con xiz, para facilitar a súa visualización supón unha alteración do risco orixinal modificando para sempre a súa fisionomía. Os petróglifos son pezas artísticas milenarias que reflicten o paso do tempo polo que non podemos frustarnos se o visitalos non podemos apreciar con todo detalle os seus motivos. Como sinalamos nas nosas charlas e rutas se queremos contemplar en todo o seu explendor estas manisfestacións artísticas temos que visitalos á mañá cedo ou ó solpor, e senón pola noite cunha lanterna ou foco para poder admirar polo miúdo todos os deseños.

Cornide

Cornide

O Colectivo A Rula deu traslado destes feitos ó Concello de Teo que a súa vez deu parte ó Seprona para iniciar as dilixencias oportunas. O obxectivo é que este tipo de incidentes non se repitan máis. Recordar tamén que recentemente o Concello inicou os trámites para que ambos petróglifos, xunto co petróglifo da Pena Bicuda de Loureiro (Luou), reciban a declaración expresa como Bens de Interese Cultural (BIC).

A nova na web do Concello de Teohttp://teo.gal/actualidade/nova.php?id=1769&lg=gal

A nova na CRTVGhttp://www.crtvg.es/informativos/danan-petroglifos-en-teo

A primeira gran laxe de arte naturalista en Compostela


No Colectivo A Rula tiñamos sospeitas de que máis tarde ou máis cedo aparecerían no termo municipal de Compostela máis representacións de tipo naturalista pero non imaxinábamos que tivese estas dimensións e relevancia. De feito, no seu día escollimos como logo da nosa pequena comunidade o único zoomorfo localizado ate ese intre nas terras de Compostela -un pequeno cervo situado na paraxe de Pinal no linde co Concello de Ames- como unha arela e premonición de novas descubertas.

O Colectivo organizouse co obxecto de reivindicar a importancia da área de Compostela como un importante foco de arte rupestre, xa que fora relegado históricamente pola maioría dos investigadores a un segundo plano. Mais cada vez faise evidente, tanto polo número de achados localizados (a maioria nos termos municipais de Ames, Teo e Compostela) como pola longa tradición de estudos realizados na nosa comarca, que a arte rupestre de Compostela merece unha maior atención. Malia todo, é certo que o número relativamente escaso de estacións con motivos naturalistas en comparación con outras zonas semellaba avaliar esta antiga visión que os achados dos últimos anos están a cambiar.

Esta pequena entrada supón só unha primeira achega ó Petróglifo dos Cortellos 3, conscientes de que serán precisos novos estudos máis polo miudo e unha posible intervención arqueolóxica.

27995594415_bbff8a2461_k

A Pedra da Loba (Cortellos 3) constitúe, ó noso entender, unha nova mostra do importante patrimonio arqueolóxico da Portela de Villestro pero tamén un xacemento excepcional tanto pola gran cantidade de zoomorfos representados, nunha zona onde os gravados de tipo naturalista son escasos, como pola presenza de escenas de equitación dentro do mesmo panel, xa que xunto coa laxe de Río Angueira 2 en Cornide (Teo) serían as dúas únicas estacións con este tipo de representacións.

Situación e descrición do conxunto

A laxe atópase na parte alta do monte de San Miguel[1], a escasos metros da paraxe da Devesa da Rula onde se sitúan a maioría dos gravados da zona.

Plano de Situación

Situación

Desde o lugar de Os Cortellos, ó descender uns metros ó antigo camiño de volta ó val reparamos hai algún tempo nun afloramento de grandes dimensións onde localizaramos un pequeno círculo con coviña central situado nun penedo ó pé mesmo do sendeiro. Subidos ó con chamounos a atención unha laxe plana e alongada con bastante inclinación que seguía a liña de caída natural da ladeira ubicada a escasos cinco metros ó Sur.

Esta laxe, bautizada como Pedra da Loba ou Os Cortellos 3, sitúase no medio dun pequeno cavorco na vertente da valgada que descende ó val do río Roxos. Este espazo forma un pequeno anfiteatro natural en forma de media lúa situado baixo un eucaliptal polo que a dificultade de visualización dos gravados acentúase. Ó elevar a vista cara o sur, divísase ó lonxe o teito do veciño Concello de Teo, o Alto da Grela, e a súa dereita os cumes do Castelo Redondo e o Meda xa en Padrón[2].

A laxe atopábase parcialmente cuberta pola vexetación, ó retirar as ramas e follas da parte inferior localizamos o primeiro, e quizáis, o máis singular de todos os cervos pola súa atípica cornamenta circular. Sucesivas visitas a distintas horas do día e a contemplación ó solpor con luces artificiais permitíronos ver con maior precisión a gran cantidade dos motivos que conserva o petróglifo.

pedra da loba-11

Localización

A rocha ten unhas dimensións de 6,30 m de longo por 3,10 metros de ancho na súa parte central (a máis ancha) e a súa superficie fica dividida tanto vertical como transversalmente por varias diáclases naturais. Está orientada ó SE e na súa inclinación N/S segue a forma da pendente do terreo circundante. Non obstante, temos que salientar que é moi probable que a laxe continúe tanto pola parte superior como polos laterais baixo o talude de terra vexetal que a cobre, polo que estes datos serían só indicativos. De feito, alomenos un dos zoomorfos situado no lateral esquerdo da pedra está parcialmente soterrado. Neste senso, agardemos que o traballo futuro dos arqueólogos nos permita contemplar a totalidade da superficie da laxe que probablemente inclúa un número maior de gravados.

Como acontece co resto de petróglifos do Monte San Miguel e Ventosa, o soporte empregado é o tradicional granito fino de dúas micas, moi apreciado tamén polos canteiros como se desprende da multitude de evidencias da intensa actividade extractiva na zona.

Sector central

Gravados no sector central e inferior do panel

En canto ao estado de conservación dos motivos podemos sinalar que é en liñas xerais aceptable. Resulta significativo o diferente grao de erosión existente entre os motivos do sector superior da composición e os de zonas inferiores, se ben cómpre indicar que, máis que responder a unha diferenza cronolóxica parecen responder a unha maior exposición ós axentes erosivos dos elementos gravados na parte superior da laxe.[3]

Lamentablemente son tamén evidentes os danos provocados polo lume en varios sectores da peneda. A fragmentación da capa superficial da rocha (termoclastia) nalgunhas zonas e incluso a perda de fragmentos en varios motivos insculturados volven a pór de manifesto a necesidade das reclamacións feitas polo Colectivo diante das administracións públicas competentes (Concello de Santiago e Dirección Xeral de Patrimonio) para que adopten medidas preventivas urxentes como a catalogación e a limpeza desta área arqueolóxica que garantan a conservación deste valioso patrimonio. Pola nosa parte, seguiremos a divulgar a existencia entre a veciñanza destes gravados pois consideremos que é o mellor xeito que temos para protexelos.

Descrición

O repertorio iconográfico da Pedra da Loba inclúe maioritariamente motivos naturalistas pero tamén se constata a presenza de algúns deseños xeométricos.

A erosión dos gravados dificulta unha boa lectura polo que foi preciso empregar a iluminación rasante artificial e recurrir á fotogrametría dixital para poder rexistralos correctamente, algúns deles só conservados de xeito parcial.

Os motivos xeométricos

Combinación de círculos concéntricos

Combinación de círculos concéntricos

O elenco de gravados xeométricos fórmano media ducia de coviñas de pequeno tamaño (2-3 cm de diámetro) distribuidas por toda a laxe e unha pequena combinación circular de dous aneis e coviña central (de 18 cm de diametro) moi erosionada situada no sector central esquerdo da peneda.

A existencia destes pequenos elementos xeométricos resulta interesante para entender a posible contemporaneidade de ambos grupos de deseños pois semella que tanto a técnica, conservación e o aspecto formal dos gravados son similares. De igual xeito, permite estudar posibles relacións estilísticas cos deseños dos petróglifos situados nas cercanías.

Os motivos naturalistas

Os cervos

Vista xeral

Vista xeral da parte superior

Este conxunto de gravados componse de polo menos 19 zoomorfos (cervos e cabalos) distribuídos por toda a superficie de laxe pero concentrados en cinco grupos en función da división do espazo xerado polas diáclases da laxe[4]. O estudo dos deseños mediante o levantamento fotogramétrico permitiunos contemplar restos moi esvaecidos doutros zoomorfos que na actualidade son case imperceptibles e que constatan a posible existencia dunha grea maior de animais.

cervo no sector central inferior

cervo no sector central inferior

En xeral todos os zoomorfos presentan certa homoxeneidade en canto o seu estilo e técnica de elaboración. Son deseños moi estilizados, sen chegar á esquematización, elaborados mediante dous trazos cun espazo no interior de reducidas dimensións, conformando corpos moi estreitos e alongados, pequenas colas de trazo simple e colos e cabezas en ocasións moi alongadas e rematadas con dúas pequenas liñas que semellan representar as orellas ou pequenos cornos.

Sector superior

Sector superior

A liña dorsal recta en paralelo á liña ventral no deseño xeral dos zoomorfos leva a algúns investigadores[5] a clasificalos no que denominan “grupo estilizado recto” en oposición ós zoomorfos característicos da zona de Campo Lameiro, Moraña, Cotobade… con deseños máis curvos na composición dos corpos e con colas representadas cunha liña dobre.

Neste senso, os gravados figurativos desta laxe presentan características semellantes ós zoomorfos dos petróglifos da zona do Barbanza e Muros – Noia pero tamén á outra gran laxe con motivos naturalistas da comarca compostelán, a Pedra Bicuda de Loureiro (Luou – Teo). A técnica de gravado empregada (dobre suco), as características no deseño xeral e tamaño dos motivos evidencian o gran parentesco formal entre ambos petróglifos aínda que a disposición xeral dos motivos sexa diferente.

A pesar destas características comúns no deseño dos gravados, hai neste panel detalles especialmente singulares que merecen que lles prestemos unha maior atención.

Extremo inferior

Extremo inferior

En primeiro lugar, só un dos cérvidos aparece cunha pronunciada cornamenta. Este “gran” cervo macho preside a zona central e inferior do panel. Un exemplar de pequeno tamaño, 32 cm de largo, pero que presenta unha curiosa cornamenta de forma case circular de 19 cm de ancho con sete puntas en cada hastado orientadas cara o interior do círculo, unidas entre si e en sentido transversal ás hastas de liñas curvas. Só atopamos certas similitudes con este tipo de cornamentas circulares presentes en varios cervos de pequeno tamaño coas puntas das dúas cornas unidas no interesante petróglifo da Cova da Bruxa do Concello de Muros.[6]

Outra das características dos gravados é a súa disposición formando pequenos grupos tanto na parte central do panel como na parte superior aproveitando os marcos espaciais dispoñibles entre as diáclases.

Sector central

Sector central

Na zona inmediatamente superior o cervo macho, que ocupa tamén un lugar central, consérvase un dos elementos máis plásticos desta laxe, tres posibles cervos de diferentes tamaños ordenados en liña practicamente unidos que semellan ascender polo panel. A cabeza do primeiro cervo figura apoiada no lombo do cervo seguinte e o mesmo acontece co que vén a continuación, deseñando unha singular escenografía. Un dos moitos exemplos comparables conservados na nosa arte rupestre é o xa clásico da laxe V do Monte Ardegán en Moraña.

Cervos do petróglifo da Laxe V do Monte Ardegán - Moraña

Cervos do petróglifo da Laxe V do Monte Ardegán – Moraña

No primeiro cervo chama a atención que o corpo figure composto por tres trazos que mesmo semellan reproducir non só o corpo senón tamén os cuartos traseiros e dianteiros do animal. Mais isto tampouco é algo excepcional na arte rupestre galega e deseños semellantes figuran noutros petróglifos como nun dos cervos do Coto da Siribela e noutros xacementos de Campo Lameiro. Os outros dous cervos posúen as dúas patas dianteiras en arco acentuando a sensación de movemento dos animais.

Cervos do sector superior

Cervos do sector superior

Na parte superior da laxe destacan varios cervos moi estilizados, algúns deles incompletos. Un dos máis curiosos conta con 6 pequenos trazos que representan as extremidades. Nesta parte do panel destaca unha parella de posibles cervos de longa cabeza e pequenas orellas ou cornos que fican en paralelo un sobre o outro. Situado na parte superior, o animal de menor tamaño (probablemente cun xinete no seu lombo) ten as patas e a cabeza apoiadas sobre o cervo situado debaixo. Unha escena similar figura no extremo superior esquerdo da laxe aínda que o seu estado de conservación é peor. Unha curiosa representación (unha posible cópula, unha doma?) que nos lembran outras composicións semellantes na Laxe das Lebres na Caeira (Poio) ou na estación da Quinta da Barreira en Valença do Minho.IMG-20160702-WA0006

Os cabalos e os homes

Detalle de un dos xinetes a cabalo

Detalle de un dos xinetes a cabalo

Ademais dos cérvidos outras das características deste gran panel é a presenza de varios cabalos, polo menos dous deles con xinetes. Son facilmente identificables por unha característica común na arte rupestre galega, ás súas longas colas.

É precisamente un destes cabaleiros o que abre outro destes grupiños de zoomorfos formando case un círculo na parte central dereita da composición, ofrecendo a sensación no espectador de que o cabaleiro persigue os outros dos animais.

Monta

Detalle de dous cervos na parte superior do panel, un deles cunha posible monta

A representación do xinete é moi simple, trázase o contorno dous sucos verticais e dúas pequenas liñas que representarían as extremidades superiores (non figuran as inferiores). A composición xeral destes cabalos tamén é sinxela pero non exenta de detalles como amosa a representación do falo, o arqueo das patas dianteiras e as pequenas orellas do équido. É unha mágoa que a mala conservación dun dos cabalos situado na parte superior esquerda do panel, moi erosionado debido os danos provocados polo lume, non permita asegurar con total certeza a presenza, máis que probable, deste segundo xinete.

Levantamento fotogramétrico

Levantamento fotogramétrico

Outro feito destacable é a “posible” monta sobre dous cervos (cabalos?) na parte superior da laxe, só unha hipótese porque a forte erosión destes motivos dificulta a súa lectura e rexistro.

As escenas de equitación relativamente frecuentes no grupo galaico da arte rupestre son, así e todo, puntuais na nosa comarca. A outra laxe da bisbarra con este tipo de escenas atópase na paraxe do Río Angueira no Concello de Teo. Porén, os gravados da laxe teense son, en xeral, máis esquemáticos e presentan trazos formais distintos.

Sector superior

Sector superior

Todos os zoomorfos do panel manteñen un mesmo patrón de orientación a pesar das diferentes disposicións dos animais no panel, sempre de esquerda a dereita, un posible intento de plasmar a orde natural da marcha da manda. A presenza da figura humana (que causa o caos na grea) pode motivar o deseño dos zoomorfos que ten o seu carón, que ofrecen unha maior sensación de movemento que os cérvidos máis estáticos situados na parte superior da laxe.

Para rematar a descrición dos elementos figurativos sinalar a presenza dun pequeno antropomorfo situado na parte inferior do panel, entre o cervo de cornamenta circular e o grupo de cervos en fila. Con forma de X de liñas curvas e posible representación esquemática de cabeza e falo. Un elemento de gran relevancia na composición que podemos asociar os zoomorfos da parte superior nunha posible representación dunha escena de pastoreo ou caza.

A escenografía

Fotogrametría cos sucos resaltados manualmente

Fotogrametría cos sucos resaltados

Unha das características máis salientables de este xacemento é que se trata da primeira laxe do concello compostelán no que se evidencia unha clara composición narrativa.

A disposición da laxe en pendente, a súa situación preto da paraxe chamada “Os Cortellos” onde fica unha penedía de grandes dimensións que permitiría o cercado e control do gando nunha zona próxima a vía de acceso natural ás chairas situadas na cima do monte, son factores que avalan a hipótese dunha posible escena de condución dos animais por parte dos xinetes.

A inexistencia de armas ou outros elementos que amosen unha acción violenta fainos pensar que a idea dunha posible escena de caza sexa menos probable.

Conclusións

A Pedra da Loba supón só o último achado no foco máis importante de arte rupestre da nosa comarca, a zona comprendida entre a Portela de Villestro (Compostela) e os montes do lugar de Ventosa na parroquia amiense de Santo Estevo de Covas.

pedra da loba-24

Presentación pública da laxe durante a visita nocturna do 9 de xullo

Para nós a aparición desta complexa laxe demostra, unha vez mais, a necesidade urxente de levar a cabo prospeccións intensivas e unha catalogación exhaustiva dos xacementos xa notificados no seu día polo Colectivo.

Non obstante, non é unha descuberta máis para engadir ó catálogo de gravados do grupo galaico senón que debería abrir novas liñas de investigación no eido académico e servir de acicate para que as institucións públicas sexan conscientes da relevancia de protexer e pór en valor esta área arqueolóxica.

A nova descuberta amplía o número de petróglifos con representación de animais na comarca a 6, a Peneda Negra en Ames, Outeiro do Corno, Río de Angueira e Pena Bicuda de Loureiro en Teo e O Pinal 1 e Os Cortellos 3 en Santiago de Compostela. Tamén é xunto co de Río Angueira os dous únicos xacementos con escenas de monta.

Agardemos que o noso traballo non fique esquecido nun recuncho da rede e que permita reactivar o compromiso dos diferentes gobernos municipais e autonómicos na protección e divulgación destas manifestacións artísticas do noso patrimonio cultural e deste xeito evitar que o seu coñecemento non siga restrinxido ó reducido mundo dos estudosos e afeccionados á arqueoloxía. A día de hoxe, resulta lamentabelmente que non exista ningún petróglifo da comarca cunha pequena sinalización que permita e facilite a súa visita na área de Compostela[7].

Presentación pública da laxe na pasada visita nocturna do 9 de xullo

Presentación pública da laxe na pasada visita nocturna do 9 de xullo

Desexamos que esta situación mude pronto, e que os traballos que está a realizar na actualidade a Dirección Xeral de Patrimonio e o Concello de Ames para a posta en valor do petróglifo do Monte Castelo e conservación da Peneda Negra en Ames sexa só un primeiro paso dun longo camiño sen retorno.

De momento nos tentaremos seguir amosando a arte rupestre da Comarca a todos aqueles que o desexen dentro das nosas posibilidades. E así, o pasado sábado 9, aproveitamos a 3ª visita nocturna ós petróglifos da Devesa da Rula para presentar por vez primeira ós participantes a estación obxecto desta entrada. A todos eles grazas por ternos acompañado nese fermoso momento.

Album fotográfico no noso Flickr da Ruta nocturna pola Devesa da Rula 2016

Bibliografía

  • Colectivo A Rula: “A Pena Bicuda de Loureiro, arte rupestre no Monte Piquiño”, Entrada no Blog do Colectivo A Rula do 5/02/2016
  • Santos Estévez, M.: Petroglifos y paisaje social en la prehistoria reciente del noroeste de la península Ibérica”. En TAPA: traballos de arqueoloxía e patrimonio, ISSN 1597-5357, Nº 38, 2008, ISBN 978-84-00-08733-2, páx. 13-216
  • Soto Barreiro, M.J.:”Los petroglifos prehistóricos de la comarca compostelana”. Santiago (tese de licenciatura inédita). Universidade de Santiago de Compostela, 1986
  • VV,AA.: Fábregas Valcarce, R. ; Guitián Castromil, J.; Guitián Rivera, J. e de la Peña Santos, A.: “Petróglifo galaico con una representación de tipo Peña TÚ” en Zephyrus: Revista de prehistoria y arqueología. LVII (2004), p. 183-193.
  • VV,AA.: Fábregas Valcarce, Ramón; Peña Santos, Antonio de la; Rodríguez Rellán, Carlos. “Río de Angueira 2 (Teo, A Coruña): un conjunto excepcional de escenas de monta”. Revista Gallaecia. Núm. 2011, (30): 29-51
  • VV,AA.: Fábregas Valcarce, R.: Guitián Castromil, J.; Guitián Rivera e J. Rodríguez Rellán, C.: “Entre dos mundos: los grabados al aire libre de Pena Bicula de Loureiro (Teo, Galicia, España). Revistas Espacio, Tiempo y Forma. Series I-VII. Espacio, Tiempo y Forma, Serie I, Prehistoria y Arqueología (ISSN: 1131-7698; eISSN: 2340-1354). Facultad de Geografía e Historia. UNED, 2013, p. 173-195
  • VV,AA.: “Arte rupestre prehistórica do Eixo Atlántico”. Eixo Atlántico del Noroeste Penínsular. Vigo, 2006

Notas

[1] Coordenadas xeográficas 29 T 531074 4748037

[2] Facilmente recoñecible polos tres aeroxenadores situados no seu cumio

[3] É este outros dos factores que aconsellan unha intervención arqueolóxica con certa urxencia. A forte inclinación da laxe e a gran cantidade de desprendimentos de pedras situados na parte superior da rocha  fai que se vexa moi afectada por procesos derivados das escorrentías.

[4] Esta utilización das diaclases naturais como elementos para organizar as distintas escenas foi constatada polos investigadores en multitude de petróglifos do Grupo Galaico da Arte Rupestre.

[5] Santos – Estévez, 2007

[6] Outros exemplos de cornas pechadas atópanse tamén en laxes como a do Coto da Siribela en Ponte Caldelas, o Chan da Lagoa en Campolameiro, a Laxe da Sartaña no Porto do Son ou Os Mouchos en Rianxo, pero o deseño xeral dos cervos difire bastante deste motivo dos Cortellos 3.

[7] As dúas únicas iniciativas reseñables foron a sinalización do Petróglifo de Oca por parte da Deputación da Coruña nos anos oitenta do século pasado e a sinalización levada a cabo pola Asociación A Gentalha do Pichel nas laxes máis destacadas do Concello de Santiago hai uns anos.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Visita nocturna ó petróglifo do Monte Castelo en Ames. Últimas prazas !!!


Comprácenos anunciar que o vindeiro sábado 16 de xullo visitaremos a recentemente “redescuberta” estación de arte rupestre prehistórica do Monte Castelo na parroquia de Covas, Ames.

Será a primeira ruta nocturna nas terras amienses organizada polo Colectivo A Rula e o Concello de Ames pero agardemos que só sexa a primeira de futuras colaboracións.

A actividade abrirase cunha pequena charla introductoria sobre os petróglifos da Comarca de Santiago, con especial atención aos petróglifos de Ames. De seguido, visitaremos o petróglifo do Monte Castelo 2.

Por razóns técnicas e de seguridade só podemos convidar a un pequeno grupo (60 persoas) mais prometemos repetir novas xeiras nocturnas para que todos aqueles que o desexen poidan coñecer este xacemento situado na  área arqueolóxica de Ventosa que esta semana inicia a súa valorización social.

Se queredes acompañarnos só tedes que enviarnos un correo electrónico e agardar a nosa confirmación. A actividade é, como sempre, totalmente de balde.

Deixámovos o “teaser” que preparamos para ocasión….

 

ANOTÁDEVOS AXIÑA en colectivoarula@gmail.com !!!

Ligazóns relacionadas

 

Visita nocturna pola Devesa da Rula


Comeza o verán e cumprimos o terceiro aniversario do Colectivo. Que mellor momento para anunciarvos a primeira das nosas xeiras nocturnas pola comarca neste xullo que prognostican caloroso.

Iniciamos o noso periplo polo noso patio de xogos particular, a Devesa da Rula, o próximo sábado 9 de xullo. Será unha nova noite de estrelas e petróglifos na compaña de todos aqueles que procuredes novas experiencias. Non será unha xeira máis, pois guiarémosvos por novos recunchos máxicos que agocha o interior desta paraxe na portela do val do rego de Roxos (Villestro – Compostela).

O percorrido e a distancia será similar ó doutras ocasións (podedes ver a ruta na nosa conta de wikiloc) pero levaremos novos brinquedos, haberá novidades e unha gran sorpresa final!!!

Por razóns técnicas e de seguridade só podemos convidar a un pequeno grupo, mais prometemos repetir as veces que sexa preciso para seguir desvelando eses segredos dunhas laxes aínda por descubrir.


Se queredes acompañarnos só tedes que enviarnos un correo electrónico e agardar a nosa confirmación. A actividade é, como sempre, totalmente de balde.

ANOTÁDEVOS AXIÑA en colectivoarula@gmail.com !!!

“A grade prehistórica”. A Pedra da Grada ou dos Tres Curas, un novo deseño de tipo Outeiro do Corno na comarca de Caldas.


“A Loba (2001-2016), membro animal fundador do Colectivo, que nos acaba de deixar na procura dos misterios que se agochan nos solsticios.”

A descuberta da Pedra da Grada

No sempre dinámico panorama dos estudos da arte rupestre galaica xorden a cotío novidades que evidencian as limitacións que presenta o actual catálogo de xacementos de arte rupestre. Mais segue a sernos difícil de comprender que gravados tan excepcionais e singulares, situados en laxes facilmente accesibles, recoñecibles e coñecidas pola veciñanza, sigan pasando desapercibidas como aconteceu con este petróglifo da Pedra da Grada.

Hai só un par de semanas Isaac González García, veciño da zona, púxose en contacto co Colectivo para falarnos dunha laxe que, segundo comentaba, tiña gravados semellantes ós do petróglifo teense do Outeiro do Corno I. De inmediato a nova suscitou o noso interese, incrementado pouco despois ó achegarnos a través das redes sociais un pequeno debuxo e pequenas referencias sobre as características xerais e historia da laxe.

Un par de días despois achegámonos á zona e quedamos abraiados ó contemplar por primeira vez o deseño e dimensións deste singular gravado. Repetimos as visitas en sucesivos días cos nosos equipos coa intención de documentar coa maior precisión posible as gravuras, traballo que agora vos presentamos.

Localización e referencias históricas

Entorno inmediato

Contorna inmediata á laxe

A chamada “Pedra da Grada” constitúe un fito natural que predomina sobre a súa contorna inmediata, unha xeografía bastante chan e con poucas elevacións, o que facilita a súa rápida localización.

Quizais por este motivo fose empregada xa dende o Medievo como marco divisor de varias parroquias (Briallos en Portas, Arcos da Condesa en Caldas de Reis e Saiáns en Moraña) e aínda serve na actualidade como fito lindeiro entre os concellos de Portas, Caldas de Reis e Moraña, os tres pertencentes á comarca de Caldas.

Imaxe do bolo partido e sinalando a localización do gravado

Imaxe do bolo partido coa sinalación da localización do gravado

De feito, un deslinde realizado por don Jesús Vila entre o 1889 e 1890 (localizado por Isaac) recolle o seguinte:

“Aberto cara Arcos ata dar na pedra chamada da Grada ou dos Tres Curas que dista cincocentos catro metros da anterior, e que se chama quizais así por ser un punto divisorio do que irradian os tres concellos de Caldas cara o norte, Portas contra o sur, e Moraña contra o leste. Por conseguinte, aquí dáse por terminada a divisoria”.

Mapa de situación

Mapa de situación

Este afloramento granítico localízase a 207 metros de altitude (coordenadas UTM:  29 T 531282 4713518 – Datum: wgs 84) nun extremo do Monte de San Martiño (Caldas de Reis). Sitúase nunha pequena planicie, a só uns metros do nacente do rego de Arcos, nunha encrucillada entre o camiño de monte que transcorre paralelo ó linde entre Caldas e Moraña e o antigo Camiño de Búa que remata en Corrigatos (Moraña) e que pasa ó carón do campo de fútbol de Saiáns.

Pedra do Sol dos Cabalos-4

Un dos grandes penedos que conforman a “Pedra do Sol dos Cabalos” preto da Pedra da Grada.

Nesta zona abundan outros afloramentos graníticos que dan nome a paraxes de curiosa toponimia como a “Pedra do Sol dos Cabalos”[1], moi afectada pola actividade extractiva dos canteiros e que tamén serve de linde entre Caldas e Moraña.

Detalle da inscrición

Detalle da inscrición na Pedra do Sol (Saiáns – Arcos)

Descrición do xacemento:  soporte e motivos

A propia Pedra da Grada consérvase na actualidade fracturada case na súa totalidade en dúas partes. Cóntanos Isaac que hai anos unha cuadrilla de canteiros tentaron levar a laxe para facer postes para as viñas. O feito debeu chegar ata as autoridades porque no último momento interveu a Garda Civil para impedírllelo xa que a pedra como marco divisorio que é debía continuar no lugar e permanecer inalterable, dado o seu valor legal. Esta actuación “in extremis” permitiu a persistencia do xacemento ata a actualidade. Curiosamente nesta ocasión o marco salvou o petróglifo.

Os grillos na parte finalmente non partida

Os grillos na parte da laxe sen fracturar

Trátase dun gran con granítico de case 2,5 metros de altura, de gran moi groso e numerosos fragmentos de ortosas de feldespato.

Conserva un motivo de grandes dimensións situado na metade sur do penedo, na zona central dun panel case vertical orientado ó suroeste. Os eucaliptos situados ó carón do penedo impiden o paso da luz e dificultan a observación con luz natural dunha figura cunhas dimensións xerais de 1,75 m de alto por 1,02 m de anchura (na base). Tal vez o seu parecido coa tradicional ferramenta agrícola da grade explique o nome da laxe que, á súa vez, dá nome á paraxe na que se localiza.

O gravado da Pedra da Grada entronca claramente co grupo iconográfico “Peña Tú”,  fundamentalmente pola súa forma rectangular segmentada en oito franxas horizontais e remate absidal bastante pronunciado. Porén, tamén presenta características propias como a substitución deses trazos, que representan esquematicamente un rostro en Peña Tú, por catro arquiños en liña, de 12 cm de alto por 11 cm de ancho cada un, apoiados sobre a primeira banda rectangular interna.

Cabe salientar tamén o gran tamaño do ídolo, o máis grande dos localizados ata o momento en terras galegas e, probablemente, un dos máis grandes de todos os coñecidos na actualidade.

Levantamento fotogramétrico

Levantamento fotogramétrico

A figura vai estreitándose pouco a pouco dende a base (máis ancha) ata o extremo superior rematado nesa característica ábsida. Presenta un dobre suco no bordo exterior da figura (outra das características comúns nesta tipoloxía) pero tamén nas diferentes bandas rectangulares do interior, agás na superior. Esta dobre liña continuada que define o contorno da silueta e contorno interior das diferentes bandas mantén sempre unha equidistancia entre ambas liñas.

Outra das particularidades do ídolo da Pedra da Grada son as súas esquinas inferiores, a diferenza das formas redondeadas do Outeiro do Corno esta posúe vértices ben marcados e pronunciados.

Detalle do extremo superior

Detalle do extremo superior

Baixo a ábsida superior e baixo os catro pequenos arquiños aliñados hai oito bandas horizontais. En diversas fotografías podemos apreciar a posible existencia de pequenos círculos (4 ou 5) no interior das tres primeiras bandas, apenas perceptibles pola forte degradación da pátina da pedra. As outras franxas rectangulares en dirección á base non semellan posuír ningún outro gravado, aínda que tampouco o descartamos totalmente.

Outro elemento específico deste exemplar é a entalladura ou lixeiro estreitamento que se aprecia no sector inferior entre a penúltima e última banda.

Rectángulo na Pedra da Grada

Cadrado na Pedra da Grada

Os gravados teñen sucos de sección transversal en U e bastante anchos e profundos. O seu estado xeral é bastante bo, aínda que desigual. O gran groso deste soporte granítico “pouco habitual” nos petróglifos galegos dificulta bastante a súa visualización. A parte superior do gravado está máis deteriorada, polo que foi preciso empregar a fotogrametría e a fotografía nocturna para poder rexistrar correctamente os motivos.

Por outra banda, na parte superior da laxe, ó carón da fenda realizada polos canteiros, atopamos un gravado histórico con evidencias de ter sido realizado con ferramentas metálicas. Trátase dun pequeno cadrado que asociamos ós traballos levados a cabo por antigos topógrafos. Estariamos ante un antigo sinal xeodésico dos realizados a finais do século XIX ou principios do século XX, en estreita relación co xa citado uso da laxe como marco divisorio entre concellos e parroquias.

O grupo “Peña Tú”

cadro do grupo Peña Tú - Fonte ASAGA

Cadro dos deseños do grupo Peña Tú (Terroba Souto, Y. 2015)

Este esteliforme é un motivo iconográfico moi singular e pouco frecuente no noso pais, sendo o terceiro documentado en Galicia despois do petróglifo de Outeiro do Corno[2]  en Teo e do petróglifo de Basoñas[3] no Porto do Son.

Fotogrametría de Outeiro do Corno I

Fotogrametría de Outeiro do Corno I

A este “grupo galaico” pódense incorporar algunhas representacións gravadas en sepulturas megalíticas e incluso pequenas pezas escultóricas como a de Paredes de Abaixo en Paradela, localizada a carón dunha mámoa polo investigador Vázquez Seijas nos anos corenta do pasado século.

Ídolo Peñatu

Ídolo Peña Tú (ou Peñatu)

Os seus deseños vincúlanse cos gravados e pinturas da chamada tipoloxía “Peña Tú”[4] en referencia ó xacemento localizado no Concello de Llanes en Asturias, o primeiro estudado e o máis coñecido que se converteu no “patrón” deste peculiar modelo iconográfico.

Segundo os especialistas trataríase dunha representación antropomorfa ultraesquematizada de corpo rectangular co interior segmentado en bandas horizontais e remate superior en ábsida máis ou menos pronunciado, algúns deles están acompañados de armas en posición pasiva (coa punta cara abaixo) como tamén acontece no gravado teense.

Tabuyo del Monte

Tabuyo del Monte. Museo de León

Estes gravados localizábanse inicialmente só nunha pequena franxa da cordilleira cantábrica e do norte de León. Outros exemplos destacados desta mesma categoría icónica son os de Sejos e Hoyo de la Gándara en Cantabria e o de Tabuyo del Monte en León (actualmente no Museo de León).

Debemos sinalar tamén a localización de pinturas rupestres en covas e abrigos naturais que presentan gran paralelismo con esta mesma iconografía, como as pinturas rupestres de Fresnedo en Asturias[5] ou o máis recente achado do Ídolo de Ojo Guareña en Burgos.

No noroeste Peninsular.

A morfoloxía xeral da figura da Pedra da Grada aproxímase máis o modelo de Peña Tú ca o seu paralelo galego de Outeiro do Corno, mais na arte rupestre do NW existen outros deseños con certas semellanzas que nos levan a sospeitar que estaríamos ante unha iconografía máis habitual do que nun primeiro momento poidera parecer. É o caso do motivo acaroado ó gran reticulado do petróglifo de Agro das Calzadas en Buriz[6], no Concello de Guitiriz, ou o do petróglifo do Monte da Laje, en Valença do Minho, no Norte de Portugal. En ambos casos tamén se constata un extremo superior absidal e as consabidas divisións internas.

Monte da Laje

Monte da Laje – Valença do Minho

Cómpre destacar, no caso de Buriz, a gran similitude que presenta coa Pedra da Grada, tanto na súa localización xeográfica, ambas en pequenas chairas preto de mananciais e ó carón de antigos sendeiros, como nas características morfolóxicas e de composición da laxe en xeral, cons graníticos redondeados e de bo porte e gran moi groso que presentan os gravados na parede orientada ó sur e nun panel case vertical.

Esta disposición vertical do gravado de seguro dificultaría o traballo do gravador, que ben puido empregar, no caso da Pedra da Grada, algún tipo de escada para a súa realización. No futuro deberemos prestar maior atención a este tipo de laxes, pouco habituais ata agora na arte rupestre galega, e que en moitas ocasións desbotamos de antemán nas sondaxes.

Guríz

Agro das Calzadas – Porta do Alén – Buriz  (Guitiriz)

Interpretacións dos gravados

Este novo “esteliforme” galaico constitúe, por tanto, un novo elo de relación entre o chamado Grupo Galaico da Arte Rupestre e a arte rupestre da franxa cantábrica e do noroeste da meseta, de carácter máis esquemático, que certos autores fan extensible ós idoliños-placa, presentes en boa parte da Península. Ven a por de novo de manifesto un nexo de unión entre dous focos de arte rupestre que ata hai poucos anos se consideraban totalmente independentes. Novas liñas de investigación no futuro deberán profundizar nesta adición tipolóxica ó repertorio coñecido da arte rupestre galega.

Ídolo Peña Tú

Ídolo Peña Tú (Bueno & Fernández Miranda, 1980)

En xeral, a maioría dos autores relacionan estes deseños con figuras humanas esquematizadas e moi abstractas. Ídolos antropomorfos relacionados con individuos de certo prestixio que en ocasións son representados ó carón das armas propias e identitarias do seu estatus guerreiro. Guerreiros ou xefes tribais que reflicten unha certa desigualdade social nestas primitivas comunidades da nosa Prehistoria.

Outros autores, non obstante, propoñen que ditas figuras serían versións setentrionais das coñecidas estelas alentexanas e do Suroeste peninsular coas que tamén presentan certos paralelismos estilísticos.

Outeiro do Corno I - Teo

Outeiro do Corno I

Finalmente, a localización destas laxes preto de necrópoles megalíticas levou a varios investigadores a defender a teoría de que estariamos ante algún tipo de representacións de carácter funerario.

Con respecto as pautas seguidas para a elección do emprazamento,  nesta ocasión o autor do gravado seleccionou intencionalmente un elemento natural ben recoñecible na paisaxe para posteriormente plasmar na zona máis visible da laxe unha mensaxe, quizais un sinal de aviso, coa intención de ser contemplado a certa distancia por calquera que percorrera esta antiga vía de tránsito usada dende a antigüidade ata os nosos días. A acción dos axentes naturais  que foron erosionando os gravados, pode explicar que tempo despois pasase desapercibida, agás para a veciñanza da contorna que xornada tras xornada observaba unha figura que asociaron cun elemento común da súa vida cotiá.

Tipoloxías Peña tú

Tipoloxías Peña tú (Fabregas et. al, 2003)

Cronoloxía

En relación a súa posible cronoloxía, os investigadores sitúan os referentes máis destacados do grupo en torno 1.800-1.500 a.C. Non obstante, a diferenza doutros gravados, o petróglifo da Grada non está asociado con armas metálicas o que dificulta a súa adscrición cronolóxica. Certos autores sinalan a posibilidade de que sexan precisamente este gravados non relacionados coas armas os máis antigos, herdeiros dunha longa tradición que se remonta ó Neolítico e que se mantivo viva durante toda a Idade do Bronce.

Conclusión

Atopámonos ante un dos máis importantes achados da arte rupestre ó ar libre nestes últimos anos que reactiva interrogantes que expliquen o emprego dun modelo esquemático recoñecible e aceptado nunha ampla franxa do territorio entre o Atlántico e a cornixa cantábrica. Gravados que nos transmiten unha mensaxe concreta arestora descoñecida.

Calco do Agro das Calzada. Antonio de la Peña Santos. 1980

Calco do Agro das Calzada (Peña Santos, 1980)

Dende o Colectivo demandamos que os organismos públicos competentes inicien os trámites necesarios para a catalogación do xacemento, como primeira medida necesaria e esencial para garantir a súa protección e conservación. Lamentablemente o estado xeral dos petróglifos desta tipoloxía en Galiza é moi mellorable e permanecen no máis absoluto descoñecemento para o gran público e en perigo constante a causa dos incendios e outros axentes.

Debemos lembrar que boa parte destes xacementos foron declarados monumentos histórico – artisticos (Peña Tú) ou bens de interese cultural (Sejos). Son verdadeiras iconas e referentes culturais para as xentes das comarcas onde se localizan e son considerados valiosos monumentos da Prehistoria do Noroeste peninsular. A simple incorporación dun novo gravado desta tipoloxía ó noso catálogo de arte rupestre constitúe un feito excepcional, á marxe doutras consideracións como a boa factura e dimensións únicas deste gravado da Pedra da Grada.

Xacementos próximos en Moraña.

Cabeza de San Pedro de Rebón

Cabeza de San Pedro de Rebón

Pedrafitas: – Lapa de Gargantáns (San Martiño de Gargantáns), Cabeza de San Pedro (entre as parroquias de Rebón e Amil)

Petróglifos: P. Gargantáns (S. Martiño de Gargantáns), P. Ardegán (S. Martiño de Gargantáns), P. Do Deitadeiro (S. Martiño de Laxe), P. De Cotaredo (Longás – Santa Xusta), P. Chan de Deus (Conles – Santa Xusta)

Xan de Deus

Xan de Deus

Mámoas: Mámoa de Santa Lucía (Santa Lucía), Mámoa do monte Ardegán (Longás – Santa Xusta), Mámoa de Paraños (S. Martiño de Gargantáns), Necrópole do monte Laceira (Monte Laceira – Laxe), Mámoa de Guillarei (Cortiñas – Santa Lucía), Mámoa da Pallota (A Pallota – Rebón), Mámoa de Silvoso (Santa Cruz de Lamas).

Non queremos rematar este pequeno artigo sen agradecer a Isaac ter compartido con nós o seu achado e o ternos permitido facernos voceiros da existencia deste excepcional xacemento que de seguro sorprenderá a moitos especialistas e afeccionados á arte rupestre tanto como nos sorprendeu a nós. Esta é outra mostra máis da relevancia das achegas que están a facer os afeccionados á arqueoloxía nestes últimos anos ó coñecemento da arte rupestre. Neste senso, resulta significativo o valor das redes sociais como novo vehículo de difusión e comunicación entre os diferentes axentes que interactúan neste eido.

Tamén queremos agradecer as suxestións feitas vía facebook polo investigador lucense Xabier Moure.


Notas.

[1] Esta Pedra do Sol dos Cabalos é un conxunto de grandes bolos, nos que destacan dous penedos contiguos polas súas dimensións e paredes verticais de máis de 5 metros de altura. Tamén se observa na zona restos de muros de basta factura apoiados nalgúns dos penedos. A denominación de Pedra do Sol dos Cabalos déunola un operario que estaba a traballar nas inmediacións do campo de fútbol, mais nos mapas que temos consultados atopamos por un lado a Pedra do Sol e pola outra a Pedra dos Cabalos.

[2] Fábregas Valcarce et al. (2004).

[3] Fábregas Valcarce et al. (2006).

[4] Hernández Pacheco et al. (1914).

[5]Mallo e Pérez. (1971).

[6]Peña e Rey. (2001).


Bibliografía:

 

 

A Pedra Ancha do Camiño de Fisterra


1993_calco-pedra-ancha_sector-a_costas-goberna_novoa_panel-superior_22944552130_o

Calco Costas Goberna . 1993

Entre as moitas especificidades que conforman a personalidade propia da nosa arte rupestre prehistórica ocupa un lugar destacado un conxunto de estacións con paneis con representacións exclusivamente de armas. Cuantitativamente son un conxunto minoritario dentro do Grupo Galaico de Arte Rupestre mais por diversas causas teñen sido obxecto desde sempre dunha atención preferente por parte dos estudosos na materia.

Entre estas rochas panoplias nesta ocasión fixamos a nosa atención nunha das máis setentrionais, a Pedra Ancha de Dumbría.

1993_calco-pedra-ancha_costas-goberna_panel-inferior_22944551620_o

Calco Costas Goberna . 1993

O xacemento arqueolóxico de Pedra Ancha localízase preto do Alto do Fragoso na parroquia de San Pedro de Buxantes en Dumbría (UTM: 29 T 492060 4759095).

1993_calco-pedra-ancha_costas-goberna_novoa_xeral_22944552540_o

Calco Costas Goberna . 1993

Trátase dun gran afloramento granítico de máis de 36 m de longo por 10 m de ancho e preto de 5 de altura que constitúe o elemento natural de referencia na paisaxe da súa contorna. Salienta a súa situación a escasos metros do camiño real que foi dende a Idade Media e segue sendo o itinerario xacobeo de Compostela a Fisterra. A só cincocentos metros ó leste atópase o outro referente espacial desta zona, neste caso artificial, a fábrica de Carburos Metálicos de Ferroatlántica que alterou radicalmente este espazo xeográfico nas últimas décadas.

Pedra Ancha 1-3Esta estación de arte rupestre ó ar libre foi localizada polo veciño Modesto García Quintáns, antigo Director do Instituto Xeográfico Nacional da Coruña, en 1991 durante unha xornada de caza cos seus compañeiros da cuadrilla de Buxantes.

plano-pendentes_-pedra-ancha_fragoso_22609833884_o.jpg

Plano de localización

Logo dunha pequena publicación en La Voz de Galicia ese mesmo ano, foi dada a coñecer nun artigo da revista Brigatium en 1993 polos investigadores Fernando Javier Costas Goberna, Pablo Novoa Álvarez e José María Albo Morán que destacan por primeira vez a relevancia desta rocha panoplia e salientan a súa estraña localización en relación co escaso número de petróglifos destas características na Galiza setentrional en xeral e na Costa da Morte en particular. Con posterioridade foi estudada e citada por numerosos investigadores e arqueólogos como F. Alonso (1993), F.J. Costas Goberna e E. Pereira García (1998), Vázquez Varela (1999, 2007), A. de la Peña Santos e F. J. Costas Goberna (2006), B. A. Casado e A. del Peña Santos (2011), etc…

 DESCRICIÓN DOS GRAVADOS.

Pedra Ancha 1-2Na parte superior deste enorme penedo figuran un gran número de pías naturais que a erosión e chuvia foi creando co devir da historia. Porén, é na parede oriental nunha zona de forte inclinación, case vertical, onde se atopan os dous paneis insculturados cunha importante representación de armas propias dos inicios da metalurxia: dúas espadas curtas ou puñais e catro alabardas, semellantes ós exemplares de cobre localizados en varios xacementos arqueolóxicos galegos, e tamén varios deseños triangulares que denominaremos “escutiformes” e que identificamos por asociación co resto das armas con algún tipo de escudo descoñecido no rexistro arqueolóxico por estar confeccionado con materiais orgánicos perecedoiros.

1991_08_31_descubiertos-en-dumbra-unos-petroglifos-que-representan-armas_23045493630_o

Nova da descuberta na Voz de Galicia do 31 de agosto de 1991

Non podemos desbotar tampouco outras hipóteses sinaladas polos investigadores que os identifican como posibles mascaras, idoliformes, representaciones antropomorfas sacralizadas, estandartes e incluso carros de guerra gravados cunha perspectiva cenital semellantes ós representados nas estelas estremeñas e alentexanas (G. Pascual Hermida, 2011). Deseños triangulares moi semellantes localízanse noutros petróglifos do grupo galaico da arte rupestre como Auga da Laxe (Gondomar), Mogüelos (Cangas) e sobre todo gardan moita similitude coas figuras do Castriño de Conxo en Santiago de Compostela.

Pedra Ancha 1-4Na parte central da cara oriental é onde figuran estes 3 escutiformes dispostos case en liña. As súas dimensións oscilan entre os 60 e 70 cm de longo por 40 de ancho. Ó carón dun deles atópase tamén un puñal ou espada curta de tipo espigo (sen cravos de suxeición) con empuñadura e coa posible representación do nervio central moi erosionado

Na parte inferior da laxe e á dereita do primeiro grupo de gravados, atópase un segundo panel duns 3 metros cadrados situado case a rentes do chan. De esquerda a dereita figuran dúas alabardas de folla triangular, a primeira con nervio central e a segunda con varios sucos paralelos no fío, ambas cun longo suco a modo de mango; un segundo puñal con nervio central e colocado en posición activa (mirando cara arriba) e unha terceira alabarda máis pequena de fío case cadrado e deseñada con varios sucos e que tamén presenta un longo suco a modo de mango. Á dereita destes deseños pechando o panel atópase unha cuarta alabarda tamén de folla triangular de liñas máis redondeadas e varios sucos paralelos representando ós nervios no fío. Entre a terceira e a cuarta alabarda figuran representadas varios gravados históricos, cruces de factura relativamente moderna que quizaiPedra Ancha 1-7s oculten outras representacións prehistóricas como outro posible escutiforme (J.M. Vázquez Varela, 2007).

As alabardas representadas, todas orientadas na mesma dirección á dereita, son similares ós modelos Carrapatas da Idade do Bronce localizadas nos rexistros arqueolóxicos do NO peninsular.

Pedra Ancha 1-8A conservación dos gravados é en xeral bastante boa a pesar das continuas enxurradas no inverno. A auga que conteñen as enormes pías naturais da parte superior vai escorregando polas zonas máis inclinadas da laxe onde figuran os gravados. Malia todo, o proceso de meteorización directa pola acción do vento e a auga non semella por en perigo a conservación dos grabados.

En definitiva, a representación deste amplo repertorio de armas, cando menos nove entre ambos paneis, converten a Pedra Ancha na rocha panoplia máis importante da Costa da Morte e un dos xacementos de arte rupestre prehistórica desta tipoloxía máis representativos do noso país.

ANÁLISE.

Na análise de calquera estación de arte rupestre ó ar libre é fundamental avaliar o seu contorno inmediato. Nesta ocasión éo aínda máis, pois o afloramento granítico da Pedra Ancha destaca na paisaxe como o elemento natural máis sobranceiro nesta penechaira do Fragoso hoxe gravemente alterada pola acción antrópica. Desaparecidas case por completo as mámoas da paraxe de Maias, só fica na zona outro xacemento arqueolóxico de certa importancia, o chamado Castro da Fragoso da idade do Ferro, situado a uns 400 m, ó suroeste da gran peneda.

Pedra Ancha 1-14O outeiro da Pedra Grande constitúe por tanto un fito espacial fundamental neste territorio, marca o linde entre a chaira e as suaves pendentes do val que se van acentuando ó achegarnos ó río Fragoso que dá nome á zona e o xacemento castrexo. Dende a Peneda Grande podemos divisar unha ampla panorámica de toda a chaira onde se practicaba o pastoreo ata hai unhas décadas e preto de importantes recursos naturais como os numerosos mananciais da zona e o río. Sitúase tamén nunha vía de tránsito natural usada dende a prehistoria ós nosos días, como testemuña a presenza do itinerario da senda xacobea.

Pedra Ancha 1-5A localización dos gravados na parede orientada ó camiño, na súa parte central e case vertical da parede, evidencia a vontade dos gravadores para facer visibles estas figuras á certa distancia.

A pesar da erosión en días con boa luminosidade aínda é posible observar dende o camiño os diferentes motivos (tal e como reflicte a primeira fotografía) e a pesar da plantación de eucaliptos situados na parcela lindeira que dificulta a súa visualización na actualidade.

Pedra Ancha 1-6Como complemento á hipótese territorial, J. M. Vazquez Varela (2007), sinala unha segunda interpretación da laxe como lugar de celebración de rituais guerreiros. A representación de toda esta panoplia reflicte unha forte carga simbólica que podemos relacionar con outras funcións, dende servir de sinal disuasoria e aviso a outros grupos da zona (tamén en relación coa anterior hipótese de linde territorial), ata indicar o lugar de celebración de rituais colectivos vinculados á guerra conmemorando o inicio ou fin dunha acción bélica. Quizais esta exhibición pública dos armamentos dos guerreiros xogase un papel fundamental para definir os modelos sociais imperantes nesas sociedades.

A presenza de gravados de diferentes períodos evidencian a querenza e atracción continuada destes antigos poboadores por esta peneda, deixándonos testemuños perdurables no tempo que dificilmente poderemos interpretar dende os valores culturais actuais. A Pedra Ancha tivo diversas funcións e significados ó longo da súa dilatada historia. As cruces de factura histórica que tamén podemos relacionar con varias funcións, “cristianización” dun lugar de culto pagán anterior, coa demarcación de límites territoriais ou incluso co paso dos peregrinos camiño a Fisterra, son os últimos sinais desta longa tradición gravadora.

SINALIZACIÓN

Pedra Ancha 1-10Durante a nosa visita ó petróglifo numerosos peregrinos achegáronse a nós para preguntarnos que era o que mirabamos con tanta atención no outeiro. Parolamos un bo anaco cun pequeno grupo de madrileños e dúas rapazas da Alemaña e a maioría quedaron abraiados ó contemplar as distintas figuras do gravado. Ninguén coñecía a sua existencia e todos subliñaban o feito de non existir unha mínima sinalización e información sobre o xacemento.

Pedra Ancha 1-12Dende o Colectivo é algo que tampouco comprendemos. Trátase dunha estación de doada localización e acceso, ó carón mesmo do camiño, polo que é incomprensible que o elemento patrimonial máis importante do treito xacobeo en Dumbría non sexa valorado como corresponde. Pensamos tamén que o custo das accións necesarias para a súa posta en valor non sería moi elevado. Un proxecto que implicaría a adquisición das parcelas, a eliminación da plantación de eucaliptos da parcela lindeira, a limpeza e acondicionamento da zona, o estudo, documentación e análise de todos os motivos (en prol de posibles melloras para súa conservación) e a sinalización axeitada do enclave. Un proxecto cunha dobre finalidade, garantir a correcta conservación do ben cultural e ó mesmo tempo facilitar a súa visualización e desfrute polos veciños da zona, ós turistas e peregrinos. Nun concello como Dumbría que conta cun importantísimo patrimonio arqueolóxico (máis de cen xacementos arqueolóxicos catalogados) cómpre iniciar a valoración e divulgación dos elementos patrimoniais máis singulares e únicos.

Neste senso, o Petróglifo da Pedra Ancha é un mostra excepcional de arte rupestre que debería converterse nun novo recurso turístico do Concello e unha nova icona para o camiño de Fisterra onde por desgraza tamén se atopan ás súas beiras outros petróglifos na mesma situación.

Pedra Ancha 1-9Queremos agradecer a Modesto García e a súa cuadrilla de caza, todos eles veciños de Dumbría, pola súa compaña nunha xornada entrañable e por desvelarnos segredos e historias destas paraxes únicas. Eles son un bo exemplo de como a práctica de actividades cinexéticas responsables non só é compatible coa protección e divulgación do patrimonio cultural senón tamén beneficiosa.

Para saber máis:

  • Costas Goberna, J.F., Novoa Alvarez, Pablo e Albo Morán, José Mª (1993). “Los grabados rupestres de armas de Pedra Ancha (Dumbria, A Coruña”, En: Brigantium. Bol. Museo Arqu. Hist. Coruña.Vol. 8. pp. 245-262
  • Alonso Romero. F. (1993). “El camino jacobeo a Fisterra”. Edicións Xerais. Vigo
  • Vázquez Varela, J.M. (1999). “Ideología, imagen y sociedad en el inicio de la Edad del Bronce en el Occidente de la provincia de A Coruña”. Deputación de Coruña. A Coruña
  • Peña Santos, A. de la e Costas Goberna J.F. (2006). “Roteiro de Petroglifos de Galicia”, En Hidalgo Cuñarro, J.M. (Coordinador) Arte Rupestre prehistórico do Eixo Atlántico. Vigo.
  • Vázquez Varela, J.M. (2007). “Funciones y significados de los grabados rupestres de armas prehistóricas de A Pedra Ancha (Dumbría, A Coruña”, En: SEMATA, Ciencias sociales e Humanidades. vol. 19. pag. 15-20
  • García Quintáns, Modesto (2008): “El ayuntamiento de Dumbria: Historia, tradiciones y costumbres”. Deputación da Coruña. p. 117
  • Guitián, J (2008). Pedra Ancha de Dumbría, entrada no Blog: Petróglifos de Galicia
  • Vilar Álvarez, Manuel (2010). “El Camino al fin de la Tierra”. Asociación Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de los Caminos Jacobeos. p. 68
  • Peña Santos, A. de la e Aparicio Casado, B. (2011) “Guía de los petróglifos de Galicia”. Ed. Cumio. p. 26-29

Obradoiro de Iniciación á fotografía de petróglifos. Resumo.


O pasado sábado 3 de outubro tivo lugar no Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro o primeiro obradoiro de iniciación á fotografía de Petróglifos. Pouco tempo atrás, cando o equipo que dirixe o parque nos propuxera a súa realización, só intuímos as dificultades que entrañaba levalo a cabo pero tamén sabiamos que dun xeito ou outro tiñamos que facer todo o posible para realizalo. Tratábase da primeira vez que se desenvolvía unha proposta deste tipo en toda Galicia, e a isto témoslle que sumar que o feito de se realizar en Campo Lameiro implicaría, en moitos casos, maiores desprazamentos para os posibles participantes.

Queremos agradecer ós novos xestores do PAAR o esforzo que están a levar a cabo desenvolvendo o seu proxecto renovador no parque, tentando achegalo á idea orixinaria e a que moitos de nós temos sobre o que debe chegar a ser. E cremos certamente que a realización de actividades como este obradoiro fotográfico forma parte dese camiño a seguir.

cartel-fotografia

E chegou o día, e comezamos de vagariño a ollar distintos exemplares de publicacións sobre arte rupestre galega e comentamos a ausencia case xeneralizada da fotografía de petróglifos nelas. E coa escusa entramos no tema…

Apoiados en multitude de imaxes dimos un repaso á fotografía de petróglifos ó longo do tempo, desde os pioneiros ata os autores actuais e á chegada das novas tecnoloxías. A continuación pasamos a tratar unha parte máis técnica, o equipo. Amosamos un equipo recomendable e Anxo de Prado  rematou sabiamente este apartado concretando: ilusión, lanterna e cámara fotográfica son os únicos elementos realmente necesarios para iniciarse neste tipo de fotografía.

Seguidamente falamos das distintas técnicas de fotografado, das nosas experiencias, demos algúns consellos para aplicar na preparación da sesión, na iluminación e no postprocesado. E resoltas algunhas dúbidas procedemos a dirixirnos ó exterior a desenvolver a parte práctica.

Xa no  parque achegámonos ata a Laxe dos Carballos e alí puidemos visualizar a Anxo de Prado en acción, un espectáculo xa de por si recomendable, que a continuación, os participantes picados pola curiosidade tentaron emulalo. Ó pouco tempo decatáronse de que seguindo as instrucións pódese tentar repetir o  método, e a partires dese momento perseguiron incansables a foto perfecta.

Tiñamos pensado achegarnos a continuación ata Outeiro do Cogoludo pero déronnos as 12 en compaña do gran cervo e os 12 decidimos rematar a sesión con esta foto de grupo.

Só nos resta decir grazas e que esperamos que desfrutarades da actividade tanto coma nós levándoa a cabo.

1a promocion master class anxo

II andaina nocturna ós petróglifos de Teo, Resumo.


Logo de rematar esta segunda edición da ruta ós petróglifos teenses, é difícil sentirnos máis recompensados cos resultados acadados, incluso por riba das nosas ambiciosas expectativas iniciais.

Nas dúas xeiras houbo cheo absoluto de participantes, sendo imposible acoller a un maior número por razóns técnicas e de seguridade. Malia todo, máis de 150 persoas puideron contemplar con todo detalle os diferentes motivos que posúen estas mostras de arte rupestre milenarias en dúas noites fabulosas e moi emotivas. Algúns destes gravados só se poden observar en días cunhas condicións excepcionais de luz polo que incluso 21770462482_299b5fdfaf_kaqueles asistentes que coñecían previamente as laxes quedaron abraiados dos segredos que ocultaban estes paneis iluminados coas nosas lanternas e focos. O percorrido realizado destacaba pola gran diversidade de motivos que posúen estas laxes, dende os característicos gravados de temática xeométrica, que caracterizan á arte rupestre galaica e atlántica, ós gravados de motivos figurativos en Río Angueira 2 ou na laxe panoplia de Outeiro do Corno 1 co seu singular deseño central. Unha ampla variedade de figuras que espertou gran interese e innumerables conversas que denotaban a curiosidade amosada por todos os participantes.

12010590_984628821601133_3898257904379252770_o

Tamén aproveitamos a ocasión para render unha pequena homenaxe a Ramón Sobrino Lorenzo coa intervención de Ángel Núñez Sobrino, custodio do seu legado, e proxectamos un pequeno vídeo cunha retrospectiva coas súas fotografías e deseños antigos dos xacementos que investigou na nosa comarca. Festexamos, por último, o terceiro aniversario da nosa asociación agasallando ós presentes coas nosas camisetas personalizadas.

O obxectivo de seguir a difundir o coñecemento deste espazo arqueolóxico tan singular do concello teense cumpriuse pero á vez acadamos outras pequenas metas iniciadas hai dous anos coa nosa primeira visita. Dende entón o concello de Teo realiza limpezas continuas e programadas no contorno das laxes e mantén limpos os accesos, sinalizouse a ruta e un maior número de veciños coñecen e visitan con frecuencia esta área arqueolóxica. Sen dúbida, isto é a mellor recompensa ó noso traballo.

A 21791712381_23d60ac506_knosa intención, e pensamos que tamén a do Concello, é seguir a realizar periodicamente este tipo de andainas, tanto diúrnas como nocturnas, para continuar divulgando o patrimonio cultural teense á súa veciñanza e a cidadanía en xeral. Asemade, seguiremos solicitando ás institucións públicas que manteñan o seu compromiso e implicación á hora de procurar a protección e posta en valor destes xacementos. Trataremos tamén de realizar novas rutas por novas paraxes, quizais menos coñecidas pero que de seguro non deixaran de sorprendervos.

12027822_980448402019175_1485651542599195744_n

Queremos rematar agradecendo ás persoas e institucións que participaron e colaboraron neste actividade. En primeiro lugar ó Concello de Teo e en especial ó Departamento de Cultura que dirixe a concelleira Pilar Faxil e coordina a súa técnica, Lucía Mosquera, por darnos outra oportunidade para seguir transmitindo a nosa paixón pola arte rupestre; á brigada de xardíns que dirixe Xurxo Francos,  xa que sen o seu labor sería imposible realizar este tipo de roteiros; a don Ángel Núñez Sobrino por lembrarnos a figura de Ramón Sobrino Lorenzo Ruza, un dos grandes arqueólogos do noso pais no centenario do seu nacemento, e permitirnos amosarvos imaxes únicas do seu traballo; á Casa Grande de Cornide e á Casa Carril pola súa acollida e atención; e sobre todo a todos os que participástedes polo interese amosado e o voso ánimo que nos obriga a seguir con novos proxectos.

Deixámosvos unha pequena galería de imaxes desta “II Andaina ós petróglifos teenses”

21593446918_e7df67fde5_k 21594446849_40270fb4d0_k 21781295025_4c853f0e1f_k  21160864443_18c09649ef_k 21161170423_c58446a21a_k  21593446918_e7df67fde5_k 21593752280_24a559483d_k 21594104638_a986620ebd_k 21594132178_035efd3d24_k 21594446849_40270fb4d0_k(1)   21594623339_efc36b7642_k  21769830062_f9aeb6ffc3_k  21781295025_4c853f0e1f_k 21790863141_6cc3a62c41_k 21790880811_7075f86134_k 21791712381_23d60ac506_k      12019756_980448405352508_4455336711703245976_n 12027291_984628978267784_2833616308389262831_o 12027822_980448402019175_1485651542599195744_n 12034256_984629338267748_7838744403669346978_o 12038578_984628494934499_63166951982662172_o 12039275_980448392019176_5467357903259644360_n 12039766_1003890632995907_9022091796191566724_n 12045802_980449208685761_5741365560979316198_o21160541753_453d296ab0_k 12046624_1003890542995916_5477442976893196184_n12002235_1003890506329253_4146618328206691078_n 12052427_980449515352397_5626483211487061709_o12010521_980449392019076_2472601498314854990_o12006324_1003890246329279_5217979561781878515_n12010590_984628821601133_3898257904379252770_o21594446849_40270fb4d0_k12011317_1003890309662606_3016088981806887251_n

II andaina ós petróglifos de Teo.


20512942344_2afc5b19b1_kUnha vez máis presentamos da man do Concello de Teo a segunda andaina nocturna para que coñezades algún dos petróglifos teenses máis interesantes.

Trátase dunha nova edición das xornadas que organizamos xa hai dous anos nas que despois dunha charla introdutoria nas instalacións da Casa Grande de Cornide sobre a arte rupestre prehistórica na comarca e sobre o percorrido da ruta, visitaremos as dúas estacións do Río Angueira (Cornide – Calo) e as 3 do Outeiro do Corno (Regoufe – Luou).

Pero nesta nova edición quixemos engadir algunhas novidades e sorpresas. Entre elas faremos unha pequena homenaxe a Ramón Sobrino Lorenzo- Ruza, co gallo do 100 aniversario do seu nacemento e tamén aproveitaremos para celebrar o 3º aniversario do Colectivo, polo que sortearemos entre os asistentes varias camisolas co noso “Manolo”, o cerviño futbolista do Petróglifo do Pinal 1 (Villestro – Compostela).

Podédesvos anotar de balde no Departamento de Cultura do Concello de Teo, lembrade que son 70 prazas para cada xeira por rigoroso orde de inscrición e que xa comezou onte. Comunicarvos, por último, que todos os que queirades aloxarvos na fermosa casa indiana da Casa Grande de Cornide e asistades a ruta contaredes con prezos especiais.

Podedes consultar a ruta no noso wikiloc: Ruta da 1ª Andaina nocturna ós petróglifos teenses.

Esperámosvos…..

Camiseta Rula

Obradoiro de Iniciación á fotografía de Petróglifos no PAAR de Campo Lameiro


O vindeiro sábado 12 de setembro achegarémonos ata o Parque de arte rupestre de Campo Lameiro. Os xestores do centro convidáronnos a falar  sobre a fotografía dos petróglifos e nos, como non, aceptamos gustosos o convite.

O obxectivo que nos marcamos é o de proporcionar aos asistentes os coñecementos básicos para introducirse no fotografado da nosa arte rupestre, tanto ca finalidade do rexistro de novas laxes e/ou motivos como co obxectivo dunha reprodución máis ou menos artística das insculturas. Para iso, despois dunha breve introdución á historia e actualidade da fotografía de petróglifos, repasada a equipa necesaria para introducirse e as distintas opcións de fotografado e iluminación procederemos a realización de sesións prácticas de fotografado nalgunhas das laxes máis destacadas do PAAR.

Pero que mellor que un exemplo para facernos entender. Nesta ocasión escollemos un detalle de unha das laxes menos coñecidas das incluídas no Parque de arte rupestre de Campo Lameiro, o Chan da Isca:

“Exemplo dos perigos e virtudes da fotografía de petróglifos con luz rasante artificial”.

As seguintes fotografías foron realizadas con un flash. A diferenza entre elas reside únicamente na colocación da fonte fixa de iluminación, o flash. Se analizasemos a primeira fotografía poderíamos estar a pensar nunha posible cópula entre dous cervos cunhas siluetas arqueadas que se confunden. Se analizamos a segunda fotografía observamos algunha liña recta que non logramos asociar e unhas posibles patas do tren dianteiro do cervo con silueta arqueada. Na terceira imaxe observamos un cervo cun gran corpo rectangular e dúas liñas conformando un cuarto de círculo tralo tren das patas dianteiras.

Analizando as tres imaxes decatámonos que estamos diante da superposición de dous cervos de caracterísiticas tipolóxicas moi dispares que, iso sí, comparten entre sí a cabeza e o colo. O situar a fonte de iluminación en diferentes posicións conseguimos aislar os motivos insculturados en dous momentos temporais diferentes.

Chan de Iscas. Detalle fotografado con diferentes iluminacións.

Chan de Iscas. Detalle fotografado con diferentes iluminacións.

De este e outros temas falaremos…

 

A redescuberta do Monte Castelo. Unha excursión ó ano 1909.


A localización do Petróglifo de Monte Castelo despois de 60 anos en paradoiro descoñecido.

Entre as laxes esquecidas e consideradas como desaparecidas nos montes da comarca compostelá figuraba en letras maiúsculas a case lendaria laxe dúas do Monte das Pedras ou do Monte Castelo descuberta por Oscar Lojo Batalla a principios do século XX na parroquia amiense de Santo Estevo de Covas.

Deseño de Enrique Campo dos motivos do Monte Castelo 2. Museo de Pontevedra

Dicimos lendaria xa que o impresionante deseño realizado polo ilustre Enrique Campo no ano 1909, o gran debuxante da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, tíñanos cativados pola súas suxestivas formas e plasticidade, pero as poucas novas existentes sobre o xacemento nas últimas décadas dábano por desaparecido como consecuencia das labores extractivas de cantería practicadas na zona no século pasado.

Mapa-Monte-Castelo-corrixido v2

Plano de situación

Nas fichas incorporadas ó Catálogo de Bens Patrimoniais do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ames só figura como unha referencia, proporcionando unha situación aproximada dentro da zona de cautela do achegado Castro de Ventosa ou Castro do Castelo. [1]

Logo de varios intentos frustrados de dar coa laxe chegounos o éxito cando menos o agardabamos. Como acontece ás veces a persecución dun determinado obxectivo lévate a atopar nese traxecto outro ben distinto, mais de igual ou maior relevancia. Iso si, como recolle o saber popular convén “que a inspiración te colla traballando”.

Algo así sucedeu hai un par de semanas, cando nunha revisión máis dos vellos sendeiros que do lugar do Castelo conducen á zona da grande laxe con gravados da Peneda Negra, localizamos máis de sesenta anos despois a laxe dúas do Monte das Pedras. A nosa intención inicial era a procura de novos vieiros de acceso ó magnífico e pouco valorado petróglifo da Peneda Negra e a constancia levounos a dar con outra mostra non menos excepcional da nosa arte máis primixenia, unha xoia perdida. [2]

A laxe do Monte Castelo na Historia.

Como xa sinalamos, as dúas laxes do Monte Castelo, unha delas permanece en paradoiro descoñecido, foron descubertas na primeira década do século XX por un dos persoeiros máis relevantes da historia recente de Ames, Oscar Lojo Batalla Sampedro (Vilouta, 1873-1963), sobriño de Castro Sampedro, o que fora presidente e fundador da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra. Apaixoado pola arqueoloxía, a súa figura será lembrada pola súa labor política como alcalde do Concello de Ames durante o periplo republicano (1931-1936)

Busto adicado aOscar Lojo Batalla en Tapia

Busto adicado a Oscar Lojo Batalla en Tapia

e polo cariño e respeto dos seus veciños, sobre todo da súa parroquia natal de Tapia, cos que mantivo sempre unha estreita relación. Estes veciños e amigos realizaron varias homenaxes póstumas para honrar e lembrar ó “señorito” como alcumaban ó seu veciño máis distinguido. Amigos e veciños dedicáronlle no ano 1969, poucos anos despois do seu pasamento, un busto nun pedestal que se conserva diante da antiga escola de Tapia que el mesmo sufragara persoalmente e mandara construír.

Oscar Lojo guiaría en 1909 a expedición integrada por Enrique Mayer, afamado acibecheiro e gravador compostelá, e por Enrique Campo que se achegarían ata as laxes da Peneda Negra e do Monte Castelo. Durante a visita E. Campo elaborou os magníficos deseños que posteriormente se exporían na Exposición Rexional de Compostela de 1909, segundo a información achegada por Ángel Núñez Sobrino, custodio e divulgador do importante arquivo da familia Núñez – Sobrino.

Na actualidade a obra deste primeiro gran debuxante da Sociedade Arqueolóxica, pioneiro do debuxo artístico e arqueolóxico en Galicia, consérvanse no Museo de Pontevedra. Enrique Campo inclúe no debuxo a seguinte lenda:

“Monte do Castelo. Próximas al Castro de Castelo, al N. También se llama Monte de Pedras. Sobre el muro de una gran cerrada, bajo el Monte de Ventosa. Frente a Lombao” e a data do “21 de setembro de 1909”.

Varias décadas máis tarde, no ano 1948 Ramón Sobrino Lorenzo Ruza en compañía doutro ilustre arqueólogo, Luís Monteagudo, e guiados unha vez máis por Oscar Lojo repetirían a visita á Laxe do Monte das Pedras e á Peneda Negra. Na axenda persoal de Ramón Sobrino, publicada por Ángel Núñez Sobrino, figura a seguinte nota ó respecto:

“Salimos Luis Monteagudo y yo hacia Pena Negra (Ventosa. Ames). Dibujo la peña y la dejo fotografiada. Comemos y a la tarde vemos el castro y descubro yo el segundo petroglifo, dibujado ya por Enrique Campo. De este solamente obtengo un dibujo. Día magnífico”. [3]

Deseño de Sobrino Lorenzo de Monte Castelo 2

Deseño de Sobrino Lorenzo de Monte Castelo 2. Arquivo Ángel Núñez Sobrino – Museo de Pontevedra.

Estas visitas repetiríanse en varias ocasións nestes anos de finais da década dos corenta e principios dos cincuenta, tal como recollen outras notas desta mesma axenda persoal.

“10 de Julio de 1949. Voy a la peña, cerca del castro de Ventosa. Saco 6 fotos. Salen todas bien, Regreso. Gasto 65 pesetas”. [4]

Ramón Sobrino Lorenzo Ruza complementa esta información nun dos seus apuntamentos recollidos no Noticiario Arqueolóxico do ano 1953 dedicado ás laxes do Concello de Ames onde sinala:

“Los de esta zona, a saber: éste de Laxe Negra, el de Laxe de Monte de Pedras (frente al castro de Ventosa), el de Liñaredo, el de los montes de Tapia y el de Penedo do Toutón en Monte Pedroso (coñecido actualmente como o petróglifo de Correxíns en Figueiras) fueron todos ellos desbiertos por D. Oscar Lojo Batalla quien nos acompañó y nos dió las referencias para su localización”. [5]

Nesta mesma publicación recolle esta breve descrición da estación:

“Ames (La Coruña). Parroquia de San Juan de Cobas. Laxe del Monte de Pedras. (Próxima al castro de Ventosa) – Petroglifo. Lám. LX.2. Se ha obtenido dibujo y fotografías del mismo, para su publicación con otros de esta zona que se citan. Está constituído por motivos de complicada morfología unidos entre sí, en una piedra pequeña, de unos 2 x 3 m. A 100 metros de él se encuentra el Castro de Ventosa, con un solo recinto y bien conservado. Este petroglifo está sin publicar, si bien existe un dibujo del mismo, debido a E. Campo Sobrino, en la Sociedad Arqueológica de Pontevedra, cuya colección está actualmente en el Museo de Pontevedra. 10-VII-1949” .[6]

19502122766_bd807992d7_k

Fotografía de R. Sobrino Lorenzo do Monte Castelo. Noticiario Arqueológico Hispánico.

Achega o autor tamén unha fotografía da laxe que figura neste interesante noticiario arqueolóxico que, sen dúbida, constitúe unha fonte fundamental para pescudar os primeiros achados de arte rupestre na comarca de Compostela.

Ata os anos oitenta non localizamos máis novas sobre a laxe do Monte Castelo. Nun dos epígrafes da interesante tese doutoral de María José Soto Barreiro recóllese unha descrición dos diferentes motivos baseados no debuxo de E. Campo e subliña as semellanzas con algúns dos motivos da Peneda Negra, mais a citada investigadora sinala:

“lamentablemente este interesante petroglifo ha desaparecido a causa de las extracciones de cantería que se realizaron. Una vez más se pone de manifiesto la falta de protección que se viene dispensando a estas manifestaciones de arte rupestre”. [7]

Sen quitarlle razón en relación coa segunda parte do seu comentario, feito que por desgraza sigue vixente tres décadas máis tarde, por sorte a laxe atópase in situ e en bastante bo estado de conservación. É certo que nas súas proximidades hai abundantes evidencias da actividade extractiva que quizais levaron a autora e a nós mesmos a sospeitar da súa perda definitiva.

A descrición dos motivos e os seus peculiares deseños.

18445311890_2079508a30_k

Monte Castelo 2

A laxe ten unhas dimensións de 4,36 x 4,10 metros. Sitúase nun amplo cavorco no tramo medio-inferior da aba do monte das Pedras. Localizase próxima ó castro de Ventosa (a uns douscentos metros da súa croa) e ficaba entre as matogueiras e toxos nunha ampla parcela de monte baixo na paraxe de “Monte de Castelo”.

A laxe apenas sobresae do chan, o que dificultaba a súa localización a pesar de atoparse preto dun antigo camiño que cruza o monte. O seu estado de conservación é en xeral bo, só afectado polos liques que figuraban xa nas fotografías dos anos cincuenta.

Os gravados distribúense por case toda a superficie do penedo que presenta unha pronunciada inclinación dende a zona central á zona inferior orientada cara o val ó sur. A temática dos gravados é exclusivamente xeométrica.

Os catro motivos principais, aínda que con variantes no seu deseño, gardan en xeral certa similitude entre sí sendo ó situado no sector inferior da laxe o mellor conservado. Trátase de curiosos motivos formados polas características combinacións de círculos concéntricos aínda que irregulares e incompletas unidas na parte inferior con diferentes formas cuadrangulares e rectangulares de bordes redondeados, círculos simples ou dobres, lóbulos, etc… todos eles divididos e seguindo un trazo central que parte do primeiro anel, conformando complexos conxuntos con unha certa unidade.

Estes motivos principais presentan pequenas coviñas agrupadas no interior do primeiro círculo e constan de entre tres e seis aneis. Todos figuran entrelazados e unidos por diferentes sucos. Na parte periférica do panel cara o Noroeste figuran tamén outras combinacións circulares de dous e tres círculos, nesta ocasión si figuran completos e varias coviñas illadas.

Debemos destacar que esta tipoloxía de motivos gardan evidente parecido con varios dos motivos da Peneda Negra, tamén recollida nun dos deseños de 1909 de Enrique Campo. Isto lévanos a pensar nunha posible mesma autoría para ambos casos. Tamén as características coviñas no interior das combinacións circulares figuran no petróglifo de Campo Redondo situado a uns 270 m ó Noroeste da Peneda Negra e a uns 650 m. da Laxe do Monte das Pedras. Este petróglifo foi localizado polo Colectivo a principios do ano 2013 e comunicado ó concello de Ames e á Dirección Xeral de Patrimonio meses despois.

Petróglifo de Campo Redondo

Petróglifo de Campo Redondo

19976696188_5dc44d013b_o

Chousa do montañés - Vilarmaior

Chousa do montañés – Vilarmaior

Estas figuras realizadas en base á conxunción de diferentes formas xeométricas semellan perfilar a forma dun corpo humano. Neste senso, e sempre coa debida cautela, podemos establecer certa relación coas representacións presentes noutros petróglifos do chamado Grupo Galaico da Arte Rupestre interpretadas nestes últimos anos como posibles idoliformes e “deusas / deusas – nai” asociadas a ritos de fecundidade.

Unha das máis relevantes é o petróglifo do Outeiro do Filladuiro en Mallou (Carnota) pero tamén figura noutros xacementos como a propia Peneda Negra, un dos petróglifos da Rega Pequena en Meira (Moaña), o Petróglifo portugués de Bouça do Colado en Parada – Lindoso (Ponte da Barca), o Petróglifo da Pedra Redonda no monte Churumel de Carballedo (Cotobade), en varias estacións dos Petróglifos do Monte da Calvela e Chousa do Montañés no Concello de Vilarmaior, etc.

Un dos motivos semellantes da veciña Peneda Negra

Un dos motivos semellantes da veciña Peneda Negra

Dos deseños de Enrique Campo á fotogrametría 3D da Rula.

Para o estudo inicial do petróglifo partiamos do deseño de Enrique Campo. As fotografías diurnas ó abrente e ó solpor da estación non permitían unha descrición precisa dos motivos, polo que decidimos empregar as ferramentas xa tradicionais como a fotografía nocturna pero tamén achegarnos as novas ferramentas de fotogrametría e virtualización 3D aplicadas á arte rupestre.

Monte Castelo 3ds-2

Fotogrametría do Monte Castelo 2

Por unha banda a fotografía nocturna proporcionounos imaxes de maior detalle que revelaron o excepcional estado de conservación do xacemento e, por outra banda, os modelos xerados en 3D confirmaron a mestría dun dos mellores debuxantes do noso país. Enrique Campo recolleu no seu deseño de 1909 a case totalidade dos motivos representados na laxe. A súa precisión xunto, coa súa atractiva execución, confirman as verbas de Ramón Sobrino Buhigas sobre o seu predecesor na Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra:

Monte Castelo 3d 5

Fotogrametría do Monte Castelo 2

“era tal a forza do lapis de Enrique Campo que os seus debuxos de pedras que el trazou ousamos proclamalos os mellores e os máis fieis”.[8]

As demandas do colectivo.

En resumo, esta profusión de deseños iconográficos con formas tan singulares, sumada ó xeito tan particular á hora de distribuír os diferentes motivos converten o petróglifo do Monte das Pedras nun dos xacementos da Idade do Bronce máis interesantes da comarca de Compostela.

Tras comunicar a súa localización á Dirección Xeral de Patrimonio e ó Concello de Ames, o Colectivo seguirá a demandar ás autoridades competentes a protección deste xacemento arqueolóxico no contorno natural e cultural que o rodea. O punto de partida sería a modificación da actual ficha patrimonial do PXOM amiense para incluír a súa localización exacta, establecer unha área de protección da que carece na actualidade e establecer unha nova área de cautela axeitada. Dende o noso punto de vista a continuación debería considerarse a creación dunha área arqueolóxica que protexa os catro xacementos da zona, o Castro de Ventosa e os petróglifos de Monte das Pedras, Peneda Negra e Campo Redondo e que poderían ter continuidade cos próximos petróglifos da Portela de Villestro.

Lembremos que estamos ante unha das primeiras áreas de estudo da arqueoloxía galega. Por outra banda, seguiremos coa nosa teima de demandar unha ruta que permita á veciñanza e á cidadanía en xeral a visita destes importantes xacementos inaccesibles na actualidade. Neste senso consideramos que cómpre iniciar os traballos de limpeza dos xacementos, analizar a situación da súa titularidade e deseñar un sendeiro aproveitando os vellos camiños que permitan o acceso a estes bens culturais. Finalmente, a súa posta en valor deberá incluír a súa correcta sinalización, plans de mantemento a longo prazo e o correspondente labor de divulgación por medio de folletos, charlas, visitas, obradoiros, etc.

Agardemos que nuns anos a veciñanza amiense e galega poida visitar estas extraordinarias mostras de arte rupestre que consideramos merecedoras da súa consideración e inclusión na relación de BIC de Galiza, tanto pola súa excepcionalidade como pola relevancia que tiveron nas primeiras investigacións da nosa arte rupestre.


Notas.

[1] O petróglifo do Monte das Pedras figura a uns cen metros da referencia aproximada que aparece nas fichas do PXOM de Ames aprobado no ano 2002.

[2] As coordenadas UTM son 29 T 529929 4749037 (Datum WGS84).

[3] Núñez Sobrino, A. 2006

[4] Núñez Sobrino, A. 2006

[5] Sobrino Lorenzo-Ruza, R. 1953. Noticiario Arqueológico Hispánico.

[6] Sobrino Lorenzo-Ruza, R. 1953. Noticiario Arqueológico Hispánico.

[7] Soto Barreiro, M.J. 1986.

[8] No Corpus petroglyphorum Gallaeciae.


Bibliografía.

  • Núñez Sobrino, Ángel. (2006). “Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza (1915-1959). El trayecto vocacional de un arqueólogo” . Pontevedra, 21. Revista de estudios provinciais. Deputación de Pontevedra.
  • Núñez Sobrino, Ángel. (2015). “Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, eximio arqueólogo”. Tendencias. El Correo Gallego.
  • Sobrino Buhigas, Ramón.(1935). Descubrimiento prehistórico. Petroglifos compostelanos de la edad del Bronce”. Faro de Vigo de 1/8/1935.
  • Sobrino Lorenzo-Ruza, Ramón. (1951-1955). Diversas entradas en los cuadernos 1 a 4 del Noticiario Arqueológico Hispánico.
  • Soto Barreiro, M. J. (1986). “Los petroglifos prehistóricos de la Comarca de Santiago”.  Tese de Licenciatura inédita.

A doazón de Ángel Núñez Sobrino ó Concello de Teo de material gráfico do patrimonio teense


O Colectivo A Rula séntese orgulloso de colaborar con persoeiros e institucións que procuran a recuperación e valoran o noso patrimonio cultural. Sentímonos uns privilexiados por poder contemplar e traballar cunha pequena parte do legado de tres mestres pioneiros da arqueoloxía do noso país, Henrique Campo Sobrino (1890-1911) , Ramón Sobrino Buhigas (1888-1946) e Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza (1915-1959).

O noso profundo agradecemento a don Ángel Núñez Sobrino, xeneroso custodio e divulgador deste importante arquivo familiar, por facilitarnos acceso a estas xoias documentais e gráficas e ó Concello de Teo por escoitarnos e atender as nosas suxestións.

Grazas ás nosas dilixencias o Concello de Teo ven de recibir a doazón dunha boa cantidade de material gráfico recollido pola familia Sobrino o longo do século XX sobre a arte rupestre de Galicia, con especial protagonismo dos xacementos da nosa comarca.

Estos materiais enriquecerán proxectos futuros que o Concello de Teo está a estudar na procura da posta en valor do seu interesante patrimonio arqueolóxico. Proxectos culturais, educativos e divulgativos nos que, de seguro, contará co apoio do noso pequeno grupo.

Agardemos que no futuro outros concellos da nosa comarca atendan do mesmo xeito as nosas inquietudes en prol do noso patrimonio cultural.

Como adianto achegamos unha imaxe do motivo central do Outeiro do Corno realizada por Ramón Sobrino Lorenzo no ano 1951 e dado a coñecer no 2004 por Jorge e Juan Guitián.

Imaxe: Petróglifo de Outeiro do Corno (1951). Fondo Fotográfico Ángel Núñez Sobrino, Arquivo Municipal de Teo. Origen: Ramón Sobrino Lorenzo- Ruza (1915-1959).

Un mes desde o incendio de Mouromorto


Xa pasou un mes desde que o lume levou por diante máis de 55 hectáreas de monte  na contorna do Castro de Mouromorto na parroquia de Calo, Concello de Teo.

Ás cuantiosas perdas na nosa masa vexetal uniuse o risco producido ás vivendas e leiras e os danos producidos a unha boa cantidade de xacementos arqueolóxicos de gran valor.

Uns días despois achegámonos xunto con un técnico da Dirección Xeral de Patrimonio ata algúns dos xacementos afectados co obxecto de realizar unha primeira análise dos danos producidos en dous xacementos con arte rupestre prehistórica catalogados e un terceiro pendente de catalogación. Alí puidemos observar que as labores de limpeza do entorno do xacemento do Cruceiro Vello I levadas a cabo polo concello serviron como eficaz defensa fronte as lapas.

Tamén aproveitamos a visita para comunicar ó Servizo de Arqueoloxía da DXP unha nova estación con arte rupestre nas proximidades e que afortunadamente non se viu afectada polo lume, a estación de Agro Vello, localizada por Patricia e Alberto, dous veciños de Texexe interesados polo patrimonio da súa parroquia.

Agro Vello, a nova localización en Mouromorto

Agro Vello, a nova localización en Mouromorto

Queremos ser cautos nas nosas impresións xa que os verdadeiros efectos do lume só se poderán avaliar pasado un tempo, pero o que xa é evidente é o resultado do lume no perímetro inmediato dos xacementos que ilustramos coa imaxe de cabeceira, o antes e o despois do Cruceiro Vello II.

Desde aquí queremos reprobar os actos delituosos que enchen de lapas os nosos montes tódolos anos e animar ás administracións competentes a tomar medidas preventivas de limpeza e conservación nos xacementos con arte rupestre espallados polos nosos montes, a medida máis eficaz para a súa salvagarda e conservación.

Visita á expo e aos petróglifos da Devesa da Rula


O pasado venres 8 de maio máis de 30 persoas achegáronse ata o Centro de Interpretación de Villestro en resposta á nosa convocatoria.

Xuntos visitamos a exposición do CIVI e a continuación dirixímonos ata a Ponte da Brea, lugar desde o que iniciamos unha pequena ruta pola Portela de Villestro. A nosa primeira visita foi á estación dos Valados atopada polo noso Manuel, veciño da parroquia, no ano 2013.

A seguinte parada foron as dúas laxes de O Rexio para a continuación achegarnos ata a Devesa da Rula onde contemplamos algunhas das laxes máis destacadas: A Devesa Da Rula 1, Pedra Mencía e Devesa da Rula 3, 4 e 5.

Foi unha velada moi agradable en boa compaña na que xurdiron multitude de conversas sobre a arte rupestre moi interesantes e enriquecedoras. Queremos agradecer a todos a vosa participación e implicación, agardemos que esta área arqueolóxica de Villestro acade o recoñecemento que merece por parte das nosas institucións públicas e que isto permita a súa protección e futura posta en valor dos tesouros que alberga. Dende o Colectivo seguiremos a procurar xuntar vontades e tamén insistiremos na nosa tarefa de divulgación e sensibilización entre a poboación, especialmente entre a veciñanza de Villestro e Compostela, eixos fundamentais para lograr o obxectivo de preservar a relevancia patrimonial desta área.

17341791919_60bd3ae569_o17340551970_01e9c16e7b_o17340406148_6cf53029cb_o17340403258_ce40bf6c62_o17340343138_02592c9241_o  17341819299_cda845f87b_o17501762486_076811f466_o

17340578280_e890c8277a_o    17340393768_5170c8c07d_o 17340369028_1b5a24b591_o

17501759956_5b7f5a66f1

16907844483_1aa965866c_o 16907835763_bef3ecd28c_o

Compostela Rupestre. A primeira mostra sobre arte rupestre en Compostela


Dende que os excepcionais debuxos dos petróglifos galegos de Henrique Campo Sobrino abraiaron ós eruditos galegos na exposición rexional de 1909, abrindo as portas ó estudo da arte rupestre no noso país, nunca houbo ocasión de admirar en Compostela outra mostra destas características. Nesa primeira selección dos primeiros gravados rupestres descubertos a principios do século XX pola Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra xa figuraban as primeiras laxes descubertas da comarca compostelá que agora constitúen o tema central desta mostra.

Motivos da Peneda Negra por Henrique Campo

Motivos da Peneda Negra por Henrique Campo

Máis de cen anos despois, este vindeiro mércores día 1 de abril inaugurase ás 16 horas no Centro de Interpretación de Villestro, CIVI, a primeira exposición fotográfica sobre os petróglifos do Concello de Compostela. Unha mostra que constitúe o derradeiro chanzo dunha colaboración co Obradoiro de Emprego Ecotur Santiago 2014 organizado polo Concello de Santiago de Compostela a través da súa Axencia Local de Emprego. Con eles redescubrimos os nosos petróglifos, visitamos de día e de noite os novos gravados da Portela de Villestro, amosámoslles as nosas inquedanzas e preocupacións pola posta en valor destes gravados en varias charlas cos alumnos e rematamos con esta pequena pero ilusionante mostra fotográfica. Nunca esqueceremos a oportunidade que nos brindaron por seguir a difundir e concienciar a nosa veciñanza na importancia de preservar este milenario legado oculto, aínda e por desgraza, nos nosos montes. Graciñas a Xabier, Gloria e Cristina por dirixir este proxecto e por ter contado con nós no seu día.

Unha proposta que inclúe unha escolma fotográfica das mellores imaxes do arquivo do Colectivo A Rula, froito de ano e medio de múltiples visitas e análise polo miúdo de todos os petróglifos do municipio. Fotografías que ofrecerán ó visitante unha perspectiva nova sobre a arte rupestre no Concello de Compostela, con especial atención dos novos xacementos do val de Villestro. Poderemos contemplar curiosas imaxes panorámicas cenitais das estacións máis relevantes, reparar en motivos pouco coñecidos ou admirar por primeira vez os gravados dunha paraxe única, A Devesa da Rula. Imaxes en gran formato e alta resolución con luz natural ó solpor e no abrente nunhas ocasións e con luz artificial noutras para tentar capturar os mellores ángulos e matices que faciliten a interpretación dos gravados.

Unha proposta expositiva divida en tres espazos funcionais tematicamente distintos con pequenos textos introdutorios. Unha primeira planta destinada á arte rupestre en Compostela con especial dedicación á gran rocha panoplia do Castriño de Conxo, a zona das escaleiras dedicada á Pedra da Légoa, como un dos fitos de referencia no Camiño á Fisterra, e o primeiro andar con atención especial ós gravados da parroquia de Villestro.

En resumo, unha exposición fotográfica que ten como obxectivo abrir unha vía de coñecemento ó patrimonio rupestre da parroquia de Villestro e do Concello de Santiago, achegar ó público as recentes descubertas dos novos petróglifos e xerar materiais para unha futura exposición permanente no CIVI.

Complementan as fotografías distinto material cedido para a ocasión por Ángel Núñez Sobrino, o Museo do Pobo Galego, o Centro Superior de Investigacións Científicas e a Fundación Terra Termarium.

Agardemos que esta pequena mostra contribúa, como antano o fixeron os debuxos de Henrique Campo Sobrino, a abrir portas e novas vías que garantan a protección e divulgación destes excepcionais bens culturais do noso país.

Rematar convidándovos a achegarvos a vella escola de Feáns en Villestro para visitar esta exposición que seguro vos proporcionará novos azos para seguir percorrendo as vellas sendas que atravesan os nosos montes na procura destas obras de arte milenarias.

Díptico elaborado polo Concello para a Exposición: Díptico Compostela Rupestre

Agasallo dos Reis de Oriente no concello de Teo


O agasallo

O agasallo

Na pasada Cabalgata de Reis de Teo tivemos a sorte de colaborar, aínda que fose humildemente, grazas a proposta que argallaron desde a Concellería de Cultura do concello. Teñen por boa costume a de preparar uns pequenos agasallos para os nenos que se acheguen a ver ás súas maxestades, e este ano pensaron en elaborar algo no que estivesen presentes os seus petróglifos.

Tiveron a ben pedir a nosa colaboración achegándolles algunhas imaxes dos gravados do Concello e con eles realizaron un bonito quebracabezas. Desexamos que os cativos xoguen con eles conformando os cervos, as combinacións circulares e o “microondas”.

Grazas a aqueles que o fixeron posible e parabéns.

Petróglifos inéditos das comarcas de Ourense e de Allaríz-Maceda de José Antonio Gavilanes


capa-monografias-2-petroglifos-gavilanes  Este pasado verán saíu do prelo esta interesante e, ao noso entender, máis que necesaria monografía publicada pola Sociedade Antropolóxica Galega.

Nesta obra o autor, José Antonio Gavilanes, retoma en parte o traballo iniciado por Israel Barandela Rivero e José Manuel Lorenzo Rodríguez prestándolle atención ás manifestacións de arte rupestre da provincia de Ourense.

Tradicionalmente os estudosos e especialistas neste tipo de manifestacións entendían que os petróglifos prehistóricos se concentraban no noso país fundamentalmente no entorno das Rías Baixas e os vales interiores próximos a elas. Pola contra, desde os anos 80 do pasado século veñen acumulándose paseniñamente evidencias da existencia dunha cantidade considerable de laxes insculturadas nas provincias de Lugo e Ourense así como  en lugares do interior da provincia da Coruña, como acontece no caso particular da nosa comarca onde, a día de hoxe, son xa coñecidas case un cento de localizacións.

Ao mesmo tempo a variedade dos motivos presentes nas novas achegas é outro dos aspectos que máis teñen chamado a atención dos especialistas en arte rupestre, con zonas con estilos cunha evidente personalidade propia como o da Terra de Trasancos, a comarca do Deza, Agolada ou Sober, o que está obrigando a revisar as premisas ata o de agora aceptadas maioritariamente entre a comunidade científica.

No caso da provincia de Ourense, despois dos traballos de Barandela e Lorenzo publicados a principios da  primeira década de este milenio chegaron nestes últimos anos os aportes de Bruno Rúa e o Proxecto Álto Támega. A estes traballos únese agora o resultado do traballo de José Antonio Gavilanes agora publicado.

Presenta o autor un sinxelo compendio, a modo de “memoria de urxencia”, das novas localizacións descubertas persoalmente en dúas comarcas do centro xeográfico da provincia, a de Ourense e a de Allaríz – Maceda, acompañando a unha pequena descrición dos motivos fotografías en branco e negro dos xacementos.

Se temos que facer algunha crítica a este encomiable esforzo podemos decir que botamos en falla unha pequena introdución do autor, unha maior concreción nas descricións dos motivos que permitise unha mellor análise tipolóxica, e algunha que outra aclaración que non desmerecen en  modo algún o resultado final.

Dos datos incluídos neste traballo, con un total de 92 localizacións, podemos extraer a modo de conclusión unha predominancia do motivo máis sinxelo, a coviña, presente na case totalidade das laxes descritas, e, pola contra, a moi escasa presenza de outros tipos de motivos, con só tres ou catro exemplos nos que se conservan combinacións de círculos concéntricos, e algunha outra con sucos indeterminados/non indentificables.

Agradecemos este aporte que estamos convencidos servirá como sólida base para o desenvolvemento de estudos que complementen o coñecemento sobre os petróglifos da provincia de Ourense, e desde aquí queremos animar ó autor e os editores a que continúe o camiño iniciado con esta obra e que máis cedo que tarde achegue novos aportes útiles para o estudo da nosa arte rupestre.

Para saber mais:

  • Barandela Rivero, Israel e Lorenzo Rodríguez, José Manuel. “Petróglifos de Ourense”, (2004), Deputación provincial de Ourense.

A caza do Cervo. Rockartroll e as súas propostas express


O pasado mes de decembro tivemos o pracer de participar nunha visita piloto a algún dos xacementos rupestres máis importantes da provincia de Pontevedra, baixo o título  A caza do Cervo”.

Esta proposta elaborada e desenvolvida polos membros do proxecto Rockartroll, os arqueólogos Juan Anca e Leonardo González, tiña como obxecto pór a proba un novo produto turístico de “Terras de Pontevedra”, con itinerarios culturais que teñen á arte rupestre como eixe principal e como paso previo a ofertala a tódolos públicos.

Nesta ocasión a proposta foi unha visita rápida (de media xornada) á Área arqueolóxica de Tourón no Concello de Ponte Caldelas e a Pedra das Ferraduras, no Complexo de Fentáns, no Concello de Cotobade. O lugar de partida foi a cidade de Pontevedra e o remate en Campo Lameiro.

O grupo na Área arqueolóxica de Tourón

O grupo na Área arqueolóxica de Tourón

Malia que o tempo non quixo contribuir coa súa parte, o sol,  os participantes recibimos animados as explicacións, contemplamos os gravados e descubrimos neles múltiples matices.

Principiamos coa visita da Área Arqueolóxica de Tourón, unha elección que nos agradou moito xa que é para nós unha das mellores postas en valor dunha área arqueolóxica das realizadas no país. E como non, polas súas interesantes estacións.

Ó remate da visita ás laxes achegámonos ó pequeno Centro de Interpretación do xacemento e participamos nun curioso obradoiro de “caza prehistórica” que levou a cabo Fernando Quintas, da empresa Galipat.

Despois dunha amena explicación sobre a evolución da caza na Prehistoria apoiada eficazmente por reproducións de útiles e armas prehistóricas pasamos á parte práctica: cazar un cervo cunha lanza de madeira axudados dun propulsor. Escúsase dicir que rematamos a xornada comendo cervo…

Folleto da actividade

Folleto da actividade

Pero antes visitamos a Pedra das Ferraduras. Alí contemplamos os cazadores, as armas, os ídolos e os demais motivos e charlamos sobre a complexidade desta laxe e as moitas incógnitas que garda.

A mañá fuxira case sen decatarnos e xa nos dirixiamos cara Campo Lameiro a dar boa conta do xantar que nos tiñan preparado en Casa Tito, unha selección de pratos de tempada que non deixou indiferente a ninguén.

En conxunto foi para nós unha experiencia máis que aconsellable que esperamos que  encontre o seu oco na oferta turística galega. Sería unha boa nova que esta iniciativa tivese unha boa acollida, a que ó noso entender merece. ¡Moita sorte e a Rockartrollear!

Para saber máis:

O Petróglifo das Pedragueiras. Primeira publicación do Colectivo a Rula


Cumpriranse o próximo mes de abril os dous anos dende que iniciáramos a nosa constitución como asociación. O último empurrón que nos axudou a tomar esta decisión foi o propiciado pola “descuberta” da estación de arte rupestre de As Pedragueiras no concello de Muros.

Foi tamén a nosa primeira comunicación realizada tanto á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia como ó Concello de Muros informando deste novo Ben de Interese Cultural e solicitando a súa catalogación.