Ruta polos petróglifos da Fieiteira


28690090763_9df7a1f968_k

Preto de medio cento de persoas participaron na visita que comezou ó solpor do sábado e rematou ben pasada a media noite.

 

Na noite do pasado sábado tivo lugar a primeira ruta nocturna ós petróglifos do Outeiro da Fieiteira, organizada polo Concello de Ponteceso en colaboración coa asociación cultural Colectivo A Rula da comarca de Compostela, uns veteranos na realización destas longas noites de pedras á luz da lúa.

Preto de medio cento de persoas participaron na visita que comezou ó solpor e rematou ben pasada a media noite. A actividade iniciouse no local social de San Adrián de Corme cunha pequena charla sobre a arte rupestre na Costa da Morte, con especial atención -non podía ser doutro xeito- ós petróglifos e patrimonio cultural do Concello de Ponteceso.

Abriu o acto o concelleiro de Educación, Asociacionismo e Patrimonio, Carlos Penedo Casmartiño, que como bo anfitrión agradeceu a asistencia dos veciños e turistas e destacou o traballo de limpeza realizado na contorna dos petróglifos, comprometéndose tamén a seguir apostando pola súa protección e difusión coa sinalización da ruta e a instalación de paneis explicativos.

O polifacético Suso Lista achegou a súa peculiar visión dos gravados repasando a súa historia e as vicisitudes sufridas dende o seu descubrimento a principios dos anos noventa. Cerraron o coloquio os membros do Colectivo A Rula, que botaron man das novas tecnoloxías, como os modelos 3D, para explicar ós asistentes as características que fan tan singulares estes gravados do promontorio cormelán.

De seguido, iniciouse a bo ritmo o percorrido de dous quilómetros que separaba a casa veciñal das laxes da Chousa dos Pratos. A brigada da Rula dispuxo entón os equipos técnicos precisos para simular a luz máis axeitada e asombrar ós asistentes ó alumear os diferentes paneis insculturados das laxes da Fieiteira. A bruma do mar foi cubrindo lentamente o ceo, mais a temperatura era ideal e as conversas ó carón das laxes foron animadas e moi interesantes.

Os curiosos deseños xeométricos daban pé a múltiples interpretacións, por máis que os guías sinalaban a imposibilidade de saber con precisión o que aquelas comunidades nos quixeron transmitir. Os membros da Rula non deixaron de recalcar a importancia de non pisar ou riscar os gravados evitando o seu deterioro e animaron ós asistentes a visitar os petróglifos ó abrente ou ó solpor cando a súa visualización é máis propicia. Degustando un vaso de chocolate quente, unha sorpresa final do técnico de turismo Javier Couto, mentres contemplamos por última vez a estación principal da Fieiteira iluminada polos focos, remataba esta primeira xeira nocturna ós petróglifos de Ponteceso. A boa acollida entre os asistentes augura novas edicións destas máxicas noites de verán.

Ligazón ó álbum coas fotos da visita no flickr

Ligazón á nova en La Voz de Galicia

 

A primeira gran laxe de arte naturalista en Compostela


No Colectivo A Rula tiñamos sospeitas de que máis tarde ou máis cedo aparecerían no termo municipal de Compostela máis representacións de tipo naturalista pero non imaxinábamos que tivese estas dimensións e relevancia. De feito, no seu día escollimos como logo da nosa pequena comunidade o único zoomorfo localizado ate ese intre nas terras de Compostela -un pequeno cervo situado na paraxe de Pinal no linde co Concello de Ames- como unha arela e premonición de novas descubertas.

O Colectivo organizouse co obxecto de reivindicar a importancia da área de Compostela como un importante foco de arte rupestre, xa que fora relegado históricamente pola maioría dos investigadores a un segundo plano. Mais cada vez faise evidente, tanto polo número de achados localizados (a maioria nos termos municipais de Ames, Teo e Compostela) como pola longa tradición de estudos realizados na nosa comarca, que a arte rupestre de Compostela merece unha maior atención. Malia todo, é certo que o número relativamente escaso de estacións con motivos naturalistas en comparación con outras zonas semellaba avaliar esta antiga visión que os achados dos últimos anos están a cambiar.

Esta pequena entrada supón só unha primeira achega ó Petróglifo dos Cortellos 3, conscientes de que serán precisos novos estudos máis polo miudo e unha posible intervención arqueolóxica.

27995594415_bbff8a2461_k

A Pedra da Loba (Cortellos 3) constitúe, ó noso entender, unha nova mostra do importante patrimonio arqueolóxico da Portela de Villestro pero tamén un xacemento excepcional tanto pola gran cantidade de zoomorfos representados, nunha zona onde os gravados de tipo naturalista son escasos, como pola presenza de escenas de equitación dentro do mesmo panel, xa que xunto coa laxe de Río Angueira 2 en Cornide (Teo) serían as dúas únicas estacións con este tipo de representacións.

Situación e descrición do conxunto

A laxe atópase na parte alta do monte de San Miguel[1], a escasos metros da paraxe da Devesa da Rula onde se sitúan a maioría dos gravados da zona.

Plano de Situación

Situación

Desde o lugar de Os Cortellos, ó descender uns metros ó antigo camiño de volta ó val reparamos hai algún tempo nun afloramento de grandes dimensións onde localizaramos un pequeno círculo con coviña central situado nun penedo ó pé mesmo do sendeiro. Subidos ó con chamounos a atención unha laxe plana e alongada con bastante inclinación que seguía a liña de caída natural da ladeira ubicada a escasos cinco metros ó Sur.

Esta laxe, bautizada como Pedra da Loba ou Os Cortellos 3, sitúase no medio dun pequeno cavorco na vertente da valgada que descende ó val do río Roxos. Este espazo forma un pequeno anfiteatro natural en forma de media lúa situado baixo un eucaliptal polo que a dificultade de visualización dos gravados acentúase. Ó elevar a vista cara o sur, divísase ó lonxe o teito do veciño Concello de Teo, o Alto da Grela, e a súa dereita os cumes do Castelo Redondo e o Meda xa en Padrón[2].

A laxe atopábase parcialmente cuberta pola vexetación, ó retirar as ramas e follas da parte inferior localizamos o primeiro, e quizáis, o máis singular de todos os cervos pola súa atípica cornamenta circular. Sucesivas visitas a distintas horas do día e a contemplación ó solpor con luces artificiais permitíronos ver con maior precisión a gran cantidade dos motivos que conserva o petróglifo.

pedra da loba-11

Localización

A rocha ten unhas dimensións de 6,30 m de longo por 3,10 metros de ancho na súa parte central (a máis ancha) e a súa superficie fica dividida tanto vertical como transversalmente por varias diáclases naturais. Está orientada ó SE e na súa inclinación N/S segue a forma da pendente do terreo circundante. Non obstante, temos que salientar que é moi probable que a laxe continúe tanto pola parte superior como polos laterais baixo o talude de terra vexetal que a cobre, polo que estes datos serían só indicativos. De feito, alomenos un dos zoomorfos situado no lateral esquerdo da pedra está parcialmente soterrado. Neste senso, agardemos que o traballo futuro dos arqueólogos nos permita contemplar a totalidade da superficie da laxe que probablemente inclúa un número maior de gravados.

Como acontece co resto de petróglifos do Monte San Miguel e Ventosa, o soporte empregado é o tradicional granito fino de dúas micas, moi apreciado tamén polos canteiros como se desprende da multitude de evidencias da intensa actividade extractiva na zona.

Sector central

Gravados no sector central e inferior do panel

En canto ao estado de conservación dos motivos podemos sinalar que é en liñas xerais aceptable. Resulta significativo o diferente grao de erosión existente entre os motivos do sector superior da composición e os de zonas inferiores, se ben cómpre indicar que, máis que responder a unha diferenza cronolóxica parecen responder a unha maior exposición ós axentes erosivos dos elementos gravados na parte superior da laxe.[3]

Lamentablemente son tamén evidentes os danos provocados polo lume en varios sectores da peneda. A fragmentación da capa superficial da rocha (termoclastia) nalgunhas zonas e incluso a perda de fragmentos en varios motivos insculturados volven a pór de manifesto a necesidade das reclamacións feitas polo Colectivo diante das administracións públicas competentes (Concello de Santiago e Dirección Xeral de Patrimonio) para que adopten medidas preventivas urxentes como a catalogación e a limpeza desta área arqueolóxica que garantan a conservación deste valioso patrimonio. Pola nosa parte, seguiremos a divulgar a existencia entre a veciñanza destes gravados pois consideremos que é o mellor xeito que temos para protexelos.

Descrición

O repertorio iconográfico da Pedra da Loba inclúe maioritariamente motivos naturalistas pero tamén se constata a presenza de algúns deseños xeométricos.

A erosión dos gravados dificulta unha boa lectura polo que foi preciso empregar a iluminación rasante artificial e recurrir á fotogrametría dixital para poder rexistralos correctamente, algúns deles só conservados de xeito parcial.

Os motivos xeométricos

Combinación de círculos concéntricos

Combinación de círculos concéntricos

O elenco de gravados xeométricos fórmano media ducia de coviñas de pequeno tamaño (2-3 cm de diámetro) distribuidas por toda a laxe e unha pequena combinación circular de dous aneis e coviña central (de 18 cm de diametro) moi erosionada situada no sector central esquerdo da peneda.

A existencia destes pequenos elementos xeométricos resulta interesante para entender a posible contemporaneidade de ambos grupos de deseños pois semella que tanto a técnica, conservación e o aspecto formal dos gravados son similares. De igual xeito, permite estudar posibles relacións estilísticas cos deseños dos petróglifos situados nas cercanías.

Os motivos naturalistas

Os cervos

Vista xeral

Vista xeral da parte superior

Este conxunto de gravados componse de polo menos 19 zoomorfos (cervos e cabalos) distribuídos por toda a superficie de laxe pero concentrados en cinco grupos en función da división do espazo xerado polas diáclases da laxe[4]. O estudo dos deseños mediante o levantamento fotogramétrico permitiunos contemplar restos moi esvaecidos doutros zoomorfos que na actualidade son case imperceptibles e que constatan a posible existencia dunha grea maior de animais.

cervo no sector central inferior

cervo no sector central inferior

En xeral todos os zoomorfos presentan certa homoxeneidade en canto o seu estilo e técnica de elaboración. Son deseños moi estilizados, sen chegar á esquematización, elaborados mediante dous trazos cun espazo no interior de reducidas dimensións, conformando corpos moi estreitos e alongados, pequenas colas de trazo simple e colos e cabezas en ocasións moi alongadas e rematadas con dúas pequenas liñas que semellan representar as orellas ou pequenos cornos.

Sector superior

Sector superior

A liña dorsal recta en paralelo á liña ventral no deseño xeral dos zoomorfos leva a algúns investigadores[5] a clasificalos no que denominan “grupo estilizado recto” en oposición ós zoomorfos característicos da zona de Campo Lameiro, Moraña, Cotobade… con deseños máis curvos na composición dos corpos e con colas representadas cunha liña dobre.

Neste senso, os gravados figurativos desta laxe presentan características semellantes ós zoomorfos dos petróglifos da zona do Barbanza e Muros – Noia pero tamén á outra gran laxe con motivos naturalistas da comarca compostelán, a Pedra Bicuda de Loureiro (Luou – Teo). A técnica de gravado empregada (dobre suco), as características no deseño xeral e tamaño dos motivos evidencian o gran parentesco formal entre ambos petróglifos aínda que a disposición xeral dos motivos sexa diferente.

A pesar destas características comúns no deseño dos gravados, hai neste panel detalles especialmente singulares que merecen que lles prestemos unha maior atención.

Extremo inferior

Extremo inferior

En primeiro lugar, só un dos cérvidos aparece cunha pronunciada cornamenta. Este “gran” cervo macho preside a zona central e inferior do panel. Un exemplar de pequeno tamaño, 32 cm de largo, pero que presenta unha curiosa cornamenta de forma case circular de 19 cm de ancho con sete puntas en cada hastado orientadas cara o interior do círculo, unidas entre si e en sentido transversal ás hastas de liñas curvas. Só atopamos certas similitudes con este tipo de cornamentas circulares presentes en varios cervos de pequeno tamaño coas puntas das dúas cornas unidas no interesante petróglifo da Cova da Bruxa do Concello de Muros.[6]

Outra das características dos gravados é a súa disposición formando pequenos grupos tanto na parte central do panel como na parte superior aproveitando os marcos espaciais dispoñibles entre as diáclases.

Sector central

Sector central

Na zona inmediatamente superior o cervo macho, que ocupa tamén un lugar central, consérvase un dos elementos máis plásticos desta laxe, tres posibles cervos de diferentes tamaños ordenados en liña practicamente unidos que semellan ascender polo panel. A cabeza do primeiro cervo figura apoiada no lombo do cervo seguinte e o mesmo acontece co que vén a continuación, deseñando unha singular escenografía. Un dos moitos exemplos comparables conservados na nosa arte rupestre é o xa clásico da laxe V do Monte Ardegán en Moraña.

Cervos do petróglifo da Laxe V do Monte Ardegán - Moraña

Cervos do petróglifo da Laxe V do Monte Ardegán – Moraña

No primeiro cervo chama a atención que o corpo figure composto por tres trazos que mesmo semellan reproducir non só o corpo senón tamén os cuartos traseiros e dianteiros do animal. Mais isto tampouco é algo excepcional na arte rupestre galega e deseños semellantes figuran noutros petróglifos como nun dos cervos do Coto da Siribela e noutros xacementos de Campo Lameiro. Os outros dous cervos posúen as dúas patas dianteiras en arco acentuando a sensación de movemento dos animais.

Cervos do sector superior

Cervos do sector superior

Na parte superior da laxe destacan varios cervos moi estilizados, algúns deles incompletos. Un dos máis curiosos conta con 6 pequenos trazos que representan as extremidades. Nesta parte do panel destaca unha parella de posibles cervos de longa cabeza e pequenas orellas ou cornos que fican en paralelo un sobre o outro. Situado na parte superior, o animal de menor tamaño (probablemente cun xinete no seu lombo) ten as patas e a cabeza apoiadas sobre o cervo situado debaixo. Unha escena similar figura no extremo superior esquerdo da laxe aínda que o seu estado de conservación é peor. Unha curiosa representación (unha posible cópula, unha doma?) que nos lembran outras composicións semellantes na Laxe das Lebres na Caeira (Poio) ou na estación da Quinta da Barreira en Valença do Minho.IMG-20160702-WA0006

Os cabalos e os homes

Detalle de un dos xinetes a cabalo

Detalle de un dos xinetes a cabalo

Ademais dos cérvidos outras das características deste gran panel é a presenza de varios cabalos, polo menos dous deles con xinetes. Son facilmente identificables por unha característica común na arte rupestre galega, ás súas longas colas.

É precisamente un destes cabaleiros o que abre outro destes grupiños de zoomorfos formando case un círculo na parte central dereita da composición, ofrecendo a sensación no espectador de que o cabaleiro persigue os outros dos animais.

Monta

Detalle de dous cervos na parte superior do panel, un deles cunha posible monta

A representación do xinete é moi simple, trázase o contorno dous sucos verticais e dúas pequenas liñas que representarían as extremidades superiores (non figuran as inferiores). A composición xeral destes cabalos tamén é sinxela pero non exenta de detalles como amosa a representación do falo, o arqueo das patas dianteiras e as pequenas orellas do équido. É unha mágoa que a mala conservación dun dos cabalos situado na parte superior esquerda do panel, moi erosionado debido os danos provocados polo lume, non permita asegurar con total certeza a presenza, máis que probable, deste segundo xinete.

Levantamento fotogramétrico

Levantamento fotogramétrico

Outro feito destacable é a “posible” monta sobre dous cervos (cabalos?) na parte superior da laxe, só unha hipótese porque a forte erosión destes motivos dificulta a súa lectura e rexistro.

As escenas de equitación relativamente frecuentes no grupo galaico da arte rupestre son, así e todo, puntuais na nosa comarca. A outra laxe da bisbarra con este tipo de escenas atópase na paraxe do Río Angueira no Concello de Teo. Porén, os gravados da laxe teense son, en xeral, máis esquemáticos e presentan trazos formais distintos.

Sector superior

Sector superior

Todos os zoomorfos do panel manteñen un mesmo patrón de orientación a pesar das diferentes disposicións dos animais no panel, sempre de esquerda a dereita, un posible intento de plasmar a orde natural da marcha da manda. A presenza da figura humana (que causa o caos na grea) pode motivar o deseño dos zoomorfos que ten o seu carón, que ofrecen unha maior sensación de movemento que os cérvidos máis estáticos situados na parte superior da laxe.

Para rematar a descrición dos elementos figurativos sinalar a presenza dun pequeno antropomorfo situado na parte inferior do panel, entre o cervo de cornamenta circular e o grupo de cervos en fila. Con forma de X de liñas curvas e posible representación esquemática de cabeza e falo. Un elemento de gran relevancia na composición que podemos asociar os zoomorfos da parte superior nunha posible representación dunha escena de pastoreo ou caza.

A escenografía

Fotogrametría cos sucos resaltados manualmente

Fotogrametría cos sucos resaltados

Unha das características máis salientables de este xacemento é que se trata da primeira laxe do concello compostelán no que se evidencia unha clara composición narrativa.

A disposición da laxe en pendente, a súa situación preto da paraxe chamada “Os Cortellos” onde fica unha penedía de grandes dimensións que permitiría o cercado e control do gando nunha zona próxima a vía de acceso natural ás chairas situadas na cima do monte, son factores que avalan a hipótese dunha posible escena de condución dos animais por parte dos xinetes.

A inexistencia de armas ou outros elementos que amosen unha acción violenta fainos pensar que a idea dunha posible escena de caza sexa menos probable.

Conclusións

A Pedra da Loba supón só o último achado no foco máis importante de arte rupestre da nosa comarca, a zona comprendida entre a Portela de Villestro (Compostela) e os montes do lugar de Ventosa na parroquia amiense de Santo Estevo de Covas.

pedra da loba-24

Presentación pública da laxe durante a visita nocturna do 9 de xullo

Para nós a aparición desta complexa laxe demostra, unha vez mais, a necesidade urxente de levar a cabo prospeccións intensivas e unha catalogación exhaustiva dos xacementos xa notificados no seu día polo Colectivo.

Non obstante, non é unha descuberta máis para engadir ó catálogo de gravados do grupo galaico senón que debería abrir novas liñas de investigación no eido académico e servir de acicate para que as institucións públicas sexan conscientes da relevancia de protexer e pór en valor esta área arqueolóxica.

A nova descuberta amplía o número de petróglifos con representación de animais na comarca a 6, a Peneda Negra en Ames, Outeiro do Corno, Río de Angueira e Pena Bicuda de Loureiro en Teo e O Pinal 1 e Os Cortellos 3 en Santiago de Compostela. Tamén é xunto co de Río Angueira os dous únicos xacementos con escenas de monta.

Agardemos que o noso traballo non fique esquecido nun recuncho da rede e que permita reactivar o compromiso dos diferentes gobernos municipais e autonómicos na protección e divulgación destas manifestacións artísticas do noso patrimonio cultural e deste xeito evitar que o seu coñecemento non siga restrinxido ó reducido mundo dos estudosos e afeccionados á arqueoloxía. A día de hoxe, resulta lamentabelmente que non exista ningún petróglifo da comarca cunha pequena sinalización que permita e facilite a súa visita na área de Compostela[7].

Presentación pública da laxe na pasada visita nocturna do 9 de xullo

Presentación pública da laxe na pasada visita nocturna do 9 de xullo

Desexamos que esta situación mude pronto, e que os traballos que está a realizar na actualidade a Dirección Xeral de Patrimonio e o Concello de Ames para a posta en valor do petróglifo do Monte Castelo e conservación da Peneda Negra en Ames sexa só un primeiro paso dun longo camiño sen retorno.

De momento nos tentaremos seguir amosando a arte rupestre da Comarca a todos aqueles que o desexen dentro das nosas posibilidades. E así, o pasado sábado 9, aproveitamos a 3ª visita nocturna ós petróglifos da Devesa da Rula para presentar por vez primeira ós participantes a estación obxecto desta entrada. A todos eles grazas por ternos acompañado nese fermoso momento.

Album fotográfico no noso Flickr da Ruta nocturna pola Devesa da Rula 2016

Bibliografía

  • Colectivo A Rula: “A Pena Bicuda de Loureiro, arte rupestre no Monte Piquiño”, Entrada no Blog do Colectivo A Rula do 5/02/2016
  • Santos Estévez, M.: Petroglifos y paisaje social en la prehistoria reciente del noroeste de la península Ibérica”. En TAPA: traballos de arqueoloxía e patrimonio, ISSN 1597-5357, Nº 38, 2008, ISBN 978-84-00-08733-2, páx. 13-216
  • Soto Barreiro, M.J.:”Los petroglifos prehistóricos de la comarca compostelana”. Santiago (tese de licenciatura inédita). Universidade de Santiago de Compostela, 1986
  • VV,AA.: Fábregas Valcarce, R. ; Guitián Castromil, J.; Guitián Rivera, J. e de la Peña Santos, A.: “Petróglifo galaico con una representación de tipo Peña TÚ” en Zephyrus: Revista de prehistoria y arqueología. LVII (2004), p. 183-193.
  • VV,AA.: Fábregas Valcarce, Ramón; Peña Santos, Antonio de la; Rodríguez Rellán, Carlos. “Río de Angueira 2 (Teo, A Coruña): un conjunto excepcional de escenas de monta”. Revista Gallaecia. Núm. 2011, (30): 29-51
  • VV,AA.: Fábregas Valcarce, R.: Guitián Castromil, J.; Guitián Rivera e J. Rodríguez Rellán, C.: “Entre dos mundos: los grabados al aire libre de Pena Bicula de Loureiro (Teo, Galicia, España). Revistas Espacio, Tiempo y Forma. Series I-VII. Espacio, Tiempo y Forma, Serie I, Prehistoria y Arqueología (ISSN: 1131-7698; eISSN: 2340-1354). Facultad de Geografía e Historia. UNED, 2013, p. 173-195
  • VV,AA.: “Arte rupestre prehistórica do Eixo Atlántico”. Eixo Atlántico del Noroeste Penínsular. Vigo, 2006

Notas

[1] Coordenadas xeográficas 29 T 531074 4748037

[2] Facilmente recoñecible polos tres aeroxenadores situados no seu cumio

[3] É este outros dos factores que aconsellan unha intervención arqueolóxica con certa urxencia. A forte inclinación da laxe e a gran cantidade de desprendimentos de pedras situados na parte superior da rocha  fai que se vexa moi afectada por procesos derivados das escorrentías.

[4] Esta utilización das diaclases naturais como elementos para organizar as distintas escenas foi constatada polos investigadores en multitude de petróglifos do Grupo Galaico da Arte Rupestre.

[5] Santos – Estévez, 2007

[6] Outros exemplos de cornas pechadas atópanse tamén en laxes como a do Coto da Siribela en Ponte Caldelas, o Chan da Lagoa en Campolameiro, a Laxe da Sartaña no Porto do Son ou Os Mouchos en Rianxo, pero o deseño xeral dos cervos difire bastante deste motivo dos Cortellos 3.

[7] As dúas únicas iniciativas reseñables foron a sinalización do Petróglifo de Oca por parte da Deputación da Coruña nos anos oitenta do século pasado e a sinalización levada a cabo pola Asociación A Gentalha do Pichel nas laxes máis destacadas do Concello de Santiago hai uns anos.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Visita nocturna ó petróglifo do Monte Castelo en Ames. Últimas prazas !!!


Comprácenos anunciar que o vindeiro sábado 16 de xullo visitaremos a recentemente “redescuberta” estación de arte rupestre prehistórica do Monte Castelo na parroquia de Covas, Ames.

Será a primeira ruta nocturna nas terras amienses organizada polo Colectivo A Rula e o Concello de Ames pero agardemos que só sexa a primeira de futuras colaboracións.

A actividade abrirase cunha pequena charla introductoria sobre os petróglifos da Comarca de Santiago, con especial atención aos petróglifos de Ames. De seguido, visitaremos o petróglifo do Monte Castelo 2.

Por razóns técnicas e de seguridade só podemos convidar a un pequeno grupo (60 persoas) mais prometemos repetir novas xeiras nocturnas para que todos aqueles que o desexen poidan coñecer este xacemento situado na  área arqueolóxica de Ventosa que esta semana inicia a súa valorización social.

Se queredes acompañarnos só tedes que enviarnos un correo electrónico e agardar a nosa confirmación. A actividade é, como sempre, totalmente de balde.

Deixámovos o “teaser” que preparamos para ocasión….

 

ANOTÁDEVOS AXIÑA en colectivoarula@gmail.com !!!

Ligazóns relacionadas

 

Visita nocturna pola Devesa da Rula


Comeza o verán e cumprimos o terceiro aniversario do Colectivo. Que mellor momento para anunciarvos a primeira das nosas xeiras nocturnas pola comarca neste xullo que prognostican caloroso.

Iniciamos o noso periplo polo noso patio de xogos particular, a Devesa da Rula, o próximo sábado 9 de xullo. Será unha nova noite de estrelas e petróglifos na compaña de todos aqueles que procuredes novas experiencias. Non será unha xeira máis, pois guiarémosvos por novos recunchos máxicos que agocha o interior desta paraxe na portela do val do rego de Roxos (Villestro – Compostela).

O percorrido e a distancia será similar ó doutras ocasións (podedes ver a ruta na nosa conta de wikiloc) pero levaremos novos brinquedos, haberá novidades e unha gran sorpresa final!!!

Por razóns técnicas e de seguridade só podemos convidar a un pequeno grupo, mais prometemos repetir as veces que sexa preciso para seguir desvelando eses segredos dunhas laxes aínda por descubrir.


Se queredes acompañarnos só tedes que enviarnos un correo electrónico e agardar a nosa confirmación. A actividade é, como sempre, totalmente de balde.

ANOTÁDEVOS AXIÑA en colectivoarula@gmail.com !!!

“A grade prehistórica”. A Pedra da Grada ou dos Tres Curas, un novo deseño de tipo Outeiro do Corno na comarca de Caldas.


“A Loba (2001-2016), membro animal fundador do Colectivo, que nos acaba de deixar na procura dos misterios que se agochan nos solsticios.”

A descuberta da Pedra da Grada

No sempre dinámico panorama dos estudos da arte rupestre galaica xorden a cotío novidades que evidencian as limitacións que presenta o actual catálogo de xacementos de arte rupestre. Mais segue a sernos difícil de comprender que gravados tan excepcionais e singulares, situados en laxes facilmente accesibles, recoñecibles e coñecidas pola veciñanza, sigan pasando desapercibidas como aconteceu con este petróglifo da Pedra da Grada.

Hai só un par de semanas Isaac González García, veciño da zona, púxose en contacto co Colectivo para falarnos dunha laxe que, segundo comentaba, tiña gravados semellantes ós do petróglifo teense do Outeiro do Corno I. De inmediato a nova suscitou o noso interese, incrementado pouco despois ó achegarnos a través das redes sociais un pequeno debuxo e pequenas referencias sobre as características xerais e historia da laxe.

Un par de días despois achegámonos á zona e quedamos abraiados ó contemplar por primeira vez o deseño e dimensións deste singular gravado. Repetimos as visitas en sucesivos días cos nosos equipos coa intención de documentar coa maior precisión posible as gravuras, traballo que agora vos presentamos.

Localización e referencias históricas

Entorno inmediato

Contorna inmediata á laxe

A chamada “Pedra da Grada” constitúe un fito natural que predomina sobre a súa contorna inmediata, unha xeografía bastante chan e con poucas elevacións, o que facilita a súa rápida localización.

Quizais por este motivo fose empregada xa dende o Medievo como marco divisor de varias parroquias (Briallos en Portas, Arcos da Condesa en Caldas de Reis e Saiáns en Moraña) e aínda serve na actualidade como fito lindeiro entre os concellos de Portas, Caldas de Reis e Moraña, os tres pertencentes á comarca de Caldas.

Imaxe do bolo partido e sinalando a localización do gravado

Imaxe do bolo partido coa sinalación da localización do gravado

De feito, un deslinde realizado por don Jesús Vila entre o 1889 e 1890 (localizado por Isaac) recolle o seguinte:

“Aberto cara Arcos ata dar na pedra chamada da Grada ou dos Tres Curas que dista cincocentos catro metros da anterior, e que se chama quizais así por ser un punto divisorio do que irradian os tres concellos de Caldas cara o norte, Portas contra o sur, e Moraña contra o leste. Por conseguinte, aquí dáse por terminada a divisoria”.

Mapa de situación

Mapa de situación

Este afloramento granítico localízase a 207 metros de altitude (coordenadas UTM:  29 T 531282 4713518 – Datum: wgs 84) nun extremo do Monte de San Martiño (Caldas de Reis). Sitúase nunha pequena planicie, a só uns metros do nacente do rego de Arcos, nunha encrucillada entre o camiño de monte que transcorre paralelo ó linde entre Caldas e Moraña e o antigo Camiño de Búa que remata en Corrigatos (Moraña) e que pasa ó carón do campo de fútbol de Saiáns.

Pedra do Sol dos Cabalos-4

Un dos grandes penedos que conforman a “Pedra do Sol dos Cabalos” preto da Pedra da Grada.

Nesta zona abundan outros afloramentos graníticos que dan nome a paraxes de curiosa toponimia como a “Pedra do Sol dos Cabalos”[1], moi afectada pola actividade extractiva dos canteiros e que tamén serve de linde entre Caldas e Moraña.

Detalle da inscrición

Detalle da inscrición na Pedra do Sol (Saiáns – Arcos)

Descrición do xacemento:  soporte e motivos

A propia Pedra da Grada consérvase na actualidade fracturada case na súa totalidade en dúas partes. Cóntanos Isaac que hai anos unha cuadrilla de canteiros tentaron levar a laxe para facer postes para as viñas. O feito debeu chegar ata as autoridades porque no último momento interveu a Garda Civil para impedírllelo xa que a pedra como marco divisorio que é debía continuar no lugar e permanecer inalterable, dado o seu valor legal. Esta actuación “in extremis” permitiu a persistencia do xacemento ata a actualidade. Curiosamente nesta ocasión o marco salvou o petróglifo.

Os grillos na parte finalmente non partida

Os grillos na parte da laxe sen fracturar

Trátase dun gran con granítico de case 2,5 metros de altura, de gran moi groso e numerosos fragmentos de ortosas de feldespato.

Conserva un motivo de grandes dimensións situado na metade sur do penedo, na zona central dun panel case vertical orientado ó suroeste. Os eucaliptos situados ó carón do penedo impiden o paso da luz e dificultan a observación con luz natural dunha figura cunhas dimensións xerais de 1,75 m de alto por 1,02 m de anchura (na base). Tal vez o seu parecido coa tradicional ferramenta agrícola da grade explique o nome da laxe que, á súa vez, dá nome á paraxe na que se localiza.

O gravado da Pedra da Grada entronca claramente co grupo iconográfico “Peña Tú”,  fundamentalmente pola súa forma rectangular segmentada en oito franxas horizontais e remate absidal bastante pronunciado. Porén, tamén presenta características propias como a substitución deses trazos, que representan esquematicamente un rostro en Peña Tú, por catro arquiños en liña, de 12 cm de alto por 11 cm de ancho cada un, apoiados sobre a primeira banda rectangular interna.

Cabe salientar tamén o gran tamaño do ídolo, o máis grande dos localizados ata o momento en terras galegas e, probablemente, un dos máis grandes de todos os coñecidos na actualidade.

Levantamento fotogramétrico

Levantamento fotogramétrico

A figura vai estreitándose pouco a pouco dende a base (máis ancha) ata o extremo superior rematado nesa característica ábsida. Presenta un dobre suco no bordo exterior da figura (outra das características comúns nesta tipoloxía) pero tamén nas diferentes bandas rectangulares do interior, agás na superior. Esta dobre liña continuada que define o contorno da silueta e contorno interior das diferentes bandas mantén sempre unha equidistancia entre ambas liñas.

Outra das particularidades do ídolo da Pedra da Grada son as súas esquinas inferiores, a diferenza das formas redondeadas do Outeiro do Corno esta posúe vértices ben marcados e pronunciados.

Detalle do extremo superior

Detalle do extremo superior

Baixo a ábsida superior e baixo os catro pequenos arquiños aliñados hai oito bandas horizontais. En diversas fotografías podemos apreciar a posible existencia de pequenos círculos (4 ou 5) no interior das tres primeiras bandas, apenas perceptibles pola forte degradación da pátina da pedra. As outras franxas rectangulares en dirección á base non semellan posuír ningún outro gravado, aínda que tampouco o descartamos totalmente.

Outro elemento específico deste exemplar é a entalladura ou lixeiro estreitamento que se aprecia no sector inferior entre a penúltima e última banda.

Rectángulo na Pedra da Grada

Cadrado na Pedra da Grada

Os gravados teñen sucos de sección transversal en U e bastante anchos e profundos. O seu estado xeral é bastante bo, aínda que desigual. O gran groso deste soporte granítico “pouco habitual” nos petróglifos galegos dificulta bastante a súa visualización. A parte superior do gravado está máis deteriorada, polo que foi preciso empregar a fotogrametría e a fotografía nocturna para poder rexistrar correctamente os motivos.

Por outra banda, na parte superior da laxe, ó carón da fenda realizada polos canteiros, atopamos un gravado histórico con evidencias de ter sido realizado con ferramentas metálicas. Trátase dun pequeno cadrado que asociamos ós traballos levados a cabo por antigos topógrafos. Estariamos ante un antigo sinal xeodésico dos realizados a finais do século XIX ou principios do século XX, en estreita relación co xa citado uso da laxe como marco divisorio entre concellos e parroquias.

O grupo “Peña Tú”

cadro do grupo Peña Tú - Fonte ASAGA

Cadro dos deseños do grupo Peña Tú (Terroba Souto, Y. 2015)

Este esteliforme é un motivo iconográfico moi singular e pouco frecuente no noso pais, sendo o terceiro documentado en Galicia despois do petróglifo de Outeiro do Corno[2]  en Teo e do petróglifo de Basoñas[3] no Porto do Son.

Fotogrametría de Outeiro do Corno I

Fotogrametría de Outeiro do Corno I

A este “grupo galaico” pódense incorporar algunhas representacións gravadas en sepulturas megalíticas e incluso pequenas pezas escultóricas como a de Paredes de Abaixo en Paradela, localizada a carón dunha mámoa polo investigador Vázquez Seijas nos anos corenta do pasado século.

Ídolo Peñatu

Ídolo Peña Tú (ou Peñatu)

Os seus deseños vincúlanse cos gravados e pinturas da chamada tipoloxía “Peña Tú”[4] en referencia ó xacemento localizado no Concello de Llanes en Asturias, o primeiro estudado e o máis coñecido que se converteu no “patrón” deste peculiar modelo iconográfico.

Segundo os especialistas trataríase dunha representación antropomorfa ultraesquematizada de corpo rectangular co interior segmentado en bandas horizontais e remate superior en ábsida máis ou menos pronunciado, algúns deles están acompañados de armas en posición pasiva (coa punta cara abaixo) como tamén acontece no gravado teense.

Tabuyo del Monte

Tabuyo del Monte. Museo de León

Estes gravados localizábanse inicialmente só nunha pequena franxa da cordilleira cantábrica e do norte de León. Outros exemplos destacados desta mesma categoría icónica son os de Sejos e Hoyo de la Gándara en Cantabria e o de Tabuyo del Monte en León (actualmente no Museo de León).

Debemos sinalar tamén a localización de pinturas rupestres en covas e abrigos naturais que presentan gran paralelismo con esta mesma iconografía, como as pinturas rupestres de Fresnedo en Asturias[5] ou o máis recente achado do Ídolo de Ojo Guareña en Burgos.

No noroeste Peninsular.

A morfoloxía xeral da figura da Pedra da Grada aproxímase máis o modelo de Peña Tú ca o seu paralelo galego de Outeiro do Corno, mais na arte rupestre do NW existen outros deseños con certas semellanzas que nos levan a sospeitar que estaríamos ante unha iconografía máis habitual do que nun primeiro momento poidera parecer. É o caso do motivo acaroado ó gran reticulado do petróglifo de Agro das Calzadas en Buriz[6], no Concello de Guitiriz, ou o do petróglifo do Monte da Laje, en Valença do Minho, no Norte de Portugal. En ambos casos tamén se constata un extremo superior absidal e as consabidas divisións internas.

Monte da Laje

Monte da Laje – Valença do Minho

Cómpre destacar, no caso de Buriz, a gran similitude que presenta coa Pedra da Grada, tanto na súa localización xeográfica, ambas en pequenas chairas preto de mananciais e ó carón de antigos sendeiros, como nas características morfolóxicas e de composición da laxe en xeral, cons graníticos redondeados e de bo porte e gran moi groso que presentan os gravados na parede orientada ó sur e nun panel case vertical.

Esta disposición vertical do gravado de seguro dificultaría o traballo do gravador, que ben puido empregar, no caso da Pedra da Grada, algún tipo de escada para a súa realización. No futuro deberemos prestar maior atención a este tipo de laxes, pouco habituais ata agora na arte rupestre galega, e que en moitas ocasións desbotamos de antemán nas sondaxes.

Guríz

Agro das Calzadas – Porta do Alén – Buriz  (Guitiriz)

Interpretacións dos gravados

Este novo “esteliforme” galaico constitúe, por tanto, un novo elo de relación entre o chamado Grupo Galaico da Arte Rupestre e a arte rupestre da franxa cantábrica e do noroeste da meseta, de carácter máis esquemático, que certos autores fan extensible ós idoliños-placa, presentes en boa parte da Península. Ven a por de novo de manifesto un nexo de unión entre dous focos de arte rupestre que ata hai poucos anos se consideraban totalmente independentes. Novas liñas de investigación no futuro deberán profundizar nesta adición tipolóxica ó repertorio coñecido da arte rupestre galega.

Ídolo Peña Tú

Ídolo Peña Tú (Bueno & Fernández Miranda, 1980)

En xeral, a maioría dos autores relacionan estes deseños con figuras humanas esquematizadas e moi abstractas. Ídolos antropomorfos relacionados con individuos de certo prestixio que en ocasións son representados ó carón das armas propias e identitarias do seu estatus guerreiro. Guerreiros ou xefes tribais que reflicten unha certa desigualdade social nestas primitivas comunidades da nosa Prehistoria.

Outros autores, non obstante, propoñen que ditas figuras serían versións setentrionais das coñecidas estelas alentexanas e do Suroeste peninsular coas que tamén presentan certos paralelismos estilísticos.

Outeiro do Corno I - Teo

Outeiro do Corno I

Finalmente, a localización destas laxes preto de necrópoles megalíticas levou a varios investigadores a defender a teoría de que estariamos ante algún tipo de representacións de carácter funerario.

Con respecto as pautas seguidas para a elección do emprazamento,  nesta ocasión o autor do gravado seleccionou intencionalmente un elemento natural ben recoñecible na paisaxe para posteriormente plasmar na zona máis visible da laxe unha mensaxe, quizais un sinal de aviso, coa intención de ser contemplado a certa distancia por calquera que percorrera esta antiga vía de tránsito usada dende a antigüidade ata os nosos días. A acción dos axentes naturais  que foron erosionando os gravados, pode explicar que tempo despois pasase desapercibida, agás para a veciñanza da contorna que xornada tras xornada observaba unha figura que asociaron cun elemento común da súa vida cotiá.

Tipoloxías Peña tú

Tipoloxías Peña tú (Fabregas et. al, 2003)

Cronoloxía

En relación a súa posible cronoloxía, os investigadores sitúan os referentes máis destacados do grupo en torno 1.800-1.500 a.C. Non obstante, a diferenza doutros gravados, o petróglifo da Grada non está asociado con armas metálicas o que dificulta a súa adscrición cronolóxica. Certos autores sinalan a posibilidade de que sexan precisamente este gravados non relacionados coas armas os máis antigos, herdeiros dunha longa tradición que se remonta ó Neolítico e que se mantivo viva durante toda a Idade do Bronce.

Conclusión

Atopámonos ante un dos máis importantes achados da arte rupestre ó ar libre nestes últimos anos que reactiva interrogantes que expliquen o emprego dun modelo esquemático recoñecible e aceptado nunha ampla franxa do territorio entre o Atlántico e a cornixa cantábrica. Gravados que nos transmiten unha mensaxe concreta arestora descoñecida.

Calco do Agro das Calzada. Antonio de la Peña Santos. 1980

Calco do Agro das Calzada (Peña Santos, 1980)

Dende o Colectivo demandamos que os organismos públicos competentes inicien os trámites necesarios para a catalogación do xacemento, como primeira medida necesaria e esencial para garantir a súa protección e conservación. Lamentablemente o estado xeral dos petróglifos desta tipoloxía en Galiza é moi mellorable e permanecen no máis absoluto descoñecemento para o gran público e en perigo constante a causa dos incendios e outros axentes.

Debemos lembrar que boa parte destes xacementos foron declarados monumentos histórico – artisticos (Peña Tú) ou bens de interese cultural (Sejos). Son verdadeiras iconas e referentes culturais para as xentes das comarcas onde se localizan e son considerados valiosos monumentos da Prehistoria do Noroeste peninsular. A simple incorporación dun novo gravado desta tipoloxía ó noso catálogo de arte rupestre constitúe un feito excepcional, á marxe doutras consideracións como a boa factura e dimensións únicas deste gravado da Pedra da Grada.

Xacementos próximos en Moraña.

Cabeza de San Pedro de Rebón

Cabeza de San Pedro de Rebón

Pedrafitas: – Lapa de Gargantáns (San Martiño de Gargantáns), Cabeza de San Pedro (entre as parroquias de Rebón e Amil)

Petróglifos: P. Gargantáns (S. Martiño de Gargantáns), P. Ardegán (S. Martiño de Gargantáns), P. Do Deitadeiro (S. Martiño de Laxe), P. De Cotaredo (Longás – Santa Xusta), P. Chan de Deus (Conles – Santa Xusta)

Xan de Deus

Xan de Deus

Mámoas: Mámoa de Santa Lucía (Santa Lucía), Mámoa do monte Ardegán (Longás – Santa Xusta), Mámoa de Paraños (S. Martiño de Gargantáns), Necrópole do monte Laceira (Monte Laceira – Laxe), Mámoa de Guillarei (Cortiñas – Santa Lucía), Mámoa da Pallota (A Pallota – Rebón), Mámoa de Silvoso (Santa Cruz de Lamas).

Non queremos rematar este pequeno artigo sen agradecer a Isaac ter compartido con nós o seu achado e o ternos permitido facernos voceiros da existencia deste excepcional xacemento que de seguro sorprenderá a moitos especialistas e afeccionados á arte rupestre tanto como nos sorprendeu a nós. Esta é outra mostra máis da relevancia das achegas que están a facer os afeccionados á arqueoloxía nestes últimos anos ó coñecemento da arte rupestre. Neste senso, resulta significativo o valor das redes sociais como novo vehículo de difusión e comunicación entre os diferentes axentes que interactúan neste eido.

Tamén queremos agradecer as suxestións feitas vía facebook polo investigador lucense Xabier Moure.


Notas.

[1] Esta Pedra do Sol dos Cabalos é un conxunto de grandes bolos, nos que destacan dous penedos contiguos polas súas dimensións e paredes verticais de máis de 5 metros de altura. Tamén se observa na zona restos de muros de basta factura apoiados nalgúns dos penedos. A denominación de Pedra do Sol dos Cabalos déunola un operario que estaba a traballar nas inmediacións do campo de fútbol, mais nos mapas que temos consultados atopamos por un lado a Pedra do Sol e pola outra a Pedra dos Cabalos.

[2] Fábregas Valcarce et al. (2004).

[3] Fábregas Valcarce et al. (2006).

[4] Hernández Pacheco et al. (1914).

[5]Mallo e Pérez. (1971).

[6]Peña e Rey. (2001).


Bibliografía:

 

 

A Pedra Ancha do Camiño de Fisterra


1993_calco-pedra-ancha_sector-a_costas-goberna_novoa_panel-superior_22944552130_o

Calco Costas Goberna . 1993

Entre as moitas especificidades que conforman a personalidade propia da nosa arte rupestre prehistórica ocupa un lugar destacado un conxunto de estacións con paneis con representacións exclusivamente de armas. Cuantitativamente son un conxunto minoritario dentro do Grupo Galaico de Arte Rupestre mais por diversas causas teñen sido obxecto desde sempre dunha atención preferente por parte dos estudosos na materia.

Entre estas rochas panoplias nesta ocasión fixamos a nosa atención nunha das máis setentrionais, a Pedra Ancha de Dumbría.

1993_calco-pedra-ancha_costas-goberna_panel-inferior_22944551620_o

Calco Costas Goberna . 1993

O xacemento arqueolóxico de Pedra Ancha localízase preto do Alto do Fragoso na parroquia de San Pedro de Buxantes en Dumbría (UTM: 29 T 492060 4759095).

1993_calco-pedra-ancha_costas-goberna_novoa_xeral_22944552540_o

Calco Costas Goberna . 1993

Trátase dun gran afloramento granítico de máis de 36 m de longo por 10 m de ancho e preto de 5 de altura que constitúe o elemento natural de referencia na paisaxe da súa contorna. Salienta a súa situación a escasos metros do camiño real que foi dende a Idade Media e segue sendo o itinerario xacobeo de Compostela a Fisterra. A só cincocentos metros ó leste atópase o outro referente espacial desta zona, neste caso artificial, a fábrica de Carburos Metálicos de Ferroatlántica que alterou radicalmente este espazo xeográfico nas últimas décadas.

Pedra Ancha 1-3Esta estación de arte rupestre ó ar libre foi localizada polo veciño Modesto García Quintáns, antigo Director do Instituto Xeográfico Nacional da Coruña, en 1991 durante unha xornada de caza cos seus compañeiros da cuadrilla de Buxantes.

plano-pendentes_-pedra-ancha_fragoso_22609833884_o.jpg

Plano de localización

Logo dunha pequena publicación en La Voz de Galicia ese mesmo ano, foi dada a coñecer nun artigo da revista Brigatium en 1993 polos investigadores Fernando Javier Costas Goberna, Pablo Novoa Álvarez e José María Albo Morán que destacan por primeira vez a relevancia desta rocha panoplia e salientan a súa estraña localización en relación co escaso número de petróglifos destas características na Galiza setentrional en xeral e na Costa da Morte en particular. Con posterioridade foi estudada e citada por numerosos investigadores e arqueólogos como F. Alonso (1993), F.J. Costas Goberna e E. Pereira García (1998), Vázquez Varela (1999, 2007), A. de la Peña Santos e F. J. Costas Goberna (2006), B. A. Casado e A. del Peña Santos (2011), etc…

 DESCRICIÓN DOS GRAVADOS.

Pedra Ancha 1-2Na parte superior deste enorme penedo figuran un gran número de pías naturais que a erosión e chuvia foi creando co devir da historia. Porén, é na parede oriental nunha zona de forte inclinación, case vertical, onde se atopan os dous paneis insculturados cunha importante representación de armas propias dos inicios da metalurxia: dúas espadas curtas ou puñais e catro alabardas, semellantes ós exemplares de cobre localizados en varios xacementos arqueolóxicos galegos, e tamén varios deseños triangulares que denominaremos “escutiformes” e que identificamos por asociación co resto das armas con algún tipo de escudo descoñecido no rexistro arqueolóxico por estar confeccionado con materiais orgánicos perecedoiros.

1991_08_31_descubiertos-en-dumbra-unos-petroglifos-que-representan-armas_23045493630_o

Nova da descuberta na Voz de Galicia do 31 de agosto de 1991

Non podemos desbotar tampouco outras hipóteses sinaladas polos investigadores que os identifican como posibles mascaras, idoliformes, representaciones antropomorfas sacralizadas, estandartes e incluso carros de guerra gravados cunha perspectiva cenital semellantes ós representados nas estelas estremeñas e alentexanas (G. Pascual Hermida, 2011). Deseños triangulares moi semellantes localízanse noutros petróglifos do grupo galaico da arte rupestre como Auga da Laxe (Gondomar), Mogüelos (Cangas) e sobre todo gardan moita similitude coas figuras do Castriño de Conxo en Santiago de Compostela.

Pedra Ancha 1-4Na parte central da cara oriental é onde figuran estes 3 escutiformes dispostos case en liña. As súas dimensións oscilan entre os 60 e 70 cm de longo por 40 de ancho. Ó carón dun deles atópase tamén un puñal ou espada curta de tipo espigo (sen cravos de suxeición) con empuñadura e coa posible representación do nervio central moi erosionado

Na parte inferior da laxe e á dereita do primeiro grupo de gravados, atópase un segundo panel duns 3 metros cadrados situado case a rentes do chan. De esquerda a dereita figuran dúas alabardas de folla triangular, a primeira con nervio central e a segunda con varios sucos paralelos no fío, ambas cun longo suco a modo de mango; un segundo puñal con nervio central e colocado en posición activa (mirando cara arriba) e unha terceira alabarda máis pequena de fío case cadrado e deseñada con varios sucos e que tamén presenta un longo suco a modo de mango. Á dereita destes deseños pechando o panel atópase unha cuarta alabarda tamén de folla triangular de liñas máis redondeadas e varios sucos paralelos representando ós nervios no fío. Entre a terceira e a cuarta alabarda figuran representadas varios gravados históricos, cruces de factura relativamente moderna que quizaiPedra Ancha 1-7s oculten outras representacións prehistóricas como outro posible escutiforme (J.M. Vázquez Varela, 2007).

As alabardas representadas, todas orientadas na mesma dirección á dereita, son similares ós modelos Carrapatas da Idade do Bronce localizadas nos rexistros arqueolóxicos do NO peninsular.

Pedra Ancha 1-8A conservación dos gravados é en xeral bastante boa a pesar das continuas enxurradas no inverno. A auga que conteñen as enormes pías naturais da parte superior vai escorregando polas zonas máis inclinadas da laxe onde figuran os gravados. Malia todo, o proceso de meteorización directa pola acción do vento e a auga non semella por en perigo a conservación dos grabados.

En definitiva, a representación deste amplo repertorio de armas, cando menos nove entre ambos paneis, converten a Pedra Ancha na rocha panoplia máis importante da Costa da Morte e un dos xacementos de arte rupestre prehistórica desta tipoloxía máis representativos do noso país.

ANÁLISE.

Na análise de calquera estación de arte rupestre ó ar libre é fundamental avaliar o seu contorno inmediato. Nesta ocasión éo aínda máis, pois o afloramento granítico da Pedra Ancha destaca na paisaxe como o elemento natural máis sobranceiro nesta penechaira do Fragoso hoxe gravemente alterada pola acción antrópica. Desaparecidas case por completo as mámoas da paraxe de Maias, só fica na zona outro xacemento arqueolóxico de certa importancia, o chamado Castro da Fragoso da idade do Ferro, situado a uns 400 m, ó suroeste da gran peneda.

Pedra Ancha 1-14O outeiro da Pedra Grande constitúe por tanto un fito espacial fundamental neste territorio, marca o linde entre a chaira e as suaves pendentes do val que se van acentuando ó achegarnos ó río Fragoso que dá nome á zona e o xacemento castrexo. Dende a Peneda Grande podemos divisar unha ampla panorámica de toda a chaira onde se practicaba o pastoreo ata hai unhas décadas e preto de importantes recursos naturais como os numerosos mananciais da zona e o río. Sitúase tamén nunha vía de tránsito natural usada dende a prehistoria ós nosos días, como testemuña a presenza do itinerario da senda xacobea.

Pedra Ancha 1-5A localización dos gravados na parede orientada ó camiño, na súa parte central e case vertical da parede, evidencia a vontade dos gravadores para facer visibles estas figuras á certa distancia.

A pesar da erosión en días con boa luminosidade aínda é posible observar dende o camiño os diferentes motivos (tal e como reflicte a primeira fotografía) e a pesar da plantación de eucaliptos situados na parcela lindeira que dificulta a súa visualización na actualidade.

Pedra Ancha 1-6Como complemento á hipótese territorial, J. M. Vazquez Varela (2007), sinala unha segunda interpretación da laxe como lugar de celebración de rituais guerreiros. A representación de toda esta panoplia reflicte unha forte carga simbólica que podemos relacionar con outras funcións, dende servir de sinal disuasoria e aviso a outros grupos da zona (tamén en relación coa anterior hipótese de linde territorial), ata indicar o lugar de celebración de rituais colectivos vinculados á guerra conmemorando o inicio ou fin dunha acción bélica. Quizais esta exhibición pública dos armamentos dos guerreiros xogase un papel fundamental para definir os modelos sociais imperantes nesas sociedades.

A presenza de gravados de diferentes períodos evidencian a querenza e atracción continuada destes antigos poboadores por esta peneda, deixándonos testemuños perdurables no tempo que dificilmente poderemos interpretar dende os valores culturais actuais. A Pedra Ancha tivo diversas funcións e significados ó longo da súa dilatada historia. As cruces de factura histórica que tamén podemos relacionar con varias funcións, “cristianización” dun lugar de culto pagán anterior, coa demarcación de límites territoriais ou incluso co paso dos peregrinos camiño a Fisterra, son os últimos sinais desta longa tradición gravadora.

SINALIZACIÓN

Pedra Ancha 1-10Durante a nosa visita ó petróglifo numerosos peregrinos achegáronse a nós para preguntarnos que era o que mirabamos con tanta atención no outeiro. Parolamos un bo anaco cun pequeno grupo de madrileños e dúas rapazas da Alemaña e a maioría quedaron abraiados ó contemplar as distintas figuras do gravado. Ninguén coñecía a sua existencia e todos subliñaban o feito de non existir unha mínima sinalización e información sobre o xacemento.

Pedra Ancha 1-12Dende o Colectivo é algo que tampouco comprendemos. Trátase dunha estación de doada localización e acceso, ó carón mesmo do camiño, polo que é incomprensible que o elemento patrimonial máis importante do treito xacobeo en Dumbría non sexa valorado como corresponde. Pensamos tamén que o custo das accións necesarias para a súa posta en valor non sería moi elevado. Un proxecto que implicaría a adquisición das parcelas, a eliminación da plantación de eucaliptos da parcela lindeira, a limpeza e acondicionamento da zona, o estudo, documentación e análise de todos os motivos (en prol de posibles melloras para súa conservación) e a sinalización axeitada do enclave. Un proxecto cunha dobre finalidade, garantir a correcta conservación do ben cultural e ó mesmo tempo facilitar a súa visualización e desfrute polos veciños da zona, ós turistas e peregrinos. Nun concello como Dumbría que conta cun importantísimo patrimonio arqueolóxico (máis de cen xacementos arqueolóxicos catalogados) cómpre iniciar a valoración e divulgación dos elementos patrimoniais máis singulares e únicos.

Neste senso, o Petróglifo da Pedra Ancha é un mostra excepcional de arte rupestre que debería converterse nun novo recurso turístico do Concello e unha nova icona para o camiño de Fisterra onde por desgraza tamén se atopan ás súas beiras outros petróglifos na mesma situación.

Pedra Ancha 1-9Queremos agradecer a Modesto García e a súa cuadrilla de caza, todos eles veciños de Dumbría, pola súa compaña nunha xornada entrañable e por desvelarnos segredos e historias destas paraxes únicas. Eles son un bo exemplo de como a práctica de actividades cinexéticas responsables non só é compatible coa protección e divulgación do patrimonio cultural senón tamén beneficiosa.

Para saber máis:

  • Costas Goberna, J.F., Novoa Alvarez, Pablo e Albo Morán, José Mª (1993). “Los grabados rupestres de armas de Pedra Ancha (Dumbria, A Coruña”, En: Brigantium. Bol. Museo Arqu. Hist. Coruña.Vol. 8. pp. 245-262
  • Alonso Romero. F. (1993). “El camino jacobeo a Fisterra”. Edicións Xerais. Vigo
  • Vázquez Varela, J.M. (1999). “Ideología, imagen y sociedad en el inicio de la Edad del Bronce en el Occidente de la provincia de A Coruña”. Deputación de Coruña. A Coruña
  • Peña Santos, A. de la e Costas Goberna J.F. (2006). “Roteiro de Petroglifos de Galicia”, En Hidalgo Cuñarro, J.M. (Coordinador) Arte Rupestre prehistórico do Eixo Atlántico. Vigo.
  • Vázquez Varela, J.M. (2007). “Funciones y significados de los grabados rupestres de armas prehistóricas de A Pedra Ancha (Dumbría, A Coruña”, En: SEMATA, Ciencias sociales e Humanidades. vol. 19. pag. 15-20
  • García Quintáns, Modesto (2008): “El ayuntamiento de Dumbria: Historia, tradiciones y costumbres”. Deputación da Coruña. p. 117
  • Guitián, J (2008). Pedra Ancha de Dumbría, entrada no Blog: Petróglifos de Galicia
  • Vilar Álvarez, Manuel (2010). “El Camino al fin de la Tierra”. Asociación Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de los Caminos Jacobeos. p. 68
  • Peña Santos, A. de la e Aparicio Casado, B. (2011) “Guía de los petróglifos de Galicia”. Ed. Cumio. p. 26-29

II andaina nocturna ós petróglifos de Teo, Resumo.


Logo de rematar esta segunda edición da ruta ós petróglifos teenses, é difícil sentirnos máis recompensados cos resultados acadados, incluso por riba das nosas ambiciosas expectativas iniciais.

Nas dúas xeiras houbo cheo absoluto de participantes, sendo imposible acoller a un maior número por razóns técnicas e de seguridade. Malia todo, máis de 150 persoas puideron contemplar con todo detalle os diferentes motivos que posúen estas mostras de arte rupestre milenarias en dúas noites fabulosas e moi emotivas. Algúns destes gravados só se poden observar en días cunhas condicións excepcionais de luz polo que incluso 21770462482_299b5fdfaf_kaqueles asistentes que coñecían previamente as laxes quedaron abraiados dos segredos que ocultaban estes paneis iluminados coas nosas lanternas e focos. O percorrido realizado destacaba pola gran diversidade de motivos que posúen estas laxes, dende os característicos gravados de temática xeométrica, que caracterizan á arte rupestre galaica e atlántica, ós gravados de motivos figurativos en Río Angueira 2 ou na laxe panoplia de Outeiro do Corno 1 co seu singular deseño central. Unha ampla variedade de figuras que espertou gran interese e innumerables conversas que denotaban a curiosidade amosada por todos os participantes.

12010590_984628821601133_3898257904379252770_o

Tamén aproveitamos a ocasión para render unha pequena homenaxe a Ramón Sobrino Lorenzo coa intervención de Ángel Núñez Sobrino, custodio do seu legado, e proxectamos un pequeno vídeo cunha retrospectiva coas súas fotografías e deseños antigos dos xacementos que investigou na nosa comarca. Festexamos, por último, o terceiro aniversario da nosa asociación agasallando ós presentes coas nosas camisetas personalizadas.

O obxectivo de seguir a difundir o coñecemento deste espazo arqueolóxico tan singular do concello teense cumpriuse pero á vez acadamos outras pequenas metas iniciadas hai dous anos coa nosa primeira visita. Dende entón o concello de Teo realiza limpezas continuas e programadas no contorno das laxes e mantén limpos os accesos, sinalizouse a ruta e un maior número de veciños coñecen e visitan con frecuencia esta área arqueolóxica. Sen dúbida, isto é a mellor recompensa ó noso traballo.

A 21791712381_23d60ac506_knosa intención, e pensamos que tamén a do Concello, é seguir a realizar periodicamente este tipo de andainas, tanto diúrnas como nocturnas, para continuar divulgando o patrimonio cultural teense á súa veciñanza e a cidadanía en xeral. Asemade, seguiremos solicitando ás institucións públicas que manteñan o seu compromiso e implicación á hora de procurar a protección e posta en valor destes xacementos. Trataremos tamén de realizar novas rutas por novas paraxes, quizais menos coñecidas pero que de seguro non deixaran de sorprendervos.

12027822_980448402019175_1485651542599195744_n

Queremos rematar agradecendo ás persoas e institucións que participaron e colaboraron neste actividade. En primeiro lugar ó Concello de Teo e en especial ó Departamento de Cultura que dirixe a concelleira Pilar Faxil e coordina a súa técnica, Lucía Mosquera, por darnos outra oportunidade para seguir transmitindo a nosa paixón pola arte rupestre; á brigada de xardíns que dirixe Xurxo Francos,  xa que sen o seu labor sería imposible realizar este tipo de roteiros; a don Ángel Núñez Sobrino por lembrarnos a figura de Ramón Sobrino Lorenzo Ruza, un dos grandes arqueólogos do noso pais no centenario do seu nacemento, e permitirnos amosarvos imaxes únicas do seu traballo; á Casa Grande de Cornide e á Casa Carril pola súa acollida e atención; e sobre todo a todos os que participástedes polo interese amosado e o voso ánimo que nos obriga a seguir con novos proxectos.

Deixámosvos unha pequena galería de imaxes desta “II Andaina ós petróglifos teenses”

21593446918_e7df67fde5_k 21594446849_40270fb4d0_k 21781295025_4c853f0e1f_k  21160864443_18c09649ef_k 21161170423_c58446a21a_k  21593446918_e7df67fde5_k 21593752280_24a559483d_k 21594104638_a986620ebd_k 21594132178_035efd3d24_k 21594446849_40270fb4d0_k(1)   21594623339_efc36b7642_k  21769830062_f9aeb6ffc3_k  21781295025_4c853f0e1f_k 21790863141_6cc3a62c41_k 21790880811_7075f86134_k 21791712381_23d60ac506_k      12019756_980448405352508_4455336711703245976_n 12027291_984628978267784_2833616308389262831_o 12027822_980448402019175_1485651542599195744_n 12034256_984629338267748_7838744403669346978_o 12038578_984628494934499_63166951982662172_o 12039275_980448392019176_5467357903259644360_n 12039766_1003890632995907_9022091796191566724_n 12045802_980449208685761_5741365560979316198_o21160541753_453d296ab0_k 12046624_1003890542995916_5477442976893196184_n12002235_1003890506329253_4146618328206691078_n 12052427_980449515352397_5626483211487061709_o12010521_980449392019076_2472601498314854990_o12006324_1003890246329279_5217979561781878515_n12010590_984628821601133_3898257904379252770_o21594446849_40270fb4d0_k12011317_1003890309662606_3016088981806887251_n

II andaina ós petróglifos de Teo.


20512942344_2afc5b19b1_kUnha vez máis presentamos da man do Concello de Teo a segunda andaina nocturna para que coñezades algún dos petróglifos teenses máis interesantes.

Trátase dunha nova edición das xornadas que organizamos xa hai dous anos nas que despois dunha charla introdutoria nas instalacións da Casa Grande de Cornide sobre a arte rupestre prehistórica na comarca e sobre o percorrido da ruta, visitaremos as dúas estacións do Río Angueira (Cornide – Calo) e as 3 do Outeiro do Corno (Regoufe – Luou).

Pero nesta nova edición quixemos engadir algunhas novidades e sorpresas. Entre elas faremos unha pequena homenaxe a Ramón Sobrino Lorenzo- Ruza, co gallo do 100 aniversario do seu nacemento e tamén aproveitaremos para celebrar o 3º aniversario do Colectivo, polo que sortearemos entre os asistentes varias camisolas co noso “Manolo”, o cerviño futbolista do Petróglifo do Pinal 1 (Villestro – Compostela).

Podédesvos anotar de balde no Departamento de Cultura do Concello de Teo, lembrade que son 70 prazas para cada xeira por rigoroso orde de inscrición e que xa comezou onte. Comunicarvos, por último, que todos os que queirades aloxarvos na fermosa casa indiana da Casa Grande de Cornide e asistades a ruta contaredes con prezos especiais.

Podedes consultar a ruta no noso wikiloc: Ruta da 1ª Andaina nocturna ós petróglifos teenses.

Esperámosvos…..

Camiseta Rula

A redescuberta do Monte Castelo. Unha excursión ó ano 1909.


A localización do Petróglifo de Monte Castelo despois de 60 anos en paradoiro descoñecido.

Entre as laxes esquecidas e consideradas como desaparecidas nos montes da comarca compostelá figuraba en letras maiúsculas a case lendaria laxe dúas do Monte das Pedras ou do Monte Castelo descuberta por Oscar Lojo Batalla a principios do século XX na parroquia amiense de Santo Estevo de Covas.

Deseño de Enrique Campo dos motivos do Monte Castelo 2. Museo de Pontevedra

Dicimos lendaria xa que o impresionante deseño realizado polo ilustre Enrique Campo no ano 1909, o gran debuxante da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, tíñanos cativados pola súas suxestivas formas e plasticidade, pero as poucas novas existentes sobre o xacemento nas últimas décadas dábano por desaparecido como consecuencia das labores extractivas de cantería practicadas na zona no século pasado.

Mapa-Monte-Castelo-corrixido v2

Plano de situación

Nas fichas incorporadas ó Catálogo de Bens Patrimoniais do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ames só figura como unha referencia, proporcionando unha situación aproximada dentro da zona de cautela do achegado Castro de Ventosa ou Castro do Castelo. [1]

Logo de varios intentos frustrados de dar coa laxe chegounos o éxito cando menos o agardabamos. Como acontece ás veces a persecución dun determinado obxectivo lévate a atopar nese traxecto outro ben distinto, mais de igual ou maior relevancia. Iso si, como recolle o saber popular convén “que a inspiración te colla traballando”.

Algo así sucedeu hai un par de semanas, cando nunha revisión máis dos vellos sendeiros que do lugar do Castelo conducen á zona da grande laxe con gravados da Peneda Negra, localizamos máis de sesenta anos despois a laxe dúas do Monte das Pedras. A nosa intención inicial era a procura de novos vieiros de acceso ó magnífico e pouco valorado petróglifo da Peneda Negra e a constancia levounos a dar con outra mostra non menos excepcional da nosa arte máis primixenia, unha xoia perdida. [2]

A laxe do Monte Castelo na Historia.

Como xa sinalamos, as dúas laxes do Monte Castelo, unha delas permanece en paradoiro descoñecido, foron descubertas na primeira década do século XX por un dos persoeiros máis relevantes da historia recente de Ames, Oscar Lojo Batalla Sampedro (Vilouta, 1873-1963), sobriño de Castro Sampedro, o que fora presidente e fundador da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra. Apaixoado pola arqueoloxía, a súa figura será lembrada pola súa labor política como alcalde do Concello de Ames durante o periplo republicano (1931-1936)

Busto adicado aOscar Lojo Batalla en Tapia

Busto adicado a Oscar Lojo Batalla en Tapia

e polo cariño e respeto dos seus veciños, sobre todo da súa parroquia natal de Tapia, cos que mantivo sempre unha estreita relación. Estes veciños e amigos realizaron varias homenaxes póstumas para honrar e lembrar ó “señorito” como alcumaban ó seu veciño máis distinguido. Amigos e veciños dedicáronlle no ano 1969, poucos anos despois do seu pasamento, un busto nun pedestal que se conserva diante da antiga escola de Tapia que el mesmo sufragara persoalmente e mandara construír.

Oscar Lojo guiaría en 1909 a expedición integrada por Enrique Mayer, afamado acibecheiro e gravador compostelá, e por Enrique Campo que se achegarían ata as laxes da Peneda Negra e do Monte Castelo. Durante a visita E. Campo elaborou os magníficos deseños que posteriormente se exporían na Exposición Rexional de Compostela de 1909, segundo a información achegada por Ángel Núñez Sobrino, custodio e divulgador do importante arquivo da familia Núñez – Sobrino.

Na actualidade a obra deste primeiro gran debuxante da Sociedade Arqueolóxica, pioneiro do debuxo artístico e arqueolóxico en Galicia, consérvanse no Museo de Pontevedra. Enrique Campo inclúe no debuxo a seguinte lenda:

“Monte do Castelo. Próximas al Castro de Castelo, al N. También se llama Monte de Pedras. Sobre el muro de una gran cerrada, bajo el Monte de Ventosa. Frente a Lombao” e a data do “21 de setembro de 1909”.

Varias décadas máis tarde, no ano 1948 Ramón Sobrino Lorenzo Ruza en compañía doutro ilustre arqueólogo, Luís Monteagudo, e guiados unha vez máis por Oscar Lojo repetirían a visita á Laxe do Monte das Pedras e á Peneda Negra. Na axenda persoal de Ramón Sobrino, publicada por Ángel Núñez Sobrino, figura a seguinte nota ó respecto:

“Salimos Luis Monteagudo y yo hacia Pena Negra (Ventosa. Ames). Dibujo la peña y la dejo fotografiada. Comemos y a la tarde vemos el castro y descubro yo el segundo petroglifo, dibujado ya por Enrique Campo. De este solamente obtengo un dibujo. Día magnífico”. [3]

Deseño de Sobrino Lorenzo de Monte Castelo 2

Deseño de Sobrino Lorenzo de Monte Castelo 2. Arquivo Ángel Núñez Sobrino – Museo de Pontevedra.

Estas visitas repetiríanse en varias ocasións nestes anos de finais da década dos corenta e principios dos cincuenta, tal como recollen outras notas desta mesma axenda persoal.

“10 de Julio de 1949. Voy a la peña, cerca del castro de Ventosa. Saco 6 fotos. Salen todas bien, Regreso. Gasto 65 pesetas”. [4]

Ramón Sobrino Lorenzo Ruza complementa esta información nun dos seus apuntamentos recollidos no Noticiario Arqueolóxico do ano 1953 dedicado ás laxes do Concello de Ames onde sinala:

“Los de esta zona, a saber: éste de Laxe Negra, el de Laxe de Monte de Pedras (frente al castro de Ventosa), el de Liñaredo, el de los montes de Tapia y el de Penedo do Toutón en Monte Pedroso (coñecido actualmente como o petróglifo de Correxíns en Figueiras) fueron todos ellos desbiertos por D. Oscar Lojo Batalla quien nos acompañó y nos dió las referencias para su localización”. [5]

Nesta mesma publicación recolle esta breve descrición da estación:

“Ames (La Coruña). Parroquia de San Juan de Cobas. Laxe del Monte de Pedras. (Próxima al castro de Ventosa) – Petroglifo. Lám. LX.2. Se ha obtenido dibujo y fotografías del mismo, para su publicación con otros de esta zona que se citan. Está constituído por motivos de complicada morfología unidos entre sí, en una piedra pequeña, de unos 2 x 3 m. A 100 metros de él se encuentra el Castro de Ventosa, con un solo recinto y bien conservado. Este petroglifo está sin publicar, si bien existe un dibujo del mismo, debido a E. Campo Sobrino, en la Sociedad Arqueológica de Pontevedra, cuya colección está actualmente en el Museo de Pontevedra. 10-VII-1949” .[6]

19502122766_bd807992d7_k

Fotografía de R. Sobrino Lorenzo do Monte Castelo. Noticiario Arqueológico Hispánico.

Achega o autor tamén unha fotografía da laxe que figura neste interesante noticiario arqueolóxico que, sen dúbida, constitúe unha fonte fundamental para pescudar os primeiros achados de arte rupestre na comarca de Compostela.

Ata os anos oitenta non localizamos máis novas sobre a laxe do Monte Castelo. Nun dos epígrafes da interesante tese doutoral de María José Soto Barreiro recóllese unha descrición dos diferentes motivos baseados no debuxo de E. Campo e subliña as semellanzas con algúns dos motivos da Peneda Negra, mais a citada investigadora sinala:

“lamentablemente este interesante petroglifo ha desaparecido a causa de las extracciones de cantería que se realizaron. Una vez más se pone de manifiesto la falta de protección que se viene dispensando a estas manifestaciones de arte rupestre”. [7]

Sen quitarlle razón en relación coa segunda parte do seu comentario, feito que por desgraza sigue vixente tres décadas máis tarde, por sorte a laxe atópase in situ e en bastante bo estado de conservación. É certo que nas súas proximidades hai abundantes evidencias da actividade extractiva que quizais levaron a autora e a nós mesmos a sospeitar da súa perda definitiva.

A descrición dos motivos e os seus peculiares deseños.

18445311890_2079508a30_k

Monte Castelo 2

A laxe ten unhas dimensións de 4,36 x 4,10 metros. Sitúase nun amplo cavorco no tramo medio-inferior da aba do monte das Pedras. Localizase próxima ó castro de Ventosa (a uns douscentos metros da súa croa) e ficaba entre as matogueiras e toxos nunha ampla parcela de monte baixo na paraxe de “Monte de Castelo”.

A laxe apenas sobresae do chan, o que dificultaba a súa localización a pesar de atoparse preto dun antigo camiño que cruza o monte. O seu estado de conservación é en xeral bo, só afectado polos liques que figuraban xa nas fotografías dos anos cincuenta.

Os gravados distribúense por case toda a superficie do penedo que presenta unha pronunciada inclinación dende a zona central á zona inferior orientada cara o val ó sur. A temática dos gravados é exclusivamente xeométrica.

Os catro motivos principais, aínda que con variantes no seu deseño, gardan en xeral certa similitude entre sí sendo ó situado no sector inferior da laxe o mellor conservado. Trátase de curiosos motivos formados polas características combinacións de círculos concéntricos aínda que irregulares e incompletas unidas na parte inferior con diferentes formas cuadrangulares e rectangulares de bordes redondeados, círculos simples ou dobres, lóbulos, etc… todos eles divididos e seguindo un trazo central que parte do primeiro anel, conformando complexos conxuntos con unha certa unidade.

Estes motivos principais presentan pequenas coviñas agrupadas no interior do primeiro círculo e constan de entre tres e seis aneis. Todos figuran entrelazados e unidos por diferentes sucos. Na parte periférica do panel cara o Noroeste figuran tamén outras combinacións circulares de dous e tres círculos, nesta ocasión si figuran completos e varias coviñas illadas.

Debemos destacar que esta tipoloxía de motivos gardan evidente parecido con varios dos motivos da Peneda Negra, tamén recollida nun dos deseños de 1909 de Enrique Campo. Isto lévanos a pensar nunha posible mesma autoría para ambos casos. Tamén as características coviñas no interior das combinacións circulares figuran no petróglifo de Campo Redondo situado a uns 270 m ó Noroeste da Peneda Negra e a uns 650 m. da Laxe do Monte das Pedras. Este petróglifo foi localizado polo Colectivo a principios do ano 2013 e comunicado ó concello de Ames e á Dirección Xeral de Patrimonio meses despois.

Petróglifo de Campo Redondo

Petróglifo de Campo Redondo

19976696188_5dc44d013b_o

Chousa do montañés - Vilarmaior

Chousa do montañés – Vilarmaior

Estas figuras realizadas en base á conxunción de diferentes formas xeométricas semellan perfilar a forma dun corpo humano. Neste senso, e sempre coa debida cautela, podemos establecer certa relación coas representacións presentes noutros petróglifos do chamado Grupo Galaico da Arte Rupestre interpretadas nestes últimos anos como posibles idoliformes e “deusas / deusas – nai” asociadas a ritos de fecundidade.

Unha das máis relevantes é o petróglifo do Outeiro do Filladuiro en Mallou (Carnota) pero tamén figura noutros xacementos como a propia Peneda Negra, un dos petróglifos da Rega Pequena en Meira (Moaña), o Petróglifo portugués de Bouça do Colado en Parada – Lindoso (Ponte da Barca), o Petróglifo da Pedra Redonda no monte Churumel de Carballedo (Cotobade), en varias estacións dos Petróglifos do Monte da Calvela e Chousa do Montañés no Concello de Vilarmaior, etc.

Un dos motivos semellantes da veciña Peneda Negra

Un dos motivos semellantes da veciña Peneda Negra

Dos deseños de Enrique Campo á fotogrametría 3D da Rula.

Para o estudo inicial do petróglifo partiamos do deseño de Enrique Campo. As fotografías diurnas ó abrente e ó solpor da estación non permitían unha descrición precisa dos motivos, polo que decidimos empregar as ferramentas xa tradicionais como a fotografía nocturna pero tamén achegarnos as novas ferramentas de fotogrametría e virtualización 3D aplicadas á arte rupestre.

Monte Castelo 3ds-2

Fotogrametría do Monte Castelo 2

Por unha banda a fotografía nocturna proporcionounos imaxes de maior detalle que revelaron o excepcional estado de conservación do xacemento e, por outra banda, os modelos xerados en 3D confirmaron a mestría dun dos mellores debuxantes do noso país. Enrique Campo recolleu no seu deseño de 1909 a case totalidade dos motivos representados na laxe. A súa precisión xunto, coa súa atractiva execución, confirman as verbas de Ramón Sobrino Buhigas sobre o seu predecesor na Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra:

Monte Castelo 3d 5

Fotogrametría do Monte Castelo 2

“era tal a forza do lapis de Enrique Campo que os seus debuxos de pedras que el trazou ousamos proclamalos os mellores e os máis fieis”.[8]

As demandas do colectivo.

En resumo, esta profusión de deseños iconográficos con formas tan singulares, sumada ó xeito tan particular á hora de distribuír os diferentes motivos converten o petróglifo do Monte das Pedras nun dos xacementos da Idade do Bronce máis interesantes da comarca de Compostela.

Tras comunicar a súa localización á Dirección Xeral de Patrimonio e ó Concello de Ames, o Colectivo seguirá a demandar ás autoridades competentes a protección deste xacemento arqueolóxico no contorno natural e cultural que o rodea. O punto de partida sería a modificación da actual ficha patrimonial do PXOM amiense para incluír a súa localización exacta, establecer unha área de protección da que carece na actualidade e establecer unha nova área de cautela axeitada. Dende o noso punto de vista a continuación debería considerarse a creación dunha área arqueolóxica que protexa os catro xacementos da zona, o Castro de Ventosa e os petróglifos de Monte das Pedras, Peneda Negra e Campo Redondo e que poderían ter continuidade cos próximos petróglifos da Portela de Villestro.

Lembremos que estamos ante unha das primeiras áreas de estudo da arqueoloxía galega. Por outra banda, seguiremos coa nosa teima de demandar unha ruta que permita á veciñanza e á cidadanía en xeral a visita destes importantes xacementos inaccesibles na actualidade. Neste senso consideramos que cómpre iniciar os traballos de limpeza dos xacementos, analizar a situación da súa titularidade e deseñar un sendeiro aproveitando os vellos camiños que permitan o acceso a estes bens culturais. Finalmente, a súa posta en valor deberá incluír a súa correcta sinalización, plans de mantemento a longo prazo e o correspondente labor de divulgación por medio de folletos, charlas, visitas, obradoiros, etc.

Agardemos que nuns anos a veciñanza amiense e galega poida visitar estas extraordinarias mostras de arte rupestre que consideramos merecedoras da súa consideración e inclusión na relación de BIC de Galiza, tanto pola súa excepcionalidade como pola relevancia que tiveron nas primeiras investigacións da nosa arte rupestre.


Notas.

[1] O petróglifo do Monte das Pedras figura a uns cen metros da referencia aproximada que aparece nas fichas do PXOM de Ames aprobado no ano 2002.

[2] As coordenadas UTM son 29 T 529929 4749037 (Datum WGS84).

[3] Núñez Sobrino, A. 2006

[4] Núñez Sobrino, A. 2006

[5] Sobrino Lorenzo-Ruza, R. 1953. Noticiario Arqueológico Hispánico.

[6] Sobrino Lorenzo-Ruza, R. 1953. Noticiario Arqueológico Hispánico.

[7] Soto Barreiro, M.J. 1986.

[8] No Corpus petroglyphorum Gallaeciae.


Bibliografía.

  • Núñez Sobrino, Ángel. (2006). “Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza (1915-1959). El trayecto vocacional de un arqueólogo” . Pontevedra, 21. Revista de estudios provinciais. Deputación de Pontevedra.
  • Núñez Sobrino, Ángel. (2015). “Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, eximio arqueólogo”. Tendencias. El Correo Gallego.
  • Sobrino Buhigas, Ramón.(1935). Descubrimiento prehistórico. Petroglifos compostelanos de la edad del Bronce”. Faro de Vigo de 1/8/1935.
  • Sobrino Lorenzo-Ruza, Ramón. (1951-1955). Diversas entradas en los cuadernos 1 a 4 del Noticiario Arqueológico Hispánico.
  • Soto Barreiro, M. J. (1986). “Los petroglifos prehistóricos de la Comarca de Santiago”.  Tese de Licenciatura inédita.

Visita á expo e aos petróglifos da Devesa da Rula


O pasado venres 8 de maio máis de 30 persoas achegáronse ata o Centro de Interpretación de Villestro en resposta á nosa convocatoria.

Xuntos visitamos a exposición do CIVI e a continuación dirixímonos ata a Ponte da Brea, lugar desde o que iniciamos unha pequena ruta pola Portela de Villestro. A nosa primeira visita foi á estación dos Valados atopada polo noso Manuel, veciño da parroquia, no ano 2013.

A seguinte parada foron as dúas laxes de O Rexio para a continuación achegarnos ata a Devesa da Rula onde contemplamos algunhas das laxes máis destacadas: A Devesa Da Rula 1, Pedra Mencía e Devesa da Rula 3, 4 e 5.

Foi unha velada moi agradable en boa compaña na que xurdiron multitude de conversas sobre a arte rupestre moi interesantes e enriquecedoras. Queremos agradecer a todos a vosa participación e implicación, agardemos que esta área arqueolóxica de Villestro acade o recoñecemento que merece por parte das nosas institucións públicas e que isto permita a súa protección e futura posta en valor dos tesouros que alberga. Dende o Colectivo seguiremos a procurar xuntar vontades e tamén insistiremos na nosa tarefa de divulgación e sensibilización entre a poboación, especialmente entre a veciñanza de Villestro e Compostela, eixos fundamentais para lograr o obxectivo de preservar a relevancia patrimonial desta área.

17341791919_60bd3ae569_o17340551970_01e9c16e7b_o17340406148_6cf53029cb_o17340403258_ce40bf6c62_o17340343138_02592c9241_o  17341819299_cda845f87b_o17501762486_076811f466_o

17340578280_e890c8277a_o    17340393768_5170c8c07d_o 17340369028_1b5a24b591_o

17501759956_5b7f5a66f1

16907844483_1aa965866c_o 16907835763_bef3ecd28c_o

A caza do Cervo. Rockartroll e as súas propostas express


O pasado mes de decembro tivemos o pracer de participar nunha visita piloto a algún dos xacementos rupestres máis importantes da provincia de Pontevedra, baixo o título  A caza do Cervo”.

Esta proposta elaborada e desenvolvida polos membros do proxecto Rockartroll, os arqueólogos Juan Anca e Leonardo González, tiña como obxecto pór a proba un novo produto turístico de “Terras de Pontevedra”, con itinerarios culturais que teñen á arte rupestre como eixe principal e como paso previo a ofertala a tódolos públicos.

Nesta ocasión a proposta foi unha visita rápida (de media xornada) á Área arqueolóxica de Tourón no Concello de Ponte Caldelas e a Pedra das Ferraduras, no Complexo de Fentáns, no Concello de Cotobade. O lugar de partida foi a cidade de Pontevedra e o remate en Campo Lameiro.

O grupo na Área arqueolóxica de Tourón

O grupo na Área arqueolóxica de Tourón

Malia que o tempo non quixo contribuir coa súa parte, o sol,  os participantes recibimos animados as explicacións, contemplamos os gravados e descubrimos neles múltiples matices.

Principiamos coa visita da Área Arqueolóxica de Tourón, unha elección que nos agradou moito xa que é para nós unha das mellores postas en valor dunha área arqueolóxica das realizadas no país. E como non, polas súas interesantes estacións.

Ó remate da visita ás laxes achegámonos ó pequeno Centro de Interpretación do xacemento e participamos nun curioso obradoiro de “caza prehistórica” que levou a cabo Fernando Quintas, da empresa Galipat.

Despois dunha amena explicación sobre a evolución da caza na Prehistoria apoiada eficazmente por reproducións de útiles e armas prehistóricas pasamos á parte práctica: cazar un cervo cunha lanza de madeira axudados dun propulsor. Escúsase dicir que rematamos a xornada comendo cervo…

Folleto da actividade

Folleto da actividade

Pero antes visitamos a Pedra das Ferraduras. Alí contemplamos os cazadores, as armas, os ídolos e os demais motivos e charlamos sobre a complexidade desta laxe e as moitas incógnitas que garda.

A mañá fuxira case sen decatarnos e xa nos dirixiamos cara Campo Lameiro a dar boa conta do xantar que nos tiñan preparado en Casa Tito, unha selección de pratos de tempada que non deixou indiferente a ninguén.

En conxunto foi para nós unha experiencia máis que aconsellable que esperamos que  encontre o seu oco na oferta turística galega. Sería unha boa nova que esta iniciativa tivese unha boa acollida, a que ó noso entender merece. ¡Moita sorte e a Rockartrollear!

Para saber máis:

O Rianxo romano e a Foxa Vella


XC Collazo na Foxa Vella (Foto Bruno Vm)

XC Collazo na Foxa Vella (Foto Bruno Vm)

Hai xa uns meses varios membros do Colectivo A Rula achegámonos ata a vila mariñeira de Rianxo en resposta ó convite realizado por Xoán Carlos Collazo un rianxeiro namorado da súa vila e apaixonado polo seu pasado.

Amigo e cómplice dun bo número de arqueólogos e estudosos do noso país participou activamente en diversas campañas que contribuíron ó estudo de algún dos xacementos máis relevantes da comarca do Barbanza como  ocorreu no caso dos castros da península de Neixón.

Juan Carlos collazo nas mámoas dos Campiños

XC Collazo na necrópole dos Campiños

O seu saber provén de moitos anos pescudando información nos vellos documentos e textos que narran os acontecementos doutras épocas pero tamén de percorrer os antigos sendeiros que atravesan o Barbanza na procura deses tesouros patrimoniais que despois vai revelando ós seus veciños e aqueles que como nós sentímonos atraídos polo encanto destes outros sabios cuxa humildade adoita ocultar a súa grandeza.

estela praza rianxo-4

Inmueble no que se localiza o perpiaño

A nosa idea de partida era a de visitar algún dos espléndidos exemplos de arte rupestre de Rianxo na súa compaña pero, como bo anfitrión, tivo a ben sorprendernos e trocar sensiblemente o itinerario previsto. Elaborou para nós un tour inesquecible polas fermosas rúas da vila amosándonos innumerables detalles que descansan en cada recuncho e que de seguro pasaríanos inadvertidos sen as súas consabidas indicacións.

Así é todo, neste interesante percorrido chamounos especial atención unha vivenda do casco vello da vila situada preto da Igrexa de Santa Comba, na praza que se abre diante da súa fachada, Xoán Carlos amosounos un perpiaño ben labrado reaproveitado nunha construción actualmente deshabitada situada no extremo noroeste da Praza de Rafael Dieste e que serve de remate á Rúa de Abaixo.

estela praza rianxo

Detalle da inscrición

No esquinal leste da construción atópase unha pedra rectangular que conserva varios signos alfabetiformes moi erosionados. Trátase dunha pedra de cantaría bastante regular que posúe no seu extremo leste catro liñas de alfabetiformes. Na primeira liña apenas se conservan os trazos inferiores dalgunha letra ó coincidir co remate da parede. A segunda e a terceira liña son as mellor conservadas mais a súa lectura non é sinxela. A cuarta liña é, sen dúbida, a máis ilexible. Non obstante, poderíamos con moita prudencia propor a seguinte transcrición do conxunto:

I D M

C I V

T D I M

estela praza rianxo-2

Cruz grabada

Observamos outros dous gravados na casa., un no lintel da porta de acceso, no que figura a data de 1647, e outro nun dos perpiaños situado preto da esquina oeste, onde se representa unha pequena cruz latina.

Nun solar próximo a este inmoble tiveron lugar interesantes achados que nos poden ofrecer boas pistas para a interpretación do posible significado deste pequeno esteo. Foi concretamente no ano 2010 durante os labores de acondicionamento de dúas casas situadas na Praza de Rafael Dieste, a escasos metros da citada vivenda, cando se descubriron catro enterramentos, nos que se conservaban restos humanos en tres deles, e dúas tumbas de incineración. Os osos atopados nelas foron datados no século III a V despois de Cristo e constitúen unha descuberta excepcional xa que a extrema acidez da terra do noso país dificulta a conservación dos restos orgánicos  e esto fai que os restos humanos de épocas antigas conservados sexan moi escasos.

estela praza rianxo-3

Data no lintel da porta

Estela de Araño

Estos enterramentos formarían parte dunha necrópole de época romana situada no lugar que hoxe ocupa a igrexa, a praza e as construcións do seu contorno. Tendo en conta estes vestixios semella probable que o epígrafe procedese desta necrópole polo que posiblemente estariamos a falar de un fragmento dunha estela romana, unha pequena peza que quizais teña orixe neste antigo asentamento de poboadores da actual vila de Rianxo.

Esperamos que no futuro o traballo dos epigrafistas e especialistas neste eido poida achegar máis luz sobre o seu significado para así unirse a outras estelas romanas atopadas no Concello de Rianxo, como a Estela de Miráns (Araño) descuberta no 1907 e depositada no Museo de Pontevedra ou a Estela de Taragoña ou Pedra de Rufino publicada no ano 2007 por Xurxo Ayán e Pedro López Barja de Quiroga e depositada actualmente nas dependencias do Centro Arqueolóxico do Barbanza.

Detalle Foxa Vella

Detalle Foxa Vella. Zona central

Non podiamos rematar a xornada sen visitar algún dos excepcionais petróglifos de Rianxo, e xa no lusco e fusco achegámonos a estación rupestre da Foxa Vella, no monte da Pena, na parroquia de Leiro1  Coa axuda do noso equipo de iluminación, e seguindo as indicacións de Xosé Carlos, contemplamos polo miúdo unhas das mellores rochas panoplias do noso país.

Foxa Vella-3

Alabardas

Descrita por primeira vez por F. Calo Lourido e J.M. González Reboredo (1980), trátase dunha laxe rectangular cos bordos redondeados situada a rás do chan e cunha pequena pendente cara o sur que semella acentuada pola diáclase transversal que divide a rocha.

IMG-20141208-WA0001

Armas do Depósito de Leiro (foto. Bea Comendador

No seu amplo panel mestúranse motivos de formas xeométricas pertencentes ó repertorio tradicional da arte rupestre galaica como coviñas, círculos simples, varias combinacións circulares, un suco de N a S e os motivos naturalistas representados por un interesante conxunto de armas composto por puñais, alabardas e espadas. Represéntanse ata tres alabardas de folla triangular con crista central e polo menos dous puñais cun pequeno mango así como varias espadas situadas na parte inferior da laxe que representan modelos da primeira etapa da metalurxia do noso país e que podemos comparar co depósito de cinco puñais e unha alabarda atopados no Monte Lioria tamén na parroquia de Leiro, na actualidade en deposito no Museo arqueolóxico e histórico do Castelo de Santo Antón.2

Foxa Vella-2

Cruciformes e combinacións circulares

As formas xeométricas concéntranse na parte superior da laxe situada ó norte. Os gravados desta zona semellan mellor conservados, con motivos con sucos mais profundos. Pola contra as armas aparecen distribuídas por toda a laxe se ben é certo que na parte inferior, máis inclinada e afectada polo acusado desgaste producido polo paso da auga, consérvanse máis degradados os deseños. Ó carón dos gravados prehistóricos figuran numerosos motivos históricos, principalmente cruces e unha especie de “estrela de David”. Estes gravados están situados na parte Oeste e á esquerda do suco que percorre a laxe. Poden tratarse de marcas de cristianización ou quizais de delimitación territorial semellantes a motivos presentes en multitude de estacións rupestres de toda Galicia.

Foxa Vella5

Detalle da man

Un caso aparte é o da representación dunha pequena man gravada na zona inferior da laxe motivo este de difícil adscrición cronolóxica e que constitúe un únicum dentro do ámbito rupestre galego.

De volta a Rianxo un competente licor café axudou a acougar os nervios alterados polas moitas emocións vividas e a repousar os coñecementos adquiridos. Non nos quixemos despedir do noso amigo sen comprometernos a visitar outros recunchos rianxeiros que da man de Xoán Carlos Collazo seguro volverán a sorprendernos.

_____________________________________________________________

1  Coordenadas UTM: X:518460; Y:472485

2 A.P. Santos, 1979; G.Meijide, 1985; B.Comendador, 1997 etc.

Saber mais:

  • 2012. “Localización de unha necrópole mixta de época romana en Rianxo”. Barbeito, V.
  • 2007.”Una estela funeraria inédita de Taragoña”. Ayán, X. e López, P
  • 2003.”The Leiro Hoard (Galicia, Spain) the lonely find?”. Comendador, B.
  • 1999. “Ideología, imagen y sociedad en el inicio de la Edad del Bronce en el occidente de la provincia de A Coruña”. Vázquez Varela, J.M.
  • 1997. “Las representaciones de armas y sus correlatos metálicos”. Comendador, B.
  • 1993. “Un complexo de grabados rupestres en Rianxo – A Coruña”. Fernández Castro, X. A. , Piñeiro Hermida, P. e Ces Castaño, R.
  • 1992. “Prospección intensiva de grabados rupestres en el ayuntamiento de Rianxo (A Coruña)”. Bonilla Rodríguez, A., Parga Castro, A. e Torres Álvarez, A.
  • 1980. “Estación de arte rupestre de Leiro (Rianxo – A Coruña). Calo Lourido, F. e  González Reboredo, X.M.

Visita nocturna aos petróglifos de Teo cos nenos e pais do CEIP A Igrexa de Calo


IMG-20140908-WA0001Na noitiña do pasado 6 de setembro realizamos a prometida visita a algún dos petróglifos do concello de Teo cos rapaces e pais do Colexio de Calo.  Un par de meses antes tiveramos que aprazar esta visita por mor do mal tempo cando xa estabamos  no punto de partida da ruta pero o seu gran interese fixo posible que finalmente a realización da actividade fose posible pouco tempo despois.IMG-20140908-WA0005

IMG-20140908-WA0002Para eles deseñamos un pequeno percorrido que saíu  de Casa Carril achegándonos ata os petróglifos de Outeiro do Corno e rematou nas dúas laxes de Cornide ou Río Angueira. O interese amosado en todo momento tanto polos rapaces como polos pais e mestres foi impresionante. A curiosidade e falta de prexuízos dos nenos ante estes fermosos exemplos da nosa arte rupestre aportounos unha experiencia dunha frescura impagable. Grazas pola vosa participación e esperamos repetir a experiencia.  IMG-20140908-WA0004IMG-20140908-WA0003 IMG-20140908-WA0006

1ª visita aos petróglifos da Portela de Villestro


Na noite do pasado sábado 15 de xuño unha vintena de persoas participaron na primeira visita guiada nocturna ás estacións de arte rupestre localizadas no Monte de San Miguel, no lugar de Portela, na santiaguesa parroquia de Villestro. Unha andaina “piloto” que tiña como obxectivo avaliar cos nosos convidados a súa experiencia e estudar posibles erros e melloras para futuras visitas.

14xuño-2

Monte San Miguel. (Foto. José Ortigueira)

Nesta primeira ocasión escollemos media ducia de laxes representativas da zona que se atopan en aceptables condicións para a súa visita cun grupo reducido, realizando un percorrido circular de catro quilómetros.  O lugar de partida foi a centenaria Ponte de Brea onde realizamos unha pequena presentación e introducción sobre a historia da parrroquia e os elementos patrimoniais que iamos a visitar, características técnicas do percorrido (dificultade baixa), tempo estimado (2 horas)…

14xuño-3

Devesa da Rula I. (Foto. José Ortigueira)

A primeira parada que fixemos foi no petróglifo do Monte San Miguel, unha laxe de 5 x 4 metros destacada no terreo uns 1,5 metros de altura e que presenta ata un total de 46 coviñas de diversas tipoloxías grabadas na súa superficie máis horizontal.

Retomamos o camiño ata chegar a zona coñecida como Devesa da Rula que concentra o maior número de  estacións das que visitamos as número I, II (Pedra Mencía), III, IV, VI, VII e VIII nas que contemplamos, coa axuda das potentes lanternas, un gran abano de motivos como as combinacións de círculos concéntricos, alineacións e conxuntos de coviñas, reticulados, rectángulos, diversos cruciformes, …

Pedra Mencía

Pedra Mencía

A continuación subimos ata os grandes penedos da paraxe  dos Cortellos,  para visitar a gran combinación circular deste petróglifo e aproveitamos para contemplar as vistas ó val do Roxos, ó Pico Sacro e á cidade de Santiago alumeada por unha fermosa lúa chea.

14xuño-5

Devesa da Rula V

No camiño de regreso pola zona do Agro do Campo detivémonos un intre para reparar nas coviñas e na cruz que posúe unha das laxes que se atopan a beira do sendeiro.

O derradeiro treito da nosa andaina transcorreu polo trazado do Camiño de Santiago de regreso á Ponte da Brea, pero aínda tivemos ocasión de pechar a nosa primeira “expedición” coa visita ás dúas laxes do curioso e enigmático Petróglifo do Rexío, a única estación que visitamos que, a pesar de figurar catalogada, atópase tamén bastante esquecida polas administracións.

O RexíoO Colectivo A Rula quere rematar agradecendo ós nosos convidados a súa visita e as súas interesantes contribucións que teremos en conta en futuras actividades. Para nós foi unha experiencia moi agradable e enriquecedora. Sempre é un pracer compartir o tempo e conversar coa xente interesada nestes elementos patrimoniais, convidados que solidarizáronse co colectivo coa súa preocupación pola protección e posta en valor destes elementos únicos e singulares do noso país. Esperamos que esta só fose a primeira doutras moitas ocasións nas que compartir con vós o interese común pola nosa Prehistoria. Grazas pola boa acollida desta iniciativa e ata pronto.

 

Para saber mais:

Visita aos Petróglifos de Villestro


 

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Petróglifo do Chao do Penedo Branco

Na tardiña do sábado 14 de xuño o Colectivo A Rula visitará algúns dos petróglifos atopados na parroquia de Villestro. Aqueles interesados en acompañarnos poden apuntarse no noso correo colectivoarula@gmail.com

Esperámovos….

A memoria das pedras


Pedragueiras

Loba, a nosa Presidenta Honoraria facendo a primeira valoración.

Fronte a desmemoria das nosas administracións os gravados inscritos en moitas das laxes espalladas polos nosos montes actúan como obstinados garantes da fráxil memoria do noso pasado. Unha destas laxes é a de As Pedragueiras no concello de Muros. No mes de abril deste ano tivemos coñecemento da súa existencia. A Voz de Galicia fíxose eco da nova e os dirixentes do concello non tardaron en afirmar que farían todo o posible por catalogala e instar á Dirección Xeral de Patrimonio ao seu estudo. Pouco despois a RTVG tamén recolleu a nova. Semellaba que as bases para a súa recuperación estaban afianzadas.

Medio ano despois, ó non ter ningunha nova ao respecto, procedimos a informar ao concello vía carta certificada aportando os datos e imaxes que recompilaramos sobre a estación. Pasou de novo mais dun mes e seguimos sen ter novas polo que non desesperamos e seguimos a traballar para que as administracións cumpran coas obrigas que a lei lles impón en relación ao noso patrimonio.

Na maior brevidade posible publicaremos ampliada esa información que remitimos ao concello. De momento adiantamos a ruta a seguir desde a Laxe das Rodas para visitar o petróglifo das Pedragueiras co obxecto de que non permaneza por mais tempo no esquecemento e que todo aquel que desexe coñecela o teña mais doado. Publicámola en wikiloc e animamos a todos a visitala e a facer o posible para que se inicie o seu estudo e posta en valor facendo asequible aquelo que por dereito nos pertence a todos.

Aquí tedes a ligazón á ruta: De Laxe das Rodas ás Pedragueiras