Chan de Lamas. O primeiro gran cervo da Estrada


Introdución

O excepcional petróglifo do Chan de Lamas convértese na última gran achega ao catálogo patrimonial do Concello da Estrada. Un termo municipal de enorme extensión no que se conservan centos de bens culturais. Como sinala a propia guía turística do Concello:

“a Estrada ofrece ao visitante con interese polo patrimonio tantas opcións que lle resultará imposible coñecelas nunha única visita”,

e subliña a presenza de ducias de igrexas románicas, castelos e torres medievais, máis de 120 mámoas, 22 castros, 3 asentamentos romanos e só 2 petróglifos.

Costa dos Cabalos. Estación 1

Estes 2 petróglifos, que recolle o actual inventario patrimonial do PXOM da Estrada (aprobado o 1 de outubro de 2013), están situados na paraxe da Costa dos Cabalos na parroquia de San Xurxo de Vea.

Costa dos Cabalos. Estación 1

Trátase de dous interesantes petróglifos compostos por gravados xeométricos que, lamentablemente a día de hoxe, seguen esquecidos entre o mato, e incluso un deles foi danado gravemente a finais do ano 2016, segundo recolle un informe redactado polo arqueólogo Mario Cesar Vila. [1]

Costa dos Cabalos. Estación 2

O achado da primeira estación de arte rupestre no Concello da Estrada data do ano 1938, cando un veciño das Quintas, Jesús Romar Castro, localizou na croa do Castro das Quintas (ou de Codeseda) un pequeno gravado exento, hoxe depositado no Museo Arqueolóxico de Pontevedra. Deste achado deron conta Federico Maciñeira e posteriormente Fermín Bouza Brey, nun artigo publicado no Boletín da Real Academia Gallega. [2]

Petróglifo de Codeseda. Imaxe e calco. Hoxe no Museo de Pontevedra

Oitenta anos despois, agardamos que a descuberta desta última gran estación sexa un acicate que abra a porta a novas liñas de investigación e traballos que con certeza incrementarán o anómalo número de xacementos con arte rupestre catalogados neste concello, tendo en conta o elevado número de petróglifos inventariados nos concellos limítrofes (Teo, Cerdedo – Cotobade, Silleda, Cuntis, etc).

Costa dos Cabalos. Pormenor da estación 2 (antes dos danos)

Esta falta de homoxeneidade na distribución espacial da arte rupestre cremos que se debe atribuír á falta de estudos sistemáticos e continuados neste Concello producto, en boa medida, do desleixo por parte das institucións e administracións competentes na conservación e protección do noso patrimonio, pois nestes últimos anos os xornais locais deron conta da descuberta de máis de trinta novas estacións no Concello da Estrada que a día de hoxe permanecen no esquecemento, pendentes da súa catalogación e inclusión no actual Plan Autonómico da Xunta en fase de exposición pública.

Costa dos Cabalos 2, antes dos danos

A gran maioría destes achados débense ao traballo da Asociación Codeseda Viva e principalmente ao do seu socio máis activo neste eido, Jorge Fernández. Tamén cómpre sinalar as recentes achegas doutro activo colectivo, o Colectivo Capitán Gosende, que nos últimos meses deron a coñecer novos xacementos nesta zona.[3]

Costa dos Cabalos. Estación 1

É o seu labor outra mostra máis da relevancia do papel destes colectivos sociais e afeccionados á arqueoloxía, que xogaron e están a xogar un importante papel para o coñecemento da arte rupestre, a pesar do escaso recoñecemento e axudas que recibimos por parte das diferentes administracións públicas.

A descuberta

Tal e como recolle a nova do xornal Faro de Vigo do pasado 28 de xuño, o petróglifo do Chan de Lamas (así bautizado polo seu descubridor) foi localizado hai só uns días polo estradense Jorge Fernández Guerra, membro da Asociación Codeseda Viva. A descuberta tivo lugar durante os traballos de recoñecemento e supervisión da ruta homologada recentemente polo Sur do Concello e impulsada pola propia asociación, PR-G 197 Codeseda – Rapa das Bestas.[4]

Jorge o descubridor na laxe

O propio Jorge Fernández, co que mantemos amizade e colaboracións permanentes, púxose en contacto co Colectivo A Rula para que puideramos valorar o seu achado. Deste xeito, e só uns días despois, tivemos a fortuna de que varios membros de Codeseda Viva nos guiaran ata o xacemento e nos amosaran o impresionante entorno natural desta serra, nunha xeira ao solpor que quedará na memoria dos membros do Colectivo e entrará na pequena historia que de vagar vai percorrendo A Rula.

Situación

O petróglifo do Chan de Lamas localízase no linde entre as parroquias de Codeseda e Souto, a menos de 200 metros do límite co Concello de Cerdedo – Cotobade (Coordenadas Utm: 29 T 544284 4714682). Trátase dun xacemento inédito que non figura no actual inventario patrimonial do PXOM estradense nin temos constancia da súa presenza no Catálogo do Patrimonio Galego da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Mapa de situación

Os bens catalogados máis próximos serían as dúas mámoas de Pena Redonda na parroquia de Quireza (Cerdedo – Campo Lameiro) a uns 650 metros. Porén, na Pena Cerval, outra das referencias espaciais destes Chans das Lamas, foi localizado outra estación inédita con coviñas situada a uns 500 metros do petróglifo. Tendo en conta os recentes achados, e si consideramos que non se teñen realizado traballos de campo sistemáticos nesta paraxe, é máis que probable a futura aparición de novas estacións.

A Laxe atópase a media altura no Outeiro do Couto das Ladras (689 m.).[5] que domina a extensa chaira coñecida como Chan de Lamas, que da nome ao petróglifo. É unha paisaxe virxe, sen arboreda, azoutada polo vento e só alterada pola actividade e tránsito das greas de cabalos salvaxes que a vindeira fin de semana, e como acontece anualmente, serán conducidos ao curro de Sabucedo onde serán rapados e os novos poldros marcados.

Vista xeral da chaira desde a estación

A laxe situada a 665 metros sobre o nivel do mar lémbranos pola súa localización a outras grandes estacións de arte rupestre con motivos naturalistas que, como neste caso, posúen un amplo dominio visual da súa contorna, zonas de pastos con brañas e mananciais ou pequenos regatos, como o Rego do Souto que nutre de vida a estes chans lamacentos situados ao pé e na redonda deste outeiro.

Descrición da Laxe e gravados do Petróglifo do Chan de Lamas

O petróglifo do Chan de Lamas conta con dous paneis insculturados de diferente factura, tipoloxía e pode que diferente cronoloxía. Están situados nunha gran peneda de 14 m de longo x 11,50 de ancho. Esta laxe inclinada está orientada ó leste con gran dominio visual á chaira da contorna e ó regato do Souto.

Vista xeral do afloramento desde a chaira

Panel 1

Na parte superior da laxe localízase o primeiro panel insculturado con motivos de tipoloxía xeométrica característicos da arte atlántica.

Na parte máis plana e elevada desta gran peneda salienta a presenza dunha combinación circular de 3 aneis e coviña central de 39 cm de diámetro.

Panel 1

Na parte superior da combinación e unida a ela por un pequeno trazo curvo figuran 18 coviñas aliñadas en 3 fileiras independentes que dende un punto central abrense en abano. Unha estraña disposición nun ángulo de 45º que lembra a cornamenta dos grandes cérvidos. Fóra destes aliñamentos aparecen illadas outras 5 coviñas sen orde aparente. Os diametros das coviñas oscilan entre os 4 e 7 cm cunha profundidade variable entre os 1 e 3 cm.

Panel 1. Fotogrametría.

O estado de conservación dos gravados é, en xeral, bastante bo. A combinación circular presenta un suco en “U” duns 2 cm e a súa observación é doada a calquera hora do día. Foi, precisamente, a súa fácil visualización o que permitiu a súa descuberta e a posterior localización do resto dos gravados de ambos paneis.

Panel 2

Locálizase na parte inferior e máis vertical da laxe, que mira ao leste. O panel ten como único motivo representado un gran cuadrúpede de 83 cm de longo (do fuciño á cola) por 40 cm de altura (da pezuña dianteira á testa) situado nunha posición central no panel. Trátase dun deseño elaborado coa técnica habitual de dobre suco sobre un soporte granítico de gran fino e nun panel vertical orientado ao pequeno val do Rego do Souto e os Chans de Lamas.

Panel 2

A pesar de carecer de falo e de gran cornamenta, consideramos que se trata dun cérvido polas súas características estilísticas, concretamente unha femia ou un exemplar novo con cornos aínda pouco desenvoltos.

O deseño do cervo coincide co denonimado “canon do Lérez medio” (Vázquez Rozas, 1997) ou “estilizado curvo” (Santos Estévez, 2008) cun tronco ancho e cuartos traseiros moi esaxerados. As proporcións do tronco, colo e extremidades gardan certa correspondencia coa realidade natural. O tronco é sempre máis ancho que o colo e as extremidades, ó mesmo tempo que os cuartos traseiros son máis voluminosos que os dianteiros. Porén, é a curva ondulante do lomo do animal, a chamada curva “cérvico – dorsal” (Vázquez Rozas), o trazo máis característico destes cuadrúpedes do val do Lérez, esencialmente en Campo Lameiro, Cotobade e Moraña e moi puntual noutras zonas. Comeza cunha curva ampla sobre os cuartos traseiros, baixa cara inflexión suave da base do colo e prolongase en arco ata a cabeza.

Panel 2. Fotogrametría

A diferenza doutros grandes cérvidos coñecidos, o cervo da laxe do Chan de Lamas carece de pormenores anatómicos, agás dous pequenos cornos na cabeza e un pequeno trazo que prolonga a liña dorsal e que puidera representar a orella. Tamén cabe destacar a característica cola deseñada cun simple apéndice curvo precedido dun trazo recto que caracteriza a esta tipoloxía formal dos cérvidos do val do Lérez.

É un deseño en perfil coas extremidades lixeiramente inclinadas cara adiante para potenciar a sensación de movemento que logra coa posición sobreelevada dos cuartos traseiros sobre os dianteiros. O artista tenta plasmar o cervo brincando e ascendendo pola ladeira do outeiro en dirección N-S, cara a esquerda do observador. Ambas extremidades dianteiras e traseiras rematan nunha mesma liña horizontal, se ben os sucos que conforman as patas dianteiras teñen diferente lonxitude e péchase cun pequeno trazo diagonal.

Conservación

O estado dos gravados de ambos paneis é moi bo o que permite a visualización dos diferentes motivos con luz diurna, a excepción de certos trazos como os cornos do cervo. Esta boa percepción facilitará o seu aproveitamento social.

Un petróglifo excepcional

Son moitas as razóns polas que o petróglifo do Chan de Lamas debe ser considerado como un xacemento de moito interese dentro do Grupo Galaico da Arte Rupestre. En primeiro lugar, subliñar que é a primeira gran estación de arte figurativa localizada no Concello da Estrada.

Polo grande porte do cervo debemos incluír esta nova estación no pequeno e selecto grupo de petróglifos con grandes cérvidos, a maioría deles moi coñecidos, como os petróglifos dos Carballos (Campo Lameiro), A Forneiriña (Campo Lameiro), Rotea do Mendo (Campo Lameiro), Campo das Cuñas (Ponte Caldelas), Coto das Sombriñas (Ponte Caldelas), Campo Grande (Porto do Son), Laxe da Sartaña (Porto do Son), Os Mouchos (Rianxo), Laxe dos Cebros (Oia), etc.

Grandes cervos de Campo Lameiro

Como indicabamos, o seu deseño remítenos á tipoloxía das coñecidas estacións do Lérez polo que a nova estación do Chan de Lamas amplía a área de extensión deste grupo de cérvidos estilizados e de gran tamaño ata a bacía do Umia.

Outro aspecto significativo é a presenza de dous paneis tan diferentes nunha mesma laxe. Un primer panel clásico da arte atlántica de tipo xeométrico con combinacións circulares e coviñas (aínda que estas última teñan unha estraña disposición), e outro panel de carácter figurativo, separados entre si só uns metros. Ambos comparten o mesmo afloramento granítico pero a disposición dos gravados, tipoloxía e soportes empregados son totalmente distintos o que nos leva a considerar a idea de diferentes autorías e incluso diferentes momentos cronolóxicos.

Pese a isto non debemos perder de vista o feito de que todos os motivos foron gravados no mesmo afloramento, sen que se observen procesos de solapamento, eliminación ou reinterpretación en ningún dos motivos. De pertenceren a momentos cronolóxicos distintos semella que os motivos máis antigos foron respetados, polo que non semella que teñan perdido o seu significado para a comunidade que grava os novos. Así  o “novo motivo” complementa ou completa o significado dos anteriores.

Chan da Carballeira. Calco de Antonio de la Peña Santos

Outra das características máis chamativas deste segundo panel é o feito de que posúa un gran cervo como único motivo, cando o normal noutras estacións coñecidas é que estes grandes cuadrúpedes aparezan representandos ao carón de outros zoomorfos de menores dimensións.

Tamén salienta o feito de que sexa un gran cervo con pequena cornamenta cando estes cuadrúpedes adoitan ser grandes cervos machos que posúen espectaculares e irreais cornamentas e un excesivo falo. Neste caso a vella interpretación dos investigadores clásicos de asociar as figuras destes grandes cérvidos adultos machos cunha representación metafórica e alegórica do universo masculino e das grandes castes de guerreiros non se cumpliría. Tampouco se trata dun animal cazado, habitual nos grandes cérvidos representados noutras laxes, e polo tanto non estariamos diante dunha escena de caza.

Localización da estación

Porén, quizais o aspecto máis interesante sexa a súa localización a grande altitude, a nada menos que 665 m.s.n.m. Aínda que figura nun emplazamento e disposición semellante a outras estacións de grandes cuadrúpedes é probablemente o cérvido de gran tamaño situado a maior altitude de todos os coñecidos. Un feito que racha coas teorías tradicionais e implica a revisión e estudo das chairas e brañas altas nas que normalmente non contabamos con localizar este tipo de representacións naturalistas. Estacións analizadas previamente como casos illados, por exemplo o petróglifo da Chan da Carballeira en Morillas (526 m), deberán ser reconsideradas coa localización de novos cérvidos de gran porte a gran altura nos últimos anos como o petróglifo da Pedra Follada no Barbanza (505 m) e a citada do Chan das Lamas (665 m).

Parecidos razoables

Como sinalamos o deseño estilístico do cervo remítenos ós petróglifos da bacía do Lérez e, como referimos anteriormente, principalmente os petróglifos dos Concellos de Cerdedo – Cotobade, Campo Lameiro e Moraña. Imos citar a modo de exemplo algúns deles.

Ardegán IV. Calco de Antonio de la Peña Santos

No Concello de Moraña destaca a estación IV do Monte Ardegán en San Martiño de Gargantáns, un clásico do noso repertorio que merecía maior atención e coidado. No panel principal deste petróglifo destacan tres cérvidos aliñados e orientados no mesmo sentido, de esquerda a dereita, quizáis representando as liñas de tránsito na paisaxe. Estes cervos, aínda que de menores dimensións, presentan grandes semellanzas formais co gran cuadrúpede da Estrada, con corpos estilizados, a característica curva dorsal, os cuartos traseiros sobredimensionados, a pequena cola e mesmo os seus pequenos cornos.

Ardegán. Panel IV.

No concello de Campo Lameiro podemos sinalar varias estacións, mais cómpre referirnos pola súa similitude formal e tamén pola súa situación a gran altitude á estación 2 da paraxe do Chan da Carballeira en Morillas. Aínda que menos coñecida que a estación 1 (a estación da escena de monta), nesta segunda estación figura un panel con tres cérvidos a diferente altura e tamén orientados de esquerda a dereita. Todos posúen características semellantes pero o cervo central conta cunhas dimensións e formas case idénticas ó cervo do Petróglifo do Chan das Lamas. A diferencia principal é que neste caso sí conta cunha gran cornamenta.

Chan da Carballeira. Imaxe e fotogrametría

Tamén neste concello de Campo Lameiro débese destacar o gran cervo das Pedreiras na parroquia de Paredes, ó Sul dos límites do PAAR, aínda que fora do itinerario visitable. As súas dimensións son case idénticas (85 cm de longo) e tamén figura como o único zoomorfo no panel. A forma voluminosa dos cuartos traseiros, con ese pequeno trazo recto antes da pequena cola, e a disposición adiantada das extremidades, coincide coa figura do Chan das Lamas aínda que neste caso volve a representarse un gran cervo macho lanzado.

Petróglifo das Pedreiras – Paredes

Unha factura tamén moi similar (quizais da mesma autoría) ao cervo da estación da Pedra Furada que sí figura no circuito da área arqueolóxica. Descoñecemos as causas polas que esta excepcional estación descuberta hai só uns anos carece das mesmas medidas de protección que o resto das estacións situadas na área visitable.

Petróglifo das Pedreiras. Fotogrametría

Interpretación

Desafortunadamente descoñecemos o significado real deste grande cérvido, máis consideramos evidente a súa interpretación en relación coa paisaxe da súa contorna e coas actividades das comunidades que o gravaron. O Chan de Lamas foi e segue sendo un espazo acaído para o tránsito natural e o agrupamento dos animais salvaxes, unha chaira ampla con mananciais e pasteiros fértiles idóneos para a cría dos animais. Sería lóxico que estes animais se concentraran nestas chairas altas. Podemos, por tanto, interpretar o gravado como un fito delimitador desta zona onde tería lugar o seguimento, caza ou agrupamento dos animais salvaxes.

Chan de Lamas desde o petróglifo da Pena do Cerval.

O arqueólogo M. Santos Estévez (2014), nun artigo que versa sobre a posible asociación entre os curros e os petróglifos, considera que nestas brañas superiores tería lugar o primeiro agrupamento das greas de cabalos salvaxes antes da súa condución cara unha segunda zona de brañas nunha cota inferior onde se separarían os machos antes de ser conducidos ós curros.

Chan de Lamas. Panel 1

A súa teoría apoiase na presenza de numerosos e relevantes petróglifos preto de diferentes curros tradicionais en distintas zonas do territorio galego. Neste sentido, o novo petróglifo do Chan de Lamas e o petróglifo da Pedra Follada no Barbanza, con características parellas en relación ao seu emprazamento e ambos en zonas de tradición de curros, avaliarían a súa hipótese.

Porén, é evidente que a principal diferenza entre os petróglifos e os curros son os animais que protagonizan as escenas. Neste sentido argumenta a posible substitución do cervo polo cabalo, “animais de gran afinidade semántica” un feito que segundo o autor caracteriza “ás artes plásticas da Idade do Ferro Europeo”. Ó respecto podemos engadir a curiosa aparición de certos cervos montados en diferentes estacións situados polo territorio galego como o Petróglifo do Río Angueira 2 (Teo), As Martizas (Campo Lameiro) e Nabal do Martiño (Pontecaldelas).

Solpor no Chan de Lamas

Unha teoría interesante, debemos tomala con cautela, e que podemos relacionar coa intensificación das actividades pastorís na transición da Idade do Bronce ó Ferro. Neste sentido, ábrese unha posible liña de investigación futura da probable relación entre os petróglifos do Chan de Lamas e a tradición do Curro de Sabucedo situado a menos de 4 quilómetros.

Agradecementos

O colectivo A Rula quere parabenizar á Asociación Codeseda Viva polo excepcional achado, en especial o seu descubridor Jorge Fernández, e agradecer a confianza depositada na Rula para a realización desta primeira análise do petróglifo do Chan de Lamas que agardemos desperte o interese das administracións públicas competentes e axilice os trámites para a súa catalogación e posterior valorización social.

Notas

[1] Informe realizado ao respecto dos traballos de “Inventario, catalogación e proposta de delimitación planimétrica dos petroglifos inéditos localizados na comarca de Santiago de Compostela” localizados polo Colectivo A Rula (Nov-Dec. 2016).

[2] Bouza Brey, F. “Grabado rupestre del Castro de Codeseda”. Boletín de la Real Academia Gallega. T. 23, núm. 265 (1942). P. 6-10.

[3] https://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2018/06/30/pedrafita-codeseda-e-petroglifo-quireza/1920486.html

[4] Concretamente polas parroquias de Codeseda, Souto, Ribela e Sabucedo. 

[5] Situado na parroquia de Souto.

Bibliografía.

  • Bouza Brey, F. “Grabado rupestre del Castro de Codeseda”. Boletín de la Real Academia Gallega. T. 23, núm. 265 (1942). P. 6-10.
  • Fernández Castro. J.A. “Gravados Rupestres na Estrada: da Idade do Bronce aos nosos días”. Revista Miscelanea, 2011. p. 211-232
  • Santos Estévez, M. “Curros na Idade do Ferro? Unha proposta etnoarqueolóxica”, Revista Fol de Veneno, 2014, p 135-145
  • Vázquez Varela, J.M. “A domesticación dende unha perspectiva etnoarqueolóxica: os cabalos de monte do curro de Sabucedo”. Revista Gallaecia núm. 25, 2005. USC. p. 445-455
  • Vila, M. C. et al. “Inventario, catalogación e proposta de delimitación planimétrica dos petróglifos inéditos na comarca de Compostela”. Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.Nov-Dec. 2016.
  • Catálogo de Bens Arqueolóxicos do PXOM da Estrada, Xullo 2013 (Visier Arquitectos, S.L.P.)

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.