O sartego medieval de Santa Mariña de Ameixenda


Na igrexa parroquial de Santa Mariña de Ameixenda, no lugar do Vilar, consérvase un interesante sartego antropomorfo monolítico de tradición xermánica. Atópase pegado ó muro norte da igrexa diante da sancristía, levantada no ano 1697, que alterou a primitiva fábrica románica do templo.

Pormenor do canzorro románico con representación dun onanista

A pesares das importantes reformas levadas a cabo en tempos do barroco, a igrexa mantén algúns vestixios da súa orixe románica. Elementos como os capiteis con decoración vexetal do arco triunfal ou os catro canzorros conservados no aleiro do tellado do muro norte, que na actualidade quedaron no interior da sancristía. Son canzorros con motivos xeométricos e historiados nos que salienta a presenza dun lector e dun onanista.

Canzorros románicos

O sartego, localizado durante as obras de remodelación do adro da igrexa e recolocado na súa posición actual, mide 2 m de lonxitude, 63 cm de ancho na cabeza por 36 cm ós pés e 40 cm de altura. Fica pousado sobre unha pequena base de cemento e pedra duns 10 cm.

Sartego

Seguindo as indicacións do párroco e coa axuda do cronista de Ames, don Maximino Viaño García, localizamos tamén a tampa do sartego (a lauda) preto dunha casa do lugar de Cortegada da mesma parroquia. Foi tamén descuberta nas obras de reforma do muro do adro e fora empregada como material de construción. Como xeito de protexela das obras, un dos obreiros que participaba nestes traballos trasladouna, coa autorización do párroco, á súa localización actual. Atópase chantada na terra en posición vertical á beira da estrada que comunica o lugar de Cortegada coa igrexa parroquial situada a uns 1500 m (UTM: 29 T 530760 4751691).

Maximino Viaño xunto a lauda

Acostuma pasar desapercibida, pois fica media agochada sustentando un poste de cemento que a tapa case por completo se a ollamos dende a estrada. Isto fai que só uns poucos veciños e veciñas sexan coñecedores da súa existencia. Ademais, esta peza tampouco figura no rexistro de bens catalogados polo Concello nin pola Dirección Xeral de Patrimonio.

A lauda na súa localización actual

A lauda mide 123 cm de longo aínda que pensamos que contará cando menos cuns 80 cm máis que permanecen debaixo da terra. Posúe 68 m de ancho e 21 cm de fondo. Nunha das súas cara presenta a habitual decoración de estola, termo acuñado polo Pai Sarmiento en 1745 pola semellanza coas “estolas” habituais nas vestimentas relixiosas dos diáconos. É dicir, unha tapa labrada a catro vertentes coas arestas resaltadas e cunha franxa lonxitudinal que percorre a maior parte da superficie central da peza, dividíndose en dous nos extremos para representar os brazos e as pernas (aínda que só puidemos observar a parte superior, a inferior segue soterrada). Trátase dunha decoración cunha forte carga simbólica que podería representar ó morto en actitude orante.

Reconstitución fotogramétrica

Como é habitual neste tipo de laudas, non figura epitafio ou calquera outra inscrición relacionado co falecido, se cadra para evitar as profanacións das tumbas na procura de posibles enxovais funerarios dos defuntos máis relevantes.

A decoración complétase cunha pequena acanaladura duns 2 cm de ancho situada a 5 cm do bordo que percorre toda a peza. O último elemento decorativo é unha pequena cruz grega de 21 x 23 cm con coviña central, situada na parte superior e central da lauda entre os “brazos” da estola. Unha cruz que pensamos que puido ser gravada con posterioridade á elaboración da tampa en tempos máis recentes. A pátina dos sucos realizados cun fino cicel e o seu estado de conservación lévanos a sospeitar que este motivo non sexa tan antigo como a lauda.

Reconstitución fotogramétrica

Como vimos a tampa é máis ancha que a caixa de inhumación. Como sinalan algúns investigadores é posible que o sartego ficara na terra sobresaíndo só uns centímetros e a tampa, de maiores dimensións, actuara como vertedoiro de augas. A cuberta estaría selada sobre o bordo do sartego con argamasa.

Arco triunfal da igrexa

Non é doado precisar a súa cronoloxía pois este tipo de sartegos tiveron unha larga tradición no noso país, cunha secuencia temporal que comprende dende a Alta Idade Media ata o século XI. Unha das súas características principais é que só atopamos este tipo de sartegos no ámbito territorial da antiga “Gallaecia”. A súa localización espacial e temporal levou a moitos investigadores a consideralas como “suevas”.

Capiteis románicos con decoración vexetal do arco triunfal da igrexa

Porén, a súa interpretación actual relacionaos fundamentalmente co avance do cristianismo e a relevancia das antigas sedes episcopais e a súa rede viaria que conectaba estes enclaves relixiosos coas igrexas da súa contorna. A súa presenza neste lugar testemuña a antigüidade da primitiva igrexa parroquial de Ameixenda. Son estes sartegos moi frecuentes en necrópoles medievais tan importantes coma a da Catedral de Compostela ou Iria Flavia pero tamén localizados en pequenas igrexas da bisbarra compostelá como Santa Eulalia de Bando, San Cristovo de Enfesta e Santa María de Laraño en Compostela, ou nas igrexas de Santo Tomás de Vilariño ou San Miguel de Rarís en Teo.

De conversa con Maximino Viaño, Cronista Oficial de Ames

Dende o Colectivo A Rula solicitamos ás administracións competentes na xestión do noso patrimonio cultural a súa urxente catalogación como medio inicial para garantir a súa conservación. Sería tamén necesario estudar un novo emprazamento para esta peza e a súa axeitada valorización conxuntamente coa parte inferior do sartego.

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.