O Petróglifo das Forcadas en Corme, o valor da vontade


Unha vez máis achegámonos á Costa da Morte, á península de Corme, cultivando un saudable hábito que, para o Colectivo, estase a converter nun frutífero costume. Acudimos ao novo convite do concelleiro de Educación e Patrimonio do Concello de Ponteceso, Carlos Penedo. Visita que conta tamén, non podía ser doutro xeito, coa inestimable participación do inquedo Suso Lista.

Grazas ás vontades de Carlos e Suso logrouse artellar nos últimos anos un labor de divulgación e protección do patrimonio cormelán que ten xerado importantes logros, malia ás sempre presentes limitacións materiais e económicas. Boa mostra disto son os labores de limpeza e mantemento dos accesos e do contorno dos petróglifos da Fieiteira, Regadiña e do Petón da Campaíña realizadas periodicamente pola concellaría que dirixe Carlos, co obxectivo de garantir a boa conservación destes bens culturais. Asemade mellorou a súa accesibilidade co deseño, sinalización e difusión dunha ruta polos petróglifos de Corme, facilitando á veciñanza e cidadanía en xeral o seu desfrute, converténdoos nun recurso educativo, cultural e lúdico de gran valor e un elemento imprescindible para a comprensión da nosa prehistoria e a conformación da nosa identidade colectiva.

Panel 2. Pormenor

Estas accións complementanse con actividades encamiñadas a achegar á veciñanza estas mostras da arte rupestre cormelán, como a multitude de visitas organizadas por Suso en calquera momento do ano e abertas á participación de calquera persoa que teña interese.  Un bo xeito de continuar o traballo realizado coas xeiras nocturnas organizadas polo Concello e nas que tivemos a oportunidade de colaborar nestas tres últimas edicións.

Petróglifo das Forcadas. Vista cenital

Todos estes esforzos e outros moitos teñen servido para difundir o importante valor social, cultural e educativo destes petróglifos e para aumentar a apreciación polo seu patrimonio por parte dos habitantes de Ponteceso e os seus visitantes. Os resultados obtidos, nuns poucos anos por tan só estas dúas vontades, faise evidente e énchenos de optimismo animándonos a seguir no noso labor asociativo.

Quede aquí o noso agradecemento polo labor feito e por ternos permitido formar parte destes proxectos.

Congostra de acceso ao petróglifo

O petróglifo das Forcadas

Nesta ocasión, o noso primeiro destino, unha vez chegamos a Corme foi a estación rupestre localizada por Suso Lista que divulgou polas redes sociais o pasado 22 de marzo, e que el mesmo bautizou como petróglifo das Forcadas.

Mapa de situación dos principais petróglifos de Corme

Localízase no lugar das Forcadas, ao remate dos terreos máis pronunciados do Meixueiro (92 m),  (coordenadas UTM 29T 503922 4790990. Altitude 65 msnm. Datum WGS 84) polo que ten unha posición predominante sobre a súa contorna inmediata, os núcleos de Corme Porto e Corme Aldea, a pesar da pouca altitude na que se localiza.

Trátase dun afloramento granítico de boas dimensións que ocupa aproximadamente 10 m2 de superficie moi irregular e pouco destacada sobre o terreo. Presenta una boa cantidade de pías naturais producidas por procesos de meteorizacións químicas e físicas que co tempo produciron formas moi complexas e  plásticas, á imaxe da estación próxima da Fieiteira, a tan só 600 metros de distancia.

Petróglifo das Forcadas. Pía natural

Dada a irregularidade da superficie dividimos a estación en catro paneis para facilitar a súa descrición. Unha vez máis, debemos sinalar que a nosa descrición debe entenderse como provisional xa que boa parte do afloramento se encontra cuberto por terra e vexetación polo que estamos seguros que a súa limpeza  proporcionará a posibilidade de obter unha descrición máis completa con posibles novos motivos.

Panel 1. Nunha estreita laxe apenas destacada sobre o terreo consérvanse nunha superficie bastante regular un bo número de coviñas (16), un círculo con coviña central, así como outros sucos que poderían conformar outros deseños agora case irrecoñecibles  debida á erosión sufrida.

Panel 1
Panel 1. Reconstrución fotogramétrica

Panel 2. É a superficie de maiores dimensións do afloramento e a que máis motivos conserva. Comezamos a descrición desde o extremo oeste. Nesta zona o afloramento presenta a superficie máis elevada e cunha forma lixeiramente convexa que cae cara o norte. Presenta un conxunto de pías naturais encadeadas.

Panel 2, sección oeste

Os motivos conservados presentan unha forte erosión, o que fai moi difícil a súa visualización. O motivo principal é unha combinación circular conformada por dous círculos concéntricos e unha coviña central. Desta parte un suco de saída cara o norte que se completa con outras liñas conformando un rectángulo incompleto. Ó oeste desta combinación apreciamos outra posible combinación moi erosionada.

Panel 2. Sección oeste. Combinación circular e rectángulo

Esta sección sepárase por diáclases da zona leste que presenta una superficie máis horizontal e regular. Nela consérvanse unha serie de motivos que poñen esta estación en relación directa coas estacións da Fieiteira e a Regadiña, os escaleriformes (de ata 46 cm de largo), os cruciformes e os círculos simples con cruces inscritas.

Panel 2. Sector leste. recostrución fotogramétrica

Os cruciformes (de ata 32 cm de largo) presentan unha forma característica que recorda ao dunha forcada polo que podería deducirse que estamos ante a causa deste microtopónimo, As Forcadas, aplicado a toda esta paraxe.  Outros cruciformes presentan deseños máis complexos. Compleméntase este panel con coviñas (de ata 9 cm de diámetro), e círculos simples con cruz inscrita.

Panel 2. Sección leste. Detalle

Panel 3. Ocupa a parte central do afloramento unha laxe a rás de chán e superficie moi regular. Na parte visible deste panel consérvanse dúas cruces con coviña no extremo superior. Complétanse con coviñas illadas.

Panel 3

Panel 4. Localízase no extremo norte do afloramento e presenta a superficie máis irregular configurada por multitude de pías de diversos tamaños.

Panel 4. Vista xeral

Dada a súa forma faise moi difícil determinar que elementos son produto da erosión natural daqueles que son produto do labor antrópico, mais na superficie máis regular e horizontal no extremo norleste identificamos 3 coviñas.

A modo de resumo podemos indicar que se trata dunha estación moi interesante ao conservarse nela motivos típicos do grupo Galego de Arte Rupestre Prehistórica, por exemplo  a combinación de aneis concéntricos, xunto con otros máis atípicos pero común a outras estacións do promontorio de Corme, os escaleiriformes, cruciformes e círculos con cruces inscritas.

Ademais, se analizamos os sucos destes motivos podemos observar diferenzas evidentes entre o suco moi erosionado e sección en U moi aberta da combinación circular e os sucos menos erosionados dos escaleriformes, así como os sucos con sección en V dalgúns dos cruciformes. Isto podería indicar que foron elaborados con distintas técnicas, o que tamén podería estar a indicar unha feitura diacrónica entre eles.

Mapa cos límites parroquiais e a localización dos petróglifos

Outro elemento de interese que comparte coa estación da Fieiteira é que a situación de ambas coincide co límite entre as parroquias de Corme Porto e Corme Aldea.

Por último queremos indicar o erro existente na localización no visor do Plan Básico Autonómico da estación da Fieiteira. Esperamos que os recentes traballos de revisión do catálogo patrimonial promovido pola Dirección Xeral de Patrimonio sirva para correxir este e outros erros semellantes.

Panel 4. Coviñas

Unha inscrición con misterio

A seguinte parada sinalada no noso itinerario cormelán levounos ata a sinxela Capela de San Xosé e San Francisco. Trátase dunha pequena edificación relixiosa de carácter rural localizada no centro de Corme Aldea.

Poucos datos contrastables puidemos atopar sobre este templo. En distintos lugares de internet a describen como una capela barroca de tipoloxía rural, levantada no século XVII. As fontes consultadas sinalan que no interior se conserva o arco triunfal de orixe románica, mais nesta ocasión non puidemos acceder. Tamén se indica que conserva anacos dos muros románicos orixinais e dúas inscricións, unha delas supostamente do século VII (aínda que sospeitabamos que fora datada erroneamente). A capela formaría parte dun conxunto coa casa reitoral, agora en ruínas.

Ocupámonos nesta ocasión de dar luz á inscrición que nos amosou Suso Lista e da que achegamos a seguinte proposta de transcrición:

“OMNES MORIMUR IN DOMINO

TANQUAN AQUA DECURRENS PER

SUU CURSU MERGIBUS

ANNO A NOSTRUM DOMINI M

DCLXXXVI IESU KRISTO REGNANTE”

Reconstrucción fotogramétrica da inscrición

Trátase dun pensamento de carácter transcendente sobre a morte, de non doada tradución, que podería interpretarse, salvo mellor criterio como:

Todos morremos (corremos cara, imos, acabamos) no Señor, como levados (mergullados) na auga que flúe polo seu cauce. No ano do Noso Señor de 1686. Xesús Cristo Reinante“.

A transcrición complicouse por mor da erosión e, posiblemente, dunha limpeza agresiva e inadecuada que dificulta a lectura de varias grafías que se atopan moi esvaecidas. Sen os modelos fotogramétricos realizados dificilmente poderíamos facilitarvos a súa transcrición.

Queremos agradecer o esforzo realizado na transcrición e tradución por parte de Juan Andrés Fernández, que novamamente demostrou a súa mestría neste eido e a súa habilidade á hora de facilitarnos a lectura destas vellas inscricións epigráficas. Grazas tamén ás xestións realizadas por Jorge Fernández.

Segundo o citado investigador, esta inscrición de eminente carácter funerario, é posible que “formase parte da parede ou entrada dun camposanto, e, ó tempo de construción da capela se reutilizase nesta”.

Illa da Estrela dende a Praia da Ermida

Un capitel á deriva

Xa co sol rematando o seu camiñar diario chegamos á Praia da Ermida. Este fermoso paraxe natural sitúase fronte o centro urbano de Corme-Porto, ao surleste deste. Conforma unha pequena enseada, cunha praia metade área, metade coídos,  separada da veciña praia de Osmo ao norte pola Punta da Furna e que remata ao sur na Punta Sapeira e o coído que a une, en marea baixa, coa lendaria Illa da Estrela.

Véñennos á mente moitas razóns polas que visitar esta paraxe, mais nesta ocasión o obxecto do noso interese localizábase ao sur da praia. Entre os milleiros de pedras graníticas de tamaños e formas diversas destacaba unha pola súa forma regular, outra descuberta de Suso, un capitel granítico de boas dimensións que formaría parte dunha pilastra cunha columna acaroada. Presenta decoracións vexetais simples (follas lisas de grandes dimensións) nas tres caras esculpidas e na base conserva un colariño semicircular.

Capitel na praia da Estrela

A simplicidade do deseño complica o facer unha proposta cronolóxica. Deixamos aquí a teoría de Suso pola que “este capitel procedería da vella capela da Illa da Estrela e chegou á praia cando caeu do carro que o trasladaba a terra xunto a outras pedras do desmantelado templo“.

Na Illa da Estrela están catalogados un castro e as ruínas da ermida que lle da nome. Recolle M. Saralegui no 1918 na súa obra “Los monumentos megalíticos en España” a seguinte lenda:

“Alí pola Illa da Estrela e pola Praia vivían unhas xentes que tiñan un rei e un día viñeron os mouros e destruiron a súa ciudá, botándolle pedras dende o monte de enriba.”

Illa da Estrela, vista cenital

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.