O alquerque do Monte Meán


Unha vez máis o Colectivo a Rula achegouse ó Concello de Muros para visitar un novo xacemento inédito convocado por Domingo Rama. O noso amigo e colaborador volveu a sorprendernos co achado dun interesante gravado situado no Monte Meán[1]. Infatigable camiñante dos montes e vellos sendeiros da parroquia de Louro, sempre na compaña da súa cadela Moura, localizou o pasado mes de marzo este singular taboleiro de xogo.

 A laxe atópase a media ladeira dun outeiro granítico no chamado Monte Meán a só uns centos de metros da coñecida Laxe das Rodas e do petróglifo das Pedragueiras que o noso Colectivo deu a coñecer hai uns meses seguindo as indicacións do propio Domingo e outros veciños da parroquia.

Deseño xeral dos alquerques e colocación fichas

 O monte sufriu no mes de agosto do pasado ano un importante incendio, feito que facilitou ó noso amigo localizar o gravado, xa que a mesta vexetación dificultaba ata entón o acceso á zona.

 O gravado, moi ben conservado e de doada visualización, fica na parte central e máis chá dunha laxe de formas irregulares e lixeira pendente duns 3,70 m (orientación SO-NE) por 4,03 m (cara o NE-SO). O motivo do alquerque mide 35 x 35 cm. e componse de tres formas cadradas concéntricas que se unen entre si por liñas rectas as cales se cruzan na zona central nos catro lados con outras liñas verticais que parten do cadrado interior, estando a parte central mais rebaixada que a exterior. A anchura dos sucos oscila entre os 2 e 3 cm. Os sucos malia presentar unha evidente erosión conservan o seu perfil en V sen que se poidan apreciar arestas vivas

Alquerque Mean-3

 Este deseño xeométrico coñecido como alquerque de nove, “xogo do muíño”, “xogo do triplo recinto” ou “xogo da danza dos nove homes” é un xogo de estratexia para dous xogadores moi popular na Idade Media[2] e antecedente do actual xogo das damas. Mesmo Alfonso X O Sabio menciona o alquerque e as súas tres variantes (alquerque de tres, de nove e de doce) na súa obra “O libro dos xogos”.

Malia que en Galiza case todos os motivos coñecidos ata o momento adscríbense á Idade Media, na Península Ibérica existen exemplos máis antigos vinculados a xacementos romanos, como os de Conimbriga en Portugal ou os de Penadominga en Bendilló, Quiroga, Lugo e Santa María Do Castro de Petín na Rúa, O Barco de Valdeorras, Ourense, en Galicia.

alquerque_ilustración del siglo XIIII en el libro de los juegos de alfonso X_pablo
O alquerque de IX no libro dos xogos de Alfonso X o Sabio. Século XIII

 Segundo os nosos datos o Alquerque do Monte Meán sería o primeiro gravado desta tipoloxía en todo o Concello e na comarca. Non obstante, na península ibérica e no noso país existen numerosos gravados desta mesma tipoloxía, aínda que xeralmente asociados ás grandes edificacións relixiosas medievais (hai alquerques de IX na catedral de Ourense e Tui, nas igrexas de Gomariz, San Xurxo de Touza, San Salvador de Poio,  etc.) ou ben ós castelos e atalaias medievais (Castelo da Rocha de Santiago, Monte Lobeira en Vilanova de Arousa, Raíña Loba no Concello dos Blancos, etc).

Tamén relacionado cun antiga atalaia medieval debemos mencionar o pequeno alquerque de nove do chamado Castelo de Esteiro ou da Laxe no Concello de Outes pero preto do linde con Muros. Este xacemento figura catalogado no PXOM de Outes, sendo o alquerque ó ar libre máis próximo ó do Monte Meán.

Os arqueólogos F. J. Costas Goberna e J. M. Hidalgo Cuñarro levan anos estudando e catalogando estes antigos taboleiros contabilizando máis de 60 en Galiza. J. M. Hidalgo Cuñarro recompila esta información  no seu interesante blog “juegos de tableros romanos y medievales”.

Alquerque Mean-2

 Pero quizais o feito máis singular do gravado do Monte Meán é que semella que nada teña que ver con estas antigas institucións do Medioevo. A nosa hipótese é que posiblemente o gravado estea relacionado coa actividade pastoril. A súa localización nunha zona de gran dominio visual a media ladeira, preto de mananciais de auga e antigas parcelas de prados que conservan aínda os vellos muros lindeiros de pedra, fainos pensar que os autores do gravado se dedicaran a estes labores e pasaran as horas neste lugar xogando mentres vixiaban o gando. Gravados ó ar libre moi semellantes figuran noutras zonas de Galicia, como os alquerques da Portela (Burgueira) ou As Cerradiñas (Mougás) no Concello de Oia.

 Por último é oportuno sinalar que na propia parroquia de Louro existen catalogados outros petróglifos de cronoloxía medieval como as estacións de Sistamares II (Laxe das Cruces) ou o Abrigo das Cruces con interesantes gravados de cruciformes. Na actualidade non é doado a súa visita pois fican esquecidos entre a vexetación que os agocha como consecuencia do desleixo das administracións.

Laxe das Cruces - Sistamares II
Laxe das Cruces – Sistamares II

[1]Coordenadas UTM: 29 T 493205 4735437 (Datum wgs 84)

[2]As súas orixes remóntase no tempo, é coñecido en Exipto, Troia, Grecia e no Imperio Romano onde foi un dos pasamentos preferidos dos lexionarios.

Pra saber mais:

  •  COSTAS GOBERNA, F. J. e FERNÁNDEZ PINTOS, X. 1985/86: Diseños cuadrángulares a modo de tableros de juego en los petroglifos del N.W. de la Península Ibérica. Revista Pontevedra Arqueológica del “Grupo de Arqueoloxía Alfredo García Alén”, Pontevedra, tomo II, pp. 257-271.
  • COSTAS GOBERNA, F. J. e HIDALGO CUÑARRO, J. M. 1997: Los juegos de tablero en Galicia. Aproximación a los juegos sobre tableros en piedra desde la antigüedad clásica hasta el medievo. Artes Gráficas Vicus, S.L. Vigo. 62 p.
  • COSTAS GOBERNA, F. J. 2009: “As pedras e os xogos. A orixe dos taboleiros de xogo galegos”. Instituto de Estudios Vigueses. ISBN. 978-84-89599-42-0.

2 pensamentos sobre “O alquerque do Monte Meán

  1. Graciñas pola vosa funcion divulgativa,gracias a vos descubrin pozo ventura o poñelo en wikiloc,Seria de agradecer que puxerades localizacion gps ou wikiloc a futuros petroglifos para facerlle unha visita e facer senderismo. Somos un amateurs apaixados dos petroglifos graciñas un saudo.

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.